Axudas

Axudas para investimentos en tecnoloxías forestais

A Axencia Galega da Industria Forestal convoca unha liña de subvencións para apoiar o aproveitamento e transformación de madeira e outros produtos do monte

Campo Galego 27/04/2018 1:09 p.m.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para investimentos en tecnoloxías forestais por parte de microempresas e pequenas e medianas empresas. Os apoios, con cargo á Axencia Galega da Industria Forestal, serán dun total de 8,1 millóns de euros nos anos 2018 e 2019. Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 40% dos gastos, cun máximo de 150.000 euros por solicitante. O prazo de solicitude remata o 28 de maio.

As axudas poderán financiar os seguintes investimentos:

- Bens de equipo e instalacións en empresas de recollida, manexo e comercialización de produtos forestais non madeireiros e non alimentarios (biomasa e outros). No caso dos produtos forestais alimentarios (castañas, cogomelos), só se apoirán investimentos de recollida e manexo en monte.

- Maquinaria específica que permita un aproveitamento comercial da biomasa forestal: asteladoras, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa.

- Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa.

- Procesadoras, autocargadores, arrastradores forestais e outros equipos de corta ou saca de madeira.

- Equipos tractocargadores completos e implementos forestais destes.

- Rozadoras.

- Instrumentos de medición de masas forestais.

- Maquinaria e instalacións para procesamento de biomasa forestal para producir enerxía.

- Maquinaria e instalacións de primeira transformación de madeira.

Non se subvencionará a compra de maquinaria usada nin a simple sustitución de equipos. Neste sentido, non se considera simple sustitución cando o novo investimento acade un aumento de produción ou potencia de alomenos un 25%. En calquera caso, só se subvencionará o diferencial de custo entre o novo equipamento e o que vai ser sustituído.

Esta é a primeira convocatoria de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal, pois ata o pasado ano a convocatoria dos apoios ás empresas forestais correspondía á Consellería do Medio Rural.

Etiquetado
Ir a la portada