Forestal

A avespiña do castiñeiro consolida a súa expansión a toda Galicia

O sector produtor agarda que a loita biolóxica comprometida pola Xunta para este ano permita conter os danos. A Administración prevé a solta de 1,6 millóns de ‘Torymus sinensis’, o insecto parasitoide da praga

Campo Galego 07/03/2019 7:22 p.m.

A avespiña do castiñeiro, que xa a finais do 2017 estaba presente en case toda Galicia, consolidou a súa expansión no último ano, gañando peso nas grandes zonas produtoras do oriente ourensán e chegando ás últimas comarcas do occidente galego que quedaban libres da praga, coma o Barbanza ou o Rosal. A avespiña xa causou este ano serias perdas nalgunhas comarcas produtoras, coma o Caurel lucense, e o sector teme que os danos vaian a máis o próximo ano na gran zona de castaña de Galicia, o oriente ourensán.

O principal problema da praga é que logra unha progresión natural meteórica, pois cada avespiña pon ó ano entre 100 e 200 ovos, polo que a infestación masiva dos castiñeiros prodúcese nun curto periodo, en 2-3 anos. Fronte a iso, a única vía de loita pasa pola solta de ‘Torymus sinensis’, un insecto que parasita as postas das avespillas, contribuíndo así ó control das súas poboacións.

Nun inicio, nos primeiros anos da praga, o Ministerio de Agricultura só autorizou soltas experimentais de ‘Torymus’ de carácter puntual, se ben xa o pasado ano permitiu a liberación de maiores cantidades, o que permite encarar o combate da avespiña. No 2018, soltáronse en Galicia uns 700.000 ‘Torymus’, distribuídos en 20.000 viais, con máis dunha trintena de insectos en cada vial. Deses 20.000 viais, 8.500 corresponderon a Ourense, 7.600 a Lugo, 2.500 á Coruña e 1.437 a Pontevedra.

Para esta campaña, a Administración prevé dobrar a loita biolóxica, coa liberación no medio de 1,6 millóns de ‘Torymus sinensis’. As soltas, segundo a metodoloxía deseñada pola Xunta, deberanse facer cando as bugallas causadas pola avespilla teñan entre 1 e 3 centímetros de diámetro. Os preavisos para programar a solta faranse con antelación, en canto os castiñeiros estean con folla.

[box style="0"]

[caption id="attachment_84815" align="aligncenter" width="660"] Tratamento de árbores afectadas polo chancro.[/caption]

Chancro do castiñeiro

Outro problema que enfrontan os castiñeiros nos últimos anos, o chancro, que está en vías de remisión, centra tamén un programa específico de combate, mediante a inoculación de cepas hipovirulentas nas árbores afectadas. No último ano, caeron os castiñeiros inoculados ata 7.000, fronte ós 23.000 do 2017, se ben para este 2019, a Administración prevé aumentar de novo a presión sobre a enfermidade para chegar a 18.000 pés tratados.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada