A Xunta inicia esta semana talleres de participación pública para a elaboración do Plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense. O obxectivo é valorar a relevancia do recollido na primeira fase do proceso e deseñar novas propostas de dinamización para os sectores que conforman o Plan integral (agrogandeiro, forestal, turístico e patrimonial), facendo fincapé na identificación de terras que poidan ser postas en valor mediante algunhas das figuras que recolle a Lei de recuperación da terra agraria.
Así, desenvolveranse talleres participativos en cada un dos 10 concellos involucrados no proxecto, en horario de 18.00 a 20.00 horas. Os primeiros son os previstos este mércores 20 de abril na Casa da Cultura de Verín, o xoves 21 na Casa da Cultura de Monterrei e o venres 22 na Casa do Concello de Oímbra. Aínda neste mes, seguiraos o taller da Aula arqueolóxica Antonio Rodríguez Colmenero, en Cualedro, o xoves 28.
O resto dos talleres participativos están programados para maio. En concreto, o mércores 4 celebrarase un no Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós, o xoves 5 o da Casa do Concello de Castrelo do Val e o venres 6 o da casa consistorial de Laza. Xa a seguinte semana, está previsto un taller na Casa da Cultura de Vilardevós o mércores 11, o xoves 12 outro no edificio multiusos da Gudiña e, por último, o da Mezquita será no seu edificio multiusos o venres 13 de maio.
A maiores dos talleres, desde a Consellería do Medio Rural recordan que “nesta segunda fase do proceso participativo de elaboración do Plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense faranse cinco mesas temáticas, das que xa se celebrou a primeira -centrada no turismo, o patrimonio e o viñedo- en Verín”. O resto abordarán outros aspectos de relevancia como o sector agrogandeiro, o sector forestal, a cooperación territorial con Portugal e os núcleos rurais.