Viña

Axudas para aumentar a competitividade no sector vitivinícola galego

Esta liña está enfocada á reestruturación dos viñedos galegos, e aplicaranse naquelas superficies que leven a cabo unha reimplantación de viñas, unha mellora das técnicas de xestión, ou unha reconversión varietal. O prazo de presentación de solicitudes arranca mañá e prolongarase durante un mes

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 30/03/2022 5:44 p.m.

A Consellería de Medio Rural publicou a orde pola que se convoca unha liña de axudas para a reestruturación e reconversión da viña en Galicia. O orzamento co que se conta é de 3 millóns de euros para os exercicios de 2022, 2023, 2024. O obxectivo principal é aumentar a competitividade dos produtores vitivinícolas, mellorar os sistemas de produción sustentables, e a pegada ambiental deste sector. O prazo de solicitude iníciase mañá e prolongarase durante un mes.

Así, preténdese diminuír os custos das explotacións e apostar polo seu redimensionamento ao levar a cabo reaxustes estruturais. Tamén se fomenta a adaptación das variedades ás demandas do consumidor, ao tempo que se preservan as viníferas autóctonas galegas, de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación no mercado.

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas viticultoras inscritas no Rexistro Vitícola cuxas viñas se destinen á produción de uva para vinificación, cunha superficie máxima subvencionable de 10 hectáreas por persoa viticultora e ano. Estas achegas aplicaranse ás superficies vitícolas onde se leven a cabo operacións de reimplantación de viñas, reconversión varietal e/ou melloras das técnicas de xestión das viñas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Deste xeito, a través destas achegas aumenta o grao de profesionalización do sector vitícola galego, ao tempo que se potencia a remuda xeracional e un desenvolvemento rural socialmente viable facilitando o acceso ás explotacións de persoas viticultoras mozas, en particular das mulleres viticultoras de Galicia.

Cabe recordar que cada viticultor deberá seleccionar o seu propio calendario de execución, escollendo entre unha execución anual ou bienal. Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata un 80% da axuda aprobada, no caso de que precisen efectuar pagamentos inmediatos dado o investimento proxectado, sempre e cando constitúan unha garantía por un importe cando menos igual ao do pago anticipado.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada