All posts by Noelia Cortizo

Feiradeza busca consolidarse como a festa do agro galego

A 39ª edición de Feiradeza será a precursora da FestaDeza, un evento reivindicativo do sector agrogandeiro. O evento celebrarase os días 7, 8 e 9 de xuño no espazo do Lalín Arena (Lalín, Pontevedra) e presenta numerosas novidades. O director xeral de Gandería, José Balseiros; o deputado de Pontevedra de Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela; o presidente de Africor Pontevedra, Jesús Manteiga, e os concelleiros lalinenses Avelino Souto, Marcos Mariño e Paz Pérez, foron os encargados de presentar todas actividades que se celebrarán. Souto recalcou que “buscamos ir máis alá dos concursos, queremos que sexa unha fin de semana de reivindicación do sector agrogandeiro”. Así mesmo, o concelleiro de Agricultura, Marcos Mariño, indicou que pretenden que sexa a festa o agro máis grande de Galicia e tamén do territorio español. Pola súa banda, Cubela indicou que “pode ser un grande evento que impulse ao sector e aos produtores, que lles axude a achegarse á cidadanía”. Finalmente, Balseiros felicitou a organización, “que xa me avisaron que lle darían un xiro a este evento” e anunciou que será “unha gran cita para o sector”. Programa Venres Pola mañá entrarán os animais, montaranse os stands e colocarase a maquinaria que formará parte da exposición. Como novidade, este ano contaranse coas empresas TLM, Talleres Jomabe, Maxideza, Blanco y Oro e Hermanos Toimil. A exposición estará durante toda a fin de semana na contorna do Lalín Arena, “para que todas as persoas poidan observar as novidades tecnolóxicas que hai a día de hoxe”, puntualizou Mariño. Pola tarde, celebrarase o XXIX Concurso de Xóvenes Preparadores de Gando, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. O encargado de xulgar o concurso, e todos os demais que se celebren na fin de semana, será o xuíz de CONAFE Julián Rodríguez. Ademais de nomear aos gañadores, elixiranse aos vencedores do Concurso de Clun, que asistirán ao The Young Breeders School (YBS) en Bélxica. Sábado A cita do sábado comezará co concurso das xatas e xovencas para escoller as campioas de Feiradeza e Open Internacional, posto que participan animais nados en toda Galicia, noutras Comunidades e tamén noutros países. Pola tarde, ás 16:00 horas terá lugar o concurso de manexo de tractores, “co que buscamos facer algo similar a Estados Unidos, meterlle máis emoción”, resaltou Mariño. Así, para motivar á participación, indican que haberá premio para os tres primeiros de 600 euros patrocinado por Maxideza. Ás 18:00 será a quenda da mostra da raza Limosina e ás 19:00 horas o concurso de vacas de leite. “Este ano tomamos a decisión de facelo pola noite para darlle un xiro”. Así, a partir das 21:30 horas serán as finais “cun grande espectáculo que só se poderá ver en directo”. Tamén contarán con aperitivos para todas as persoas asistentes. Durante a xornada haberá unha proba de rodeo americano, ao que invitan a participar a todas as persoas, xa que haberá un premio para a que máis aguante. E para finalizar a xornada haberá música en directo ata altas horas. Domingo Ás 11:00 horas terá lugar o Concurso de Novos Manexadores, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros. Seguido será a XV Poxa de gando frisón na que sairán uns 20 animais. Para finalizar o evento será a entrega de premios, os sorteos e o acto de clausura. Dende a organización recalcan que é “un grande evento, con moitas novidades, aberto para todo o público e de todas as idades”.

“O atractivo do agro galego para investimentos aumenta polo impacto do cambio climático noutras rexións”

Durante a rolda de prensa, Balseiros fixo unha reivindicación para que dende as administracións traballen xuntas para empoderar aos sectores do rural galego. “Cada vez máis xente nova entende a importancia que ten saber de onde sae o leite porque aínda hai persoas que pensan que o leite sae dos almacéns dos supermercados”. Nese sentido, puxo de manifesto a importancia que teñen eventos coma o que se celebrará en Lalín. No mesmo sentido, indicou que Galicia “ten unha enorme oportunidade para converterse na gran horta de España e Europa. Para iso axudaranos o cambio climático”. Lembrou que recentemente tivo unha reunión en Madrid con compañeiros de diferentes Comunidades Autónomas “nas que están sacrificando animais porque non teñen auga para darlles de beber”. E indicou que en Galicia iso non pasa, nin pasará por uns anos. En canto ao viño, destacou que en Cataluña, por exemplo, está a haber grandes problemas de seca. Ante esta situación, puxo de manifesto que industrias leiteiras ou bodegas recoñecidas “están a facer inversións tremendamente millonarias en Galicia, porque claramente aquí temos futuro. O futuro do leite vai estar aquí e o dos viñedos tamén”, indicou o director xeral. Engadiu que “se as principais industrias veñen a facer inversións a Galicia é porque saben aquí vamos ter anos de choivas e condicións climáticas e de solo que permitirán que froitos coma os vermellos (amorodos, arandos, cereixas...) aquí darán altas producións”.

Suba nos prezos da recría no Mercado de Amio

Os prezos do gando que concorreu ao recinto feiral do Mercado de Amio subiron 5 euros no caso dos xatos de recría das razas cruce industrial cor e frisoa. En canto á asistencia de gando, na sesión desta semana pasaron polo recinto 1.448 reses, 954 menos que á do 8 de maio. En detalle, asistiron 1.223 cabezas de vacún menor (923 menos que na sesión anterior); 79 de vacún mediano (-7) e 146 de vacún grande (-24). Os vogais da Mesa de Prezos da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega decidiron manter os prezos da sesión anterior para todas as categorías e as calidades desta carne. Máis información - Táboa completa dos prezos de Amio (15-V-2024).

O vacún maior rexistra baixadas en case todas as categorías

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra baixadas en case todas as categorías do vacún maior na xornada de hoxe, mentres que nos becerros houbo oscilacións de prezos. En canto á afluencia de gando, acudiron ao recinto un total de 1.018 animais dos cales 972 foron adxudicados. Desde a organización anunciaron que o martes 28 de maio non se celebrará ningún tipo de poxa con motivo da celebración da feira Semana Verde. Prezos do vacún Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 153 euros, 10 euros máis que a pasada semana; os de 21 a 50 días a 185 euros, subiron 16 euros, e os de máis de 50 días a 207 euros (-20 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 346 euros (-7 euros); os de 21 a 50 días chegaron aos 457 euros (+49 euros) e os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 733 euros (+ 93 euros). Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial subiron 4 euros e alcanzaron un valor medio de 1.076 euros; mentres que as femias baixaron 50 euros, ata os 987 euros. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.178 euros de media os machos, o que supón un incremento de 72 euros e as femias baixaron 36 euros e alcanzan un valor medio de 1.037 euros. Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema aumentaron o seu valor 50 euros, ata conseguir un prezo de referencia de 1.186 euros. No vacún maior houbo baixada en case todas as categorías, excepto nos da categoría segunda que subiron 25 euros e quedaron nun valor medio de 787 euros. Os animais da categoría extra baixaron 61 euros, ata quedar nun prezo medio de 2.157 euros; os de primeira diminuíron o seu valor en 19 euros, ata os 1.151 euros de valor medio, mentres que os de categoría desfeito quedaron nos 352 euros (-59). Os animais comercializados baixo selo Vaca y Buey de Galicia rexistraron unha gran baixada de 1.571 euros con respecto da semana pasada e pasan a cotizarse de media a 2.201 euros. Mesas de prezos As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a pasada semana. Así, o porco selecto queda nos 1,835 euros; o normal en 1,81 euros e o de Canle II nos 2,351 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 0,9 e 0,96 euros o quilo. Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 97 euros (cun prezo de 4,85 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 92 euros e cun prezo por quilo de 4,6 euros. En ambos os casos houbo un descenso de 4 euros. O mercado do ovo presenta baixadas con respecto á semana pasada, excepto os da XL, que quedan igual (2,83 euros). Os da L presentan unha baixada de 0,02 e alcanzan os 2,24 euros e nos da M e a S o descenso é de 0,04 e quedan nun valor medio de 2 e 1,70 euros, respectivamente. O prezo do coello mantense igual, nos 2,20 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Resultados da feira de gando equino, asnal, ovino e caprino da Festa da Ascensión de Santiago

Un ano máis celebrouse no recinto de Amio, en Santiago de Compostela, a tradicional feira de gando equino, asnal, ovino e caprino da Festa da Ascensión. Os resultados foron os seguintes: Así pois, o volume económico do mercado de hoxe pode estimarse nos seguintes valores totais:

Prezos do gando esta semana en Amio

Os prezos do gando que concurriu hoxe ao recinto feiral do Mercado de Amio subiron 0,05 euros, os das canles de vacún maior das clases O e P. Porén, apréciase unha lixeira tendencia á baixa nos prexos do vacún para recría da raza de cruce industrial color. En canto á asistencia de gando, na sesión de hoxe pasaron polo recinto 2.402 reses, 722 máis que á do 24 de abril, data anterior ao festivo do 1 de maio, que, aínda que se celebrou poxa, non son prezos representativos. En detalle, asistiron 2.146 cabezas de vacún menor (687 máis que na sesión anterior); 86 de vacún mediano (+26) e 170 de vacún grande (+9). Os vogais da Mesa de Prezos da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega decidiron manter os prezos da sesión anterior para todas as categorías e as calidades desta carne. Máis información – Táboa completa dos prezos de Amio (08-V-2024).

Récord de vendas de becerros de recría este martes en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou hoxe o maior volume de transaccións de becerros de recría da súa historia, con 340.694 euros; supera así os 248.862 euros que se rexistraron o pasado 20 de febreiro (última maior cifra). Esta marca está motivada esencialmente pola grande asistencia de animais desta categoría, a cal supuxo a segunda maior da Central, con 1.079 exemplares que só foron superados polos 1.102 que concorreron o 31 de xullo de 2018. Unha asistencia que á súa vez foi consecuencia da suspensión da poxa de becerros de recría a semana pasada (a cal forma parte do calendario de suspensións xa fixado). Tamén contribuíu a esta marca o prezo medio da categoría, o cal foi de 322 euros, o quinto máis alto no que vai de ano. Prezos do vacún Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 143 euros; os de 21 a 50 días a 169 euros e os de máis de 50 días a 227 euros. En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 353 euros; os de 21 a 50 días chegaron aos 408 euros e os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 540 euros. Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial baixaron 113 euros e alcanzaron un valor medio de 1.072 euros; mentres que as femias subiron 63 euros. Pola súa banda, os de Loura Galega vendéronse a 1.016 euros de media os machos, o que supón un descenso de 190 euros e as femias tamén baixaron8 euros e alcanzan un valor medio de 1.072 euros. Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema baixaron o seu valor un euro, até conseguir un prezo de referencia de 1.136 euros. No vacún maior houbo baixada en case todas as categorías, excepto nos da categoría extra que subiron 95 euros e quedaron nun valor medio de 2.221 euros, e os da categoría segunda que se mantiveron igual nos 762 euros. Os animais da categoría primeira baixaron 4 euros e alcanzaron os 1.170 euros de valor medio, mentres que os de categoría desfeito quedaron nos 411 euros (-126). Os animais comercializados baixo selo Vaca y Buey de Galicia incrementaron o seu valor medio en 639 euros con respecto da semana pasada e pasan a cotizarse de media a 3.772 euros. Mesas de prezos As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a pasada semana. Así, o porco selecto queda nos 1,835 euros; o normal en 1,81 euros e o de Canle II nos 2,351 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 0,9 e 0,96 euros o quilo. Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 101 euros (cun prezo de 5,05 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 96 euros e cun prezo por quilo de 4,8 euros. En ambos os casos houbo un descenso de 4 euros. O mercado do ovo presenta baixadas con respecto á semana pasada, excepto os da XL, que quedan igual (2,83 euros). Os da L presentan unha baixada de 0,02 e alcanzan os 2,26 euros. Nos da M o descenso é de 0,04 e nos da S de 0,03, quedando nun valor medio de 2,04 e 1,74 euros, respectivamente. O prezo do coello mantense igual, nos 2,20 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

“Prevese para este ano unha mala calidade fitosanitaria da pataca e producións baixas, pero bos prezos”

Fernando Alonso Arce, enxeñeiro agrónomo e consultor especializado, é un dos maiores expertos en pataca. Recentemente participou nas xornadas técnicas sobre a optimización do cultivo da pataca de calidade, que se celebraron en Xinzo de Limia (Ourense) e Coristanco (A Coruña). Nesta entrevista explica cales son as previsións para a campaña do presente ano, cales son as principais pragas ás que haberá que facer fronte e como valora as oportunidades que ten Galicia nesta produción. - Cales son os principais problemas que se agardan na produción de pataca nesta campaña? Por unha banda, non hai suficiente pataca de sementa. Houbo menos pataca que outros anos en Europa polo que falta pataca de sementa. Isto vaise notar, principalmente, en Galicia porque é a última zona de España onde se sementa. Todo iso leva a que se sementarán variedades diferentes a outros anos, algunhas novas e totalmente descoñecidas polo que non se sabe que resultados se obterán en produción ou destino. Antes sementábase pataca para producir quilogramos, pero hoxe en día o agricultor que produce pataca debe ter un mercado obxectivo onde vendelas. Non se pode plantar calquera variedade, hai que sementar variedades que se teñan vendidas ou que se coñeza o mercado ao que teñen que ir dirixidas. Por outra banda, ao haber menos colleita precintáronse xa calibres máis gordos de semente e iso vai implicar que hai que picar a pataca para que sexa rendible economicamente a semente. Cada anaco do tubérculo que se parte vai ter menos xemas que se fose un tubérculo enteiro, como se plantaba normalmente. Iso vai implicar que haxa menos talos nas plantas e cada planta producirá menos tubérculos, o que vai ter como consecuencia que os tubérculos van engordar máis, seguramente, se non se modifica o marco de plantación do cultivo. - Cales son as variedades que teremos este ano novas? Este ano véndese de todo, variedades que outros anos se descoñecían ou ían para outros mercados. Concretamente, houbo algún almacenista que me comentou que cando un ano normal vende catro ou cinco variedades, este ano máis de 20 diferentes. Ao non haber semente no mercado, o agricultor trata de sementar o que pode conseguir e a uns prezos carísimos. - Como é a calidade fitosanitaria das sementes? Previsiblemente este ano a calidade fitosanitaria vai ser bastante peor que outros anos porque en Europa tiveron problemas cos pulgóns, que son os vectores das virosis en patacas, sobre todo do virus do enrolado e virus Y. Debido ao cambio climático, en Centroeuropa tiveron máis poboación de pulgóns do normal e cada ano, previsiblemente, terán máis problemas coas virosis. Refugaron como produtoras de sementes máis de 1.600 ha por superar a tolerancia en canto a virosis graves e previsiblemente a semente que se precintou vai ter unha porcentaxe maior de virosis que outros anos, o cal vai influír sobre todo en variedades que son sensibles ao virus Y, como a 'Monalisa' e a 'Hermes'. Hai uns tres anos quedaron sen arrincar moitas hectáreas, sobre todo en Castela e León, polo problema do virus Y nas variedades mencionadas e previsiblemente este ano ocorra algo parecido, haberá moitos agricultores que teñan problemas con estas virosis.
Quen utiliza sementes sen control oficial corre o risco de que lle aparezan patóxenos de corentena e teña que destruír a produción
- Estendeuse un rumor de que a calidade da semente da pataca holandesa ou francesa é superior á de España. Que hai de verdade neste rumor? Efectivamente é unha lenda urbana. En Europa tiveron moitos problemas nos arranques durante o outono e ata hai pouco a noticia que había é que se quedaron sen arrincar 11.000 hectáreas en Europa de pataca por problemas de encharcamento e de podremia, iso tamén vasie notar seguramente na calidade das sementes que viñeron este ano de Europa. Hai países en Latinoamérica que sufriron consecuencias pola baixa calidade da pataca europea. - Cales son principais riscos de empregar a práctica de reempleo da semente? Ao utilizar unha semente que non está controlada oficialmente e da que non sabemos se é portadora dalgún patógeno de corentena é un risco evidente que corremos, contando co nematodo do quiste que é bastante corrente en moitas zonas, como con bacterias de corentena como ralstonia. Quen utilice semente sen control oficial corre o risco de que lle aparezan patógenos de corentena e deba destruír a produción, se nos referimos a patógenos de corentena que a tolerancia é 0. En canto a patógxnos de calidade como son as virosis, a rizoctonia, o pé negro ou outro tipo de problemas pois a posibilidade de ter problemas con esta pataca é maior. A esta pataca non se lle pode chamar semente porque non vén dunha semente controlada ou certificada, senón que é pataca de reempleo. - Que outros erros comúns se deben evitar á hora de plantar pataca? Este ano habería que ser moi coidadosos co tema do troceado, controlar que non haxa anacos que vaian sen xema porque un pedazo que non leva unha xema non vai dar lugar a unha planta, non vai nacer; vai ser unha falta no terreo. Tamén hai que coidar o marco de plantación porque ao haber menos talos, os tubérculos van engordar máis e existe a posibilidade de que algún agricultor se atope con que as súas patacas son demasiado gordas para o que require o mercado; pódese atopar con problemas na comercialización. Outro punto importante é ter coidado de non abrir os sacos que veñen húmidos ou con manchas porque a garantía de calidade da pataca de sementa dánola o precinto do envase que compramos, en canto quitamos o precinto xa perdemos a garantía. É necesario abrir algún deles para comprobar as patacas, pero se lle parece que non ten a calidade suficiente ten que deixar de abrir sacos porque cando veña a administración correspondente a recoller a mostra ten que collela dos precintados. Coas proibicións de antixerminantes é difícil conservar a pataca durante moito tempo e fará que se encareza - En Galicia a produción de pataca para consumo está moi centrada na Kennebec, variedade con menores rendementos e máis sensibilidade ao mildiu. Como analiza esta resistencia numantina dos produtores galegos a manter esta variedade como hexemónica? Están a perderse outras oportunidades? Eu penso todo o contrario. Eu penso que a variedade Kennebec é un activo para os produtores galegos. Que o queren complementar coa agria? Pois ben, pero basicamente deben traballar máis coa Kennebec. O ano pasado o problema fundamental que houbo non foi o mildiu en Galicia, senón a verticilosis, un fungo diferente ao mildiu que produciu unha diminución de colleita moi importante. Esa enfermidade afectou tanto á agria como á Kennebec.
A xente que coñezo e que é de fóra de Galicia, se identifica e valora a pataca galega é pola Kennebec: Carne branca e con bo sabor.
- Un dos problemas para o cultivo da pataca son as malas herbas, como a juncia. Como está a afectar a supresión dun herbicida moi común como era Spectrum? Que alternativas viables cre que hai para esta progresiva redución dos herbicidas para pataca? Este problema está a habelo con todo tipo de fitosanitarios, non só con herbicidas, senón con insecticidas e funxicidas. É un problema que se vai ir agravando. Cada vez restrínxense máis as materias activas para loitar contra as pragas e enfermidades e o que hai que facer é un control de pragas e enfermidades non soamente con fitosanitarios, senón facendo unha loita integrada baseándose no momento de sementeira, na adecuación das leiras polo ciclo da variedade, do chan... moitas cousas. - O verme do arame é unha importante causa de diminucións nas colleitas de pataca. É mellor o encalado con cal vivo que os insecticidas? É máis eficaz o insecticida granulado antes da plantación aplicado a bato ou na plantadora? Agora mesmo non hai ningún produto fitosanitario, ningún insecticida, que sexa eficaz contra o verme de arame falando claro. As larvas de verme de arame son moi sensibles ao sol e ao aire. Cando teñamos leiras que sabemos que teñen poboación de verme de arame, hai que voltear a terra e aireala o máximo posible, sobre todo no verán, que fai máis calor. É a mellor forma de loitar contra as larvas de verme de arame. - Están a prohibirse determinados antigerminantes para a conservación da pataca. Que valoración realiza da adaptación do sector a estes cambios normativos? Levamos tres anos nos que non se permite o uso de clorprofam, que era bo e barato. O agricultor e o almacenista que conservan pataca está a sufrir moito porque non hai un produto que se lle poida equiparar ao clorprofam. Están a utilizarse outros produtos alternativos e realízanse diferentes ensaios, pero todos os produtos son máis caros e menos bos que o clorprofam. É difícil conservar a pataca durante moito tempo, hai que facelo a base de baixar a temperatura do almacén e a base de dar moitos máis tratamentos que antes. Isto o que fai é encarecer o produto.
A climatoloxía xogará un papel importante nas pragas. O ano pasado, a verticilose tivo grande importancia en zonas onde houbo choivas fortes
- O ano pasado a pataca rexistrou bos prezos en xeral. Que pode avanzar das previsións para este ano? O ano pasado os prezos foron realmente moi bos e este ano eu penso que tamén serán bos. Seguramente se vai a poder seguir exportando a Europa porque a industria europea necesita moita materia prima. Actualmente, Exipto está a meter pataca en Europa, pero non está a ter a calidade que se esperaba dela. Agora mesmo estase arrincando pataca española aquí en Cartaxena cuns prezos moi bos e en pouco tempo entrará en produción Sevilla, co Val do Guadalquivir. Eu o que preveño é que a sanidade deste ano vai ser mala, sendo sincero, e que as producións van ser baixas. Vai haber moitos agricultores que terán problemas nos seus cultivos. - A praga de corentena polilla guatemalteca da pataca segue sendo un problema en Galicia? Eu considero que Galicia está a loitar adecuadamente contra esta praga. Apareceu en 2015 na zona de Ferrol, foise estendendo por diversos puntos de Galicia, pero foise erradicando cunhas medidas adecuadas. Nos municipios onde aparece a praga non se permite plantar pataca ata que pasen dous anos desde a última detección dun adulto nas trampas de feromona. En Asturias conseguiron erradicala e en Galicia eu creo que van en camiño diso tamén. - A que pragas débese prestar maior atención neste 2024? A climatoloxía vai xogar un papel importante. O ano pasado, a enfermidade máis importante foi a verticilosis, tanto na zona de Xinzo como na de Bergantiños, ademais doutras áreas onde houbo choivas fortes na primavera e nos meses de maio ou xuño. Producíronse encharcamentos, polo que tivo forte presenza o verticilium albo-atrum, un fungo que produce a enfermidade da verticillosis, contra a que non hai materia activa que sexa eficaz e que produce unha diminución da colleita bastante importante. Polo que lin nas estimacións da Xunta, na zona da Limia, que habitualmente se cultivan uns 120 millóns de kg, o ano pasado a colleita quedou en 80 millóns de kg e o principal causante desta baixada foi a verticilosis.

Aumenta a produción e o rendemento do millo forraxeiro co biofertilizante Neoforce® N Fixer

Na actualidade, a biotecnoloxía conseguiu numerosos avances no sector agrícola. Fertiberia TECH está sempre á vangarda en produtos tecnolóxicos para a agricultura, que complementan as prácticas de fertilización actuais coa finalidade de crear un camiño que leve a optimizar producións e obter a maior rendibilidade dos nosos cultivos, contribuíndo a unha maior sustentabilidade e respecto polo medio ambiente.

A nova liña Neoforce® con tecnoloxía Care de Fertiberia TECH centra o seu desenvolvemento en solucións de biofertilización, bioprotección e bioestimulación. A aplicación de Neoforce® N Fixer aumenta a biodispoñibilidade, fixación e absorción de nutrientes por parte da planta. Destinado a cultivos con grandes requirimentos nutricionais e un alto grao de tecnificación, está desenvolvido especialmente para a fixación biolóxica de nitróxeno. Induce a síntese de sustancias que atrasan o envellecemento das células vexetais prolongando a actividade fotosintética e reducindo as perdas nutricionais, aumentando a eficiencia enerxética.

Trátase dun biofertilizante único no mercado formulado como concentrado soluble (SL) a base dun consorcio de 3 microorganismos fixadores de nitróxeno: Azospirillum brasilense (109 ufc/ml*), Azotobacter vinelandii (109 ufc/ml*) e Rhizobium leguminosarum (109 ufc/ml*) [unidades formadoras de colonias].

Este potente consorcio de microorganismos, aos que se lle incorpora a tecnoloxía Care, actúa en equilibrio tanto no microbioma da folla como no microbioma do chan de forma libre, asociativa e simbiótica. Ademais, a exclusiva composición de Neoforce® N Fixer contén elicitores moleculares metabólicos (lipoquitooligosacáridos) que actúan como moléculas sinal na comunicación “microorganismo-planta-microorganismo”.

Os principais beneficios da aplicación de Neoforce® N Fixer son os seguintes:

1. Fixación de nitróxeno e asimilación de nutrientes
Neoforce® N Fixer está composto por un consorcio de microorganismos (libres, asociativos e simbióticos) e un conxunto de bioactivos sinal que, ao colonizar raíces e follas, son capaces de transformar o nitróxeno atmosférico en formas de nitróxeno asimilables polos cultivos. Ademais, axuda a reducir a perda de nitróxeno por lixiviación de maneira indirecta, mediante a promoción do crecemento das raíces das plantas e a mellora da súa capacidade para absorber e utilizar o nitróxeno dispoñible no chan.

2. Promoción do crecemento
Uno dos efectos de Neoforce® N Fixer é a indución da síntese de ácido indolacético (fitohormona vexetal de crecemento). Esta fitohormona é fundamental durante os primeiros estados de implantación do cultivo, imprescindible para o seu desenvolvemento e crecemento. Ademais, mellora o desenvolvemento radicular, promovendo o desenvolvemento das raíces adventicias. Desta forma, as novas plantacións están mellor preparadas para a absorción de auga e nutrientes.

3. Mitigación de tensión
A activación da encima ACC-desaminasa bloquea a síntese de etileno que xeran as plantas baixo condicións de tensións. Este fenómeno xera un efecto positivo sobre a fisioloxía vexetal dos cultivos, atrasando o envellecemento das células vexetais e mellorando a capacidade fotosintética.

Ensaios demostrativos en Asturias e Galicia
A eficacia de Neoforce® N Fixer foi testada en diversos campos demostrativos nas provincias de Lugo e Asturias na campaña de 2023 en millo forraxeiro, onde se comparou coa non aplicación do produto (control). Observouse que aquelas plantas nas que se aplicou o biofertilizante de Fertiberia TECH mostraban unha coloración foliar máis verde e menor cantidade de restrollos (menor cantidade de follas secas e ausencia de síntomas de carencias). A produción de materia verde estimouse pesando mostras de plantas enteiras. Nos campos, obtivéronse aumentos de produción superiores a 4 toneladas/ha, cunha media de +6,7 toneladas/ha (+13 %), acompañados dun aumento no contido de proteína soluble, cando se aplicou Neoforce® N Fixer.

Como se aplica Neoforce® N Fixer?
Neoforce® N Fixer pode aplicarse en todo tipo de cultivos, xa sexa de maneira directa ao chan ou foliarmente. No cultivo de millo recoméndase a aplicación de 3 L/ha, desde pre-emerxencia ata post-emerxencia precoz cando as plantas de millo presenten 3-4 follas verdadeiras.

Abre a convocatoria de axudas para as explotacións agrarias de titularidade compartida

O Ministerio de Agricultura abriu a convocatoria para a concesión directa de subvencións ás explotacións agrarias de titularidade compartida para este ano, por un importe que supera os 1,7 millóns de euros. A finalidade destas axudas é contribuír ao pago das cotas da Seguridade Social ás que se atopan obrigadas as persoas titulares das explotacións agrarias de titularidade compartida.

As axudas diríxense a explotacións agrarias que se atopen inscritas en situación de alta no rexistro de explotacións agrarias de titularidade compartida do ministerio, cun mes de antelación á data de publicación do devandito extracto da orde de convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE). A contía máxima anual alcanza os 1.500 euros por explotación beneficiaria e convócanse en réxime de concesión directa, sen estar suxeitas á concorrencia competitiva das persoas solicitantes. O prazo de presentación da documentación é de 15 días hábiles, contados a partir do 4 de maio.

Dentro do paquete de medidas lexislativas aprobadas en xullo de 2022, destinadas aos traballadores autónomos, incluíuse o aumento da bonificación na cota do cónxuxe do titular da explotación agraria de titularidade compartida, que pasa do 30 % ao 40 %, medida aplicable desde xaneiro de 2023 por un período de cinco anos e que é compatible con estas axudas.

Consulta máis información sobre as axudas na páxina web do ministerio.

Os prezos no mercado de Amio mantéñense nunha feira con pouca afluencia

Motivado pola festividade da xornada de onte, Día do Traballador, e á falta de concorrencia de gando de recría, tan só 194 reses pasaron polo Mercado de Gando de Amio. En concreto houbo 30 cabezas de vacún mediano e 158 de vacún maior. En canto aos prezos, mantivéronse os da sesión do 24 de abril. Os vogais da Mesa de Prezos da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega decidiron por maioría manter os prezos da sesión anterior para todas as categorías e as calidades desta carne. Máis información - Táboa de cotizacións de Amio (1-V- 2024).

Baixada nos prezos do vacún maior en Silleda

Na xornada deste martes, a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca (Silleda) rexistrou unha baixada de prezos case todas as categorías de vacún maior e dos becerros carniceiros, que son as poxas que se celebraron. A cancelación da poxa de becerros de recría estaba prevista e débese ao festivo do mércores, 1 de maio. En canto á afluencia de gando, nesta xornada pasaron polo recinto un total de 279 animais, dos cales 249 foron adxudicados. Prezos do vacún Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. Nos becerros carniceiros, os machos de cruces industriais diminuíron o seu valor en 144 euros e chegaron aos 1.185 euros. As femias baixaron ata os 973 euros (-30 euros). Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.206 euros de media os machos, o que supón un incremento de 15 euros, mentres que as femias soben 54 euros e alcanzan un valor medio de 1.080 euros. Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema incrementaron o seu valor 63 euros ata conseguir un prezo de referencia de 1.137 euros. No vacún maior houbo baixada en case todas as categorías. Nos da categoría extra, o descenso do prezo foi de 137 euros e quedou nun valor medio de 2.126 euros. Os animais da categoría primeira subiron 2 euros e alcanzaron os 1.174 euros de valor medio, mentres que os de categoría segunda baixaron 48 euros, ata os 762 euros. Por último, nesta xornada vendeuse un animal de desfeito por un prezo de 537 euros. Os animais comercializados baixo selo Vaca y Buey de Galicia incrementaron o seu valor medio en 488 euros con respecto da semana pasada e pasan a cotizarse de media a 3.133 euros. Mesas de prezos As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a pasada semana. Así, o porco selecto queda nos 1,835 euros; o normal en 1,81 euros e o de Canle II nos 2,351 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 0,9 e 0,96 euros o quilo. Nos leitóns , os exemplares chegados dunha única granxa están nos 105 euros (cun prezo de 5,25 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 100 euros e cun prezo por quilo de 5 euros. En ambos os casos houbo un descenso de 2 euros. O mercado do ovo presenta baixadas do 0,03 e 0,05 con respecto á semana pasada, excepto os da XL, que quedan igual (2,83 euros). Os da L presentan unha baixada de 0,03 e alcanzan os 2,28 euros e nos da M e a S a baixada é de 0,05 e quedan nun valor medio de 2,08 e 1,77 euros, respectivamente. O prezo do coello mantense igual, nos 2,20 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Cales son as trampas máis eficaces e selectivas para capturar vespa velutina?

Sandra V. Rojas Nossa, Salustiano Mato, Pilar Feijóo, Aarón Lagoa e Josefina Garrido, investigadores do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, realizaron diferentes investigacións que recolleron no artigo 'Comparación da eficacia e selectividade de trampas con cebo para a captura do avispón invasor Vespa velutina'. A finalidade do estudo céntrase en comparar a efectividade (taxa de captura de V. velutina) e selectividade (taxa de captura de V. velutina/taxa de captura de especies non obxectivo) de catro modelos de trampa. As trampas con cebo utilízanse comunmente para tentar reducir a poboación invasora do avispón asiático Vespa velutina. Con todo, o método xera controversia porque a evidencia suxire que a captura primaveral non é eficaz para reducir a poboación e tamén polo elevado número de capturas doutras especies. No entanto, apareceron no mercado novos modelos que reivindican a súa selectividade. Neste proxecto, que levaron a cabo na primavera de 2022 no suroeste de Pontevedra, dividiron o terreo nunha cuadrícula de 1 km2 nunha rexión costeira da provincia e eliximos cuadrículas con relativa abundancia de colonias de V. velutina- o ano anterior, entre 1 e 8 niños/km2. En cada cuadrícula asignouse aleatoriamente un modelo de trampa. En total, colocaron seis trampas de cada modelo para un total de 24 trampas. Efectividade e selectividade de trampas con cebo destinadas a capturar a avispa asiática invasora Vespa velutina. (a) Efectividade e (b) selectividade transformada logarítmicamente Durante o proxecto probaron catro tipos de trampas, tres comerciais e un prototipo. A trampa VespaCatch® (trampa V), Véto-pharma, ten tapa negra con dous orificios de entrada laterais e un recipiente de plástico amarelo que contén o líquido atraínte, onde os insectos morren afogados. A trampa Econex® (trampa X) ten teito verde, tapa amarela cun buraco central e un recipiente transparente cunha malla plástica que divide o colector en dúas partes; a base que contén o cebo líquido é unha cámara principal onde os insectos morren por esgotamento. A trampa Eva® (trampa E), consta dunha botella de plástico transparente con dúas pezas laterais amarelas. Estas teñen un buraco máis grande que funciona como entrada e catro buracos máis pequenos que se utilizan como saída de insectos. Ademais, a trampa está provista de bólas de arxila expandida, para evitar que os insectos morran por ahogamiento, e bridas de plástico que permiten aos insectos camiñar cara ás saídas. A cuarta trampa foi un prototipo en fase de desenvolvemento industrial (trampa R). Consta dunha tapa transparente en forma de cúpula provista de dúas entradas laterais e un recipiente amarelo que sostén o atrayente líquido. O colector está dividido por unha malla de plástico onde os insectos morren por esgotamento. Probaron a efectividade e selectividad de catro modelos de trampa: (a) VespaCatch, (b) Econex, (c) Eva e (d) unha trampa en desenvolvemento. Todas se encheron co mesmo tipo e cantidade de cebo A trampa E tivo unha maior efectividade e unha maior selectividade, mentres que a R tivo a menor efectividade e selectividade. As trampas VespaCatch e Econex tiveron altas taxas de captura, pero tamén a selectividade máis baixa das trampas avaliadas, con capturas de especies nativas vulnerables. En conclusión, "o trampeo continúa sendo ambientalmente insustentable e non recomendado como método de control en rexións cunha poboación invasora establecida", destacan os investigadores. Todas elas son trampas usadas en Galicia e en canto ao prezo, "probablemente o custo económico é menor en termos do que custa a compra dunha trampa, pero non se estimou o custo que implica a afección para as especies nativas e por tanto para os servizos ecosistémicos; é dicir, aqueles servizos que achegan os ecosistemas aos seres humanos", indican.

Trampa ambientalmente sustentable

Nos resultados indícase que, coas trampas probadas, a captura con cebo segue sendo ambientalmente insustentable e non se recomenda como método de control en rexións cunha poboación invasora establecida. Todo isto está motivado pola diversidade e abundancia das especies nativas. Así mesmo, indícase que as trampas son altamente contaminantes e para conseguir un trampeo ambientalmente sustentable deberíanse empregar aqueles aparellos que só capturen a Vespa Velutina. Nas conclusións tamén se indica que a trampa E supón unha mellora en termos de selectividade ao comparar as taxas de captura doutras trampas. Isto vén motivado porque "todos os detalles do deseño dunha trampa inflúen sobre a súa funcionalidade. Probamos as trampas como un todo e non comparamos os diferentes detalles entre elas. Iso requiriría un deseño experimental diferente". Por iso, non é recomendable utilizar a trampa E, porque "a captura con cebo é unha ameaza adicional para a biodiversidade nativa, o que se aplica a esta trampa". En Galicia úsanse moitas trampas. Até agora non hai estudos que demostren que hai unha trampa efectiva e completamente selectiva.
No grupo de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo seguen a traballar na procura de métodos de control de V. velutina que sexan eficientes e selectivos
Adicionalmente, a evidencia científica demostra que o trampeo de primavera non reduce a cantidade de nidos nunha área. Moitas veces o argumento que se usa para xustificar as capturas de insectos nativos no trampeo de primavera, é que probablemente as colonias nas que as raíñas fundasen consumirían unha cantidade de insectos similar ou mesmo maior. Pero este argumento non é válido, xa que os insectos que caen nas trampas e os que consome V. velutina non son os mesmos, e por tanto o trampeo é unha presión engadida sobre as especies nativas. Por estas razóns, a recomendación neste momento continúa sendo non usar trampas con atraínte polos danos ambientais que leva o trampeo. No entanto, prodúcense novas trampas e atraíntes que hai que probar. No grupo de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo continúan traballando na procura de métodos de control de V. velutina que sexan eficientes e selectivos. "En base aos nosos estudos estamos a deseñar un novo modelo que pretende mellorar os resultados obtidos, para o que é clave un estudo enfocado en determinar se existen atrayentes realmente selectivos", conclúen.

Os prezos do mercado de Amio mantéñense estables

Os prezos do gando que concorreu hoxe ao recinto feiral do Mercado de Amio se matienen igual á sesión anterior. En canto á asistencia de gando, na sesión de hoxe pasaron polo recinto 1.680 reses, 389 máis que á do 17 de abril. En detalle, asistiron 1.459 cabezas de vacún menor (399 máis que na sesión anterior); 60 de vacún mediano (-10) e 161 de vacún grande (igual que o pasado mércores). Os vogais da Mesa de Prezos da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega decidiron subir 0,02 euros os prezos da sesión anterior para todas as categorías e as calidades desta carne. Máis información - Táboa completa dos prezos de Amio (24-IV-2024)

Baixada de prezos nos becerros carniceiros en Silleda

Na xornada de hoxe, a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca (Silleda) rexistrou unha baixada de prezos nos becerros carniceiros, mentres que no vacún maior hai suba en case todas as categorías. En canto á afluencia de gando, nesta xornada pasaron polo recinto un total de 782 animais, dos cales 730 foron adxudicados; cifras moi inferiores ás da pasada semana, que superaron os 1.000 animais. Desde a organización indican que con motivo do festivo do 1 de maio, o martes 30 de abril suspéndese a poxa de becerros de recría e só se celebra a de cebados e vacas. Prezos do vacún Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 149 euros (+19 euros respecto da pasada semana); os de 21 a 50 días a 170 euros (+11 euros) e os de máis de 50 días a 211 euros (+2 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 337 euros e baixaron 47 euros con respecto á xornada anterior; os de 21 a 50 días chegaron aos 442 euros e subiron 21 euros o seu valor medio e os máis adultos incrementaron o seu valor en 97 euros, ata alcanzar un prezo medio de 649 euros. Nos becerros carniceiros, os machos frisóns tiveron un valor medio de 762 euros, é dicir 67 euros menos que a semana pasada. Os machos de cruces industriais, diminuíron o seu valor en 8 euros, ata quedar en 1.041 euros. Mentres, as femias incrementaron en 58 euros e quedaron nun valor medio de 1.003 euros. Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.191 euros de media os machos (-94euros) e a 1.026 euros as femias (-32 euros). Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema baixaron o seu valor 140 euros até conseguir un prezo de referencia de 1.075 euros. No vacún maior houbo subida en case todas as categorías, fóra dos animais extra, que baixaron 89 euros o seu valor medio e quedaron nos 2.263. Os animais da categoría primeira subiron 26 euros e alcanzaron os 1.171 euros de valor medio, mentres que os de categoría segunda subiron 60 euros, até os 810 euros. Por último, nesta xornada non se vendeu vacún de desfeito. Os animais comercializados baixo selo Vaca y Buey de Galicia incrementaron o seu valor medio en 77 euros, con respecto da semana pasada, e pasan a cotizarse de media a 2.645 euros. Mesas de prezos As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a pasada semana. Así, o porco selecto queda nos 1,835 euros; o normal en 1,81 euros e o de Canle II nos 2,351 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 0,9 e 0,96 euros o quilo. Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 107 euros (cun prezo de 5,35 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 102 euros e cun prezo por quilo de 5,1 euros. En ambos os casos houbo un descenso de 1 euro. O mercado do ovo presenta baixadas do 0,02 e 0,04 con respecto á semana pasada, excepto os da XL, que quedan igual (2,83 euros). Os da L presentan unha baixada de 0,02 e alcanzan os 2,31 euros e nos da M e a S a baixada é de 0,04 e quedan nun valor medio de 2,13 e 1,82 euros, respectivamente. O prezo do coello tamén baixou 0,10 e está nos 2,20 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).