Baixada da recría de raza frisoa e suba dos cruces industriais en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes unha baixada nos becerros frisóns de recría mentres os cruces industriais subiron. Houbo baixadas nos becerros carniceiros e subas no vacún maior. O porco cebado baixa esta semana e mantéñense sen cambios os leitóns, ovos e o coello

Campo Galego 15/10/2019 9:03 p.m.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou na sesión deste martes unha baixada dos prezos dos becerros de recría de raza frisoa mentres que os cruces industriais subiron. Nos tenreiros carniceiros a tendencia foi á baixa e no vacún maior houbo un incremento dos prezos. Nas mesas de cotización decidiuse unha baixada do porco cebado, mentres os leitóns e os ovos se manteñen sen cambios.

No referido ó gando de recría, nos becerros frisóns rexistrouse unha baixada dos prezos en tódalas categorías. Nos animais de menos de 20 días o prezo situouse nos 64 euros de media, 11 menos que a semana pasada. Nos becerros de entre 20 e 50 días a baixada foi de 8 euros quedando nos 85 euros. Os animais de máis idade, os de máis de 50 días, rexistraron a baixada máis significativa, cunha redución de 33 euros ata os 81 euros, un prezo máis baixo do de becerros da categoría inferior.

Nesta feira, a recría de cruces industriais rexistrou subas en tódalas seccións. Nos becerros máis novos, de menos de 20 días, incrementouse 1 euro o prezo con respecto á semana pasada e sitúase nos 277 euros. Os animais de entre 20 e 50 días cotizáronse a 317 euros, 6 euros máis e nos becerros de máis de 50 días a suba foi de 70 euros ata acadar os 458 euros de media.

Nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa e no caso dos frisóns, a baixada foi de 7 euros quedando nos 542 euros. Nos animais de cruces industriais, os machos situáronse en 817 euros, 1 euro menos que na feira anterior, e as femias acadaron os 743 euros de media, 15 euros por debaixo do marcado hai unha semana.

No gando vacún houbo unha tendencia á alza. No caso das vacas de primeira a suba foi de 1 euro, ata os 1.080 euros e nas vacas de segunda categoría o prezo incrementouse en 24 euros para acadar os 725 euros. Mentres, nas vacas de desvelle houbo unha baixada de 30 euros para situarse nos 415 euros de media.

Baixada no porcino

Nesta xornada, as mesas de cotizacións do porcino acordaron unha nova baixada do porco cebado que foi, ó igual que nas semanas pasadas, dos 0,01 ós 0,013 euros por quilo, dependendo da categoría. No caso do porco cebado selecto e normal a baixada foi de 0,01 euros e o prezo quedou en 1,465 e 1,440 euros o quilo respectivamente. A categoría de Canle II foi a que rexistrou unha maior baixada, de 0,013 euros e pasa a cotizarse a 1,870 euros o quilo. Nos animais de desvelle mantívose o prezo entre os 0,73 e os 0,79 euros.

Nos leitóns non houbo variacións esta semana. O bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa mantense en 58 euros e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 53 euros. O prezo por quilo é de 2,9 e 2,65 euros respectivamente.

Os ovos mantivéronse sen cambios nesta xornada. Así, a ducia da categoría XL quedou nos 1,43 euros; a da L págase a 1,27 euros, a M e a S cotizaron a 1,13 e 0,92 euros a ducia, respectivamente.Tampouco houbo variacións esta semana no prezo da galiña de desvelle, que continúa nun intervalo de 0,08 e 0,16 euros o quilo.

E no relativo ó coello, a Lonxa de Madrid mantivo o prezo en 2,30 euros o quilo.

Etiquetado
Ir a la portada