All posts by Laura Martinez

Cabra mee, as cabras como proxecto de presente e futuro

“Na miña casa sempre houbo algunha cabra e foron uns animais que sempre me gustaron, por iso decidín que ese podía ser o meu proxecto de futuro”, explica Isaías Medela. Este mozo da parroquia de Vilatuxe, en Lalín (Pontevedra), decidiu apostar polas cabras no concello con máis vacas de Galicia. “Tiña claro que vacas non quería, en parte polo importante investimento que supón comezar de cero cunha granxa de vacún”, apunta. Comezou hai pouco máis de dous anos coa gandería de cabras xunto co seu pai Miguel, que xa mercara a primeira parella de animais cando el era apenas un cativo. Entre ambos compaxinan os labores de coidado da gandería Cabra mee. Hoxe teñen un rabaño de 160 animais e queren chegar a ter 600 cabezas, a base de recría propia e da incorporación de cabras de raza pura.
“A verata é unha raza que se adapta ben tanto para a produción de leite como de carne, ademais come ben, engorda ben e é bastante rústica”
En agosto do 2021 mercaron o primeiro lote de cabras para comezar coa actividade profesional. Daquela trouxeron unhas 70 cabras procedentes da Serra de Gredos (Ávila). Recoñece que nestes primeiros tempos tamén tiveron certas dificultades. “A humidade que temos en Galicia foi un problema para as cabras e tiveramos moitas baixas por iso naquel primeiro inverno. Tamén é certo que eran cabras adultas, ás que lles costa máis adaptarse que se foran cabritas novas”, recorda Miguel. A maior parte das súas cabras son de raza Verata, aínda que tamén teñen cruces de raza Malagueña. “Gústanos a Verata porque é unha raza que se adapta ben, tanto para a produción de leite como de carne, ademais come ben, engorda ben e é bastante rústica”, explican os gandeiros. Polo momento non barallan incorporar outras razas, pero están interesadas en coñecelas. “Este ano estivemos na Semana Verde con criadores de cabras de raza galega e habemos de visitar a súa gandería para coñecer máis sobre esta raza”, valoran os pastores.

O día a día co rabaño

Todos os días, o rabaño sae ó monte ou ó prado a pacer, agás no inverno cando está moi mal tempo, que quedan na corte con herba seca. “Case sempre imos os dous co rabaño e cando non, o que queda prepara as cortes ou atende os cabritos pequenos”, apunta Isaías. Manexan unha superficie de arredor dunhas 100 hectáreas de monte e pradeiras. “Hai moita xente que nos deixa prados para lle pacer antes de anovalos. Tamén hai quen nos deixa fincas de monte para que non se lle cubra de maleza”, indican os gandeiros. Só de prados dende finais de verán pacen unhas 50 hectáreas. “Por agora aínda son poucas cabezas de gando, pero cando cheguemos ás 600 ha de ser un importante método para previr lumes”, reivindica Isaías.
En determinadas épocas do ano xestionan arredor dunhas 100 hectáreas de monte e pradeiras. Teñen previsto sementar cereais en parte destas fincas para complementar a alimentación do gando
A alimentación das cabras céntrase no pasto e compleméntase con herba seca. Porén, Isaías pretende sementar cebada e trigo nos próximos anos para introducir tamén estes cereais e a palla na dieta dos animais, xa que teñen previsto comezar coa produción de leite para a elaboración de queixos. “Co aporte de cereais conséguese que as cabras teñan máis leite tanto para criar as crías como para aproveitar para facer queixos”, explica Isaías. A produción propia de cereal teñen pensado realizala tamén en zonas de monte, un xeito máis de contribuír a reducir o risco de incendios forestais. De feito, aínda que Isaías case non o viviu por ser aínda un cativo, tanto seu pai como seu avó foron durante anos quen se encargaban de colleitar o trigo e o centeo, ó contar cunha das poucas malladoras na zona.

Coñecer outras ganderías

Antes de comezar coa súa, Isaías estivo tamén en contacto con outros gandeiros de distintas zonas de España para coñecer de preto como era o oficio de pastor e ter maior coñecemento destes animais. Así, hai 4 anos estivo en Ávila, nunha gandería con cabras Veratas onde tivo oportunidade de coñecer máis sobre a raza. Tamén estivo nunha gandería de Los Gallardos (Almería), onde contaban con cabras de leite e ovellas de carne. “Foi un xeito de ver como traballaban en distintas ganderías e coñecer outras oportunidades de negocio, xa que nunha delas tamén tiñan visitas con rapaces á gandería, unha iniciativa que nós tamén estamos valorando”, detalla Isaías. Ademais, recoñece que agora mantén moi boa relación con eses gandeiros, co que foi un xeito de crear contactos profesionais no sector.

Primeiros pasos para a produción de queixos

Polo de agora, os animais que van nacendo na gandería dedícanos para a recría, no caso das femias, mentres que os machos os comercializan directamente tanto a veciños coma a restaurantes locais. Teñen previsto centrarse tamén na produción de leite para a elaboración de queixos, de feito nos últimos meses estiveron xa comezando coas primeiras probas. “Estivemos facendo xa algúns queixos e dándollos a probar ós coñecidos e amigos para ir tendo valoracións do produto”, indican.
Teñen previsto comezar coa queixería propia no 2025
Aínda que nun primeiro momento valoraron alugar unha nave para a queixería, optaron por instalala nas proximidades da granxa para poder optimizar o tempo e compaxinar a atención da gandería coa elaboración dos queixos. “ A intención é comezar coa queixería de cara ó 2025”, apunta Isaías. Xunto coa produción de queixos, en Cabra mee tamén teñen pensado realizar visitas á gandería. “Queremos que a xente poida achegarse e coñecer como é atender unha gandería e mesmo vir coas cabras, para disfrutar da tranquilidade e a paz de estar no monte co rabaño”, reivindican os gandeiros. De feito, xa tiveron algunhas experiencias con grupos de nenos dos campamentos estivais ou de grupos que se achegan ata a capital dezana para coñecela, tendo deste xeito unha oportunidade de ver de preto os seus montes e unha forma de vida no rural coa gandería.
  • Este contido elaborouse en colaboración co Mercado de la Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

“É preciso profesionalizar a produción de castaña en Galicia”

Galicia conta coa industria da castaña máis importante de España, con empresas tanto de primeira como de segunda transformación da castaña que compiten a nivel mundial, xa que teñen clientes en máis de 30 países. Cada ano, comercialízanse dende Galicia entre 15 e 20 millóns de quilos de castaña, porén o problema é que na actualidade só uns 5 millóns de quilos son castañas producidas nos soutos galego. “Debemos profesionalizar a produción da castaña en Galicia para que o sector continúe a ser punteiro a nivel nacional e internacional”, reivindica Jesús Quintá, presidente da IXP Castaña de Galicia e xerente de Alibós Galicia, a principal empresa encargada da primeira transformación da castaña, non só en Galicia senón en toda España. Quintá explicou nas XXXIV Xornadas Luís Asorey, celebradas recentemente en Lugo, algunhas das claves para comprender a situación e os retos que se lle presentan ó sector da castaña na actualidade.

A comercialización da castaña

Desde os anos 40, dende Galicia e outros puntos de España exportábase gran cantidade de castaña a Sudamérica, pero, nos últimos anos, os países latinos deixaron de importar castaña e só se mantén a demanda en Brasil, aínda que tamén deixou de ser un cliente de España e agora importa castaña de Portugal. “Só no Nadal, en Brasil consumen máis de 3.000 toneladas de castañas”, indica Quintá. A comercialización da castaña galega está marcada pola industrialización do sector, que comezou nos anos 60 da man de empresas como Cuevas, que comezou a pelar castaña en Ourense. Isto supuxo un gran cambio, posto que de consumirse de xeito local, á marxe das exportacións que se viñan facendo a América, así como a cidades como Madrid, Barcelona ou Bilbao, abriuse unha nova vía de comercialización da castaña.
Os asadores das grandes cidades, tanto españolas como europeas están a ser un dos principais destinos das castañas galegas que se venden en fresco
Hoxe en día, a comercialización da castaña en España está dirixida a tres circuítos: en fresco, tras unha primeira transformación ou en produtos elaborados nunha segunda transformación. O 50% da castaña galega consúmese en fresco. Unha parte consúmese en Galicia, outra destínase ós mercados centrais de cidades como Barcelona ou Madrid, de onde se distribúe a pequenas tendas e outra parte véndese nos supermercados. “A maior parte das castañas en fresco que se venden en España, comercialízase nos asadores, e cada vez máis cantidade ten este destino”, explica Quintá. Dende o inicio da campaña ata mediados de novembro comercialízase neste mercado nacional, mentres de novembro en adiante destínase á exportación. Outra gran cantidade de castaña destínase á primeira transformación, é dicir, castaña que se pela e é seleccionada. “O proceso de pelado da castaña é probablemente un dos procesos máis complicados que hai, por iso non hai moitas fábricas de pelado”, explica Quintá, xerente de Alibós, a principal industria de primeira transformación de castaña de España. Unha vez pelada e conxelada, a castaña comercialízase embolsada en distintos tamaños, que se distribúe en supermercados de todo mundo. “En España temos feito probas, pero non se consume a castaña así, mentres que si ten saída para a hostalería”, explica Quintá.
A castaña galega conxelada consúmese en países como Estados Unidos, Francia, Suiza ou Xapón
Precisamente un dos destinos desta castaña conxelada é Estados Unidos, onde hai empresas que empregan a castaña galega para o recheo do pavo que se cea habitualmente en Acción de Grazas. Francia, Suiza e Xapón son outros dos principais destinos da castaña galega conxelada e pelada. Tamén se comercializa a castaña en grandes envases para os clientes que transforman a castaña e a empregan como ingrediente doutras preparacións, como os purés ou cremas en Francia ou acompañamentos de carnes noutros países. De cara o Nadal, tamén en Francia se emprega a castaña para recheo do pavo, un dos principais pratos nestas celebracións. “Nos supermercados franceses, ter castaña para o Nadal é un reclamo, xa que ás veces é difícil conseguilo, xa que queda desabastecido o mercado”, explica. O destino da castaña galega tras esta primeira transformación é o mercado nacional (11%), así como Europa (51%) e fóra da UE (38%). “É un produto que vai para todo o mundo polo que tiñamos que intentar mimalo máis, producir e tentar que a xente nova se involucre nela”, anima Quintá. Principais destinos da castaña galega trala primeira transformación. Outra parte da castaña que se comercializa en Galicia faise tras unha segunda transformación. En Galicia, algunhas das empresas transformadoras son Cuevas Marrón Glasé, Naiciña ou pequenas iniciativas como Caurelor. Mentres, no resto de España, non se aposta tampouco por esta segunda transformación da castaña. A castaña galega acaba empregándose en países como Inglaterra onde inclúen as castañas en moitos acompañamentos dos seus pratos, así como en Bélxica onde se consume gran cantidade de sopa de castaña. Mesmo se fai cervexa con castaña, en Córcega ou Portugal, ou café de castaña en Xapón.

Castaña para alimentación animal

Dende hai uns anos, unha parte da produción da castaña en Galicia destínase á alimentación animal, como se viña facendo cos porcos cebados nas casas. Todo comezou no 2007 cando dende o sector se fixo un estudo coa Universidade de Santiago para coñecer en detalle o aporte que supuña complementar a dieta con castañas. Ese estudo determinou que incluír castañas proporcionaba unha maior fixación da graxa, así como un sabor máis intenso.
Cada ano Coren merca 4 millóns de kilos de castaña para alimentar ós porcos das súas granxas Selecta
Hoxe unha das empresas motores do sector porcino en Galicia como é Coren consume 4 millóns de quilos de castaña para as granxas Selecta. “Todos os días saen das instalacións de Alibós unhas 15 toneladas de castaña para alimentar estes porcos”, apunta. Os porcos consumen as castañas peladas, a maior parte dela véndenlla conxelada, ben sexa picada ou enteira, así como en fariña.

Como é a castaña de calidade?

“O máis importante na produción de castaña é conseguir lotes homoxéneos, e este é un dos grandes problemas que temos en Galicia”, apunta Jesús Quintá. En Galicia hai 81 variedades de castaña catalogadas e prevese que haxa máis que aínda non foron clasificadas. “O mercado quere unha castaña homoxénea, que poida asar, cocer ou facer purés e que funcione igual e isto en Galicia é moi difícil” explica. Así, as industrias galegas recoñecen que cando teñen que dispoñer dun lote dunha mesma variedade de castaña deben de botar man de zonas produtoras onde hai esa homoxeneidade, coma Portugal, Extremadura ou Chile, xa que en Galicia lles resulta imposible. A calidade do produto e a homoxeneidade son os principais motivos polos que a castaña en Portugal se está a pagar a máis do dobre que en Galicia. “A xente en Galicia pensa que imos buscar a castaña portuguesa porque é máis barata e levan anos pensando iso cando o facemos porque aquí non temos castaña homoxénea, está toda mesturada”, explica Quintá.
“A castaña de mellor calidade está en Galicia, o problema é que está mesturada moitas veces con outra de peor calidade e os mercados agora están a demandar variedades concretas de castaña" (Jesús Quintá, Presidente da IXP Castaña de Galicia)
“A castaña de mellor calidade está en Galicia, o problema é que está mesturada moitas veces con outras de peor calidade e os mercados agora están a demandar variedades concretas de castaña”, valora Quintá. A falta de trazabilidade en canto á variedade de castaña prevén que sexa un dos problemas ós que o sector deba facer fronte. Para considerarse unha castaña de calidade, ademais de contar con lotes homoxéneos, debe ter un sabor doce e unha textura firme. “A Castanea sativa é unha castaña que ten bo sabor, doce e por iso ese olor peculiar dos asadores de castañas”, apunta. Ademais, debe ter unha baixa tabicación, inferior ó 12%. Tamén se busca que haxa certa precocidade, pero que ó mesmo tempo sexa un froito que chegue ó Nadal, xa que é unha época na que en Europa, un dos principais mercados para a castaña galega, se consume moita castaña. “Temos que ter tanto variedades de cedo como máis de tarde, para conseguir que chegue a esas datas. O problema é que se está plantando moita castaña de cedo e se fai calor, coma este ano no mes de setembro, non se consume en fresco”, explica Quintá. O sector procura tamén variedades que permitan unha boa conservación. Segundo apuntan, as variedades tardías amosan unha mellor conservación, de aí que tamén resulten de maior interese. Así, hai castes de Sativa que se conservan máis dun mes, cando noutras variedades acadar estes prazos resulta impensable. Apréciase ademais que as castañas teñan a pel sen defectos e unha boa resistencia a fungos, así como certa facilidade de pelado e resistencia no proceso de desinfectación, un procedemento que se fai a día de hoxe con auga quente, polo que é preciso que tampouco se coza con este tratamento. Estas características son importantes tanto para o consumo en fresco, como para a transformación industrial, en derivados como fariña, purés ou cremas. A elección de variedades axeitadas é unha cuestión na que veñen avogando desde a IXP xa desde hai anos e no 2016 apostaban principalmente por 9 variedades, nas que se centraban as axudas de plantación. Dende a IXP recoñecen que se está a traballar para conseguir esa castaña de calidade e para abordar os retos a nivel sanitario que van xurdindo. “Traballouse moito xa contra o chancro do castiñeiro, tamén contra a avespiña e agora contra os fungos”, explica Quintá. Así, dende a industria levan anos tentando unha maior profesionalización dos produtores e que se fagan plantacións profesionais de castiñeiros, seguindo modelos de éxito como en Francia, Portugal ou Italia, para que as industrias poidan botar man da produción galega.

“Eu teño as viñas para vivir delas, pero ante todo porque lle quero ás miñas cepas”

Josefa Álvarez é un exemplo do orgullo e o amor polo viñedo”. Así reivindicaban dende o Consello Regulador que esta viticultora de As Chas (Oímbra) fose unha das últimas incorporacións á Confraría dos Viños de Monterrei. Falamos con ela para coñecer como traballa nas súas viñas, como comezou no mundo do viñedo e o futuro que lle ve ó sector, entre outros temas. -Este verán incorporácheste á Confraría dos Viños de Monterrei, como recibiches este nomeamento? Que supón para ti formar parte da Confraría? -Para min foi un orgullo e unha enorme satisfacción. Nunca imaxinara que puideran pensar en min para formar parte da Confraría. De feito, cando me chamaron aínda lles dixen que valorasen a outras persoas, e non porque non quixera selo senón porque me parecía moi importante como para que me nomearan a min. Para min foi incrible. O acto foi moi significativo porque estiven rodeada da miña familia e mesmo me acompañou un neto que ten só 4 anos e ó que xa lle estamos amosando o amor polas viñas.
“A paixón polas viñas venme por meu pai, que xa me levou á vendima con apenas uns días de vida, metida nun cesto. El era un apaixonado das viñas e eu sempre fun detrás del”
-De onde che ven a vinculación co mundo do viño e os viñedos? -Nacín en agosto do 1965 e ese mesmo ano, en setembro, meu pai xa me levou á vendima con apenas uns días de vida, metida nun cesto. E dende aquela. Meu pai sempre foi un apaixonado das viñas e eu sempre fun detrás del. -Aprendiches entón de teu pai sobre o viñedo? -Si. Meu pai foi emigrante en Alemaña, pero marchou só co obxectivo de gañar diñeiro para volver e plantar as viñas. E así o fixo. Ó que tivo suficiente diñeiro volveu e plantounas e viviu coidando nas súas viñas. Así foi que del aprendín moito, como a facer os enxertos. Na miña casa tiven un gran referente no coidado do viñedo. -Cambiou moito o viñedo daquela a hoxe? -Dende logo. Daquela todas as cepas estaban en vaso, non había ningunhas en espaldeira, coma hoxe. Daquela meu pai tamén tiña dúas cabalerías para traballar os viñedos. Cando traballaba meu pai vendíase todo o viño a granel para a zona de Lugo. Eran outros tempos e outro xeito de traballar. Tiñamos moitas variedades que agora non traballamos, que tiñan un manexo máis sinxelo. O duro daquela era como estaban os viñedos, por ter que facer parte do traballo á man. Aquelo era outra vida. -Dende cando te centraches máis nos viñedos? - Eu tamén fun emigrante, marchei para Andorra, pero coma meu pai eu sabía que había volver para coidar o viñedo. No 1998 foi cando conseguín volver e xa comecei co viñedo. Nese momento reestruturamos a primeira viña. Tamén comezamos a mercar tractores para poder traballar doutro xeito. No 2004 e 2005 fomos arrancando e plantando novas cepas e así fomos facendo nos anos seguinte e aínda a día de hoxe seguimos. De feito, no 2024 imos plantar outro viñedo. Co que plantaremos este ano teremos unhas 4 hectáreas de viñedo no pobo das Chas, en Oímbra.
“No 2014 veu unha xeada tan grande que tivemos que podar as viñas de segunda no mes de maio. Foi horrible ver as cepas así. Aquela vendima só collín 42 caixas de uva, pero logramos salvar as cepas”
-Como foron estes anos no coidado do viñedo? -Tivemos algo de todo. Tes anos moi bos e outros malos nos que perdes. No 2014 caera unha xeada moi grande e aquela campaña fora horrible. Collera só 42 caixas de uva e tiven que podar a viña no mesmo ano dúas veces: unha no mes de febreiro e outra en maio. A xeada levarame as cepas todas á altura do arame, pero por abaixo quedara un gromo verde. Os técnicos da Extensión Agraria recomendárannos podala. A min nunca tal cousa me pasara na viña e decidimos seguir a súa recomendación. Foi horrible ver así as cepas. O meu marido non soportaba ver así de afectado o viñedo. Alá nos fomos e entre o meu fillo e máis eu nun día podamos de segunda volta as 1.700 cepas afectadas. Ó rematar a poda botámoslle un tratamento cicatrizante. Foi certo que só collemos esas 42 caixas de uva, pero conseguimos salvar a viña, que quedou impecable e non se lle nota que pasara por iso. Outro ano tamén tivemos o problema do lume. Un incendio moi grande queimárame moitas viñas e tivemos que replantar. Aquel ano fora moi complicado, porque quedaramos só con gastos. Finalmente tiveramos axudas da Consellería e o Concello. Dende aquela, teño aseguradas as viñas. -Como valoras a resposta da Administración nestes anos como viticultora? -Para min é moi importante todo o apoio que me brindaron sempre dende a Extensión Agraria de Verín. Os profesionais desta oficina sempre me facilitaron todas as xestións e me aconsellaron en todo o que precisei. É moi importante o labor que fan. -Estás ti soa para o coidado das viñas ou tes máis xente? -Son unha viticultora pequena porque estou eu soa, aínda que sempre conto coa axuda puntual da familia, cando poden. Así, tanto o meu marido coma o meu fillo encárganse dalgúns labores co tractor como a aplicación de tratamentos fitosanitarios, pero eu freso e aro a viñas. Da poda tamén me encargo eu soa. Nestes anos funlle collendo o xeito a podar para que a viña produza pouca uva e de moi boa calidade. -Que tipo de variedades tes nos teus viñedos? -Cando dende o Consello Regulador nos empezaron a recomendar plantar outras variedades autóctonas non sabiamos como ía resultar. Eu empecei plantando unha parcela pequena, duns 1.000 metros, con Mencía e outra con Treixadura e Godello no 2004. O ano seguinte volvín plantar outra parcela coas tres variedades. Cando a Treixadura comezou a producir xa vin que era difícil de traballar esta variedade e aquelas parcelas que plantara desta caste no 2005, no 2008 xa as enxertei de Godello.
“Eu son unha namorada do Godello, así é que de todos os viticultores do pobo, son a única que traballa con esta caste. Case todo o viñedo que teño é desta variedade”
Hoxe teño 525 cepas de Treixadura, 5.000 metros de Mencía e o resto é todo Godello e sigo plantando Godello. Son unha namorada do Godello. En todo o pobo, que aínda somos uns cantos viticultores, son a única que traballa co Godello. -Por que che gusta tanto o Godello? -Porque mentres para outros viticultores é difícil de traballar eu téñolle o xeito collido e gústame. Hai que saber traballar con el, xa que é verdade que é unha variedade que se a destapas moito quéimacha o sol, se non o destapas cólleche cinza... eu seino facer nos meus viñedos, resúltame fácil e gústame traballar con esta variedade. Hoxe por hoxe se puidera tería todo o viñedo de Godello. Tamén é certo, que a min gústame experimentar e non estou pechada a probar con outras castes, gústame traballar e descubrir cousas novas. Josefa nos seus viñedos. -Tes tamén adega ou vendes as uvas? -Dende 2007 son socia da adega Terras de Cigarrón e véndolle a eles as uvas, rexéndome polas pautas que marcan dende a adega. Dende hai uns anos a adega asociouse con Martín Códax e son eles agora os que marcan os parámetros que temos que seguir. -Como valoras a experiencia de comercializar así as túas uvas no canto de elaborar ti o viño? -Estou realmente contenta con este xeito de facelo, porque eu así dedícome ó coidado das viñas, que é o que me apaixona e non teño que buscar o xeito de comercializar o viño, que nos tempos de hoxe, sendo pequenos viticultores como é o meu caso, resultaría moi difícil abrir mercado. Ademais, así temos asesoramento tanto da adega como de Martín Códax e resulta de moita utilidade. Moitas veces avísante cando aparecen enfermidades noutros viñedos e así ti manteste alerta e vixías máis os teus para dar tratamento en canto sexa preciso.
"Animo á xente moza a que veña para os viñedos, xa que hai sitio para todos e futuro para eles nos viñedos"
-Veslle continuidade ás túas viñas? -Pois nunca se sabe as voltas que dará a vida. É verdade que o meu fillo agora ten outro traballo, pero tamén é certo é que a el as viñas tamén lle gustan. Ó igual que eu facía con meu pai, el dende que era pequeno andaba comigo nos viñedos. Agora nas fins de semanas sempre ven e cando me chama sempre se preocupa por como van as viñas. Mesmo fai coincidir as súas vacacións coa vendima. Do mesmo xeito, ó meu netiño, con 4 anos tamén lle estamos inculcando ese amor polas viñas, esa ilusión que a min me move. Eu teño as viñas para vivir delas, pero ante todo porque lle quero ás miñas cepas. Non sei se eles seguirán ou non coas viñas, pero o que teño moi claro é que no campo hai moito futuro. Eu animo á xente moza a que veña para os viñedos, xa que cabemos todos. Aquí, hai sitio para todos e futuro para eles nos viñedos. Só cómpre que se animen e aposten polos viñedos. Tamén os animo a que conten con nós, cos viticultores que xa estamos traballando, porque eu estarei encantada de ensinarlle a traballar nas viñas e a coidalas, como no seu momento me ensinaron a min.

Rías Baixas consolida unha viticultura sostible cunha aposta pola investigación e a innovación

A racionalización dos tratamentos e da fertilización da viña son algúns dos eidos nos que as adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas están a facer importantes esforzos dende hai tempo. Así é que son eixos nos que se centran algúns dos proxectos de investigación de I+D+i que están levando a cabo na actualidade e en colaboración con distintos centros de investigación, como o CSIC ou as universidades galegas. Un exemplo, en Martín Códax están a traballar en varias liñas de investigación coas que procurar unha viticultura máis sostible. A fertilización dos viñedos é unha das áreas nas que están a centrarse. Dende o ano pasado están a analizar o papel das cubertas vexetais para lograr unha fertilización máis respectuosa co medio ambiente. Trátase dun proxecto no que tamén colaboran as adegas da DO Paco&Lola e Altos de Torona, así como a Universidade de Vigo, e que terá continuidade aínda no 2024. Polo momento xa estiveron a realizar probas na pasada tempada ó sementar unha cuberta con gramíneas e leguminosas (avea e veza), que logo incorporaron como abono verde ó viñedo. “Con este estudo agardamos ter datos sobre como contribúen as cubertas naturais sementadas na fertilización das viñas ó incorporalas como abono verde, coa intención de reducir o aporte de fertilizantes sintéticos”, explica Miguel Tubio, director técnico da adega.
A adega Martín Códax estuda os beneficios das cubertas vexetais, xa sexan para incorporalas como abono en verde ou como cubertas permanentes, para labrar menos os viñedos
Non é o único traballo de investigación sobre prácticas máis sostibles que están a desenvolver nesta adega. Así, tamén relacionado directamente co mantemento do solo, levan xa 3 anos traballando en colaboración coa firma Agroasesor sobre prácticas de agricultura rexenerativa, como as cubertas vexetais permanentes, de maneira que se reduza o labrado do solo do viñedo. “Estamos vendo o gran potencial que este tipo de prácticas pode ter para incrementar a biodiversidade e fertilidade do solo e mesmo chegar a facer captura de carbono”, concreta Tubio. Outra iniciativa orientouse ó manexo da auga. Facer unha rega eficiente e un control das necesidades de auga das cepas foron os obxectivos marcados polo grupo operativo Regavid, no que tamén participou Martín Códax en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), e que é unha mostra da aposta pola innovación e a investigación para conseguir unha optimización dos recursos, xa que lles permite deseñar plans de rega do viñedo acordes ás necesidades da planta e facer un uso da auga máis eficiente.

Innovación para loitar contra as pragas no viñedo

A aplicación de tratamentos dos viñedos é outra das preocupacións nas adegas, por iso en Martín Códax tamén desenvolveron, en colaboración coa Universidade de Lleida unha investigación para realizar unha aplicación diferencial de tratamentos. En base a modelos de predición e tendo en conta o estado vexetativo da planta, grazas a imaxes aéreas conseguiron unha aplicación de tratamentos máis localizada e reduciron case nun 30% o emprego de fitosanitarios. “É preciso que a obtención destas imaxes sexa máis sinxela para que poidamos facer un uso mellor destas técnicas”, valoran dende a adega.
A aplicación localizada de fitosanitarios ou a detección precoz de pragas son algunhas das prácticas incorporadas por adegas das Rías Baixas para un manexo máis sostible
Buscar un control máis efectivo das pragas no viñedo foi tamén o obxectivo dun proxecto iniciado pola adega Lagar de Fornelos, no que en colaboración coa investigadora Cristina Cabaleiro abordaron estratexias para a protección das cepas de Albariño fronte o virus do enrolado da vide na zona do Rosal, onde se atopa a adega. “Moitas veces non se lle dá moita importancia a este virus, pero as cepas afectadas envellecen dun xeito prematuro e baixan moito os rendementos do viñedo, xa que a súa presenza estresa moito a planta”, explica Ángel Suárez, enólogo e director técnico da adega.
Lagar de Fornelos traballa en estratexia fronte ó virus do enraldo da vide
Coa intención de lograr un maior coñecemento sobre o desenvolvemento da enfermidade na subzona, así como dos insectos vectores que a transmiten (a cochinilla, entre outros), comezaron un traballo de investigación co que tamén estableceron pautas preventivas para combatela. “Apostamos por incorporar prácticas para a prevención da aparición tanto da enfermidade como do vector”, explica Suárez. Así, todas as novas plantas que adquiren son certificadas, o que lles ofrece unha maior seguridade a nivel sanitario, ó conter un menor risco de infección de virus. Ademais, inciden na formación do persoal que traballa nos viñedos para conseguir unha detección precoz do vector e poder atallar a súa presenza con tratamentos enfocados ás zonas afectadas.

O potencial vitivinícola das variedades autóctonas

Unha das liñas de investigación na que están centrándose varias adegas da DO Rías Baixas é na recuperación ou conservación de variedades autóctonas, debido ó potencial vitivinícola que amosan. A adega Viña Moraima, situada en Barro (Pontevedra), é unha das adegas que aposta polas castes autóctonas. No seu caso, e en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, están dedicando importantes esforzos á recuperación da variedade branca Ratiño. “Levamos máis de 10 anos tentando recuperar esta caste, que durante moito tempo foi moi cultivada nesta zona”, explica Roberto Taibo, enólogo da adega.
A adega Viña Moraima traballa en colaboración co CSIC para a recuperación da variedade branca Ratiño
A escasa produción e o sensible que esta variedade resulta foron os principais motivos polos que foi deixando de cultivarse a Ratiño. Con todo, hoxe consérvanse aínda cepas vellas en distintos viñedos, pero non se están a facer plantacións específicas desta variedade. En Viña Moraima destacan o potencial desta variedade e están a facer microvinificacións que lles permiten obter datos de interese para coñecer a evolución deste viño. “Polo momento conseguiuse xa que se incluíse esta variedade como apta para a elaboración de viño e agora o seguinte paso sería que o Consello Regulador tamén a ampare entre as autorizadas, xa que sería un paso moi importante para a recuperación da variedade”, detallan dende a adega. En Viña Moraima traballan tamén con outra variedade autóctona e minoritaria, o Caíño tinto. “Aínda que tamén é unha variedade cunha baixa produción e moi sensible, séguese cultivando nas Rías Baixas”, indica Taibo. Na adega contan cunha produción limitada de Caíño tinto procedente de viñas centenarias e que destinan a elaboración de viños de garda. No Baixo Miño, a adega Señorío de Rubiós tamén se interesou por outra variedade minoritaria, o Castañal, e en colaboración coa USC comezaron un traballo de recuperación desta caste na zona. “Conseguimos os portainxertos e plantamos unha parcela, pero polo momento estamos á espera de ter produción. Contamos facer a primeira vendima no 2024 e poder ver resultados e ir introducíndoa nos nosos viños”, explican dende a adega. Do mesmo xeito, firmas como Adegas Terrae ou Valmiñor abriron liñas de investigación para mellorar o potencial vitivinícola, optimizar a xestión do viñedo e ter maior información sobre os efectos do microclima das zonas de produción e a incidencia de enfermidades fúnxicas en variedades autóctonas, como o Castañal ou Caíño tinto, entre outras.
  • Branded content

Mantéñense as subas nos prezos dos leitóns en Silleda

Esta semana non houbo gando na Lonxa Agropecuaria de Silleda pola celebración do Nadal e só se celebraron as mesas de prezos. A actividade recuperarase a próxima semana, na sesión do día 2 de xaneiro, cando volva haber gando vacún para a venda. En canto ás Mesas de prezoas, nas cotizacións do porcino, esta semana o porco cebado mantense de novo estable, mentres, os leitóns continúan á alza. Así, os animais das categorías selecta e normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,143 euros e os animais de descarte cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo. Os leitóns experimentaron un incremento de 1 euro para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 92 euros (cun prezo de 4,6 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 87 euros e cun prezo por quilo de 4,35 euros. O mercado do ovo mantívose sen cambios esta semana. Nos ovos cun tamaño XL o prezo é de 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,40 euros, nos da M están a 2,04 euros e os da S a 1,74 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas de entre 2,1 e 2,2 quilos atópanse entre os 0,21 e 0,29 euros o quilo. O prezo do coello experimentou unha baixada de 0,2 euros e cotízase a 2,45 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Baixadas na recría e subas no vacún mediano no Mercado de Amio

Esta semana no Mercado de Amio a recría de cruces de cor experimentou unha baixada de 5 euros dos prezos de referencia. Mentres, as canais de vacún mediano de matadoiro coas clasificacións S e R rexistraron subas. En canto á afluencia, contabilizáronse un total de 2.036 animais, 188 máis que na feira da semana pasada. Tal e como indican dende a organización do Mercado, este incremento pode deberse á suspensión da próxima feira, o mércores día 27 de decembro, por mor das festas de Nadal. En concreto, na sesión de hoxe houbo 1.784 cabezas de vacún menor (239 máis), 106 de vacún mediano (2 reses máis) e 146 de vacún maior (53 menos). Pola súa banda, os vogais da Mesa de Prezos de Ternera Gallega acordaron manter os prezos sen cambios esta semana para todas as categorías e calidades desta carne. Máis información –Táboa de cotizacións de Amio (20-XII-2023).

A Central pecha o ano cunha xornada de récord de afluencia de becerros carniceiros

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca pecha hoxe o ano con récords na categoría de becerros carniceiros. Así, esta mañá, na última poxa de 2023, rexistrouse tanto o maior número de tenreiros carniceiros nunha sesión, cun total 217, como a maior cifra de adxudicados, con 206. Ata o de agora a máxima asistencia foran 215 animais e o maior número de adxudicados 196, unhas cifras rexistradas o pasado 8 de agosto. Consecuentemente con este récord de afluencia tamén se acadou o maior volume de transaccións, con 215.538 euros, polo que se supera a cifra máxima ata o momento, os 206.974 euros, tamén da poxa do 8 de agosto. Porén, en canto ós prezos de referencia nesta categoría non houbo unha tendencia clara. Pola súa banda, na recría houbo unha baixada xeral, tanto nos becerros de recría coma nos de cruces industriais. No caso do vacún maior, esta semana os prezos experimentaron unha suba nas categorías de primeira e segunda. Nas mesas de porcino, o prezo do porco cebado continúa estable. Mentres, os leitóns experimentan unha nova suba. O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana.
A próxima poxa será o 2 de xaneiro, ó suspenderse a do día 26 de decembro
Esta é a última sesión do ano, logo de que dende a Central acordaran suspender a poxa do próximo martes día 26. Así, a seguinte sesión celebrarase xa no ano novo, o día 2 de xaneiro.

Prezos do vacún

Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. Nos animais de recría de raza frisoa, os machos máis novos, de menos de 20 días, tiveron unha baixada de 25 euros o seu valor e sitúanse nos 72 euros. Os exemplares frisóns de entre 20 e 50 días tiveron un valor medio de 107 euros (-31 euros). Os becerros pintos de máis de 50 días tiveron un prezo de referencia de 156 euros (-15 euros). Nos becerros de recría de cruces industriais, os tenreiros máis novos, con menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 304 euros, logo dunha baixada de 30 euros. As femias desta sección cotízanse a 227 euros (-50 euros). Nos animais de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 374 euros, tras descontar 34 euros con respecto da feira anterior. As femias marcaron un prezo de referencia de 270 euros (- 29 euros). Nos exemplares de máis de 50 días, os machos foron a excepción e incrementaron o seu valor en 54 euros e sitúanse nos 542 euros. Mentres, as femias descontaron 60 euros con respecto da cotización da semana pasada e quedan cun valor de referencia de 350 euros. No caso dos becerros de cebo non houbo unha tendencia clara. Nos machos de cruces industriais rexistrouse unha suba de 49 euros con respecto do prezo medio da semana pasada e o prezo de referencia foi de 1.082 euros. Nas femias produciuse unha baixada de 53 euros e quedan cun valor medio de 913 euros. Os machos de Rubia Galega tiveron un prezo medio de 1.097 euros, ó rexistrar unha baixada de 72 euros. As femias desta raza están nos 1.055 euros (-13 euros). Os becerros frisóns rexistraron esta semana unha suba de 523 euros ata un valor de referencia de 795 euros, logo de que a semana pasada marcaran un mínimo de 272 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema tiveron un prezo medio de 1.074 euros (- 153 euros). No vacún maior só os animais de primeira e segunda experimentaron subas esta semana. Así, nos de primeira o prezo incrementouse 13 euros e acadan os 1.142 euros. Nos de segunda a suba foi de 23 euros e sitúanse nos 749 euros. Nos animais da categoría extra houbo unha baixada de 94 euros e quedan cun valor de referencia de 2.081 euros. Os animais de descarte cotizáronse a un prezo medio de 436 euros, o que supuxo unha baixada de 36 euros con respecto da semana pasada. No caso dos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo de referencia foi de 1.962 euros, 512 euros menos que na feira anterior.

Subas nos leitóns

Esta semana o porco cebado mantense de novo estable, mentres, os leitóns continúan á alza. Así, os animais das categorías selecta e normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,143 euros e os animais de descarte cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo. Os leitóns experimentaron un incremento de 2 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 91 euros (cun prezo de 4,55 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 86 euros e cun prezo por quilo de 4,3 euros. O mercado do ovo mantívose sen cambios esta semana. Nos ovos cun tamaño XL o prezo é de 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,40 euros, os da M están a 2,04 euros e os da S a 1,74 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas de entre 2,1 e 2,2 quilos atópanse entre os 0,21 e 0,29 euros o quilo. O prezo do coello continúa nos 2,65 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Desestimada a proposta para modificar a xestión da loita contra a vespa velutina

A xestión da loita contra a vespa velutina que se está facendo en Galicia foi un dos temas abordados na última Comisión 7ª de Agricultura do Parlamento Galego. A través dunha proposición non de lei, o BNG solicitou introducir cambios no actual plan de loita, dado o incremento da presenza da vespa asiática e dos danos que está a sufrir o sector apícola. Pese a contar tamén co apoio do PSOE, finalmente foi rexeitada polos votos en contra do Partido Popular, que reivindicou o plan de actuación levado a cabo pola Xunta. “Nesta última campaña produciuse unha explosión do número de niños de velutina, que afectou de xeito directo á produción de mel, non só reducindo a cantidade de mel senón supoñendo un risco laboral, ademais de afectar a outros sectores de xeito directo como o vitícola ou o frutícola”, reivindicou a parlamentaria nacionalista Carmen Aira. Dende o grupo nacionalista denunciaron que ante o incremento dos niños e dos consecuentes danos que isto trouxo para o sector, o orzamento destinado para combater esta praga resultou insuficiente. “Quedaron 14.000 niños notificados sen retirar, e dende o 30 de outubro non se procedeu á súa retirada. Houbo unha clara descoordinación entre Administracións”, recrimina Aira durante a súa intervención. Como informou a parlamentaria, só nos meses de setembro e outubro, algúns apicultores sufriron perdas de máis do 30% das súas colmeas. Como xa fixo o sector apícola con mobilizacións e no congreso sobre velutina celebrado en Chantada no mes pasado, o BNG solicitou un incremento do orzamento e unha maior coordinación entre Administracións para mellorar a resposta fronte a praga. A proposición tamén contou co apoio do grupo socialista, que destaca as actuacións desenvolvidas en zonas limítrofes con Galicia como Asturias, onde están a conseguir reducir a presión da vespa asiática sobre os apiarios.

Balance de actuacións

Pola súa banda, dende a Xunta defenderon a xestión centralizada realizada contra a vespa velutina e apuntaron que ó longo do 2022 se retiraran 22.200 niños deste insecto, mentres que dende xaneiro a novembro deste ano o operativo da empresa Seaga desprazou efectivos en máis de 48.100 ocasións, nas que se retiraron máis de 29.000 niños activos. Por provincias, na Coruña retiraron 12.131 niños, en Lugo 4.547, en Ourense foron 3.706 e en Pontevedra 8.845 niños. Tamén sinalaron que nos meses de verán se reforzou a contratación de efectivos, pasando de 42 a 85 empregados, así como a dotación de medios materiais.

A Xunta asegura que as axudas ás granxas pola EHE terán carácter retroactivo

A Xunta ratificou esta semana na comisión de Agricultura no Parlamento galego o seu compromiso de habilitar axudas para facer fronte ás mortes do gando causadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Dende o grupo parlamentario do Partido Popular reiterouse o compromiso acadado e anunciado xa en días pasados. “Non só se está a traballar nese dereito de indemnizacións senón en que estas sexan retroactivas, para poder abarcar os danos que a enfermidade xa causou en granxas galegas” explicou o parlamentario do PP, Ángel Rodríguez. Con todo, a petición do BNG de incluír nesta liña de axudas os abortos, as baixadas de produción ou os gastos veterinarios derivados do tratamento da EHE foi descartada. “Cando nunha gandería aínda que non lle morran as vacas, lles quedan coxas ou infértiles e ten que sacrificalas, deben contabilizarse eses gastos”, reclamou o parlamentario nacionalista Xosé Luis Rivas.
A EHE deixou en Galicia xa 245 vacas mortas e detectáronse 29 focos da enfermidade
A proposta foi apoiada polo PSdeG, pero o PP desestimou apoiar dita proposición debido á dificultade que supón incorporar e cuantificar eses danos derivados da enfermidade, polo que opta por contemplar só as mortes e o apoio a medidas preventivas. Así, recordou que xa adoptou medidas consensuadas co sector para informar sobre o avance da enfermidade e ofrecer charlas informativas sobre a mesma. Tamén apuntan que se publicará un protocolo de medidas preventivas e se realizarán novas accións dende as Oficinas Agrarias Comarcais. Tal e como indicaron dende a Xunta, na actualidade hai declarados 29 focos da enfermidade en Galicia que deixaron xa 245 vacas mortas. Cómpre precisar que cada foco territorial abarca normalmente casos en diversas granxas da mesma zona.

Plan nacional fronte a EHE

Dende a Xunta tamén reclaman ó Ministerio de Agricultura unha estratexia estatal conxunta e un plan nacional fronte á EHE. “É fundamental unha vacina e loitar pola súa homologación en Europa, polo que é fundamental o apoio do Goberno español e Europa”, reivindica Ángel Rodríguez. De feito, a Xunta trasladoulle xa ó ministro nunha carta esta petición, así como a de necesidade de crear un sistema de alertas sobre as novas enfermidades que están afectando ó sector primario para ter unha mellor resposta fronte a elas.

Subas no vacún maior no Mercado de Amio

Esta semana no Mercado de Amio amósase unha suba de 0,10 euros nas canais de vacún maior das clases O e P. Tamén se aprecia unha tendencia á baixa no vacún menor de raza Frisoa. En canto á afluencia, contabilizáronse un total de 1.848 animais, 643 máis que na feira da semana pasada, que coincidiu cunha xornada festiva nacional. En concreto, houbo 1.545 cabezas de vacún menor (510 máis), 104 de vacún mediano (22 reses máis) e 199 de vacún maior (111 máis). Pola súa banda, os vogais da Mesa de Prezos de Ternera Gallega acordaron manter os prezos sen cambios esta semana para todas as categorías e calidades desta carne. Máis información –Táboa de cotizacións de Amio (13-XII-2023).

Baixadas no vacún maior e nos becerros de cebo en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca rexistrou esta semana unha baixada dos prezos de referencia tanto nos becerros de cebo como no vacún maior, despois de que na feira anterior houbera subas en ambas categorías. Nos becerros de recría tamén houbo baixadas das cotizacións, aínda que non en todas as seccións. Nas mesas de porcino, o prezo do porco cebado continúa estable. Mentres, os leitóns experimentan unha nova suba. O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana.

Prezos do vacún

Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. Nos animais de recría de raza frisoa, os machos máis novos, de menos de 20 días, incrementaron en 29 euros o seu valor e sitúanse nos 97 euros. Os exemplares frisóns de entre 20 e 50 días tiveron un valor medio de 138 euros (+ 24 euros). Os becerros pintos de máis de 50 días foron a excepción nesta raza cunha baixada de 19 euros, o que deixa un prezo de referencia de 141 euros. Nos becerros de recría de cruces industriais, os tenreiros máis novos, con menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 343 euros, logo dunha suba de 31 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 408 euros, logo dunha baixada de 21 euros con respecto da feira anterior. Nos exemplares de máis de 50 días, os machos descontaron 38 euros e pasan a cotizarse de media a 488 euros. No caso dos tenreiros de cebo case tódalas categorías rexistraron unha caída dos prezos. Nos machos de cruces industriais rexistrouse unha baixada de 104 euros con respecto do prezo medio da semana pasada e o valor de referencia foi de 1.033 euros. Nas femias produciuse unha baixada de 31 euros e quedan cun valor medio de 966 euros. Os machos de Rubia Galega tiveron un prezo medio de 1.169 euros, ó rexistrar unha baixada de 35 euros. As femias desta raza están nos 1.068 euros. Foron das únicas seccións nas que se rexistrou unha suba (+ 92 euros). Os becerros frisóns rexistraron esta semana unha forte caída do prezo prezo medio, pasando dos 1.039 euros que se pagaron a semana pasada ós 272 euros desta. Tamén as femias pintas experimentaron unha baixada do prezo, aínda que non tan destacada. O valor de referencia é de 541 euros (- 92 euros). Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema tiveron un prezo medio de 1.227 euros (+ 66 euros). No vacún maior a tendencia foi de novo á baixa, agás nos animais da categoría extra,  que tiveron unha suba de 52 euros e quedan cun valor de referencia de 2.175 euros. Pola súa banda, as vacas de primeira experimentaron unha baixada de 18 euros e quedan nos 1.129 euros. Os exemplares de segunda tiveron unha redución de 16 euros e teñen un valor de referencia de 726 euros. Os animais de descarte cotizáronse a un prezo medio de 472 euros, o que supuxo unha baixada de 57 euros con respecto da semana pasada. No caso dos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo de referencia foi de 2.474 euros, 4 euros máis que na feira anterior.

Subas nos leitóns

Esta semana o porco cebado mantense de novo estable, mentres os leitóns continúan á alza. Así, os animais das categorías selecta e normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,143 euros e os animais de descarte cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo. Os leitóns experimentaron un incremento de 2 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 89 euros (cun prezo de 4,45 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 84 euros e cun prezo por quilo de 4,2 euros. O mercado do ovo mantívose sen cambios esta semana. Nos ovos cun tamaño XL o prezo é de 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,40 euros, nos da M están a 2,04 euros e os da S a 1,74 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas de entre 2,1 e 2,2 quilos atópanse entre os 0,21 e 0,29 euros o quilo. O prezo do coello continúa nos 2,65 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Que cambios supoñerá ter que contar cun veterinario de explotación?

Entre o paquete de normativas en materia de sanidade animal aprobadas nos últimos meses desde a Unión Europea para as ganderías, un dos cambios significativos é a obrigación de contar cun veterinario de explotación. Este foi precisamente un dos temas tratados na última edición dos Encontros Gandeiros organizados pola ADS Xundeva, en Lalín, debido ás dúbidas que suscita este requisito da normativa. “Moitas das ganderías galegas xa están a cumprir boa parte dos requisitos que se esixen agora coa figura do veterinario de explotación”, apunta Ignacio Arnáiz, responsable de área do Laboratorio de Sanidade Animal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), durante as xornadas celebradas na capital dezá. Aínda así, ter que incorporar un veterinario de explotación supoñerá trámites burocráticos específicos e cambios para boa parte das ganderías.
“O veterinario de explotación aseméllase ao médico de cabeceira, é o profesional que terá acceso a toda a información en materia sanitaria da granxa” (Gloria Martínez, coordinadora de Xundeva)
“O veterinario de explotación aseméllase ao médico de cabeceira, é o profesional que terá acceso a toda a información en materia sanitaria da granxa, podendo ver todos os informes dos distintos profesionais que traballen na gandería”, exemplificaba a veterinaria Gloria Martínez Sanz, veterinaria e coordinadora dos servizos veterinarios da ADS Xundeva. Gloria Martínez e Ignacio Arnáiz na presentación realizada nesta edición dos Encontros Gandeiros de Xundeva.

Obrigacións para os gandeiros e os veterinarios

Aínda que está por concretar por parte da Administración, estímase que as ganderías deban de dispoñer deste veterinario de explotación a partir do 15 de maio do 2024, xa que esta foi a data provisional que se fixo pública coa aprobación da norma. Estas son algunhas das obrigacións que se lle presentan ao titular da gandería ao ter que incorporar esta figura de veterinario de explotación: -Este veterinario de explotación debe ser un profesional ou empresa que dispoña de servizos veterinarios para todas as especies da gandería. “Pode contarse cun só veterinario da granxa que xestione todas as especies ou poden nomearse varios veterinarios de explotación para as distintas especies”, indica Martínez Sanz. -Será o titular da gandería quen deba acreditar que conta con este profesional ou empresa mediante un modelo de declaración responsable. -O titular da granxa deberá comunicar a designación ou cesamento deste veterinario de explotación. Para iso dispón dun prazo de 7 días hábiles. -No caso de cesamento do veterinario de explotación, o titular da granxa dispón dun prazo de 3 meses para designar a un novo profesional para o cargo e de novo terá que comunicalo á Administración. -O propietario da granxa debe proporcionarlle ao veterinario ou facilitarlle que obteña no seu nome a información necesaria sobre a situación epidemiolóxica da súa gandería. -O titular da gandería tamén debe asegurarse de que todas as persoas que traballen na granxa co gando teñan unha formación adecuada e suficiente. Así, deberán acreditar unha formación mínima de 20 horas nun prazo de 6 meses contados desde o comezo do seu traballo na granxa. Estes cursos xa se impartiron en distintas Oficinas Agrarias Comarcais e está previsto que sigan ofertándose. Estarán exentos de recibir esta formación aqueles traballadores que acrediten un mínimo de experiencia práctica de 3 anos no manexo de gando bovino. Tampouco deberán tomar esta formación mínima os traballadores que xa teñan un título técnico de Produción Agropecuaria ou o título técnico superior en gandería e asistencia en sanidade animal. Pola súa banda, o veterinario de explotación comprométese a cumprir unha serie de funcións na granxa: - Todas as ganderías, independentemente da especie que sexa, deberán contar cun Plan Sanitario Integral (PSI) en formato dixital ou papel que debe elaborar o veterinario de explotación, o persoal veterinario da ADS ou a integradora ou entidade asociativa á que se pertenza. -Este Plan Sanitario Integral debe incluír actuacións sanitarias, de hixiene, bioseguridade e o uso racional de antibióticos. “É fundamental que o PSI estea adaptado á especie e ás características da gandería”, apunta a veterinaria Gloria Martínez Sanz.

Como debe ser o Plan Sanitario Integral (PSI)

Un dos requisitos imprescindibles que se pedirá ás ganderías e que está asociado á figura do veterinario de explotación é o Plan Sanitario Integral (PSI). Este Plan debe adaptarse ás diferenzas existentes entre os distintos tipos de granxas e responder ás necesidades e características de cada gandería. Así, dependerá de cada especie, tipo de explotación, sistema produtivo, situación epidemiolóxica e características particulares da gandería. “No caso de que convivan na mesma gandería diferentes especies, pode establecerse un plan sanitario único ou ben propoñerse plans sanitarios específicos para cada unha delas e baixo a responsabilidade de máis dun veterinario”, explica a veterinaria Martínez Sanz. Ademais, no caso das ganderías pertencentes a unha ADSG que teña asignado un veterinario de explotación distinto do veterinario da ADSG, o Plan deberá contemplar como mínimo un programa sanitario da ADSG.
O Plan Sanitario Integral debe actualizarse cada 5 anos ou cada vez que haxa cambios destacados na granxa
Este Plan debe actualizarse polo menos cada 5 anos e sempre que se modifiquen substancialmente as instalacións ou as prácticas de manexo na gandería. Debe estar asinado tanto polo veterinario da explotación como polo propietario. Ademais, é o propietario da gandería o responsable de que se cumpran as medidas que se recollen neste Plan.

Decálogo do Plan Sanitario Integral

O Plan Sanitario Integral debe contar cun contido mínimo para asegurar as medidas sanitarias imprescindibles na gandería. A continuación recóllese un decálogo de accións para incluír no devandito Plan: 1. Medidas de hixiene e bioseguridade. Neste apartado inclúense todas as accións preventivas que teñan que ver co control de acceso de animais á gandería ben sexa recría, reposición externa, animais alleos á granxa, animais en corentena… Tamén se contemplan as medidas de prevención en relación ao persoal da granxa e alleo a ela, así como vehículos. Neste apartado deben figurar tamén medidas que contemplen un control sobre a hixiene e a bioseguridade da alimentación do gando, así como á subministración e calidade da auga. Inclúense ademais, medidas específicas sobre o manexo dos animais. “Deben figurar protocolos para a separación do gando enfermo ou en corentena”, especifica a veterinaria. Neste apartado deberán aparecer ademais as medidas que adopta a granxa con respecto da xestión dos residuos sanitarios, así como a revisión periódica de certos aspectos das instalacións ou a recollida e almacenamento dos cadáveres, entre outros aspectos. 2. Plan de vixilancia e control de parasitos internos e externos dos animais. 3. Protocolo de vixilancia do estado sanitario dos animais. “A detección temperá é fundamental, xa que tratar de forma rápida marca a diferenza”, explica a veterinaria. 4.Programa de mostraxe rutineira fronte ás enfermidades obxecto de control na granxa. “Deben incluírse tamén os animais de nova incorporación á gandería”, detalla Martínez Sanz. 5. Plans de vacinación que se realicen na granxa. 6. Plan dun uso racional dos medicamentos. “Nas ganderías está a facerse xa un uso moi controlado dos medicamentos”, apunta a veterinaria. 7. Plan de cumprimento e control de hixiene do leite nas ganderías. 8. Plan sanitario da ADSG, se o veterinario de explotación designado é distinto ao da ADS. 9. Plan sanitario en relación coas enfermidades de declaración obrigatoria ou que sexan de interese para a propia gandería, a comarca, provincia ou comunidade autónoma. 10. Visitas zoosanitarias. O veterinario da explotación debe realizar de maneira presencial o seguimento sobre as medidas recollidas no propio PSI e o Plan de Benestar animal da granxa. “O veterinario emitirá as recomendacións que considere oportunas á persoa titular da gandería sobre as deficiencias que observe ou o uso de antibióticos na granxa”, explican os técnicos. As visitas zoosanitarias realizaranse unha vez cada 6 meses nas ganderías cun risco alto, cada ano nas granxas de risco medio e cada 18 meses nas que teñas un risco baixo. “A autoridade competente será a que determine o nivel de risco para cada gandería”, apuntan.

Subas no vacún maior e nos becerros de cebo en Silleda

O vacún maior mantivo esta semana a tendencia á alza na Central Agropecuaria de Galicia-Abanca con subas en case tódalas categorías. Tamén os becerros de cebo rexistraron esta semana subas en todas as seccións. Mentres, nos tenreiros de recría frisóns houbo unha baixada xeral dos prezos de referencia. Nas mesas de porcino, o prezo do porco cebado continúa estable. Mentres, os leitóns experimentan unha nova suba. No mercado do ovo houbo tamén incrementos dos prezos nalgunhas das categorías esta semana. Este martes dende a organización da Central tamén fixeron público o calendario das próximas feiras. Por mor das festividades de Nadal suspenderase a feira do día 26 de decembro, mentres que se manterá a do día 2 de xaneiro. 

Prezos do vacún

Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. Nos animais de recría de raza frisoa, os machos máis novos, de menos de 20 días, descontaron 13 euros e sitúanse nos 68 euros. Os exemplares frisóns de entre 20 e 50 días tiveron un valor medio de 114 euros (-7). Os becerros pintos de máis de 50 días foron a excepción, cunha suba de 19 euros, o que deixa un prezo de referencia de 160 euros. Nos becerros de recría de cruces industriais, a tendencia xeral foi á alza, agás os tenreiros máis novos, os exemplares con menos de 20 días. Así, nos machos houbo unha baixada de 51 euros e cotízanse a 312 euros e as femias descontaron 17 euros con respecto da semana pasada e o prezo de referencia é agora de 236 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 429 euros, logo dunha suba de 41 euros con respecto da feira anterior. Nas femias desta categoría o incremento foi de 23 euros e quedan cun valor de referencia de 302 euros. Nos exemplares de máis de 50 días, os machos rexistraron unha suba de 39 euros e pasan a cotizarse de media a 526 euros, mentres que as femias tiveron un aumento de 10 euros e sitúanse nun valor medio de 396 euros. No caso dos becerros de cebo houbo subas en todas as categorías. Nos machos de cruces industriais rexistrouse un incremento de 78 euros con respecto do prezo medio da semana pasada, e o prezo de referencia foi de 1.137 euros. Nas femias produciuse un aumento de 275 euros e acadan un valor medio de 997 euros. Os machos de Rubia Galega tiveron un prezo medio de 1.204 euros, ó rexistrar unha suba de 107 euros. As femias desta raza están nos 976 euros, logo dun incremento de 58 euros con respecto da semana anterior. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema tiveron un prezo medio de 1.161 euros (+94 euros). No vacún maior a tendencia foi de novo á alza, agás nos animais de segunda, que descontaron 3 euros con respecto da semana anterior e quedan cun valor de referencia de 742 euros. Pola súa banda, as vacas da categoría extra tiveron un prezo medio de 2.123 euros, o que amosa unha suba de 69 euros. As vacas de primeira experimentaron un incremento de 15 euros e quedan nos 1.147 euros. Os exemplares de descarte cotizáronse a un prezo medio de 529 euros, o que supuxo un aumento de 71 euros con respecto da semana pasada. No caso dos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo de referencia foi de 2.470 euros (+198 euros).

Subas nos leitóns

Esta semana o porco cebado mantense de novo estable, mentres, os leitóns continúan á alza. Así, os animais das categorías selecta e normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,143 euros e os animais de descarte cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo. Os leitóns experimentaron un incremento de 2 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 87 euros (cun prezo de 4,35 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 82 euros e cun prezo por quilo de 4,1 euros. No mercado do ovo houbo subas nas categorías de menor tamaño (M e S), mentres que as demais se manteñen sen cambios. En concreto produciuse un incremento de 0,01 euros e os ovos da S cotízanse agora a 1,74 euros e os da M a 2,04 euros a ducia. Nos ovos cun tamaño XL o prezo é de 2,98 euros a ducia e os da L están a 2,40 euros. As galiñas de desvelle semipesadas de entre 2,1 e 2,2 quilos atópanse entre os 0,21 e 0,29 euros o quilo. O prezo do coello continúa nos 2,65 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

“O piñeiro galego ten moitas posibilidades e imos polo bo camiño, pero tamén é certo que nos queda bastante por avanzar”

Jesús Nantón, director de Operacións do Grupo Malasa (Cerceda, A Coruña), leva 25 anos na empresa. Comezou a traballar como carpinteiro nos inicios da firma, cando era unha pequena carpintería, e viviu toda a súa evolución, ata convertirse no grupo empresarial que é hoxe en día, con proxectos de ‘contract’ a nivel internacional para cadeas de hoteis e ‘retail’. - Que potencialidade lle ves á madeira de piñeiro de Galicia para as aplicacións da madeira que vós traballades, tanto en mobiliario, interiorismo como en casas prefabricadas de madeira? - A madeira de piñeiro sempre estivo presente, o que pasa é que ao final o piñeiro, por equivocación ou ao mellor, porque non facemos fincapé os transformadores que estamos na parte final da cadea, estánselle descartando posibilidades xa cando se corta no monte. A limitación que sempre tivo é que se corta en monte en longos de 2,50 metros. Pensámolo desde o monte para palés, embalaxes ou para triturar. Nós agora estamos metidos na liña de casas de madeira, estamos intentado facer unha casa de madeira distinta, cunhas calidades top, cun sistema construtivo de entramado de madeira, con fachada ventilada. Podedes imaxinar toda a madeira que leva unha casa de 120 metros cadrados. Que pasa? Unha porcentaxe altisima desa madeira non pode ser piñeiro galego, cousa que a min me gustaría que fose. Non pode ser porque non temos suficiente piñeiro galego certificado para estrutural e non temos piñeiro galego cunhas dimensións suficientes para poder utilizalo para ese traballo. O máis grave para min é a limitación no longo. En canto consigamos que non haxa esas limitacións, xa lle podemos dar máis utilidades, pero esa limitación provócanos que teñamos que dar pasos atrás. Hai solucións que lles poderiamos propoñer aos clientes en madeira de piñeiro de Galicia, pero por esa limitación, non podemos facelo. - Houbo xa avances nos últimos anos en novos usos do piñeiro, como o da madeira contralaminada (CLT) para construción. Que máis pasos cres que habería que dar? - É certo que creo que imos mellorando, imos no bo camiño, con novos usos, pero aínda nos queda bastante. O primeiro é conseguir un piñeiro rendible no monte e que lle interese ós propietarios facer plantacións con el e cuidalo. Non son partidario de prohibir especies sen dar opcións. Hai que dar solucións para que se queremos que se plante piñeiro, sexa rendible, que lle interese ao propietario e que proporcione boa madeira para os transformadores. Porque agora mesmo, a madeira galega de piñeiro presenta nós, forma irregular e ten tonos, texturas e densidades variables. Pódese facer selección desa madeira, pero é un traballo extra para as empresas e iso é un problema.En canto a produtos, non se trata de comezar a cortar o piñeiro a 6 metros de longo, sen máis. A solución pasa por un proceso, unha madeira cun secado apropiado, cun ensaio estrutural para certificala, ver a que dimensións convén cortala, que laminados interesan e tomar decisións. Se tivésemos produtos de piñeiro galego con esas características e calidades, unha empresa como a nosa, a igual prezo, tiraría máis do piñeiro galego, en lugar de traballar, por exemplo, con abeto importado. - Que usos tedes actualmente da madeira de piñeiro de Galicia? - Por exemplo, nós facemos para unha cadea de ‘retail’ mobiliario en madeira de piñeiro, cousa que a min me enorgullece podela facer. Ao final vemos un moble elegante e que ten moitas posibilidades. A nivel estrutural, o mesmo. Podería ter todas as posibilidades. O 70 % da madeira dunha casa nosa é de ‘pino rojo’ ou abeto de Centroeuropa. A madeira que traemos nós para aquí está en costes un 30 % por riba da madeira de piñeiro galego. Realmente ese 30 % son costes do transporte, agora mesmo ese 30 %, se puidese repercutir en Galicia en toda a cadea da madeira, estabamos xa revalorizando sen darnos de conta o noso piñeiro e dándolle moitas máis posibilidades. O piñeiro galego nunha empresa como a nosa utilizámolo moi pouco, aínda así temos moito piñeiro. Estánselle buscando novas utilidades, nas casas estas que estamos facendo nós todas as fachadas van en piñeiro galego termotratado. É unha posibilidade que vemos que funciona, que gusta, ten un acabado de madeira moito máis nobre e ten bo comportamento para exteriores. Estase facendo agora un bo traballo co piñeiro, pero non sempre se fixeron as cousas como se tiñan que facer. Ás veces aplicáronse tratamentos en autoclave na madeira de piñeiro que non se fixeron como se tiñan que facer e que deixaron de funcionar como deberían. Entón, no exterior houbo algún fracaso con ese tipo de madeiras. O que non podemos é permitirnos que haxa fracasos.
"A madeira de piñeiro termotratada é unha solución que está gustando moito e ten moita cabida"
- A madeira termotratada de piñeiro, que empregades no exterior das vosas casas, é unha liña de produto á que lle ves posibilidades de crecemento? - O termotratado foi unha solución que está gustando moito e ten moita cabida. Hoxe mesmo aquí no almacén podemos ver piñeiro galego limpo, en espesor 50 milímetros, que dá gusto velo termotratado. Eu cando llo ensino a algunha persoa, a carpinteiros que colaboran connosco en moitos proxectos, sorpréndense de que iso sexa pino galego. Aí é onde temos que estar finos e ver as posibilidades que ten, non quedarnos en que é unha embalaxe. Aquí hai 20 metros cúbicos termotratados porque ten futuro. Teño que telo enriba da mesa porque xa aparecerá o momento no que o piñeiro teña a súa saída, porque é un pino que gusta, que ten posibilidades enormes e cun prezo competitivo. Hai pouco fixemos un proxecto con piñeiro galego para un hotel, con colocación de listóns de madeira no teito. O proxecto viña prescrito con nogal, pero para rebaixarlle o custo final ó cliente, propuxémoslle piñeiro termotratado. Encantou e temos chamadas de interioristas que nos preguntan que madeira é esa. Posibilidades hai moitas, só hai que facer un traballo coherente. - En canto ás casas prefabricadas en madeira, en que liña estades traballando? - A nosa casa de madeira, en concreto, ten un entramado de madeira que non está en contacto co exterior. É un sistema construtivo que funciona moi ben a nivel térmico e acústico. Lembro perfectamente unha casa de madeira que montamos a finais do ano pasado e xusto o día de fin de Ano, que había un temporal grande, a propietaria sorprendíase de que dentro da casa non se escoitaba nin chover nin o vento. Esa casa entregámola a inicios de xaneiro e creo que prenderon a calefacción un día en todo o inverno. Esteticamente queda preciosa tamén. É unha casa de alto nivel e que ten unha fachada ventilada, que neste caso é madeira, pero poderiámola combinar con porcelana, con metal, con outro tipo de acabados. Temos todas as posibilidades. O que temos é que facer unha casa de calidade, que loxicamente ten uns custos. Por prezo non podemos ir a unha casa de madeira, porque vai ser máis elevado que unha construción clásica e, sobre todo, unha casa de madeira coas características das nosas. A nosa casa pódese hipotecar porque non se vai acabar nunca. Un elemento moi favorable para a construción en madeira é que se fai todo en fábrica. Tes unha plataforma, chegas alí e ensamblas a casa. Unha montaxe dunha casa de 130-140 m2, en 3 - 4 semanas está feita e xa case o cliente está vivindo dentro. Loxicamente, ten un proceso anterior, pero en canto tes decidido o que queres, o proceso é áxil. Quizais un problema que vemos coas casas de madeira é que tecnicamente, para a construción das casas de madeira, en Galicia os técnicos non están aínda formados, saen da Universidade sen coñecementos suficientes neste campo, e é algo no que temos que avanzar. - Que madeiras empregades habitualmente para o mobiliario e acabados interiores? Habería madeira galega que vos puidese interesar, a parte da de piñeiro? - Unha madeira coa que temos traballado moito é o carballo europeo, no que agora mesmo temos unha situación grave, porque duplicou o prezo e é difícil de conseguir. Poderiamos substituílo por castiñeiro galego?. Si, se tivésemos madeira de calidade. O castiñeiro galego non é unha madeira carisima cando a mercamos por metro cúbico, pero ten un desperdicio esaxerado. Os castiñeiros que arrastramos ata o de agora non se trataron con cariño no proceso de corta, serrado e secado.
"Agora en Galicia xa se están facendo plantacións de castiñeiro para madeira ou para froito, co cal é previsible que se poida obter boa madeira nuns anos"
En xeral, as nosas madeiras teñen o problema de que necesitan procesos para empregalas en mobiliario, o que nos obriga a ir a outras madeiras. Agora en Galicia xa se están facendo plantacións de castiñeiro para madeira ou para froito, co cal é previsible que se poida obter boa madeira nuns anos. En canto á madeira de castiñeiro de Europa, é madeira con bos crecementos e limpa, pero non ten a densidade nin a elegancia do noso castiñeiro. Se falamos de carpinterías de exterior, en Galicia fabricáronse moitos anos do noso castiñeiro e funcionaron de marabilla. Para o exterior, eu optaría polo noso castiñeiro, pero volvemos ó mesmo, procesos da madeira. Temos agora un proxecto con vigas laminadas de castiñeiro nas Canarias e tivemos que ir a Asturias por elas, pois é onde están os mellores proveedores de madeira laminada de castiñeiro.

Malasa, unha empresa orientada a proporcionar un servizo integral

- Explícanos a historia da empresa e a liña de traballos que desenvolvedes. - O Grupo Malasa é unha empresa que se creou nun inicio como unha pequena ferretería para dar servizo aos carpinteiros. A anterior xeración tiña un serradoiro e almacén de madeira e vía unha necesidade de mercado, que era ter unha ferretería especializada de cara a eses carpinteiros, ós que xa se lles vendían taboleiros e madeira, pero que precisaban de máis servizo. Creouse esa ferretería no 1992 e no 94-96 montouse un pequeno taller de carpintería que nese momento tiña 1.000 metros. Comezouse a medrar con iso e no 1999 xa tivemos a oportunidade de entrar na colocación de tarimas nas tendas Inditex, que realmente foi a cadea que nos fixo crecer, independentemente de que nos diversificamos moito máis. Naquel momento había falta de instaladores e nós puidemos cubrir esa necesidade e entrar noutras ramas de traballo das tendas. No 2000 comezamos a fabricar mobiliario, coincidindo cun boom na construción, enfocámonos moito no mobiliario de fogar, todo o que son armarios, portas... Daquela comezamos tamén a fabricar mobiliario para o segmento de ‘retail’. Chegados a este punto, no 2007 vimos que as instalacións quedábanse pequenas para dar servizo aos clientes que estabamos adquirindo e ás posibilidades que tiñamos de mercado. Era un momento malo, porque foi cando caeu a construción de vivenda, pero por outra vía a nós entrounos unha carga de traballo, que era fabricar mobiliario. Entón tomouse unha decisión, montáronse unhas instalacións que son nas que estamos agora aquí en Cerceda, de 4.500 metros, que nos parecían esaxeradamente grandes, pero hoxe mesmo aquí en Cerceda temos 50.000 metros cadrados cubertos. Montamos unhas liñas de barnizado e adaptámonos un pouco ás necesidades que tiñamos para dar servizo ao cliente, que ao final é o que sempre fai Malasa. Considerámonos unha carpintería, pero máis ben unha empresa de servizos, que foi o que sempre intentamos facer: darlle un servizo cada vez máis integral ao cliente. Polas necesidades que tiñan os nosos clientes e que non eramos capaces de cubrirllas só con subcontratas, tivemos que ir abarcando outras ramas. Por exemplo, integrando dentro do Grupo unha empresa de metal, cristal... para ofrecer o conxunto completo, que é o habitual nos segmento de ‘contract’, no que se traballa para cadeas de hoteis, restauración, etc. Tamén hai que precisar que das nosas raíces non apartamos nada, seguimos dando servizos ó cliente particular. Seguímolo facendo, respectámolo moitisimo e creo que temos que seguir facéndoo así. De feito, na Coruña temos un showroom renovado, cun investimento importante, e seguimos mantendo esa carpintería pequena que tiñamos alí, para seguir dando servizo ao cliente particular, para non deixalo de lado. É algo que levamos no sangue todos.
  • Entrevista difundida pola Fundación Arume