All posts by Campo Galego

Prevención de riscos laborais no sector agrogandeiro para mulleres embarazas e lactantes

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), ten a disposición da cidadanía unha guía sobre “Prevención de riscos laborais durante o embarazo e a lactación no sector agrario”. Estes son os puntos clave a ter en conta para reducir os riscos para a saúde das mulleres: 

1) Características da muller en situación de embarazo, posparto e lactación

Como punto de partida hai que ter en conta que o embarazo supón unha serie de cambios na muller cuxo obxectivo é asegurar a supervivencia e o axeitado desenvolvemento do fetol. Malia ser un proceso fisiolóxico, o certo é que algúns destes cambios poden limitar a capacidade funcional da traballadora grávida e a súa tolerancia a determinadas condicións da contorna laboral. Os cambios máis relevantes da muller embarazada maniféstanse a nivel circulatorio, no peso corporal, na postura e no equilibrio, na lasitude ligamentosa e na frecuencia urinaria. Durante o posparto a muller presenta cambios tales como molestias urinarias, cansazo, alteracións emocionais, falta de sono, incontinencia urinaria que poden limitala na realización das súas tarefas. E no período de lactación a traballadora pode ter molestias a nivel físico coma sensibilidade nos seos, presenza de gretas ou mastite; dificultades para a produción de leite por substancias químicas ou por condicións de traballo estresantes; inconvenientes á hora de poder compatibilizar a xornada laboral coas tomas, así como no desenvolvemento daquelas tarefas nas que existan axentes nocivos que se poidan transmitir por contacto ou polo leite materno.

2) Boas prácticas para evitar os riscos no embarazo e na lactación

Riscos físicos:

-Calor ou frío extremos:en xeral considéranse situacións ambientais con posible risco para o embarazo aquelas nas que a temperatura é maior de 28°C ou menor de 10°C. Como medidas preventivas aconséllase: • Empregar roupa de traballo adecuada á temperatura. • Non realizar traballos en lugares ou momentos do día con altas ou baixas temperaturas. • Beber líquidos con frecuencia.

Ruído:

A exposición a ambientes ruidosos no traballo é prexudicial para a embarazada e para o feto. A protección da nai non elimina o risco para o feto. Medidas preventivas: • Evitar os ruídos molestos e intensos. • Se non pode evitar o ambiente ruidoso, reducir o tempo de exposición, cambiar o momento de realización da tarefa ou trocala con outra persoa.

Vibracións:

Estar exposta ás vibracións cando se utilizan tractores, colleitadoras, empacadoras, debulladoras, sementadoras, pas mecánicas, etc. e no manexo de equipos manuais como motocultores, motoserras, rozadoiras, etc. que pode ser prexudiciais para o embarazo.  Como medidas preventivas suxírense: • Evitar ou reducir o seu uso sempre que se poida. • Vixiar o estado das ferramentas ou maquinaria agrícola que se vaia utilizar.

Radiación non ionizante:

A exposición a campos electromagnéticos, ultravioletas, infravermellos, radiofrecuencia, microondas e ultrasóns poden ter efectos adversos para o embarazo e o feto. Como medidas preventivas aconséllanse: • Evitar a exposición durante o embarazo e a lactación.

Caídas, golpes e choques:

Ao realizar traballos en altura, en chans esvaradíos, ao traballar entre animais, usar ferramentas e maquinaria agrícola, etc., pódense sufrir accidentes que che causen lesións á muller e ao feto. Medidas preventivas: • Evitar os traballos sobre superficies elevadas, inestables ou escorregadizas. • Evitar as tarefas nas que se poida recibir golpes. • Tentar non circular por terreos irregulares e conducir a baixa velocidade, sen freadas ou sacudidas fortes.

Riscos químicos:

Algúns produtos químicos poden ser perigosos para o embarazo e a lactación natural. Entre estes encóntranse os canceríxenos, os mutáxenos, os tóxicos para a reprodución, os alteradores hormonais e os neurotóxicos que se poden atopar en praguicidas, deterxentes, disolventes, etc. Medidas preventivas: • Ler a etiqueta e a ficha de datos de seguridade dos produtos que se empreguen, onde informan se é perigoso para mulleres embarazadas ou para a lactación natural. É preciso fixarse nas frases R ou H que indican perigo para o embarazo e a lactación. • Se é perigoso, é necesario cambialo por outro que non o sexa se é posible, e senón seguir as medidas preventivas que indica o fabricante do produto. • Traballar con ventilación axeitada para reducir a concentración ambiental de partículas coma o po e a néboa, vapores e gases perigosos. • Usar equipos de protección individual (EPI) axeitados e en bo estado. • Gardar e lavar por separado a roupa de rúa e a de traballo. • Coidar a hixiene persoal durante o traballo e nunca comer, beber ou fumar se se están a manipular produtos químicos.

Riscos biolóxicos:

Algunhas enfermidades infecciosas contraídas durante o embarazo poden producir danos no feto. Transmítense polo contacto con animais, produtos de abortos ou partos, estercos, xurros, augas residuais, solos e materiais contaminados por virus, bacterias, endoparásitos…, coma por exemplo, a Brucella abortus, a Listeria monocytogenes e o Toxoplasma gondi. Medidas preventivas: • Realizar ás inspeccións sanitarias aos animais. • Evitar o contacto con animais enfermos ou mortos, coas súas placentas ou outros tecidos e cos materiais contaminados, esterco e xurros. • Eliminar os residuos biolóxicos de forma axeitada. • Empregar equipos de protección axeitados: luvas, máscara, roupa e calzado. • Gardar e lavar por separado a roupa de traballo e a de rúa. • Seguir normas de hixiene persoal, lavar as mans con frecuencia. • Limpar e desinfectar os lugares e os materiais de traballo.

Riscos ergonómicos e psicosociais:

Sobre os riscos ergonómicos, as posturas forzadas que se manteñen durante moito tempo poden resultar daniñas para a embarazada e o feto, por exemplo, cando se traballa de crequenas, axeonllada, sentada, de pé ou co tronco inclinado. Medidas preventivas: • Realizar cambios posturais frecuentes. • Realizar pausas para descansar ao longo da xornada laboral. • Utilizar roupa e calzado cómodos. • Recoméndase usar medias de compresión venosa A manipulación manual de cargas e a aplicación de forza ao arrastrar ou empurrar poden producir danos á traballadora grávida e durante a lactación debido aos cambios fisiolóxicos propios deste estado, como é o aumento de volume do abdome que dificulta o manexo das cargas. Medidas preventivas: • Evitar aquelas manipulacións que supoñan un risco de sufrir golpes a nivel do abdome. • Durante os seis primeiros meses de embarazo: - Se o manexo de cargas é reiterado, o peso máximo recomendado é de 5 quilos. - Se o manexo de cargas é intermitente, o peso máximo recomendado é de 10 quilos. • A partir do sétimo mes de embarazo, evitar a manipulación manual de cargas. Os riscos psicosociais tamén poden influír negativamente no embarazo e na lactación: Estes riscos tamén poden influír negativamente no embarazo e na lactación: - No caso de traballadoras do campo hai que ter en conta o horario de traballo, as xornadas prolongadas, o ritmo de traballo imposto pola tarefa, o gran volume de traballo en determinadas épocas do ano, o estrés derivado dos investimentos, do uso de novas tecnoloxías, o aumento da burocracia, e as posibles perdas económicas. - No caso de traballadoras forestais: illamento, inestabilidade laboral, problemas para conciliar a vida laboral e familiar, etc. Medidas preventivas: • Evitar as xornadas prolongadas. Tentar facer unha xornada diaria igual ou menor de oito horas. • Evitar a sobrecarga de traballo, reducir o volume e o ritmo. • Realizar pausas máis longas e frecuentes. • Procurar ter un asento ou apoio axeitado cando se realizen tarefas de pé. • Adoptar medidas que permitan a conciliación da vida laboral e familiar. • Evitar situacións de estrés. • Favorecer as condicións axeitadas para a lactación.

12 Consellos útiles:

1- Protéxete da calor, do frío extremo e dos ambientes húmidos. Utiliza roupa e calzado cómodo, seguro e axeitado á estación do ano.

2- Tenta facer pausas frecuentes, evita as xornadas longas, descansa e durme as horas necesarias.

3- Bebe auga e toma refrixerios nutritivos sempre que sexa posible. Non debes saltar as comidas por mor do traballo.

4- Evita os ruídos molestos e intensos. Os protectores auditivos protéxente a ti pero non ao feto, en especial, a partir do quinto/ sexto mes de embarazo.

5- Reduce o traballo con maquinaria para non estar exposta a vibracións nin a ruídos.

6- Evita levantar pesos, facer esforzos, realizar movementos bruscos e adoptar posturas forzadas.

7- Se traballas de pé, débeste sentar de cando en vez.

8- Non fagas traballos sobre superficies elevadas, inestables nin preto dos animais.

9- Emprega equipos de protección individual axeitados.

10- Le sempre a etiqueta e a ficha de datos de seguridade dos produtos que vaias manipular porque poden ser prexudiciais para o embarazo, o feto e a lactación.

11- Evita o traballo con esterco, xurro e animais enfermos ou mortos.

12- Evita, sempre que sexa posible, as tarefas estresantes.

Descarga aquí a guía completa do ISSGA

Recomendacións para o cultivo da horta en decembro

O mes de decembro é dos de menor actividade na horta, momento que podemos aproveitar para planificar ben as labores, as rotacións de cultivos e as plantacións de 2024. Tamén podemos aproveitar para facer unha labor de revisión e mantemento tanto do material de traballo na horta, como das sebes ou muros da mesma. Sementeiras: En canto ás sementeiras, e seguindo o dito de “Se queres bo allal, plántao en Nadal” podemos empezar a plantar allos e bulbos de cebola. A tradición popular recomenda facelo en lúa minguante, para favorecer o desenvolvemento do bulbo. Neste mes, a lúa minguante comezou o día 5 e alóngase até o día 13. Tamén podemos plantar chícharos e fabas lobas. Se é para autoconsumo, recoméndase plantar estas leguminosas de xeito escalonado, por exemplo en tres veces entre decembro e febreiro, para que a colleita tamén sexa escalonada e non nos veña todo o froito xunto. Para aquelas zonas de clima máis temperado e benigno, sobre todo no sur de Galicia e nas zonas de costa, onde non se rexistran xeadas, pódense empezar a plantar as patacas temperás a finais de decembro, para ter unha colleita en abril ou maio. O mesmo se pode facer baixo invernadoiro. Colleitas: Polo demais, neste mes a nosa horta seguirá producindo porros, remolacha de mesa, escarola..etc, todos elas plantas resistentes ás xeadas. E por suposto, seguiremos recollendo repolo, brócoli, coles, ou couveflor, así como nabizas. En definitiva, verduras de alta calidade nutritiva que son a mellor garantía dunha boa saúde. Coidados do solo: -Recoméndase non deixar o solo da horta nú durante o inverno xa que as xeadas reducirían a súa fertilidade. Neste sentido, se non imos plantar nada ata a primavera aconséllase cubrilo cunha cuberta vexetal (herba, follaxe, toxos…etc) que aumentará a actividade biolóxica do solo, reducirá a aparición de malas herbas á vez que esa materia orgánica irase descompoñendo para incorporala ao solo na primavera. -Asemade, recoméndase, do mesmo xeito que nos demais meses, seguir elaborando compost orgánico con restos de peladuras, herba cortada, follaxe…etc. Esta materia orgánica é a garantía dunha horta viva e produtiva .

Recomendacións para o coidado da horta en setembro

“Setembro: ou secan as fontes ou levan as pontes”, advirte o refrán popular. De momento, o mes comezou coas tan agardadas choivas. Velaquí algúns consellos xerais para o coidado da nosa horta durante as vindeiras semanas: – Podemos empezar a sementar os abonos verdes, (navos, guisantes...etc) nas parcelas nas que a partir da primavera plantaremos plantas esixentes en nutrientes, especialmente en nitróxeno, como as patacas, os pementos ou os tomates ou mesmo o millo. Convén estar atentos ás previsións meteorolóxicas para sementalos uns días antes de que anuncien choivas para asegurarnos unha boa nascencia. Este mes de setembro sería o último recomendado para sementar os nabos. -Seguiremos podando as partes altas das tomateiras para que toda a enerxía das plantas se concentre nos froitos e maduren antes. Aínda que este verán seco está a favorecer que non haxa enfermidades fúnxicas, as néboas e as  choivas desta semana fan recomendable realizar un último tratamento con cobre para asegurarnos a colleita dos últimos tomates. Respectar en todo caso os prazos de seguridade recomendados para cada produto fitosanitario. -Seguiremos plantando todo tipo de horta de inverno ata finais de mes, como moi tarde. Así, plantaremos repolo, brócoli, couveflor, lombarda, porros…etc. Poderíamos realizar a plantación máis tarde pero a planta non desarrollaría o suficiente, ao contar con menos horas de luz e menos calor. Convén asegurarnos que a plántula teña humidade para que poda enraizar, así como realizar regas periódicas, de ser preciso.Colocar arredor da planta un acolchado de restos de herba seca é unha solución moi práctica e barata para manter a humidade, evitar a nascencia de herbas e mellorar a fertilidade do solo. -Tamén podemos plantar este mes leitugas de inverno e escarolas, que agradeceremos como ensalada nos meses máis fríos. -Como xa dixemos, un bo método para evitar o crecemento das malas herbas e favorecer o crecemento das plantas é o acolchado con herba. Para iso abonaremos a terra -por exemplo co compost que temos acumulado- labrarémola para enterralo, e logo estenderemos unha capa de herba. A continuación, cun plantador de man, iremos realizando a plantación das plántulas con cepellón nos buratos, e remataremos regándoas para que prendan mellor.

Consellos para o cultivo da horta en agosto

Agosto é un mes de intensa actividade nas nosas hortas xa que se xunta a colleita de cultivos de verán, este ano bastante atrasados polo tempo insualmente frío e chuvioso, e das patacas de tarde coas plantación xa da horta de inverno. Velaquí algúns consellos: -Agosto é un mes moi apropiado para plantar a horta de inverno: couveflor, repolo, brócoli, escarola…etc. A súa plantación recoméndase ata a primeira quincena de setembro, como tarde. Tamén é o último mes recomendado para plantar porro. -A rega: En caso de ser preciso, débese regar no pé, sen mollar as follas das plantas para evitar enfermidades fúnxicas. O acolchado con herba seca ou palla arredor da planta axudará a reter a humidade e a aforrar auga, ao tempo que melloramos a estrutura do solo e o vigor da planta. -O mellor momento para recoller os froitos é nas primeiras horas da mañá, cando os produtos están máis frescos. As cabaciñas hai que repasalas para recoller os froitos cada semana; o mesmo que os tomates, e as xudías cada catro días. Pementos e berenxenas tamén precisan ser colleitados unha vez cada dez días, máis ou menos. No caso dos pementos de Padrón é recomendable recollelos dúas veces por semana, para evitar que sexan demasiado grandes e piquen. -En canto á sementeira ao aire libre, cara finais de agosto é a mellor época para sementar o rei da gastronomía galega de inverno: o nabo. Hai que sementalo en pó e cunha chuvieira nacerá deseguido, aínda que dependendo das comarcas e do tipo de grelo (de cedo, de tarde ou de medio tempo), pode facerse tamén en setembro e mesmo en outubro. -Tamén podemos plantar en cepellón ao aire libre leitugas, nabicol ou escarola que, con bos coidados, estarán listas para recoller nos meses de setembro-outubro.

Recomendacións para o cultivo da horta en xuño

Velaquí algúns consellos xerais para o coidado da nosa horta durante este mes de xuño: -Coa humidade que hai na terra as herbas competidoras inzarán nas nosas hortas, polo que deberemos facer varias sachas nos nosos cultivos, a ser posible pola mañá para que as herbas sequen ao longo do día. O acolchado, ben con plástico ou ben con herba, é unha alternativa interesante para pequenas hortas, xa que ademais de aforrarnos moito traballo, axudará a reter a humidade do solo. -A humidade e as elevadas temperaturas crean as condicións idóneas para pragas de fungos, especialmente o mildeu. Recoméndase facer un tratamento cun antimildio cada 10-15 días nos cultivos máis sensibles: patacas, cebolas e tomateiras. No caso dos allos, debemos combinalo con algún tratamento contra a roya a base de xofre mollable.O tratamento débese facer cando non haxa vento e se anuncien varias horas sen choiva para que o produto penetre na planta. O oídio afectará sobre todo ás cucubirtáceas (cabaciña, sandía…etc) e notarémolo nas clásicas manchas brancas nas follas. Unha boa aireación da planta e un tratamento a base de xofre ou de infusión de allo axudará a controlar este fungo. Para evitar os problemas fúnxicos lembrar que cando reguemos a planta debemos aplicar a auga no pé da mesma, e nunca mollarlle as follas. A ser posible regar pola mañá cedo, ou a última hora da tarde. -Sementeiras: Pódese facer alcoube ao aire libre de leitugas, acelgas e remolacha vermella que plantaremos no mes de xullo-agosto. Asemade, podemos facer a sementeira das verduras de inverno (repolo, couveflor, verza…) que plantaremos no verán. Se a nosa horta é pequena e para autoconsumo resúltanos máis práctico mercar a planta de cepellón no momento en que a vaiamos plantar. -Tamén podemos facer sementeira directa de cenouras, que colleitaremos nos meses de setembro-outubro, así como de xudías, que recolleremos cara o meses de agosto-setembro. -Transplante: podemos transplantar remolacha vermella, coles, leitugas, porros, cebolas, acelga,…etc. Se aínda non plantamos pementos, tomates ou berenxenas son os últimos días para facelo. Lembrar que á hora de plantar o abono nunca debe estar en contacto directo coa raíz da planta. -Tomateiras: durante este mes prestarémoslle especial atención a estas plantas, facendo as podas periódicas dos chupóns das partes baixas e medias das plantas e entitorándoas. Cada dúas semanas, de ser necesario, aplicarémoslles un tratamento de cobre para evitar problemas de mildeu. Se cultivamos en exterior debemos elixir as variedades máis rústicas e resistentes para reducir os tratamentos fitosanitarios. –Entitorados: xudías de enrame, pementos e berenxenas precisarán de entitorado para un correcto desenvolvemento da planta.

Recomendacións para o cultivo da horta en maio

Maio é un dos meses de maior actividade nas hortas familiares, xa que nel se concentra a plantación de boa parte dos cultivos de verán (tomates, pementos, xudías, cebolas, patacas de tarde..etc). Velaquí uns consellos: . Labores recomendadas na horta: -É o momento de transplantar no exterior os grandes cultivos no verán: tomateiras, pementos, berenxenas, leitugas, acelgas, remolacha de mesa…., tanto se o facemos con terrón ou a raíz núa. No caso das berenxenas, máis sensibles ao frío, aconséllase agardar ata mediados de mes para plantalas en exterior. Se o facemos nun invernadoiro, non teremos este problema e poderemos plantar dende xa. -Tamén estamos no mes idóneo para plantar directamente de semente tanto cenouras como xudías e todo tipo de cucurbitáceas: cabaciña, cogombro, cabaza, melóns, sandías…etc. -Poderemos seguir plantando cebola e porros. -Maio é tamén un mes axeitado Galicia para a sementeira do millo. A plantación de millo doce para autoconsumo é unha alternativa interesante, máxime cando se trata dun cultivo que se dá moi ben no noso país e precisa de poucos coidados. -Á hora de plantar non debemos esquecer que o abono debe estar maduro -non é recomendable aplicar esterco fresco- e nunca debe estar en contacto directo coa raíz. -É o momento de realizar os semilleiros para os cultivos que queiramos transplantar no verán, como repolos, leitugas ou remolacha de mesa. Regarémolos cando sexa preciso xa que son moi sensibles á deshidratación nos días de calor. Temos que valorar se nos compensa mellor comprar directamente a planta en cepellón ou a raíz núa, especialmente cando imos plantar pouca cantidade para autoconsumo. -Polo demais, empezaremos a colleitar os cultivos de primavera: chícharos, fabas lobas ou cebolas tenras. -A calor e a humidade farán que empecen a proliferar fungos como o mildeu, sobre todo cando suban as temperaturas. Para combatelo é recomendable facer tratamentos con sulfato de cobre cada dez días . Patacas e vide son os cultivos máis sensibles a este fungo, e polo tanto debemos estar vixiantes e facer os tratamentos periódicos para frealo. -Outro fungo, o oídio, tamén se propagará coas condicións favorables que xa hai (humidade e calor). Un tratamento a base de xofre é o máis recomendable para combatelo, sobre todo en cultivos como o allo ou a cebola.

Recomendacións para o cultivo da horta no mes de abril

Abril é un mes de moita actividade na horta pois marca o inicio para plantar a maioría dos cultivos de verán (xudías, tomates, leitugas, patacas, cabazas..). Aínda que a posibilidade de xeadas adoita ser menor, si que poden darse importantes oscilacións térmicas e algunha saraibada polo que haberá cultivos que, se os plantamos en exterior, teremos que protexer. Os devanceiros, sabedores da importancia deste mes para a colleita de todo o ano, deixaron ditos como “Abril que non chove, deixa ao labrego pobre”. Velaquí algúns consellos: – Sacharemos as plantas sementadas o mes pasado, como chícharos, leitugas, cebolas ou brásicas (repolo, brócoli, coles…). Sempre debemos facelo con tempo soleado e seco para axudar a que sequen as herbas. -Tamén nos lembraremos de sachar e quitar as herbas adventicias en cultivos que xa plantamos hai meses, como os allos, os chícaros ou os amorodos. En caso de que haxa varios días seguidos de calor e humidade, favorecerán a aparición de mildeu ou rolla en allos e cebolas, polo que é recomendable facerlles un tratamento antifúnxico sulfatando as cebolas con cobre e, no caso dos allos, engadirémoslle un pouco de xofre. – No caso das patacas de cedo, se xa están nadas e en caso de que coincidan varios días seguidos de calor e humidade tamén é recomendable facerlles un tratamento con sulfato de cobre para previr a aparición de enfermidades. – Quitaremos da terra os últimos cultivos de inverno, especialmente os porros, que durante este mes tenderán a grelar. Picalos e conxelalos é unha opción fácil para dispor deles durante os próximos meses. – Neste mes, tamén podemos empezar a plantar as patacas de tarde. Para os que sigan o calendario lunar, preferentemente en lúa minguante. – En canto ás sementeiras, podemos plantar en exterior leituga, porro, acelgas, remolacha…etc. Para pequenas hortas familiares, unha opción máis cómoda é mercar directamente a planta en cepellón. – Dende finais de abril e até finais de maio é o momento tamén de plantar en exterior todo tipo de cucurbitáceas. É dicir, cabaciña, cogombro, cabaza, melón, sandía..etc. – Tamén podemos plantar en exterior cara fin de mes xudía, tanto baixa como de enrame, que  podemos colleitar a finais de xuño. – É un bo momento tamén para plantar cenouras, preferentemente en lúa minguante. Actualmente xa hai no mercado semente que ven pegada a tiras de papel, o que facilita moito a sementeira. Loxicamente, as condicións climáticas de Galicia varían moito dunha comarca a outra, polo que estes consellos haberá que adaptalos, atrasando as épocas de transplante en exterior se o clima é máis frío e estamos a maior altura. Por último, non debemos esquecer seguir removendo o noso composteiro ou pila na que imos xerando o noso propio abono orgánico cos restos dos alimentos, herba, follas....etc.

Consellos para o cultivo da horta en febreiro

Aínda que as xeadas limitan a actividade da nosa horta durante este mes de febreiro, hai algúns labores que si podemos ir facendo e que irán preparando o noso terreo para a época de sementeira na primavera. Ao mesmo tempo, as horas de luz van en aumento polo que xa podemos ir plantando algunha horta de primavera. Velaquí algúns consellos: -Podemos ir facendo os primeiros semilleiros de tomates, pementos, acelga, remolacha vermella ou leituga no invernadoiro. -Febreiro é tamén o mes límite para plantar allos, chícharos e fabas, cultivos que darán os seus froitos en maio-xuño. -Tamén podemos plantar cara finais de mes brásicas que recolleremos na primavera: repolo, coliflor ou brócoli. -Naquelas zonas máis cálidas de Galicia é posible plantar patacas de cedo. Tamén nas zonas de clima máis benigno podemos plantar leituga de tempada (folla de carballo, orella de mulo..etc) en exterior. -Febreiro tamén é o mes de poda das froiteiras e, se é posible, coincidindo días froito ou flor coa lúa minguante Tamén é o momento de podar e enxertar as viñas. Se podemos facelo en días de xeada e sen choiva, moito mellor. -Ademáis, é o mes idóneo para as plantacións de froiteiras (pereiras, pexegueiros, ameixeiras ou mazairas..etc). Tamén podemos plantar oliveiras e avelairas. -Polo demais, continuaremos recollendo os cultivos propios desta tempada: allos porros, repolo ou os grelos, no mes do cocido por excelencia. Por último, podemos seguir acumulando algo imprescindible para a nosa horta: materia orgánica, ben mediante a compostaxe dos nosos resíduos domésticos ou acumulando folla e outros restos vexetais. Lembrar que o esterco que incorporemos aos cultivos debe estar maduro, sen fermentacións nin malos cheiros.

Consellos para o cultivo da horta en xaneiro

A pesar de ter fama de ser un dos meses máis fríos do ano, a actividade na horta en xaneiro non para. Durante este mes realizaremos unha planificación dos cultivos de primavera e podemos comezar a realizar a poda tanto de froiteiras de carabuña como da viña. Velaquí uns consellos Sementeiras: En canto ás sementeiras, continuaremos plantando allos e bulbos de cebola. A tradición popular recomenda facelo en lúa minguante, para favorecer o desenvolvemento da raíz e evitar que se suba a flor.  Tamén podemos plantar chícharos e fabas castelás. E nas zonas de clima máis suave e benigno, sobre todo no sur de Galicia e nas zonas de costa, pódense comezar a plantar as patacas temperás ao longo deste mes, para ter unha colleita no mes de maio. O mesmo pódese facer baixo invernadoiro. En invernadoiro tamén podemos comezar a sementar os alcouves dos cultivos que plantaremos na primavera a raíz núa: pementos, cebolas, tomates, acelga, remolacha…etc. Colleitas: Polo demais, neste mes a nosa horta seguirá producindo allos porros, remolacha de mesa, escarola..etc, todos elas plantas resistentes ás xeadas. E por suposto, seguiremos recollendo todo tipo de brásicas: repolo, brócoli, coles, ou coliflor, así como nabizas. En definitiva, verduras de alta calidade nutritiva que son a mellor garantía dunha boa saúde. Poda e plantación de árbores froiteiras: Por outra banda, xaneiro é un bo momento para plantar a raíz núa árbores froiteiras de pebida, como maceiras, pereiras ou membrilleiros. Coincidindo coa parada vexetativa, tamén se recomenda a poda destas árbores, non así a das de óso, que se aconsellan podar en marzo. Durante o mes de xaneiro tamén se recomenda realizar a poda da viña. Tamén debemos protexer das xeadas as árbores froiteiras máis delicadas, como laranxeiras ou limoeiros. Para iso podemos empregar mantas térmicas, ou outras cubertas que eviten as queimaduras da planta pola xeada. Igualmente, durante o mes de xaneiro recoméndase realizar un tratamento con cobre co fin de evitar problemas graves de patóxenos neste campaña, así como para protexer as feridas e microferidas, provocadas tanto pola caída da folla como pola recollida dos froitos. Polo demais, aconséllase, do mesmo xeito que nos demais meses, seguir elaborando compost orgánico con restos de peladuras, herba cortada, follaxe etc. Esta materia orgánica é a garantía dunha horta viva e produtiva.

Consellos para o coidado da horta en outubro

Outubro é unha época de transición entre o final dos cultivos de verán e o comezo dos de outono-inverno. Velaquí algúns consellos para a nosa horta: -Cara mediados ou finais de mes deberemos recoller as que teñamos na horta, gardándoas nun lugar fresco e enxoito, a ser posible con algo de palla ou un cartón debaixo. Evitar os golpes tamén axudará a que non podrezan e alongará a súa conservación. -Poderemos seguir recollendo os últimos pementos, tomates e berenxenas. As acelgas seguirán producindo, e remolachas de mesa e porros poden permanecer sen problema na horta ata comezos de abril. -Se non o fixemos xa, poderemos sementar os últimos nabos de inverno -Poderemos plantar tamén escarola e leitugas de inverno. -Nas parcelas que nos quedaron libres é recomendable sementar abonos verdes (nabos, avea, centeo, chícharos..etc) para evitar que a terra quede descuberta. Outra forma de protexer a terra núa fronte ás xeadas, especialmente se é unha horta pequena, é cubrila cunha capa grosa de herba ou estrume do monte, que se irá descompoñendo durante o inverno, creando unha capa de abono para os cultivos de primavera, ao tempo que protexe o solo e reduce o nacemento de herbas. -Como no resto dos meses, seguiremos acumulando materia orgánica (herba, follas, restos orgánicos da cociña….etc) para abonar a nosa horta en primavera.

Recomendacións para o cultivo da horta en xullo

Despois do atraso xeneralizado que está habendo nos cultivos polo exceso de precipitacións e temperaturas máis baixas do normal, a calor que se espera para as próximas semanas fará que recuperen o desarrollo.  Velaquí algúns consellos xerais: -Para mellorar a froitificación e o engrose dos froitos é recomendable podar os chupóns tanto en tomateiras, como en pementos, berenxenas, melóns, cogombros e cabaciñas. -Estaremos en pleno verán, ou iso esperamos, polo que a terra non debería estar exposta directamente á radiación solar. De aí que se recomende realizar acolchados de palla ou doutros restos vexetais (herba..etc) arredor das hortalizas e na base das árbores froiteiras e plantas aromáticas. Ademais de manter a humidade do solo, contribuirá tamén á súa fertilidade e aforraranos quitar as herbas. -Para evitar ataques de mildiu, sobre todo en viña e en tomateiras, recoméndase realizar tratamentos periódicos –non agardar máis de15 días- con cobre se as condicións así o aconsellan (previsión de choiva, elevada humidade, néboas...etc). Nas patacas tamén se recomenda un tratamento antimildeu a base de cobre se as condicións meteorolóxicas o esixen. – Un dos fungos que máis ataca nesta época, sobre todo ás cucurbitáceas (cabaciña, cogombro..etc), é o odio. Caracterízase pola aparición de manchas brancas nas follas e para combatelo unha solución eficaz é o leite desnatado: diluiremos medio litro en 8 litros de auga e pulverizaremos as plantas. Sementeiras: Poderemos seguir sementando ao aire libre cabaciñas, leitugas, cogombros, xudías, cenouras, remolacha vermella..etc. Transplantes: Xullo é unha boa época para empezar a plantar a horta de inverno, tanto brásicas (repolo, couveflor, brócoli) como porro ou escarola. Colleitas: Durante este mes recolleremos a colleita de xudías, leituga, pataca, cenoura, cebola, allos…etc. Se temos demasiados excedentes, unha boa alternativa é realizar conservas, especialmente de produtos como as xudías, a remolacha ou os cogombros. E sobre todo non esquecer regar a nosa horta, a ser posible evitando o contacto da auga coas follas das plantas, para evitar a aparición de enfermidades fúnxicas. Debemos regar preferentemente a última hora da tarde -cando hai menos evaporación e baixa a temperatura do solo- ou a primeira da mañá e con auga a temperatura ambiente.

Lumax®, a xogada mestra para un control temperán das malas herbas do millo

O millo é un dos cultivos máis importantes de España e máis concretamente en Galicia é utilizado como forraxe de verán ao producir en poucos meses unha elevada cantidade de materia seca. Do total da superficie destinada a cultivos forraxeiros, o millo supón o 10% e máis da metade atópase en Galicia considerándose un cultivo de secaño.

Grazas á boa aptitude do millo para o seu ensilado debido ao alto contido en carbohidratos, o ensilado é, na actualidade, a forma maioritaria de aproveitar o millo forraxeiro, ensilándose o 89% do total producido. O momento óptimo de corte do millo para o seu ensilado, sitúase entre o 30 e o 35% de contido en materia seca e desde o punto de vista nutritivo é un alimento dun elevado valor enerxético, baixo valor proteico e baixo contido en minerais.

A produción de millo está condicionada pola presenza de malas herbas, o seu abonado e a dispoñibilidade de auga. Un campo de millo con malas herbas pode chegar a reducir a produción nun 40% se non se controlan a tempo.

Para mellorar a produtividade do millo, Syngenta pon a disposición dos agricultores as mellores ferramentas para o control de malas herbas, ademais das sementes co mellor potencial xenético.

Na actualidade, Syngenta está consolidada como a empresa líder nos tratamentos herbicidas de millo e conta co catálogo máis completo, tanto en tratamentos de preemerxencia como de postemerxencia.

Que vantaxes achega Lumax no control das herbas do millo?

Co lanzamento de Camix, un produto a base de S-Metolacloro e Mesotrione, no ano 2009, produciuse unha revolución nos tratamentos temperáns de malas herbas, permitindo un control eficaz desde o inicio.

No ano 2014, Syngenta lanza Elumis, cuxa composición, en forma de dispersión oleosa, incorpora as técnicas máis modernas en materia de formulación, permitindo unha excelente disolución e situándose como un dos herbicidas máis completos para os tratamentos de postemerxencia. Produtos como Primextra Liquido Gold, Callisto, Casper, Banvel D ou Milagre, completan o catálogo actual de Syngenta e proporcionan unha solución para cada necesidade do agricultor.

Agora, e tras un proceso continuo de investigación e desenvolvemento, Syngenta lanza ao mercado un novo herbicida de preemerxencia, Lumax, para o control de herbas de folla ancha e folla estreita en millo.

Con altas eficacias e resultados contrastados tras varios anos de desenvolvemento, Lumax, é o novo herbicida para un control temperán das malas herbas do millo.

Lumax permite ter o terreo limpo durante máis tempo

Con Lumax, Syngenta dá un paso adiante no control temperán, ampliando o espectro de control das malas herbas, grazas á combinación das súas tres materias activas con distinto modo de acción S-Metolacloro, Mesotrione e Terbutilazina.

Debido ao seu efecto prolongado, Lumax permite ter o terreo limpo durante máis tempo e un control efectivo sobre aquelas especies de malas herbas con nascencia graduada. Lumax, coa súa formulación líquida é un produto de fácil manexo e é totalmente seguro para o cultivo e o aplicador.

Lumax, é un elemento crave na xestión das malas herbas do millo, converténdose nunha peza fundamental nos programas de tratamento deste cultivo.

Lumax, xaque mate ás malas herbas.

Consellos de Galical para lograr unha boa colleita de millo: a importancia do encalado

Os solos de Galicia, e os de carácter granítico en xeral, tenden a ser acedos, o que constitúe un factor limitante para que os cultivos, como o millo forraxeiro, poidan aproveitar de forma eficiente e rendible os fertilizantes que lle achegamos.

Por iso, os técnicos coinciden en que é necesario realizar un encalado naquelas parcelas con PH por baixo de 5,5, xa que do contrario os nutrientes (Nitróxeno, fósforo e potasio) non estarán totalmente dispoñibles para ser aproveitados pola planta, e por tanto para lograr unha boa colleita. O óptimo é conseguir un PH de entre 6 e 7. Para o millo, un cultivo pouco tolerante á toxicidade por saturación de aluminio que se dá nos solos acedos, o PH óptimo é entre 6 e 7,2. Por suposto, o labor de encalado debe partir dunha analítica de chan para coñecer o seu nivel de PH.

Ademais, canto máis baixo sexa o PH menor efectividade dos herbicidas, especialmente nos de preemerxencia. As súas moléculas están deseñadas para solos cun PH neutro e perden efectividade en chans acedos e con alto contido de materia orgánica.

¿Diferencia entre cal e caliza?

A diferenza é fácil de recoñecer se sabemos que a caliza é a pedra extraída sen calcinar e o cal é o produto que obtemos tras a calcinación da caliza e/ou dolomía a temperaturas de entre 900° e 1100°C. Neste proceso a caliza perde o dióxido de carbono en forma de gas e prodúcese o óxido de calcio, o chamado cal vivo.

Ademais, os cales tanto vivos como apagados distínguense das calizas polo seu alto contido en calcio e magnesio.

-Cal: máis de 60% de óxido de calcio (CaO)
-Caliza: menos do 60% de CaO
-Cal dolomítica: máis de 40% CaO e do 20% de óxido de magnesio (MgO).
-Calizaa dolomítica: menos do 40% de CaO e do 20% de MgO

Emendas calizas que ofrece Galical:

1) Cal vivo: para reducir rapidamente a acidez do solo

Galical ofrece emendas calizas de cal vivo en tres formulacións distintas:

-Cal vivo granulado: cun 90 % de óxido de calcio (CaO).
-Cal vivo granulado dolomítica cun 35 % de óxido de magnesio (MgO) e un 60 % CaO. O magnesio é un nutriente que adoita presentar carencias nos chans galegos e que é importante para o crecemento de cultivos como o millo.
-Cal vivo cun 80% de CaO.

O encalado de terreos con cales vivos ou dolomías calcinadas reduce rapidamente a acidez do terreo debido ao seu gran poder neutralizante. Os tres produtos asimílanse facilmente no chan e a súa aplicación é sinxela e rápida. Así mesmo, ao ser produtos en forma de óxidos pódense aplicar con granulometrías grosas carentes de po. Os tamaños máis utilizados son de 0-4 e 3-7 mm, aínda que Galical pode realizar mesturas de varios produtos.

2) Cal apagado: Un produto de fácil asimilación no solo

Galical preséntao en dúas formulacións:

-Cal apagado, cun 65% de CaO.
-Cal apagado máis dolomía: un 53% de CaO e un 23% de MgO.

O cal apagado ou hidróxido de calcio reduce favorablemente a acidez do chan aumentando así os rendementos das colleitas. O produto, de fácil asimilación no solo, pode ser aplicado como encalante de fondo ou en cobertura.

A mestura de cal apagado (hidróxido de calcio) e dolomía (carbonato de calcio-magnesio) ofrece unha asimilación rápida na terra debido ao seu alto contido de cal. Así mesmo, a achega de magnesio da dolomía actúa como neutralizante da acidez e resulta fundamental para a actividade clorofílica da planta.

3) Carbonato cálcico:54 % CaO
É a pedra calcaria triturada finamente composta por un 98 % de carbonato cálcico (CaO3) . Alta solubilidade e finura. Acción lenta.

4) Caliza dolomítica: GALIMAG (33 % CaO e un 17 % MgO)
A emenda calcaria dolomítica é un produto triturado finamente con alta solubilidade e unha acción rápida.

5) Carbonato cálcico fino: GRANICAL G60 SUPRA (52 % de CaO/ 6 % MgO)
É un carbonato cálcico finamente triturado a 0,63 mm para a súa posterior granulación. O seu aspecto esférico e compacto, libre de po, ofrece alta solubilidade e unha acción rápida.

Modos de subministración:

Galical serve directamente o seu produto en todo o Noroeste da Península mediante unha moderna frota de camións equipados coas últimas tecnoloxías, como aplicación con GPS para garantir un encalado eficiente e uniforme en toda a parcela, ou brazos dosificadores, un dispositivo que incorporou desde hai anos e que reduce as perdas por vento.

Modos de subministración:

-A granel
-Camión cisterna
-Camión volquete
-Big bags de 1.100 e de 600 kg
-Sacos dos seguintes pesos: 14 kg, 16 kg, 30 kg, 35 kg
-Servizo de estendido en fincas.

Contacto:

Rúa/ Arieiras, S/n 27297 Lugo
982-22-14-84
Horario: Luns a Venres de 9:00 a 13:30 e de 15:30 a 19:00
E-mail: info@galical.es / galical@galical.es

 

Josilac® Ferm, o aliado contra o quecemento do silo de millo

Os ensilados de millo de alta calidade e riqueza enerxética son a miúdo inestables e propensos a quecer e ao crecemento de mofos durante a retirada de material. Os fermentos e mofos aproveitan o osíxeno que penetra na pila aberta de ensilado e multiplícanse de maneira explosiva.

Con frecuencia, os danos afectan a unha gran superficie. Como consecuencia, prodúcense considerables perdas de alimento. Tamén nas capas máis profundas poden localizarse “puntos quentes” ou focos de mofos.

O osíxeno pode penetrar a través de canles de aire existentes (por exemplo, por unha mala compactación ou por unha retirada de material insuficiente ou que relaxe a compactación), nalgúns casos, até unha profundidade de varios metros.

As vacas leiteiras de alto rendemento, en especial, reaccionan de maneira moi sensible a ensilados requecidos e valorentos, reducindo a inxestión de alimento..

Ademais, os fungos prexudican gravemente a saúde dos animais debido á produción de toxinas. Por tanto, unha boa compactación é imprescindible, así como un avance na fronte do silo de polo menos 1,5 metro por semana no inverno e 2,5 metros no verán.

En tratamentos experimentais representados con millo para ensilado e a herba Lolium perennee, demostrouse claramente o efecto SAFETY producido por Josilac® Ferm reflectido a través dun maior contido de ácido acético, unha estabilidade aerobia claramente prolongada, así como un menor contido de fermentos e mofos en comparación cos controis sen tratar.

Vantaxes do produto:

-Bacterias lácticas heterofermentativas (Lactobacillus buchneri)

-Certificado pola DLG (Asociación Alemá de Agricultura) (2 = mellora a estabilidade aerobia)

Os seus beneficios:

-Un alimento fresco polo seu efecto SAFETY

-Gran flexibilidade e amplo ámbito de aplicación (MS 30-60 %), podendo empregarse para distintos tipos de alimento.

-Facilidade de uso polas pequenas cantidades requiridas (apropiado para volumes mínimos [ULV]) e a súa aplicación líquida.

-Gran seguridade polo certificado de calidade da DLG.

Máis información sobre o produto e onde mercalo