All posts by Gonzalo1977

Escenario da celulosa a nivel internacional: megaproxectos en Brasil, Uruguai e Chile

Planta de fabricación de pasta de papel de Paso de los Toros (Uruguai), que ampliou a súa capacidade produtiva A oferta internacional de pasta de papel medrará significativamente nos vindeiros anos debido a 4 proxectos en desenvolvemento neste momento en distintos países de Suramérica (Chile, Brasil e Uruguai). As novas instalacións (Arauco MAPA en Chile, cunha produción de 800.000 toneladas no 2023 e unha capacidade total de 1,5 millóns; Paso de los Toros de UPM en Uruguai, que comezou a funcionar no 2023, con 2,1 millóns de toneladas de capacidade anual de produto final; Cerrado de Suzano en Brasil, que se agarda que comece a producir no 2024, cunha capacidade de 2,5 millóns de toneladas), e a ampliación da capacidade produtiva en 350.000 toneladas neste 2023 da planta de CMPC en Guaíba (Brasil), servirán para engadir 6 millóns de toneladas ás 182 producidas pola industria mundial de pasta de papel no 2022. Pero non son os únicos proxectos en desenvolvemento. A pasteira Paracel, con capital sueco, está a iniciar actualmente outra planta de produción de celulosa na rexión paraguaia de Concepción. A mercadoría sairá á exportación, con destino fundamentalmente a China. O proxecto supón un investimento de 4.000 millóns de dólares e inclúe a plantación de 135.000 hectáreas de eucaliptos para garantir o abastecemento futuro da fábrica, que terá unha capacidade de produción de 1,5 millóns de toneladas de BHKP por ano.
Compañías europeas están a construír plantas de celulosa en Latinoamérica desde as que exportar a China
Os países latinoamericanos, consomen só un terzo da pasta de papel que producen (31 millóns de toneladas en 2021), polo que teñen unha clara vocación exportadora. Cunha produción en aumento, que representa xa o 17% da produción mundial, o seu peso na industria pasteira internacional é cada vez máis relevante.
A compañía brasileira Suzano é o principal fabricante mundial de pasta de papel
A compañía brasileira Suzano é o principal produtor mundial de pulpa de eucalipto kraft blanqueada (BEK) e o seu principal cliente é China. No primeiro semestre do 2023, Brasil exportou un total de 5,1 millóns de toneladas de pasta de papel a China. Pero cando China non tira, eses barcos acaban noutros destinos, por exemplo en Europa. A balanza comercial de pasta de papel da UE está bastante equilibrada, cunha produción en 2021 de 37,2 millóns de toneladas e un consumo de 40,1. Por rexións, Asia é a maior consumidora mundial de pasta de papel (39% o ano pasado), seguido de Norteamérica (26%) e Europa (21%).
En Europa, a empresa Metsä Fibre está desenvolvendo unha nova planta en Kemi (Finlandia) cunha produción de 880.000 toneladas
En Europa, o sector mantense máis estable, con menor capacidade de crecemento, se ben hai casos, como o da empresa Metsä Fibre, que está rematando nese momento a construción e posta en marcha dunha nova planta en Kemi (Finlandia), cunha produción de 880.000 toneladas. Os países nórdicos son os líderes en Europa na produción de celulosa. Suecia e Finlandia acumulan un 60% do total, con factorías que traballan principalmente con bidueiro, no caso da pasta de fibra curta. A Península Ibérica, pola súa banda, ten un 12% da cota de mercado do continente. Produción de celulosa en Europa por países, no 2021. As empresas europeas saltan o charco As empresas europeas levan anos poñendo os seus ollos en Latinoamérica. Tralo frustrado intento de construción dunha planta por parte de Ence en Conchillas (Uruguai) no 2009, outras empresas como as finlandesas Metsa-Botnia, Stora Enso ou UPM, asentáronse no país. UPM conta xa con dúas plantas en Uruguai, logo da compra da planta de Fray Bentos (a carón do caudaloso río Uruguai, que fai fronteira con Arxentina) a Botnia no 2009 e a construción da inaugurada esta primavera en Paso de los Toros, no centro do país, e que supuxo un investimento de 2.700 millóns de dólares na fábrica e outros 350 en infraestruturas portuarias, o maior investimento privado na historia do país. Uruguai conta cunha terceira pasteira, ubicada en Montes del Plata, construída pola compañía sueco-finesa Stora Enso e a chilena Arauco, que mercaron os activos de Ence cando decidiu retirarse do país e vender os seus activos forestais. O expresidente uruguaio Pepe Mujica abriu as portas ás empresas de celulosa estranxeiras e os gobernos posteriores continuaron con esta política, facilitando todo tipo de infraestruturas, como o chamado Ferrocarril Central, unha vía de tren en construción de 273 km de lonxitude e 1.000 millóns de dólares de investimento que conectará a planta de Paso de los Toros co porto de Montevideo e que servirá para transportar o eucalipto que necesita a fábrica e a pasta de celulosa que sairá dela. A produción forestal representa xa o 4% do PIB do país. Coa entrada en produción da nova planta de Paso de los Toros a celulosa será o principal produto de exportación de Uruguai, con máis de 5 millóns de toneladas, por diante da carne de vacún e a soia. Compras a baixo prezo por parte de China A brasileira Suzano é o principal produtor mundial de pulpa de eucalipto kraft blanqueada con destino a China

“A única maneira de competir con Brasil ou Uruguai é acabar co minifundio”

Unha procesadora de Forestal Cando traballando nun monte da comarca de Ferrolterra A produción de pasta de papel é hoxe un mercado globalizado, onde as empresas que compran o eucalipto galego (Ence, Altri e Navigator) compiten coas pasteiras de países como Brasil ou Uruguai. Rubén Pena, de Forestal Cando, unha empresa de Ferrolterra adicada á corta de madeira, explica ás dificultades que actualmente ten o sector forestal galego para competir con eses países na produción de pasta de papel. “Economías emerxentes como Brasil ou Uruguai están montando pasteiras. Alí comprase a 7 ou 8 euros a tonelada de eucalipto e a man de obra é tamén moito máis barata”, di.
”No momento en que as economías emerxentes comecen a inundar o mercado con pasta de papel, os prezos caerán”
“Antes estes países antes producían para eles e se sobraba algún barco puntual mandábano fóra. Pero agora seguen plantando e a produción alí está aumentando. No momento en que estas economías emerxentes empecen a inundar o mercado con pasta de papel barata, os prezos aquí seguirán caendo”, teme.
En Brasil cortan 500 ou 1.000 hectáreas xuntas; aquí cortamos fincas de 2 ferrados
Baixar os custos de produción da materia prima é a única maneira de poder competir, afirma Rubén. “Brasil ten máis superficie de eucalipto da que hai en España e Portugal xuntos. En Brasil cortan 300, 500 ou 1000 hectáreas xuntas; aquí cortamos 2 ferrados”, compara. Por iso, di, “non lle vexo solución aos prezos da madeira en Galicia mentres non se reestruture a propiedade, porque aquí os custos de produción son moi elevados”. “Temos un sector completamente atomizado; nos últimos 40 anos o único que evolucionou foi a maquinaria, pero non o territorio”, lamenta.
En Galicia nos últimos 40 anos evolucionou a maquinaria, pero non o territorio
“Ten que haber unha ordenación forestal”, defende, “e ese papel correspóndelle á Administración”, di. “Para que o sector forestal poida avanzar temos que ter ordenación e infraestruturas (pistas, cargadeiros, etc). E mentres iso non se amañe o problema dos prezos non se amaña. Temos un problema gravísimo para o futuro, porque vai haber pouca compensación económica para o propietario e iso provocará o abandono do monte”, considera.

Que facer co eucalipto que se corta en Galicia?

A cadea do eucalipto en Galicia ten unha pata coxa. A comunidade corta arredor de 6 millóns de metros cúbicos de eucalipto cada ano, pero só a metade se transforma en Galicia. O resto marcha para Portugal, Asturias e outras partes da Península, así como envíos puntuais para outros países europeos e asiáticos. O sector forestal mira ese movemento de troncos en bruto como unha fuga de valor engadido, de emprego e de innovación industrial. As perspectivas apuntan, ademais, a un empeoramento do escenario de exportacións de madeira sen transformar, pois as asociacións de propietarios forestais, en base ós datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, consideran que en poucos anos poderase chegar a cortas de 7 – 8 millóns de metros cúbicos ó ano, sen reducir as existencias en monte, é dicir, cortando menos eucalipto do que medra nos montes galegos. As estimacións calcúlanse en base ás 409.000 hectáreas de eucalipto que hai en Galicia, das que unha parte son plantacións de eucalipto nitens instaladas na última década e que aínda non entraron en quenda de corta. “É probable que poidamos chegar a cortar ata un 10 - 15% máis de eucalipto sen aumentar superficie da especie e sen reducir o inventario de existencias en monte, só en base á mellora xenética e á silvicultura”, valora Jacobo Feijoo, secretario xeral de Asefoga, un colectivo de propietarios ligado a Unións Agrarias.
"Poderemos cortar un 15% máis de eucalipto sen aumentar superficies e sen reducir o inventario en monte, en base a silvicultura e mellora xenética" (Jacobo Feijoo, Asefoga)
De similar opinión é o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, que calcula que as cortas potenciais de eucalipto en Galicia nun escenario a medio prazo sitúanse nos 8 millóns de metros cúbicos, unha cifra que Jacobo Feijoo tamén ve viable. Un dos responsables do Inventario Forestal Continuo de Galicia, Juan Picos, director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, prefire esperar polos datos científicos. “No 2023 presentamos o cálculo de superficies das distintas especies e agora estamos traballando en calcular as existencias en monte e os crecementos de cada unha. Cando teñamos eses datos, saberemos canto máis poden medrar as cortas de eucalipto e onde. O que si se pode dicir é que o normal é que as cortas vaian a máis, tendo en conta sobre todo as plantacións de eucalipto nitens que aínda non entraron na primeira quenda de corta”, valora Picos.

Como se transforma o eucalipto galego na actualidade?

O panorama actual é que menos da metade do eucalipto cortado en Galicia se procesa na comunidade. Ence Pontevedra transforma en pasta de papel 1,5 millóns de metros cúbicos, outros 600.000 son procesados pola industria da madeira e uns 500.000 de restos de corta empréganse para queimar, como leña e biomasa, incluída a empacada para a planta de Greenalia. O resto vai principalmente para Portugal (Navigator, Altri, DS Smith) e outras partes da Península (País Vasco, Zaragoza).
Destinos do eucalipto galego
Galicia
Aserrado (incluíndo bateas e postes) 200.000 metros cúbicos
Taboleiros (TP, MDF, HDF, contrachapado) 400.000 metros cúbicos
Pasta de papel 1.500.000 metros cúbicos
Biomasa (incluídas as pacas) e leñas 500.000 metros cúbicos
Total 2.600.000
Exportación fóra de Galicia
Asturias e Norte 950.000 metros cúbicos
Portugal 1.500.000 metros cúbicos
Outros destinos 750.000 metros cúbicos
Total 3.200.000
Destinos Galicia + exportación 5.800.000
Datos elaborados pola Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (UVigo).
Cal é o escenario de futuro? Os principais destinos de proximidade, incluíndo Ence Navia (Asturias), suman un consumo de eucalipto galego de arredor de 3,5 millóns de metros cúbicos. Se hai consenso en que as cortas potenciais en Galicia rondan os 7 – 8 millóns de metros cúbicos anuais, o escenario é claro. Ou se aumenta a capacidade industrial de transformación en Galicia ou aumentarán as exportacións de madeira en bruto ó resto da Península e a nivel internacional. A posibilidade de aumentar exportacións de madeira en bruto disgusta no sector, pois loxicamente o aumento dos custos de transporte repercute en maiores limitacións para os prezos da madeira en monte. A iso hai que sumarlle a perda de valor engadido, xeración de emprego e innovación, no contexto da economía verde. É a planta de Altri a mellor opción para aumentar a transformación? A planta proxectada por Altri en Palas permitiría aumentar de inicio a demanda do eucalipto galego en 1,2 millóns de toneladas ó ano, con perspectivas de chegar a 2,4 millóns de toneladas. É unha demanda que encaixa coas perspectivas de aumento da oferta de eucalipto en Galicia e que contribuiría a aumentar a competencia polo recurso.
O proxecto de Altri completa a demanda para o eucalipto galego, pero enfróntase a oposición social e a dúbidas ambientais
Esa é a parte positiva do proxecto. O seu talón de Aquiles sitúase nas incertidumes ambientais, sobre todo en relación ó impacto na conca do río Ulla, o que xerou unha gran oposición social ó proxecto. Na parte institucional, a Xunta apóiao en firme, a falta de completar a tramitación ambiental. Entre os propietarios forestais, unha recente enquisa da Asociación Forestal de Galicia apunta a que unha maioría está a favor dunha nova planta que aumente a transformación do eucalipto na comunidade, se ben tamén hai unha maioría que opina que o emprazamento de Palas de Rei (Lugo) decidido por Altri é errado. No agro, unha maioría de colectivos pronunciouse en contra, caso de Unións Agrarias, Sindicato Labrego, Fruga ou Sociedade Galega de Pastos; en tanto Asaga está a favor e Agromuralla pide un proxecto que garantice a ausencia de impactos para as explotacións agrogandeiras da contorna.

“Galicia ten que ser competitiva en innovación, non en volumes de celulosa”

O mercado internacional de celulosa está a presentar fortes crecementos da capacidade instalada, sobre todo coa posta en marcha de novas factorías en Sudameríca. É un crecemento a nivel industrial e tamén a nivel forestal, coa expansión das superficies de eucalipto no continente americano, un escenario que xera incertidume entre o sector forestal galego. Existe preocupación, tanto pola chegada puntual de barcos de eucalipto a Ence Pontevedra e a Ence Navia, neste caso con procedencia principal de Huelva, como polo aumento da oferta mundial de celulosa. Ata que punto pode afectar ese escenario internacional a Galicia?
Ence descarta que lle afecte a competencia das plantas de celulosa de Suramérica, orientadas ó mercado asiático
Consultada sobre o aumento da oferta internacional de celulosa, Ence descarta que teña ningún impacto na súa actividade. “A celulosa de Ence véndese maioritariamente en Europa, mercado no que se concentran case todos os clientes da compañía. Trátase dun mercado en crecemento, principalmente debido ao proceso de substitución dos materiais de orixe fósil (como os plásticos) por outros máis sostibles, como a celulosa (material renovable e reciclable), que é unha demanda do consumidor europeo. Pola contra, a pasta de papel producida en Sudamérica ten por destino principal o mercado asiático”, valoran. Ence sinala que en Asia tamén se rexistra unha demanda crecente de celulosa, “pero debido, neste caso, ao crecemento da poboación e ao aumento do seu nivel de vida, que comporta un consumo máis elevado de produtos hixiénicos”, destacan. Innovación O director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, considera que Galicia non ten que pensar en competir no mercado de ‘commodities’ internacionais. “A nosa fortaleza non está no prezo nin nos volumes, pois son aspectos nos que non poderiamos competir. O noso reto é a calidade e a homoxeneidade do produto, con especializacións en produtos nicho”, valora.
"A nosa fortaleza está na calidade e en especializarnos en produtos nicho" (Juan Picos, UVigo)
“En Sudamérica poden ter economías de escala, custes laborais reducidos e non teñen problemas de recursos ou tecnoloxía. Por tanto, o futuro noso pasa pola especialización e pola diversificación. Nesta última liña habería que entender, por exemplo, os esforzos das compañías pasteiras por incorporarse á produción de enerxía, como unha fonte de ingresos complementaria”, abunda Picos. De similar opinión é Jacobo Feijoo, o secretario xeral de Asefoga: “En Europa temos que ser líderes en eficiencia e calidade de produto, en innovación do proceso produtivo, en definitiva. Non podemos ser competitivos en volume, temos que ser competitivos mediante a innovación”, defende. “O que teño claro -subliña Jacobo Feijoo- é que a demanda de produtos derivados de madeira e de celulosa continuará a medrar, en substitución de materiais fósiles, con maior pegada de carbono. A innovación técnica, con novos usos e aplicacións, é o que nos aportará maior valor engadido”, conclúe.
"A demanda de madeira e celulosa seguirá en ascenso, pola necesidade de substituír produtos con maior pegada de carbono. A innovación técnica en usos e aplicacións é o camiño" (Jacobo Feijoo, Asefoga)
Segunda transformación e biorrefinería Na cadea da celulosa, a innovación sitúase principalmente na segunda transformación, coa elaboración de produtos finais, unha liña na que Galicia é residual, pois en Ence Pontevedra só se fai a primeira transformación do produto. O proxecto de Altri, en Palas de Rei, concebíase como unha oportunidade para avanzar nesa liña, se ben as intencións finais de Altri causaron decepción en parte do sector. Jacobo Feijoo apunta que o 70% da produción da planta vai ser celulosa, sen segunda transformación, e só un 30% será fibra téxtil. Feijoo cuestiona tamén a ausencia dunha biorrefinería no proxecto, que contribúa a extraer valor das ligninas da madeira, de xeito que deixen de ser un residuo do proceso. Barcos de madeira Sobre a entrada puntual de barcos de madeira de Suramérica en Galicia, algo que tamén sucede nas plantas portuguesas, hai consenso no sector forestal de Galicia en consideralo algo anecdótico. “É unha cuestión que responde a necesidades puntuais, pero para Ence non é competitivo un suministro trasatlántico prolongado”, valora Jacobo Feijoo. “Que entre algún barco de xeito puntual non quere dicir que exista un fluxo estable de madeira de Sudamérica a Galicia” -coincide Picos-. “Un gran non fai graneiro. Ence non sería competitiva a partir de madeira de fóra”, pecha.
https://www.campogalego.gal/escenario-da-celulosa-nivel-internacional-megaproxectos-en-brasil-uruguai-e-chile/

A gama Fertimón Tech de viñedo, ferramenta para unha defensa perfecta

Atopámonos de cheo en plena campaña do viñedo. Dadas as condicións de elevada humidade e temperatura, o momento actual resulta determinante para o futuro desenvolvemento do cultivo. Tal e como veñen advertindo as estacións de aviso, o ataque de enfermidades fúnxicas (sobre todo de mildiu) e das pragas típicas da zona, é inminente.

Para enfrontalas, ademais da aplicación de produtos fitosanitarios, as medidas preventivas e a nutrición óptima da planta son dúas ferramentas claves que axudan a conformar a defensa perfecta. Unha verdadeira xestión integrada de pragas sempre debe contemplar o maior número de ferramentas posible e complementar unhas con outras.

A día de hoxe, está asumido que non podemos depender só de fitosanitarios convencionais e que o uso de medidas alternativas axuda á prevención de resistencias, á eficacia dos tratamentos e á conservación do medioambiente. Por iso, expoñemos a continuación unha serie de produtos desenvolvidos na gama Fertimón Tech pensados para fortalecer o viñedo, alternar con tratamentos fitosanitarios e aptos para agricultura ecolóxica.

Substancias básicas para combater as enfermidades

  • SOY: biofunxicida para o control de mildiu, formulado a base de lecitina de soia. Actúa de dúas maneiras, por unha banda elimina a humidade superficial das follas grazas ás súas propiedades físico-químicas lipofílicas. Doutra banda, a súa composición 100% natural estimula a planta, activando os seus defensas naturais e fortalecendo as paredes celulares. Período de seguridade de 30 días.
  • STALION: trátase dun extracto de ‘Equisetum arvense’ (cola de cabalo) pensado como complemento aos tratamentos funxicidas. A UE certificou que esta planta tan versátil ten un efecto xeneralista mediante a inhibición de esporas e mediante un efecto secante. O modo de acción é difícil de definir, seguramente sexa a complexa mestura de moléculas aromáticas, saponinas, sílice e ácidos orgánicos, o que lle outorga propiedades tan beneficiosas. Sen período de seguridade.
  • BICARB: funxicida de contacto preventivo e curativo contra oídio. Forma unha capa protectora sobre a superficie foliar que provoca o colapso osmótico das células fúnxicas, á vez que evita a instalación de novas esporas a través da alteración do pH. Compatible con fitosanitarios a base de xofre. A diferenza destes, é eficaz a altas temperaturas xa que non provoca fitotoxicidade. Período de seguridade de 1 día.
  • SANO: bioestimulante a base de clorhidrato de quitosano. Este curioso polímero, en ocasións descoñecido, ten unha longa lista de utilidades en campos como a medicina, o tratamento de augas ou a fabricación de envases biodegradables. O seu uso como substancia básica vén xustificado pola súa función elicitora das defensas naturais, con todo, as súas propiedades van moito máis alá.

    É común usalo tras a poda para acelerar a cicatrización e evitar o ataque de yesca. Noutros cultivos, úsase para o tratamento de bulbos polo seu efecto antimicrobiano. Mesmo se estudou que a súa descomposición no solo achega NH4 e CO2. Nós recomendamos aplicalo tras a poda ou ben en períodos como o actual, para previr infeccións de botrite e black-rot. Sen período de seguridade.

Abonos foliares para nutrir e fortalecer

  • FORTABROT: tal e como indica o seu nome, este produto fortalece os vasos condutores da planta, impulsando a brotación e a floración. En exemplares con enfermidades da madeira, axuda notablemente a manter o fluxo do zume. Trátase dun abono líquido a base de micronutrientes complexados con lignosulfonatos.
    Velaquí a maxia do produto, os lignosulfonatos son substancias naturais axofradas cunha altísima taxa de asimilación e translocación (ascendente e descendente). Así aseguramos unha máxima absorción dos micronutrientes necesarios para activar o metabolismo e as defensas.
  • LIGNO MZ: abono líquido con manganeso e zinc que corrixe carencias, mellora a polinización, o calibre e a coloración. Recomendamos aplicalo conxuntamente cos tratamentos contra mildiu, xa que a súa excelente sistemia aumenta a eficacia e durabilidade dos produtos fitosanitarios. Ademais, estudouse que estes elementos inhiben encimas dos fungos (superóxido dismutasa, catalasa), derivando nunha oxidación dos lípidos de membrana.
  • MILDCU: a diferenza doutros cobres que poden causar fitotoxicidades e parada vexetativa, Mildcu xera un efecto moi suave na viña. Neste caso, o cobre está complexado con moléculas orgánicas de orixe vexetal que provocan unha resposta positiva e inmediata na planta, tanto por absorción foliar como radicular.
  • VITALMINO: aminoácidos de orixe animal puros, sen mesturas nin aditivos. Son unha potente ferramenta para aumentar a resistencia ao estrés abiótico e para facilitar a síntese de proteínas. Pódese aplicar en calquera momento vexetativo e é compatible coa maioría de fitosanitarios. Con todo, a recomendación é aplicalo cando se prevean xeadas, saraiba ou temporal adverso.

Agromuralla advirte dunha nova baixada do prezo do leite

As primeiras propostas para renovación de contratos do leite que vencen no verán xa comenzaron a chegar ás granxas, con cifras "moi preocupantes", segundo Agromuralla, que advirte de que as ofertas que comezan a presentar as empresas chegan con ata 2 céntimos de baixada, despois de que en abril se produciran tamén descensos de entre 2 e 5 céntimos, dependendo da empresa. "Neste momento as ganderías de leite están a sufrir baixadas de prezo que poñen en risco a viabilidade das explotacións", considera o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro. "Os prezos en orixe téñense devaluado xa un 25% no último ano, tras sufrir unha caída duns 15 céntimos, desde os 60 céntimos do inverno pasado ao entorno dos 45 céntimos actuais", quéixase o presidente de Agromuralla. "Queremos saber que medidas hai previstas para frear esta caída de prezos", di. Desde a asociación de gandeiros reclaman á Xunta que publique mensualmente, dentro do Observatorio Lácteo, os custos de produción das explotacións galegas, ao igual que se publican os prezos medios de venda do leite na comunidade, para contar con "datos obxectivos que permitan que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria". Consulta de medidas sobre a EHE "De cara á reunión coa conselleira queremos saber tamén que medidas hai previstas para facer fronte á EHE, que é unha gran ameaza para as ganderías de vacún, tanto de leite como de carne, e que non nos pode coller desprevidos, como aconteceu o ano pasado", argumenta Pérez Barreiro. Preocupación por Altri Outro dos asuntos a abordar na xuntanza é "o impacto que poida ter Altri no sector agrogandeiro, tanto da comarca da Ulloa como doutras zonas subministradoras de materia prima para a planta". Agromuralla considera que hai "falta de información" e pídelle á nova conselleira "que se reúna co sector e explique os detalles do proxecto e a súa compatibilidade co actividade agrogandeira". "O forestal ten que existir, igual que o sector agrario e gandeiro, pero cada cousa no seu lugar", defende a asociación de produtores de leite. Agromuralla quere saber cal vai ser "a afección real" se a planta de celulosa se chega a instalar en Palas de Rei, xa que "os proxectos no papel cumpren todos, pero outra cousa é despois a realidade práctica", argumenta Pérez Barreiro, que pide á Xunta que "mire con lupa" o proxecto para que cumpra toda a normativa, tanto a urbanística como a forestal e medioambiental, "igual que nos obrigan a cumprir ás granxas", compara. "Non estamos en contra de que proxectos deste tipo se leven a cabo, pero vai estar implantado nunha zona agrogandeira e de pouco serve xerar uns poucos postos de traballo se como contrapartida se inviabiliza a existencia de explotacións na zona, porque quen fai moverse a economía nas zonas rurais son as granxas e as pequenas empresas, que somos as que dinamizamos a economía local", asegura Pérez Barreiro. Autorización do prato invertido para o xurro Finalmente, desde Agromuralla pediráse á nova conselleira que faga os trámites legais necesarios para autorizar "canto antes" a utilización do prato invertido como sistema para a aplicación de xurros en Galicia. "A entrada en vigor o 1 de xaneiro deste ano do Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrarios, obrigando á utilización de sistemas de inxectores ou tubos colgantes, deixou sen alternativa a miles de granxas en Galicia para o abonado, dado que a normativa non se adapta ás condicións e características da nosa comunidade", explica Pérez Barreiro. Sen embargo, a raíz das protestas levadas a cabo esta primavera por agricultores e gandeiros de toda España, o Ministerio flexibilizou a norma e anunciou que se poderá usar o sistema de prato invertido previa autorización por parte das comunidades autómomas. "Atopámonos nunha situación de alegalidade, polo que é necesario que a Xunta autorize canto antes o seu uso no territorio galego", xustifica o presidente de Agromuralla. A Administración autonómica manifestou a súa intención de autorizalo, pero aínda non existe disposición legal ao respecto. Novo sistema de toma de mostras do LIGAL Nas últimas semanas estánse adaptando as granxas ó novo sistema de toma de mostras do LIGAL, a través do cal se vai dotar de maior proteción ás mostras tomadas nas granxas, a través dun sistema de dixitalización. Nembargantes, dende Agromuralla consideran que "non é suficiente, pois é preciso que se faga a toma de dobre mostra, posto que o novo sistema vén a dotar de maior seguridade ás mostras tomadas, pero o gandeiro segue a sufrir indefensión nun caso de erro nas analíticas", di José Luis Pérez.
Agromuralla reivindica a toma de dobres mostras lacradas por parte do Ligal
"A dobre mostra lacrada é unha reivindicación de Agromuralla dende o ano 2015, e ata o de agora sempre recibimos algún tipo de excusa para non implantalo." En realidade, Agromuralla considera que, manter o sistema actual vén a reforzar a postura de superioridade das industrias en casos de discrepancia.

Gandeiros da Fonsagrada, da carne da montaña a pratos preparados

A Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon) está conformada principalmente por granxas de vacún de carne da montaña oriental de Lugo. Nun primeiro momento, naceu debido ás necesidades de asesoramento das explotacións socias e para acometer a compra en conxunto de insumos externos, pero hoxe en día deu dous pasos máis: a comercialización directa da súa carne e a preparación e venda de pratos elaborados coa súa materia prima. Deste xeito, a asociación busca revalorizar as súas producións e facer da gandería unha actividade atractiva para as novas xeracións. Por iso, non é só unha entidade de xestión, senón que se reivindica como unha ferramenta contra o despoboamento e a prol do coidado medioambiental do territorio. A onde chegou Asgafon conta hoxe en día conta cuns 116 socios e socias. “É unha gran oportunidade que temos os gandeiros da zona para non depender dos compradores que poidan vir de fóra, dos prezos que nos poñan tratantes ou matadoiros, para poder comercializar a nosa carne”, explica o tesoureiro da Asociación, Juanjo Fernández. “A comercialización directa das nosas canles comezou cun proxecto do Ministerio de Agricultura fai uns tres anos, chegando a este 2023 coa venda de pratos xa elaborados por persoal de Asgafon, con venda directa a todo España a través da páxina web ‘Son de Lugo’”, amplía a enxeñeira agrónoma da Asociación, Rocío Regueiro. Así, os seus clientes poden ser ao por maior ou directamente o consumidor final, o que lles permite obter prezos xustos para as súas ganaderías, evitando intermediarios. Ademais da tenda online, contan cunha tenda física na Fonsagrada, na que Esther Vigo, cociñeira contratada pola Asociación, fai os pratos elaborados. A materia prima é deles mesmos, o que da un elevado valor engadido ao producto final. A comercialización da carne completa ós servizos que xa viña ofrecendo o colectivo, que presta un apoio integral ás granxas, desde a tramitación de axudas á compra de insumos externos ou ó acompañamento en calquera proxecto das granxas. A entidade defende o seu papel ambiental e social, no marco do que se deu en chamar ‘España vaciada’. “En territorios como a comarca da Fonsagrada a gandería non só é unha actividade económica esencial, senón unha ferramenta de loita contra o despoboamento e coidado medioambiental do territorio. A labor que facemos nese sentido é evidente, e máis nun sistema de manexo en extensivo coma o noso, no que se usa moita base territorial”, indica o presidente de Asgafon, Marcos López. O pasto e a gandería en extensivo son os piares da súa produción, complementados con formulacións específicas de pensos adaptadas á etapa de crecemento e ás condicións do gando, así como ao destino final. Este xeito de traballar fai que as explotacións socias cumplan uns altos estándares agroalimentarios, con produtos certificados pola IXP Ternera Gallega Suprema, a IXP Terras do Navia -no caso de socios asturianos- e nalgúns casos selos de agricultura ecolóxica, a través do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). Orixes e funcionamento Asgafon nace no ano 2009 conformada por uns 60 socios e socias da montaña de Lugo. Nun primeiro momento, a primeira cuestión que animou a estas gandeiras e gandeiros a agruparse foron as necesidades de xestión de axudas e de asesoramento técnico. Hoxe, contan con tres técnicos que respaldan multidisciplinarmente a actividade agrogandeira: un veterinario (Pablo), unha enxeñeira agrónoma (Rocío) e unha administrativa (Ana). “Tiñamos que xestionar as axudas da PAC, ademais de resolver dúbidas en torno a aspectos técnicos, polo que vimos que a mellor solución era agruparse baixo unha asociación, e así manexar moitos aspectos en conxunto”, explica a socia de Asgafon, Ana Freijo.
  • Este contido elaborouse en colaboración co Mercado de la Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

Max Verde, a revolución do eucalipto nitens para evitar a micosfarela

A explosión nos últimos anos da micosfarela, unha enfermidade fúnxica que defolia as plantacións xuvenís de eucalipto, trae de cabeza aos propietarios forestais de eucalipto. Desde que se comezou a detectar o problema, alá por 2016, en Viveros Mañente (Foz, Lugo) iniciaron un traballo de selección de procedencias de nitens que presentasen resistencia aos fungos. O resultado foi o lanzamento no 2021 do eucalipto nitens Max Verde, que nestes últimos anos confirmou en plantacións comerciais as esperanzas que suscitara nos ensaios. En zonas con alto impacto de micosfarela, as plantacións de Max Verde logran un 65% máis de produción en madeira que unha plantación convencional e entre un 20 e un 30% máis en crecementos en diámetro e altura, converténdose na primeira elección das empresas de plantación. Son todos datos dunha rede de 25 parcelas de ensaios de Viveiros Mañente, con auditoría externa e certificación da firma Xesforest. Fungo da tinta do castiñeiro O Max Verde, ademais de resistir aos fungos da micosfarela, presenta tamén a vantaxe de ser resistente nun 98% ao fungo da tinta do castiñeiro, que está tamén afectando as raíces das plantacións de eucalipto nos últimos anos, causando nalgúns casos unha alta mortandade da planta. En Viveros Mañente, líderes europeos en produción de eucaliptos nitens, son partidarios dunha selección de planta en función da zona e características da parcela, polo que insisten na conveniencia de que empresas de plantación e propietarios forestais se asesoren cos profesionais do viveiro sobre a elección máis adecuada. Max Verde, xunto a eucalipto convencional.

Abonado das plantacións de eucalipto

Para optimizar a rendibilidade das plantacións, en Mañente lembran asimesmo a conveniencia de efectuar un correcto calendario de abonado, xunto con roza, nos dous primeiros anos da plantación. En Galicia, o abonado durante a plantación é unha práctica ben establecida, pois garante unha plantación con maior rendibilidade. Viveros Mañente conta cun equipo técnico experto cun doutoramento en nutrición de eucaliptos, que deseña as súas propias fórmulas de abono, ricas en fósforo e equilibradas en nitróxeno e potasio, adaptadas ao que realmente necesita a túa plantación. Durante os primeiros 12 meses, o eucalipto require unha cantidade significativa de fósforo para desenvolver un sistema radicular sólido e resistir mellor os ataques de fungos. Recomendamos utilizar 50 – 60 gramos de fórmula NPK 10-28-7, con magnesio e boro, da marca PLANTACOTE, para aplicar no burato de plantación ou 60-70 gramos da fórmula 11-24-6 con boro, xofre e magnesio da marca TOP PHOREST, para aplicar superficialmente a 10 cm da planta. Aos 3 meses seria conveniente botarlle 30 gramos de boro e cando a planta teña 2 anos, habería que abonalos con Crecentor.
Recomendacións de abonado de plantacións de eucalipto
Fases Fertilizante e dose
Plantación Opción 1
Buraco de plantación
Plantacote 10-28-7 + Mg+ Boro
50 - 60 gramos
Opción 2
A 10 cm. da planta
Top Phorest 11-24-6 + Boro, azufre e magnesio
60 - 70 gramos
3 meses Boro, 30 gramos a 30 cm. da planta
2 anos 'Crecentor', 400 - 500 gramos por planta
Más información

Fontefiz proxecta a obtención de seme sexado das razas autóctonas de vacún

O Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, ubicado no Pazo de Fontefiz (Coles, Ourense), proxecta obter seme sexado das razas autóctonas de vacún, a fin de facilitar o traballo das ganderías que traballan coas razas autóctonas que se consideran en perigo de extinción (cachena, vienesa, limiá, caldelá e frieiresa). Esta é unha das liñas de traballo que figura nun informe de balance sobre o Centro avaliado hoxe no Consello da Xunta. Fontefiz leva case 40 anos especializado na recuperación das razas autóctonas de gando, contribuíndo ó suministro de sementais e reprodutores ás granxas que colaboran co centro, en especial ás de nova creación. Na súa traxectoria, destaca en especial o traballo realizado coa raza cachena, con 174 ganderías colaboradoras e 4.809 animais reprodutores. As tres actividades principais que se realizan neste centro son o mantemento do rabaño fundacional das cinco razas autóctonas bovinas (Cachena, Frieiresa, Caldelá, Limiá e Vianesa) a unidade de recuperación da Galiña de Mos e o mantemento e aumento do Banco de Xermoplasma. A continuidade do rabaño fundacional de vacún das distintas razas autóctonas é un dos compromisos de traballo do centro, de cara a garantir a variabilidade xenética da raza e apoiar ás granxas de razas autóctonas. No balance de traballo do centro, figura a entrega nas últimas décadas de 1.750 bovinos ás gandarías colaboradoras, unha liña na que se quere continuar. Tamén se entregaron 230 sementais de ovella galega e 21 de cabra galega. O centro conta na actualidade con 227 bovinos das cinco razas autóctonas en perigo de extinción, así como unha unidade de recuperación da Galiña de Mos. Por último, o centro tamén se ocupa do mantemento e aumento do Banco de Xermoplasma. Destaca pola súa importancia para a conservación de recursos zooxenéticos e está composto por case 800.000 doses de seme bovino e 162 embrións; 4.700 doses de seme ovino e 250 de cabrún, case 2.800 doses de porco celta e, por último, 3.035 doses de seme e 10 embrións de cabalo galego. Apoio ás asociacións de criadores O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se conceden as axudas para o fomento das razas autóctonas galegas. En total, o Goberno autonómico concedeu 220.000 euros -esgotando a totalidade do crédito dispoñible- a dez asociacións de criadores. As beneficiarias destas achegas son as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas oficialmente pola Comunidade Autónoma para a xestión do libro xenealóxico no marco do Programa de cría da raza correspondente.

Proliant®, primeiro formulado de ácido giberélico en millo: máis vigor e rendemento de colleita

Proliant® é unha formulación de ácido giberélico (GAE 3) patentada por Valent BioSciences®, con ingrediente activo de orixe natural obtido a partir de fermentación de Gibberella fujikuroi, e exento de límites de residuos. O ácido giberélico é unha hormona vexetal que induce a transcrición de xenes implicados en procesos de crecemento xenerativo e vexetativo, incluíndo o crecemento celular, elongación do talo e produción celular en raíces.

Cunha soa aplicación de Proliant® por campaña á dose de 25 g/ha, cando o millo atópase no estadio de 3-5 follas abertas, conséguese un efecto positivo tanto sobre a parte aérea, aumentando a altura da planta e superficie de fotosíntese, como nas raíces, aumentando a masa radicular para proporcionar maior acceso á auga e nutrientes.

Este maior desenvolvemento permite á planta un establecemento máis rápido e robusto, que axuda a tolerar mellor as posibles situacións de estrés, e resultará nun aumento do rendemento en colleita.

Proliant® conta con autorización de uso tanto para millo de gran como forraxeiro, e é compatible en tratamentos en combinación con outros produtos, e especialmente con herbicidas post-emerxencia.

Resultados de ensaios
Ao longo do período de desenvolvemento do produto, Proliant® foi avaliado con numerosos ensaios oficiais (realizados por empresas acreditadas EOR) en diversos países de Europa para o seu posterior rexistro fitosanitario a nivel zonal. Como síntese de resultados, podemos mencionar que, a nivel europeo, tras avaliar o rendemento en millo gran, obtívose un incremento dun 5% (media de 83 ensaios realizados).

Este incremento de rendemento é maior no caso de millo forraxeiro, onde se obtivo ata un 9% máis de produción (media de 16 ensaios realizados en millo forraxeiro).

En millo forraxeiro logrouse un aumento medio dun 9% de produción, segundo 16 ensaios realizados

A nivel de España, os datos obtidos estiveron en liña cos resultados observados noutros países de Europa, destacando un maior aumento no rendemento de millo forraxeiro en condicións de non irrigación.

O estudo dos resultados obtidos en Galicia resulta especialmente significativo pola consistencia nos resultados tras tres anos de ensaios, nos que as condicións ambientais foron altamente variables, con campañas con episodios de limitacións hídricas (pluviometría significativamente menor á media), e outras con condicións óptimas nas que igualmente se confirmou a eficacia de Proliant®, onde se obtiveron incrementos de rendemento en materia seca superiores ao 20%, en comparación coa testemuña non tratada.

Formulación de calidade
Proliant® é o único produto a base de acedo giberélico autorizado en millo. Fácil de usar, con beneficios inmediatos: efectos visibles cunha soa aplicación.

• Ingrediente activo de orixe natural (fermentación de Gibberella fujikuroi)
• 100% dispoñible para a planta: absorción total e rápida.
• Formulación non pulverulenta.
• Non xera floculación durante a mestura.
• Non necesita mollantes ou adxuvantes.
• Perfectamente miscible con outros fitosanitarios.
• Exento de LMR.
• Seguro para o medio ambiente e para o operador.
• Formulación garantida por Valent BioSciences®

Así pois, coa incorporación de Proliant no seu catálogo, Kenogard reforza o seu compromiso cos agricultores, ao poñer á súa disposición ferramentas eficaces, respectuosas co medio ambiente e seguras para o traballador.

A Fundación Arume programa para o 29 de outubro ‘Piñeiros 24’, a cuarta edición do encontro anual das coníferas

A Cidade da Cultura de Santiago acollerá o martes 29 de outubro ‘Piñeiros 24’, a cuarta edición do encontro internacional especializado nas coníferas. O evento, organizado pola Fundación Arume, convertiuse xa nunha cita clave para toda a cadea forestal – madeira, pois aborda cada ano innovacións e tendencias, tanto a nivel forestal como da cadea industrial dos piñeiros.

O encontro abordará o papel da madeira na industrialización da construción, que representa un cambio de paradigma no sector, pois as pezas de madeira prepáranse na industria coas medidas exactas requeridas e chegan á obra listas para a súa montaxe en seco.

Outro dos focos porase sobre a xestión forestal en monte das masas de piñeiro, así como sobre usos e produtos complementarios que se extraen das coníferas.

Francia, país convidado
Este ano, Francia será o país convidado en Piñeiros 24, seguindo a tendencia dos anos anteriores, cando foran Portugal (Piñeiros 22) e Euskadi (Piñeiros 23) os coprotagonistas do evento.

Francia, en especial a rexión de Nova Aquitania, é un dos referentes europeos no manexo do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), tanto a nivel forestal como industrial. En Piñeiros 24 contarase cunha serie de ponentes de Francia que explicarán a realidade da cadea monte – industria de coníferas no país veciño.

Deste xeito, consolídase o posicionamento internacional do encontro Piñeiros, pois cada ano serve de escaparate non só das innovacións e tendencias en Galicia, senón do camiño que se está seguindo noutros territorios nos que a cadea forestal – madeira de coníferas é punteira e recoñecida a nivel internacional.

Gripe aviar en vacún: situación e perspectivas

A gripe aviar está a afectar seriamente ás granxas de vacún de leite de Estados Unidos. Oficialmente, só hai 34 ganderías afectadas, pero unha análise representativa de leites comerciais detectou fragmentos do virus nun 20% das mostras. Explicamos a situación e cal é o grao de ameaza en Europa. Que se sabe da gripe aviar en granxas de vacún de leite de Estados Unidos? A finais de marzo, declarouse a presenza de gripe aviar en granxas de vacún de leite de Estados Unidos. Ata o de agora, a enfermidade afecta a 34 granxas de 9 estados. De tódolos xeitos, pénsase que a extensión da enfermidade é moito maior, xa que unha análise con mostras representativas realizada pola US Food and Drug Administration detectou trazas de partículas do virus en 1 de cada 5 mostras de leite comercial recollidas nos supermercados. As análises xenómicas do virus apuntan a que a transmisión dunha ave a unha vaca produciuse a finais de decembro do 2023 ou a comezos de xaneiro do 2024. Desde aquela, o virus saltou entre distintas granxas de ata 9 estados. A maioría dos estados restrinxiron agora a entrada de animais e esíxense probas para o movemento de animais de recría. É seguro para as persoas consumir leite comercial en Estados Unidos? Totalmente, o virus queda eliminado polo procesamento térmico do leite (pasteurizado ou UHT). Non se atopou ningunha mostra de leite comercial no que houbese presenza do virus da gripe aviar con capacidade de infección. Que se fai co leite das granxas onde se detecta a enfermidade? Retírase da cadea alimentaria. As autoridades emprazan ás granxas a que pasteuricen o leite antes de desbotalo ou de empregalo como alimentación das xatas. Do contrario, pode ser un foco de infección. Que impacto ten a gripe aviar nas vacas, nas granxas afectadas en Estados Unidos? A infección polo virus provoca unha baixada da produción de leite, falta de apetito e outros síntomas variables (febre, deshidratación, leite máis espeso, mastite...). Calcúlase que os animais afectados recupéranse nun prazo de 7 a 10 días e practicamente non hai mortalidade. Hai transmisión do virus entre o rabaño? Si, aínda que non está todavía claro como se propaga o virus dentro do rabaño. Entre un 5 e un 20% das vacas da granxa enferman pola gripe aviar. A bioseguridade das granxas, por tanto, é altamente importante, incluído o movemento de persoas, veículos e obxectos. A hipótese coa que se traballa é que o leite sexa un dos principais factores de contaxio. Que se fai coas vacas diagnosticadas? Neste momento, as vacas afectadas están sendo illadas dos outros animais, ata a súa recuperación. A gripe aviar afecta tamén ás granxas de vacún de carne? Ata o de agora, non se detectou a gripe aviar en granxas de vacún de carne. As autoridades sanitarias de Estados Unidos están inspeccionando tanto granxas como matadoiros, facendo probas da presenza do virus, sen éxito polo de agora. Considérase, por tanto, que o consumo de carne de vacún é totalmente seguro, se ben recoméndase sempre o seu cociñado a temperaturas internas suficientes, xa que iso elimina posibles virus. Cal é o nivel de ameaza para as granxas de vacún de leite de Europa? As infeccións de gando leiteiro en Estados Unidos son cunha cepa de H5N1 que non foi detectada en Europa, segundo declarou ó xornal ‘Politico’ un portavoz da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA). “Estamos seguindo de cerca a situación e posible evolución”, declararon na EFSA.
En granxas de vacún de carne non se detectou polo de agora a gripe aviar
Hai vacinas para a gripe aviar en granxas avícolas? E para granxas de vacún? En Estados Unidos desenvolvéronse con éxito probas de vacinas da gripe aviar para granxas avícolas, se ben aínda non se están a aplicar, xa que hai distintos factores a ter en conta (cepas en circulación, impacto da vacinación na comercialización da carne, etc.). Existe a posibilidade tamén de desenvolver vacinas para granxas de vacún, pero aínda non existen. É posible o contaxio a humanos da gripe aviar? Ata o de agora, a gripe aviar saltou de xeito escaso ós humanos, se ben cando o fai hai risco de mortalidade. En relación cos brotes nas granxas, en España, detectouse un traballador dunha granxa avícola de Guadalajara afectado, e en Estados Unidos tamén houbo un traballador dunha granxa de vacún de Texas afectado, se ben só cunha conxuntivite. En vista de que a gripe aviar está comezando a saltar a mamíferos, proba dunha posible mutación que facilita tal paso, nas autoridades sanitarias de Estados Unidos e Europa existe preocupación. Máis información

A costa galega, foco de gripe aviar en aves mariñas

Que impacto ten a gripe aviar en granxas avícolas de España? Desde o 2021 ó 2023 houbo un total de 32 focos en granxas avícolas en España, todos eles nas comunidades de Andalucía, Castilla y León e, en menor medida, Castilla La Mancha, con un caso. Desde o 1 de xullo do 2023 ata a actualidade, non houbo ningún novo caso detectado. Estes focos son o motivo do rexistro de explotacións avícolas que se está acometendo en Galicia nos últimos meses. Houbo algún caso de gripe aviar en granxas galegas? O único caso coñecido produciuse en xaneiro do 2023 nunha granxa de visóns de Carral (A Coruña). A hipótese é que o contaxio procedeu de aves mariñas e foi un caso que tivo repercusión a nivel internacional, pois representou un salto da gripe aviar de aves a mamíferos, un escenario similar ó que está pasando agora nas granxas de leite de Estados Unidos.
Un foco de gripe aviar nunha granxa de visóns de Carral (A Coruña) levantou as alarmas en xaneiro do 2023, pois representou o paso da enfermidade das aves a mamíferos
Cal é a situación da gripe aviar en aves silvestres en Galicia? As aves silvestres, nomeadamente as mariñas, están véndose afectadas pola gripe aviar. Desde o 1 de xullo do 2023 ó 1 de marzo do 2024, detectáronse 24 focos en aves silvestres en España, dos que 9 corresponden a Galicia (4 na Coruña, 3 en Lugo e 2 en Pontevedra). A costa galega, habitual zona de paso de aves migratorias, é a zona de detección de tódolos focos detectados na comunidade. Nos 9 focos galegos identificouse a 12 aves mortas pola gripe aviar, das cales 11 eran gaivotas patiamarelas e a outra un mascato (alcatraz). Tódolos casos corresponden ó subtipo H5N1 da gripe aviar. Noutras comunidades, tamén se detectou afección en charráns, grullas e mesmo nun falcón peregrino.

Toma posesión Juan José Cerviño como director xeral da PAC e control da cadea alimentaria

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presidiu esta mañá a toma de posesión do novo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño Varela. No acto, que tivo lugar no complexo administrativo de San Caetano, a conselleira destacou a súa traxectoria profesional, sempre ligada ao sector primario. Pola súa banda, o nomeado agradeceu a confianza depositada nel pola titular do Medio Rural e reafirmou o seu compromiso a prol do rural galego. O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de onte o nomeamento de Juan José Cerviño Varela como novo director xeral da PAC e do Control da cadea alimentaria, dentro da Consellería do Medio Rural. Licenciado en veterinaria pola USC, vén desempeñando dende principios deste ano o cargo de secretario do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador dos fondos agrarios europeos, adscrito á Consellería. Con este nomeamento, divídense as competencias da anterior Dirección xeral de Agricultura e Gandería, na que continúa José Balseiros, e créase esta nova, centrada na PAC e no control da cadea alimentaria, aspectos ambos que gañaron protagonismo nos últimos anos polos cambios lexislativos e de normativa. Con anterioridade, Cerviño Varela foi xefe do Servizo de Auditoría Interna do Fogga entre 2021 e 2024 e inspector de Saúde Pública na área de Pontevedra, tras ser nomeado, no 2020, funcionario de carreira na escala de veterinarios. Antes desa data xa tivera experiencia no Fogga, como técnico do Servizo de Intervención de Mercados. A súa traxectoria profesional no Fogga estivo vinculada, entre outras cuestións, á xestión da taxa láctea ata a súa desaparición no 2015. A partir de entón, e coa entrada en vigor do “paquete lácteo” e da Lei de funcionamento da cadea alimentaria, realizou labores de control dos contratos alimentarios no sector lácteo durante cinco anos. No sector privado, exerceu como veterinario clínico en gando vacún de leite dende 1994 ata 2007.

Labrecos: un modelo circular e sostible de horta en ecolóxico

Labrecos é unha cooperativa de traballo asociado que se atopa no municipio de Oza-Cesuras. Adícase á horta e á cría de carne en ecolóxico, e encara o seu futuro coa idea de potenciar sistemas agroforestais. Os tres membros que a compoñen contemplan estes tres elementos como un todo que permite obter unha produción de horta en ecolóxico dunha maneira moi rendible, con productos de calidade, e sen a necesidade de abonos orgánicos externos. A comercialización dos seus productos fundamentase nos ciclos curtos. Unha das vías é a venta directa aos consumidores, tanto particulares como restaurantes, que se adaptan á temporalidade da producción. Outra das vías importantes é a venda a comedores colectivos, principalmente colexios, a través de iniciativas como a de Ecocomedores, coa que non só se pretende achegar a rapaces e rapazas productos de horta en ecolóxico, senón que tamén se procura concienciar sobre a importancia de consumir alimentos sostibles e sen residuos. Esta liña de concienciación trasládase tamén a outro proxecto de Labrecos, en conxunto coa Asociación Raíña e Os Biosbardos, que consiste en crear grupos de consumo nos colexios da bisbarra, facendo chegar unha dispoñibilidade conxunta das 3 hortas a familias, profesores ou incluso veciños das escolas. Iso permitiría que o modelo de comedor ecolóxico que seguen na escola sexa extensivo ás casas. Cómo traballan en Labrecos? En Labrecos traballan no marco da agricultura ecolóxica certificada, co selo do Craega, e ademais oriéntanse a primar o traballo manual, no lugar do mecánico, para favorecer o máximo posible a biodiversidade do solo. “Unha das nosas premisas é deixar que a natureza funcione como ten que facelo, e para iso, optamos por técnicas de loita biolóxica contra as pragas ou por métodos de agricultura rexenerativa para manter un solo húmido, esponxoso e así reducir o seu desgaste”, explica unha das socias cooperativistas, Raquel García.
"A nosa premisa é deixar que a natureza funcione"
A cría dos animais para esta Cooperativa, ademais de complementar a súa actividade económica, representa unha das fontes principais de fertilizantes para os cultivos. “Controlamos a compostaxe do esterco, controlamos que non teña sementes, e botamos o que realmente lle fai falta á planta. Isto tamén nos permite un control das pragas porque se utilizamos a cantidade de materia orgánica axeitada, cunha trazabilidade desde o propio orixe na Cooperativa, reduce a aparición de problemas”, detalla o socio cooperativista Aitor Lata. Desta maneira, o coidado dos solos é unha das claves da horta en ecolóxico de Labrecos, posto que “a base é ter unha terra sa, cunha riqueza en materia orgánica e en microbioloxía e a partir de aí, a planta é unha consecuencia”, agrega outro dos socios, Iván Lata. Nestes momentos, a pesar de que a maior parte da produción está en invernadoiro, a Cooperativa tamén ten unha pequena parte de horta exterior na cal están implementando técnicas concretas de agricultura rexenerativa, como a coberteira con herba cortada, que evita a solarización do solo, para así manter o solo húmido e capaz de desenvolver a aparición de microorganismos. “Tan só hai que mirar o que pasa no monte, o solo está cuberto por varias capas de follas, dando lugar a unha compostaxe en superficie que favorece a proliferación de biodiversidade”, compara Aitor Lata.
"A idea de que a horta en ecolóxico non é produtiva é un gran bulo. Só sucede iso se segues aplicando os esquemas da produción convencional"
En canto á planta certificada en ecolóxico, Labrecos fai a súa propia planta a través de sementeira, na medida do posible. Aínda así, “sempre hai algunha planta que che sae mal, e a relativa incipiencia do mercado en ecolóxico fai que algunhas veces sexa complicado conseguir planta en Galicia, sobre todo antes. Agora coñecemos a un compañeiro asentado en Cerceda co que colaboramos e nos vai moi ben”, sinala Iván Lata. Con todo isto, os rendementos da produción de Labrecos vense afectados polo seu xeito de traballar? A resposta pola parte dos seus socios é un rotundo non. “Iso de que a agricultura en ecolóxico non é productiva é un gran bulo, é incorrecto, tan só é menos productiva se continúas aplicando o sistema de produción convencional. Se continúas coas mesmas prácticas de maltratar o solo, arar co tractor, etc. si que é menos productiva porque non tes o salvavidas do saco de abono. Tan só hai que ser máis coidadoso”, afirma. A comercialización da producción A producción en ecolóxico de Labrecos ten diferentes vías de chegar ao consumidor final. Unha delas é a través da venda directa a particulares, pola cal, unha vez á semana, e en función da súa produción, os socios de Labrecos achegan unha cesta a cada cliente. “Esta fórmula permítenos ter unha proximidade co consumidor, para obter un feedback sobre a nosa colleita”, amplía Raquel García. Sobre a adaptación das cestas ós produtos de tempada, desde Labreco inciden na adaptación do consumidor. “O que observamos é que a nosa gama de clientes foise adaptando á temporalidade dos cultivos cada vez con menor inconveniencia, e se unha semana, por calquera fenómeno non podemos entregarlles a cesta, van entendelo”, concreta. Outro dos puntos de venda para a producción da Cooperativa é a iniciativa Ecocomedores, isto é, o suministro ós comedores escolares, que “xa estaba na nosa mente antes de iniciar o proxecto”, avanza Iván Lata. “Esta iniciativa é moi importante porque non só estamos alimentando aos nenos e nenas dun xeito saludable, senón porque estamos dándolle de comer aos nosos clientes de futuro”, comenta. “Aínda así, nun primeiro momento non nos vimos con forza para xerar os alimentos necesarios para abastecer un comedor escolar cun número de alumnos elevado, pero a raíz dun proxecto piloto do Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, que recadou a varios productores de proximidade, contactou de novo co grupo unha escola infantil de Novo Mesoiro, comezamos por aí, e fomos chegando a máis centros ata a situación actual”, explica Iván Lata. Proxectos de futuro de Labrecos Nestes momentos os socios da Cooperativa van continuar pola formación en sistemas agroforestais. “O ideal sería que no momento da plantación do apartado de horta tamén se poñan unha serie de liña de árbores, para que, co tempo, as árbores colonicen ese terreo e formen un monte. Unha vez suceda iso, levarase a horta a outra superficie para facer o mesmo”, detalla Iván Lata. Esta orientación está motivada pola problemática da auga, posto que “desde Labrecos vemos que a seca do verán está en certo modo alimentada pola falta de árbores, é dicir, non hai materia orgánica nos solos e polo tanto non hai retención, da igual o que chova", conclúe.
  • Este contido elaborouse en colaboración co Mercado de la Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

Recomendacións de Calfensa para a campaña de millo

Nos solos galegos, de carácter ácido, a caliza é un aliado fundamental para optimizar a nutrición dos cultivos, pois contribúen a que as plantas capten e asimilen os nutrientes aportados por abonos e xurros. Repasamos da man de Calfensa a gama de produtos dispoñible no mercado e consellos de aplicación para a campaña de millo.

Gama de produtos

Caliza agrícola O carbonato cálcico, a caliza agrícola tradicional, é un produto moi empregado e non caústico. O grao de finura do produto determinará o seu tempo de reacción en chan. “Canto máis fino é un produto, terá un maior número de partículas que se descompoñerán antes no solo. No caso das calizas de Calfensa, estamos falando dun tempo de reacción de 3 – 4 semanas, dependendo de factores como a humidade do solo ou as súas características”, explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola do departamento comercial de Calfensa. “Paga a pena valorar que tipo de produto se está usando, pois hai no mercado produtos pouco reactivos ou cun maior grao de impurezas”, valora o técnico. Outra cuestión a ter en conta é a capacidade da caliza para correxir a acidez do solo, que se mide polo seu valor neutralizante. A caliza agrícola de Calfensa presenta un valor neutralizante de 50, polo que para a maioría de solos agrícolas galegos, caracterizados pola súa acidez, serán precisas doses de aplicación de 2.000 – 2.500 Kg. / hectárea. “Esta é a dose habitual, pero sempre aconsellamos que o produtor faga unha análise de terras para facer un encalado con maior precisión”, sinalan en Calfensa. No mercado das calizas, hai ademais mensaxes que levan á confusión, pois existen produtos que se presentan nun formato de granulado esférico con doses de aplicación recomendadas de 400 – 600 Kg. / hectárea. “Non hai explicación técnica para aconsellar unha dose tan baixa, pois o valor neutralizante destes produtos é igual que o da nosa caliza, polo que a cantidade a aplicar ten que ser a mesma” -advirte Alberte Momán.- “Hai que prestarlle atención ó valor neutralizante do produto”, recomenda. Outra situación confusa pode producirse con calizas procedentes de Portugal, país que ten un sistema diferente para medir o valor neutralizante. Así, calizas lusas que se presentan en Galicia cun valor neutralizante de 85 son equivalentes ás calizas españolas con valor neutralizante de 40. Por último, cómpre sinalar que no mercado hai tamén calizas a base de dolomita, cun tempo de reacción máis longo que o carbonato cálcico, se ben non é un produto co que traballe Calfensa. Caliza magnesiana (Caliza agrícola + óxido de magnesio) Os solos agrícolas galegos adoitan presentar carencias de magnesio, polo que Calfensa ofrece unha caliza agrícola que incorpora un 20% de óxido de magnesio. Corríxense así as deficiencias en calcio e magnesio, dous elementos importantes para mellorar a nutrición dos cultivos. A incorporación do óxido de magnesio eleva o valor neutralizante do produto a 60, polo que a dose será lixeiramente inferior á do carbonato cálcico. A aplicación das calizas agrícolas é realizada por Calfensa por medio de equipos con brazos dosificadores, dotados dun sistema de pesado e dosificación programado. A empresa conta con tres equipos aplicadores, cos que responder ós picos de demanda da primavera, e tamén se mantén en servizo un aplicador con aire a presión, xa que é máis versátil para parcelas que presentan dificultades no uso dos equipos con brazos aplicadores. Óxido de calcio e óxido de magnesio Son os produtos que presentan unha maior velocidade de reacción, se ben o seu custo tamén é máis alto. O valor neutralizante do óxido de calcio está en 92 e o da dolomía calcinada (óxido de calcio e óxido de magnesio) en 92,8. Eses valores determinan a aplicación de doses medias en Galicia de 1.200 – 1.600 kg. / hectárea. O produto servido por Calfensa preséntase granulado, a modo de gravilla, e pode ser esparcido polo propio gandeiro por medio de abonadoras. “A principal vantaxe que ofrece é a comodidade”, sinalan na empresa. Novamente hai que ter en conta factores como o valor neutralizante do produto ou a súa facilidade para desfacerse no solo.

Consellos de aplicación

Incorporación ó solo Dado que a acción do encalante é por contacto directo, cómpre facer un esparexido homoxéneo en toda a superficie, así como unha incorporación inmediata ó solo por medio dun laboreo. Deste xeito, garantirase o beneficio do produto en toda a zona que ocuparán as raíces do cultivo. Suba do pH Deben usarse doses que non suban o nivel do pH do solo máis dun punto, xa que unha suba repentina maior tería efectos negativos nos microorganismos do solo. Aplicación de xurros e abonos No posible, é conveniente esperar unhas semanas a que o produto encalante teña reaccionado no solo antes de incorporar xurros, estercos ou abonos. De non facelo así, o encalante pode reaccionar co esterco ou con abonos nitroxenados amoniacais, desprendendo amoniaco e, por tanto, reducindo a capacidade de fertilización do abono ou do xurro. Tamén pode repercutir de xeito negativo nos fosfatos.

Contacto Calfensa

  • Teléfono: 982 30 59 02

Principais beneficios das calizas

  • Evítase o bloqueo e fixación dos fosfatos, ao formarse compostos de calcio máis asimilables polas plantas.
  • Redúcese a toxicidade de determinados minerais para as plantas, como o aluminio, o ferro ou o manganeso.
  • Favorécese a absorción de Molibdeno (Mo) presente no solo por parte das plantas, algo que é especialmente positivo nas leguminosas, que presentan altas necesidades do mineral.
  • Mellora a estrutura do solo e as súas propiedades físicas.
  • Estimúlase a actividade dos microorganismos, o que repercute nunha mellor transformación da materia orgánica e nunha maior dispoñibilidade de nutrientes.
  • Contribúe ó bo desenvolvemento e distribución das raíces das plantas.

Que opinan os propietarios forestais sobre o proxecto de Altri?

A planta de celulosa e fibra téxtil proxectada por Altri en Palas de Rei (Lugo) está nos últimos meses no foco do debate social e político polos seus posibles impactos ambientais. Desde a perspectiva forestal, a lóxica apunta a que os propietarios beneficiaríanse dunha maior competencia polo recurso (eucalipto), pero cal é a súa opinión sobre o proxecto?. Unha enquisa interna elaborada pola Asociación Forestal de Galicia entre os seus socios revela que os pareceres son diversos e plurais. Hai interese no proxecto dunha nova planta de transformación de eucalipto en Galicia?. Si, pero tamén hai preocupacións polo impacto ambiental da industria ou pola ecoloxía e ordenación do monte galego, onde o aproveitamento do eucalipto convive co das coníferas e as frondosas. Na asemblea da Asociación Forestal de Galicia, celebrada onte en Guitiriz (Lugo), fixéronse públicos os resultados provisionais da enquisa, que se mantén aberta e se completará nas próximas semanas. O 52,4% dos socios que responderon están de acordo coa instalación dunha nova industria de transformación de eucalipto en Galicia, pero tamén hai un 40% que se manifesta en contra e un 7,6 % que di non ter opinión suficientemente formada ó respecto.
Unha maioría de propietarios apoia unha nova industria de transformación do eucalipto en Galicia, pero considérase pouco axeitada a ubicación de Palas de Rei
Polo que se refire á localización da planta, ao 41% non lles parece axeitada a localización de Palas de Rei, ao 34,2 % parécelles ben e o 24,8 % non se pronuncia. É destacable esta última porcentaxe: unha cuarta parte dos propietarios prefire non opinar sobre a localización, o que apunta ó recoñecemento dunha falta de coñecemento obxectivo sobre os impactos da planta, máis alá do debate público sobre a cuestión, que en xeral percíbese que parte de premisas ideolóxicas. A Asociación Forestal de Galicia (AFG) subliña que os resultados da enquisa e os comentarios recollidos, como parte da mesma, reflicten a pluralidade de pensamento e a diversidade de opinións dos socios, tanto propietarios particulares como representantes de comunidades de montes. A AFG sinala asimesmo que, en calquera caso, hai consenso en que, de establecerse a industria, os controis do impacto ambiental deben ser extremadamente rigurosos, velando polo cumprimento da normativa nos ámbitos local, autonómico, nacional e da Unión Europea. En canto ó perfil das persoas socias que responderon a enquisa, un 76% das que contestaron manifestaron ter eucaliptos nas súas propiedades, en tanto outro 24% non traballa con esa especie.

A Asociación Forestal de Galicia impulsa a creación dunha decena de agrupacións de xestión conxunta do monte para superar o minifundio

Asemblea da AFG. A Asemblea da AFG en Guitiriz orientouse principalmente a facer balance da actividade da Asociación no último ano, así como das liñas de traballo en marcha. Unha das principais cuestións que se abordou é o traballo que está desenvolvendo a Asociación Forestal de Galicia para impulsar unha serie de agrupacións de xestión conxunta do monte. A creación das agrupacións é unha vía importante para mellorar a rendibilidade dos aproveitamentos en propiedades particulares, pois axuda a superar os problemas derivados do minifundio. A AFG comezou xa a apoiar a creación de arredor de dez proxectos de agrupacións de xestión conxunta nas catro provincias galegas, en distintas fases, desde iniciativas en fase inicial a proxectos xa consolidados. Entre os proxectos que se están poñendo en marcha figura en Lugo un en Momán (Xermade, Lugo), xunto cun proxecto de consolidación da Sofor de Monte Candedo (Meira, Lugo). En Pontevedra, están un en Barcela (Arbo, Pontevedra), un en Mondariz, un en Moalde (Silleda) e un en Saiáns (Vigo); en tanto na Coruña cómpre destacar o proxecto de consolidación da Sofor de Cuns (Serra de Outes), e en Ourense un proxecto de nova agrupación en Piñor. Contexto das agrupacións As agrupacións de xestión conxunta son un instrumento definido na Lei 11/2021 de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. Trátase dunha figura orientada a promover, dun xeito voluntario, o manexo en conxunto de superficies forestais dun mínimo de 10 hectáreas, sen reestruturación da propiedade. Con este instrumento búscase superar problemas derivados do minifundio, de cara a avanzar cara a unha silvicultura máis profesional, con economía de escala e cunha planificación forestal e ambiental do territorio.

Mellora da fiscalidade forestal

Outro dos focos da Asemblea da Asociación Forestal de Galicia situouse nas necesidades estratéxicas do sector, en especial na mellora da fiscalidade forestal. A AFG incide en que a xestión do monte polos silvicultores é a mellor vía para reducir o abandono das masas e previr os incendios forestais. Por tanto, entende que é preciso que se incentiven os traballos silvícolas cunha fiscalidade máis atractiva. As propostas da AFG céntranse en tres liñas: 1. Permitir que tódolos propietarios forestais tributen as vendas de madeira no Réxime de Estimación Obxectiva (módulos). A actual fiscalidade forestal penaliza os aproveitamentos forestais de turnos longos, é dicir, cando as árbores teñen unha quenda de corta superior ós 30 anos, como é o caso dos piñeiros e das frondosas caducifolias. En aproveitamentos de turnos longos, aqueles propietarios que estean no Réxime de Estimación Directa pagan ata catro veces máis no Imposto da Renda que os que estean en Estimación Obxectiva. O problema de fondo é que os propietarios que tributan no Réxime de Estimación Directa están a tributar por un beneficio fiscal moi superior ó real. Esta é unha circunstancia que a AFG entende que desincentiva as plantacións de especies de turno longo, polo que, conxuntamente coa Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE), iniciará unha serie de accións ante as Administracións públicas. 2. No caso dos montes veciñais, proceder a unha exención parcial do imposto de sociedades nos aproveitamentos forestais de turnos longos. Esta medida, igual que no caso anterior, introduciría maior xustiza fiscal e aportaríalle maior atractivo económico ás plantacións de frondosas caducifolias. 3. Establecer deduccións dun mínimo do 20% do IRPF para os investimentos no monte. A deducción do IRPF incentivaría os traballos de mellora e restauración dos montes.