Segundo o importe provisional para este ano 2023 feito público este luns polo FEGA, as ganderías galegas van percibir 3,63 euros menos por vaca ca este ano, pasando dos 85,16€ do ano 2022, aos 81,53€ da actual campaña, o que representa 8,72 euros menos do importe planificado inicialmente, fixado en 90,25€ por vaca nutriz, cun 10% máis (99,27€) en caso de tratarse de razas autóctonas, importe que queda agora en 89,68€.
O importe planificado inicialmente (90,25€) redúcese até 81,53€ por vaca
Loading ad.Ad could not be loaded.
No caso da axuda asociada á produción láctea, mantense o importe de 157,95€ por vaca leiteira (181,66€ en zonas de montaña) para os primeiros 150 animais e 78,99 (90,83 en zonas de montaña) entre 151 e 725 vacas. Pola súa banda, os gandeiros extensivos de ovino e caprino de carne recibirán 14,46 euros por cabeza e os de leite 12,49€.
Críticas do SLG
"Resulta totalmente imprescindible que o Ministerio faga un urxente exercicio de responsabilidade e proceda á ampliación do orzamento até equiparar as axudas o máximo posible ao previsto. O vacún de carne foi un sector especialmente castigado nestes últimos anos no tocante ás axudas públicas", insiste Ana Rodríguez, economista especializada na PAC do Sindicato Labrego Galego.
"Dende o SLG instamos ao Ministerio a ampliar orzamento até subsanar estas situacións, xa de por si incongruentes habida conta da responsabilidade que ten como Administración pública de establecer políticas dirixidas a garantir que se produzan alimentos a nivel de todo o Estado, canto máis se temos en conta a alza de custos de produción e os problemas derivados do quecemento global aos que se están a enfrontar as labregas e labregos", asegura.
Unha marxe de erro de até un 28% evidencia eivas nos cálculos e pon en risco a situación económica das granxas
Desde o SLG insisten en que a redución das axudas pon en risco a continuidade das explotacións. "As granxas pediron os ecorreximes en función dunhas previsións que agora non se cumpren. Unha redución de 1/3 por hectárea dos importes muda moito o escenario, en moitos casos complicando de xeito salientable a viabilidade das granxas", afirma Ana.
Desde o SLG consideran que tanto os ecorreximes como as axudas asociadas son "fontes de financiamento moi sensíbeis para as granxas", polo que esixen "solucións" ante a "inxustificable falta de correspondencia entre as previsións das axudas do Ministerio e a súa contía final".
As explotacións pediron os ecorreximes en función dunhas previsións que agora non se cumpren
Así, o Sindicato Labrego considera que unha variación do 28% entre as estimacións e as contías reais, como acontece no caso dos ecorreximes en pastos (pastoreo extensivo, sega ou illas d biodiversidade), que supón 17,44€ menos por hectárea, "é absolutamente inaceptable".
Caso similar dase nos ecorreximes en terras de cultivo (sementeira directa e rotación con especies mellorantes), que tamén afecta de xeito diferenciado ás granxas galegas, onde a falta de concordancia entre o estipulado e o previsto sitúase no 20% (17,08€ menos por hectárea).
"Sendo os importes iniciais proporcionados polo propio Ministerio de Agricultura a información en base á cal as granxas toman boa parte das decisións económicas para o desenvolvemento da súa actividade produtiva, estes deben ser elaborados de xeito estritamente rigoroso", argumenta Ana.
[box style="0"]
Só o 62% da superficie agraria que se acolle á PAC en Galicia pediu algún ecorrexime
Unións Agrarias estima que Galicia vai perder 5 millóns de euros en ecorreximes nesta campaña "polo deficiente asesoramento e os problemas de tramitación da PAC". UUAA considera que case un 20% da superficie agraria que podía terse beneficiado destes fondos no primeiro período de aplicación dos ecoreximes da PAC non o fará polas dificultades rexistradas ao non ter contado con servizos de asesoramento especializados á hora de realizar unha tramitación que, cos novos requerimentos, se ten volto significativamente máis complicada.
Unións Agrarias lamenta a perda dunha oportunidade que terá importantes consecuencias para as explotacións da comunidade
Segundo os datos que vén de facer públicos o Ministerio de Agricultura, en Galicia só o 62% da superficie agraria que se acolle á PAC estará amparada polos ecorreximes, unha cifra que evidencia "os problemas á hora de enfrontar ese trámite cos que se atoparon os agricultores e gandeiros que non contaron cun asesoramento técnico especializado axeitado. Unha porcentaxe que no conxunto do Estado é moi superior e que, segundo as estimacións de UUAA, tamén en Galicia debera ter roldado o 80%.
Unión Agrarias lamenta que esa falla de apoio teña levado ás explotacións agrogandeiras galegas a unha situación que supón unha importante oportunidade perdida e que terá graves consecuencias económicas para o sector produtor. Unha situación que, de repetirse nos anos sucesivos, suporía un total de 25 millóns de euros perdidos para Galicia no período 2023-2027 da Política Agraria Común.
[/box]