Axudas

Axudas para emprego e incorporación de socios en cooperativas e sociedades laborais

Campo Galego 13/01/2020 6:18 p.m.

A Consellería de Economía convoca axudas para o fomento do emprego e da incorporación de persoas socias en cooperativas e sociedades laborais, por medio do programa Aprol Economía Social. O programa conta con dúas liñas, unha a de fomento do emprego e outra de fomento de acceso á condición de persoa socia.

Na liña de fomento do emprego, as persoas beneficiarias deben ser desempregadas ou ter un contrato de traballo temporal na cooperativa ou sociedade.

A incorporación deberá supoñer incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras ou de traballo da cooperativa ou sociedade laboral beneficiaria da subvención, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias por quen se percibe a subvención.

Para os efectos do incremento do emprego, non se terán en conta os traballadores e traballadoras temporais, nin as persoas socias en situación de proba.

Por cada persoa que se incorpore con carácter indefinido e a xornada completa, a subvención ascenderá a 6.000 € con carácter xeral. Incrementándose en determinados casos segundo as porcentaxes que se sinalan a continuación, que son acumulables entre si: muller (25%), con discapacidade ou en risco de exclusión social (25%), máis de 45 anos (25%), emigrante retornada (25%), trans (25%), centro de traballo ubicado no rural (25%) ou cooperativa xuvenil (25%).
O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2020, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Ir a la portada