Desenvolvemento rural

Ábrese o prazo para solicitar as axudas da PAC en Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta orde de achegas, que teñen un orzamento de 210 millóns de euros . Deste montante global, uns 170 millóns de euros correspóndense a pagos directos da PAC e 40 millóns de euros das medidas agroambientais de desenvolvemento rural

31/01/2019 11:52 a.m.

O Diario Oficial de Galicia publica este xoves a orde da Consellería do Medio Rural que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, as coñecidas como axudas da PAC.

Os gandeiros e agricultores galegos poderán presentar de forma telemática a solicitude única dende mañá, primeiro día do prazo que permite a normativa, e ata o vindeiro 30 de abril. Así, a Xunta sacou a publicación desta liña de achegas o antes posible para que as persoas interesadas puideran ter coñecemento do seu contido e presentar axeitadamente a súa solicitude.

Para iso, a Consellería do Medio Rural traballa con máis de 50 entidades colaboradoras para prestar apoio ás persoas interesadas nestas achegas, entre as que destacan entidades bancarias, asociacións agrarias, organizacións profesionais e entidades de aconsellamento.

O orzamento previsto para esta convocatoria elévase aos 210 millóns de euros, dos cales 170 millóns de euros correspondentes aos pagamentos directos da PAC e 40 millóns de euros das medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).

Prevese que uns 30.000 agricultores e gandeiros soliciten estas achegas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria e que son de gran interese para o sector primario. Grazas a estas axudas conséguense reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que potencia os agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente (medidas agroambientais).

Podes consultar a orde na seguinte ligazón. 

Máis información: Novidades no 2019 para solicitar as axudas da PAC en Galicia

Etiquetado
Ir a la portada