All posts by David González Iglesias

Feira do Cabalo o día 26 en Friol

O Concello de Friol presenta o cartel da Feira do Cabalo, que se celebrará o domingo día 26 de maio no recinto do Mercado Municipal. Na presentación, que tivo lugar este venres, estiveron presentes o alcalde de Friol, José Á. Santos, xunto con outros representantes da corporación municipal, que estiveron acompañados por Jorge Lodeiro, Jose Manuel Núñez, Ana López, Rubén e Rebeca Vázquez, e Unai Frías, veciños e veciñas de Friol, amantes dos cabalos que tamén son protagonistas do evento, sendo os encargados de organizar esta feira en colaboración co Concello de Friol. O transcurso da feira terá lugar durante todo o día no mercado municipal, finalizando coa entrega dos premios correspondentes.

Programa

Ás 8:30 abrirase o recinto feiral e xa se dará inicio á compra e venta de gando equino, para continuar ás 9:30 cos concursos morfolóxicos (cruzados, PRE e PRA). En todas as categorías haberá sección de poldros e poldras ata dous anos e a partir de dous anos sección adultos. Despois do xantar, ás 15:30, realizaranse a Andadura Tradicional Galega e a Andadura Libre, continuando con carreiras de trote ás 18:30 e rematando con unha xincana ás 19:00 h. Ás oito da tarde pecharase a feira coa entrega de premios, que serán 3 por categoría, cun trofeo, e un premio económico de 150, 100 ou 50 € segundo sexa 1º, 2º ou 3º respectivamente. A maiores, nas carreiras de andadura, o 4º e 5º posto levarán como premio un saco de penso. As inscricións están abertas ata as 15:00 h do xoves 23 de maio. Realizarase o sorteo dun poldro e de agasallos variados. E haberá ponis para o desfrute dos mais pequenos. Dende a organización resaltan que cada xinete debe acudir co seu libro correspondente e que o uso de casco será obrigatorio. O alcalde de Friol, José Á. Santos, “agradece a este grupo de veciños e veciñas de Friol o seu traballo intenso nos últimos meses, así como a implicación directa na organización desta edición da Feira do Cabalo de Friol”. Ademáis, convida “aos amantes dos cabalos e a todas as persoas en xeral que queiran pasar un día dedicado ao mundo equino, bonito e divertido a que nos acompañen na Feira do Cabalo de Friol”.

Barreiros acolleu unha xornada sobre a velutina

As Escolas Vellas de San Miguel de Reinante acolleron esta mañá a xornada técnica “Convives ou combates. Ti elixes!” sobre a vespa velutina, organizada pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo da man da Asociación Galega de Apicultura e do Concello de Barreiros. O deputado Daniel García presentou a charla na que Joaquin Lozano, veterinario e asesor técnico de AGA, e José María Bello, apicultor e responsable da asociación no Morrazo, falaron sobre coñecementos e os recursos precisos para afrontar a proliferación desta especie invasora. O ciclo reprodutivo da velutina ou a elaboración, eficiencia e mantemento que requiren as trampas foron algúns dos temas que abordaron durante as súas intervencións. Daniel García destacou a importancia destas iniciativas para “que a veciñanza teña os coñecementos necesarios para actuar na súa contorna máis inmediata fronte a esta problemática, que está afectando á apicultura, á produción froitera e agraria e á veciñanza en xeral”. O coloquio forma parte dun ciclo impulsado pola área de Rural, con charlas nas diferentes comarcas -Lugo, Samos e Carballedo- que terá continuidade nos meses de verán con talleres prácticos. En relación coa vespa velutina, a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ven trasladando tanto no ámbito institucional como político a necesidade dunha abordaxe integral desta problemática por parte da Xunta de Galiza, que compense os danos causados nas producións melíferas e froiteiras pola vespa velutina e que reforce as accións de prevención e de investigación para frear a expansión desta especie invasora.

Unións ve “positiva” a anunciada reducción da carga burocrática nas granxas e pide mellorar as axudas

Unións Agrarias valora positivamente o anuncio do Ministro de Agricultura da implantación voluntaria da figura do veterinario de explotación, pero pide a súa supresión definitiva pola carga administrativa para as pequenas explotacións gandeiras. Desde a organización agraria lémbrase que “este avance vén derivado dos acordos entre a Unións de Pequenos Agricultores (UPA) e o Goberno logo das mobilizacións do pasado mes de febreiro”, e insístese en que “o veterinario de explotación nada aporta no que ten que ver co benestar animal e a seguridade alimentaria e que unicamente ven aumentar as trabas e custos das explotacións”. Unións Agrarias pide un maior esforzo inversor na gandería de vacún de carne polo seu valor na xestión do territorio, a conservación da biodiversidade, a prevención de lumes e a mitigación da mudanza climática mediante a creación de axudas específicas. Neste sentido, valora “positivamente o avance na posta a disposición das granxas da vacina da EHE” prevista para despois do verán, pero lembra que “a incidencia desta enfermidade nos animais xa ten suposto perdas na explotacións” polo que solicita un maior concurso inversor a toda as administracións para poder atallala canto antes. No mesmo capítulo, valórase como positiva a flexibilización nas campañas de detección de tuberculose bovina pola súa baixa prevalencia nas ganderías e insístese na necesidade de axilizar o pago das indemnizacións ás granxas afectadas por un baleiro sanitario. Finalmente, Unións Agrarias demanda a creación de axudas específicas para o modelo de gandería familiar, así como “o recoñecemento e valorización do papel medioambiental que esta desenvolve mediante a creación de incentivos para unha actividade que é unha ferramenta recoñecida e eficaz de xestión da paisaxe, conservación da biodiversidade, prevención de incendios e mitigación do cambio climático”.

“A planta de celulosa en Palas representaría unha ameaza para a produción ecolóxica de Galicia”

A asociación de Produtores e Produtoras Ecolóxicos de Galicia (PROECOGAL) ven de emitir un comunicado no que se posicionan en contra da instalación dunha planta de celulosa de Altri en Palas de Rei (Lugo). En concreto, dende a asociación sinalan que “hai unha cuestión especialmente grave, pois o proxecto industrial promovido por Greenfiber SL non contempla o risco que a súa actividade representaría para o noso sector, a produción agrogandeira, e específicamente para as producións diferenciadas como a produción ecolóxica. É imprescinble que se teña en conta a produción ecolóxica á hora de valorar a viabilidade dun proxecto así dende o punto de vista ambiental, tendo en conta o impacto sobre a produción e o posible risco que representaría para a certificación das producións ecolóxicas. Máis aló, cómpre valorar a afectación a nivel de mercado, e percepción das consumidoras”. Ademáis, engaden que “entendemos que o modelo de industrialización plantexado para o interior galego non pode poñer en risco o tecido socioeconómico existente no territorio e especialmente o tecido agrogandeiro, que garante a cohesión territorial xerando un forte impacto económico, facendo un uso sostible e respectuoso dos recursos, preservando a biodiversidade do medio e do solo e proporpocionando á sociedade alimentos de calidade e seguros”.

“A planta de celulosa en Palas representaría unha ameaza para a produción ecolóxica de Galicia”

Neste sentido, consideran que “a implantación dunha industria de enclave como a que representa o proxecto publicado, pon en risco este modelo e ademais, entra en conflicto cos obxectivos ambientais definidos nos compromisos das normativas europeas, estatais e autonómicas; e coa estabilidade da cadea agroalimentaria, dende as produtoras ata a industria transformadora”. Por todo o anterior, dende PROECOGAL manifestan a súa “oposición á implantación dunha industria desta natureza, que entedemos, representaría unha ameaza dende o punto de vista do seu impacto ambiental e socioeconómico, especialmente para o tecido que conforma a produción ecolóxica de Galicia”. Por último, farán chegar “esta postura e a nosa preocupación a aqueles axentes que entendemos deben considerar a mesma: Craega, Consellería de Medio Ambiente, Consellería de Medio Rural, Augas de Galicia”.

Vacina contra a EHE dispoñible despois do verán e carácter voluntario do veterinario de explotación, entre as 10 medidas do Goberno para apoiar á gandería en extensivo

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, anunciou hoxe 10 propostas de actuación do Goberno, derivadas das conclusións do Foro de Diálogo sobre a Gandaría Extensiva en España, para dar resposta aos retos dun sector que considerou dos máis fráxiles do conxunto da produción agraria española. Durante a súa intervención en clausúraa do foro, celebrado en Toledo, Luís Planas debullou as 10 iniciativas en tres ámbitos de actuación: simplificación administrativa, sanidade animal e rendibilidade. As propostas, subliñou o ministro, nacen do “espírito de colaboración constatado no foro, no que se realizou un traballo que marca un antes e un despois” para a gandaría extensiva. A celebración deste foro está contemplada entre as 43 medidas comprometidas polo Goberno para responder as preocupacións de agricultores e gandeiros. O ministro destacou a necesidade de dialogar e traballar conxuntamente, e subliñou o papel das organizacións profesionais agrarias, “que son as que sempre están e son fundamentais, coas que imos manter constantemente aberta a interlocución sen restricións”. Tamén recoñeceu a colaboración das comunidades autónomas como copartícipes nas políticas que afectan á gandaría extensiva, así como das achegas das entidades do sector. As propostas debulladas polo ministro son as seguintes:

SIMPLIFICACIÓN ADMINISTRATIVA

1. A figura do veterinario de explotación terá carácter voluntario. Planas explicou que o ministerio nunca pretendeu crear unha carga, senón apoiar aos agricultores e gandeiros, e recoñeceu que a maioría das explotacións xa reciben asistencia das agrupacións de defensa sanitaria gandeira. As explotacións que non designen veterinario estarán obrigadas á visita zoosanitaria periódica en función dos riscos sanitarios das explotacións, conforme á normativa europea.  2. Revisión e simplificación do contido do plan sanitario integral, o sistema integral de explotacións e o plan de benestar animal. O ministro mostrou a disposición do Goberno a “facer todo o que podamos facer en flexibilidade, pero sen andar nin un milímetro atrás en materia de sanidade animal”, e recalcou que o bo status sanitario do que dispón España é o que permite o constante aumento das exportacións de animais vivos.

SANIDADE ANIMAL

3. A vacina contra a enfermidade hemorráXica epizoótica (EHE) estará dispoñible despois de verán. Luís Planas explicou que a propagación desta enfermidade, que reapareceu en España a finais de 2022 tras máis de 50 anos sen casos, foi un dos efectos colaterais dunhas condicións climáticas extremadamente secas e calorosas. 4. O ministerio destinará 15 millóns de euros para subvencionar os gastos nos que incorresen os gandeiros para facer fronte á enfermidade a EHE. O ministro pediu ás comunidades autónomas que contribúan con outros 15 millóns de euros complementarios. 5. En relación coa tuberculose, o ministro propuxo traballar conxuntamente coas comunidades autónomas -o plan de erradicación ten carácter nacional- nas seguintes liñas: a) flexibilizar as probas de movemento de animais b) mellorar o apoio á reposición das explotacións onde se realizou un baleirado sanitario c) axustar as ferramentas diagnósticas en base ao risco d) analizar con datos o impacto da "segunda volta" e, no seu caso, revisar a súa aplicación e) revisar en profundidade a lexislación asociada á fauna silvestre para buscar solucións que faciliten a súa aplicación. O ministro recoñeceu os importantísimos avances producidos en España no control e erradicación desta enfermidade, con sete comunidades libres de tuberculoses e tres provincias de Castela e León, e unha prevalencia inferior ao 0,5 % noutras catro autonomías. Sinalou que o ano pasado 1.420 explotacións tiveron casos positivos do total de 92.400 existentes, o que representa ua incidencia de apenas o 1,5 %. “Conseguimos reducir moito a presión, e estas boas magnitudes permítennos dar un paso adiante e xestionar case de maneira individual cada explotación en función do risco”, sinalou 6. O ministerio destinará sete millóns de euros para suplir a redución da achega da Unión Europea (UE) aos programas de erradicación da tuberculose bovina. 7. O ministerio incorporará a opinión do sector na proposta de regulamento de benestar animal no transporte e será a posición que defenda España no debate europeo.

RENDIBILIDADE

8. O ministro convocará unha Conferencia Sectorial coas comunidades autónomas para avaliar a posible creación da Intervención Sectorial do Ovino dentro da Política Agraria Común (PAC). Iso permitiría que se puidesen conceder axudas a organizacións de produtores e cooperativas, aínda que o ministro sinalou que pór en marcha este programa implicaría reaxustar fondos doutras axudas da PAC. 9. Cooperar e establecer coas interprofesionais do ovino e caprino para a promoción dos seus produtos a través de Alimentos de España. 10.Promover unha iniciativa de valorización comercial dos produtos do vacún de extensivo, especialmente no exterior. O ministro detallou algúns datos para ilustrar o “firme compromiso do Goberno co sector da gandaría”. Así, lembrou que recibe o 80 % do orzamento das axudas asociadas da nova Política Agraria Común (PAC), cun total de 543 millóns de euros anuais. Ademais destacou os ecorreximes específicos para pastos, que tiveron unha gran acollida, capítulo polo cal os gandeiros españois teñen recibido 236 millóns de euros nun ano. Así mesmo, destacou que, con 676 millóns de euros, a gandaría recibiu a metade das axudas extraordinarias concedidas polo Goberno entre 2022 e 2023 ao sector agrario para facer fronte ás consecuencias da seca e da guerra en Ucraína para paliar os altos custos que tiveron que soportar.

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes rexeita o proxecto da planta de celulosa de Altri en Palas de Rei

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) ven de emitir un comunicado no que amosa o seu “rotundo desacordo co proxecto industrial para a instalación dunha fábrica de celulosa de Altri en Palas de Rei”. En concreto, dende a SGPF identifican unha serie de impactos sobre o sector gandeiro “que son de gran preocupación para nós de cara ao sector que representamos”. En concreto: - Elevada competencia pola terra nunha zona con gran actividade gandeira de leite e carne. “Tanto polo tamaño da industria como pola demanda de madeira que está proxectado que precisará o impacto desta industria implicará un incremento da competencia pola terra o que encarecerá e dificultará a instalación e a mellora de novas ganderías máis aló da comarca da Ulloa. Os terreos nos que se pretende instalar a industria formaban parte de varios proxectos gandeiros, algúns vinculados coa gandería ecolóxica que non se poderán desenvolver”, advirten. - Forte competencia pola auga. “Na actual situación de emerxencia climática preténdese iniciar un proxecto industrial cunha altísima demanda de auga que, chegado un momento de escaseza da mesma, competirá cos usos agrícolas e gandeiros da zona”, subliñan. - Alto impacto ambiental sobre as emisións da propia industria. Dende a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes alertan tamén de que “a repercusión sobre o sector gandeiro darase tamén pola emisión de sustancias nocivas que repercutirá negativamente sobre a actividade gandeira nun radio moi amplo e afectará a aquelas ganderías ecolóxicas situadas máis preto das instalacións”. Por todo isto, dende a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes amosan o seu apoio ao “Manifesto das persoas produtoras” que se vai presentar o vindeiro 21 de maio pola Plataforma Ulloa Viva, así como a participación na manifestación convocada para o 26 de maio en Palas de Rei por 4 plataformas da comarca.

Xornadas sobre asesoramento agrogandeiro e homenaxe á extensión agraria o 24 e 25 de maio en Ribadeo

O próximo 24 e 25 de maio a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes celebra en Ribadeo a novena reunión de primavera centrada este ano en "Pasado, presente e futuro do asesoramento. Homenaxe á extensión agraria”, un servizo público de asesoramento que contribuíu de forma decisiva á modernización do agro. As xornadas celebraranse no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias. A participación na reunión é de balde pero é preciso inscribirse antes do 22 de maio, indicando día e intención de xantar ou non, chamando aos teléfonos 686620154 (Eloi) ou 628713263 (Victor). O coste do xantar será de 20 Euros. Nestas xornadas colaboran o Concello de Ribadeo, Deputación de Lugo (Área de Medio Rural), Xunta de Galicia (Consellería de Medio Rural), AGACAL e o CFEA Pedro Murias. Velaquí o programa:

O Sindicato Labrego denuncia que industrias lácteas ameazan con non recollerlle o leite ás ganderías coas vacas trabadas

O Sindicato Labrego Galego denuncia que “nas últimas semanas varias gandarías foron ameazadas cun cese de recollida do leite (non renovación de contratos) argumentando determinadas industrias, ao fío da estabulación trabada, un suposto incumprimento das normas de benestar animal recollidas no Real Decreto de Ordenación de Bovinos”. A este respecto, dende a organización labrega informan que “vimos de confirmar con fontes da Consellaría do Medio Rural que en ningún caso o feito de que as vacas sexan amarradas durante a noite cando veñen de estar pacendo ao aire libre todo o día afecte ao seu benestar nin infrinxa extremo algún da abundante normativa que a día de hoxe vela polas boas prácticas no manexo do gando na produción alimentaria, incluído o RD no que se escudan as empresas que están a protagonizar este novo abuso na cadea alimentaria”. “É máis -engaden dende o Sindicato Labrego- as granxas nas que inda se realiza esta práctica -fomentada no seu momento pola propia Xunta de Galicia- caracterízanse polo seu pequeno ou mediano tamaño e xestión tradicional, cun número limitado de cabezas de gando, produción en extensivo e un seguimento do benestar animal moi próximo”. Ante esta situación de ameazas das industrias lácteas con non renovar os contratos ás ganderías con vacas trabadas, dende o SLG reclámanlle á Consellaría do Medio Rural que “contacte cas empresas lácteas para aclarar esta situación e sobre todo para deixarlles ben claro que o motivo argumentado para non lles renovar os contratos ás gandeiras e gandeiros é totalmente inxustificado”. “Ademais consideramos que o Ministerio de Agricultura tamén debería interesarse por estes movementos, habida conta de que semellan unha máis que posible distorsión da aplicación do RD de ordenación bovina por parte destas industrias e o incumprimento das boas prácticas recollidas na Lei da Cadea Alimentaria”, demanda o coordinador do sector leiteiro no SLG, Xúlio Fernández. “No SLG temos a certeza de que as empresas lácteas son coñecedoras da normativa e conscientes de ausencia total de xustificación para esta chantaxe ás granxas familiares, polo que interpretamos que o que pretenden é, esgrimindo un argumento que abarca á meirande parte delas ao tempo que elude a cuestión do modelo, dificultar a súa viabilidade e forzar a súa desaparición”, engade. “As industrias saben que se non lles poden vender, moitas gandarías terán que malvender a intermediarios, a un prezo moito máis baixo, podendo a continuación ser adquirido este mesmo leite de novo pola industria láctea por menos cartos do que tería pagado ás gandeiras e gandeiros directamente”, advirte o representante do Sindicato Labrego.

Resultados das poxas de Rubia Galega en Sarria e Cervantes

O recinto gandeiro de Sarria acolleu esta mañá a poxa máis exitosa de cantas leva celebradas a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, no que vai de ano. As altas cotizacións que lograron as tres xovencas  presentadas á poxa arroxaron unha nova marca, no que a prezo medio se refire, até alcanzar os 2.833 euros. A venda das tres xovencas de 25 e 26 meses de idade, e preñadas de 5 e 6 meses, lograron un récord en canto ao prezo medio, que se situou nos 2.833 euros. A primeira das xovencas, adxudicouse en 2.850 euros e os dous seguintes exemplares, en 2.800 e en 2.850 euros. Dáse a circunstancia de que tanto a primeira das xovencas poxadas, como as dúas seguintes, irán parar a dúas explotacións de Láncara, un dos concellos lucenses nos que hai unha maior presenza de rubia galega. O presidente de ACRUGA, César Dorado, sinalou ademais que "estar presente nunha feira como o San Isidro, coa exhibición duns 40 exemplares de Raza Rubia Galega tamén serve para dar promoción á raza, que é outro dos nosos obxectivos, polo que agradecemos ao alcalde de Sarria a súa petición para realizar a poxa e estar presentes na exhibición de razas. Ademais, contamos coa presenza da conselleira de Medio Rural, María José Gómez, o que tamén supón un apoio aos gandeiros e gandeiras que integramos esta asociación".

Media de 2516 euros na poxa de Cervantes

O sábado tamén se celebrou unha poxa de tres xovencas preñadas en Cervantes, como parte do programa de actos da cuarta edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, na que logrou adxudicar os animais cun prezo medio de 2.516 euros. A primeira das xovencas foi a que obtivo a maior cotización da poxa, xa que se adxudicou en 2.850 euros, un dos prezos máis elevados no que vai de tempada. Do mesmo xeito que o resto, trátase dunha xovenca do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, de 28 meses de idade e preñada de outubro do pasado ano, con xenealoxía de Gayoso AG, un dos sementais máis destacados do catálogo de Acruga. Adquiriuna unha gandeira de Cervantes, que tamén levou a segunda poxa da mañá, por un prezo de 2.400 euros. O terceiro exemplar adquiriuno un criador de Navia de Suarna, por un prezo de 2.300 euros. En total houbo 14 cartóns, de gandeiros e gandeiras de dez municipios lucenses.

Constitúese a Federación de Asociacións de Criadores de Abella Negra Ibérica

O pasado 27 de abril asinouse a acta fundacional da Federación IBERIENSIS, Federación de Asociacións de Criadores de Abella Negra Ibérica, no edificio Goizane de Zaldibia, Gipuzkoa, sede de IBERIENSIS. A Federación ten como principais fins: -Fomentar a crianza e mellora da raza abella negra ibérica ( Apis mellifera iberiensis), mediante un Programa de Cría, co fin de seleccionar os seus caracteres máis desexables. -Promover e desenvolver accións encamiñadas á difusión da mellora e a súa conservación, en colaboración coas Administracións competentes. -Agrupar ás asociacións de criadores de abella negra ibérica españolas, defender os seus intereses, colaborar para a formación técnica dos criadores e ofrecerse como interlocutor fronte a administracións públicas e outras entidades. -Realizar a defensa global da abella negra ibérica, velando pola súa pureza xenética e a preservacion que ese patrimonio xenético representa para a biodiversidade. O principal obxectivo da Federación a curto prazo é a inclusión da abella negra ibérica no Catálogo Oficial de Razas Gandeiras do MAPA para poder desenvolver un Programa de Cría con finalidade de mellora. Para iso conta con diferentes ferramentas tales como un protocolo de probas de rendementos, unha metodoloxía para a avaliación xenética, sistemas para o control dos apareamientos e mecanismos para o diagnóstico da raza de abellas. IBERIENSIS está integrada polas asociacións de criadores de abella negra ibérica de carácter autonómico: • ACAMI, Asociación de Criadores Apis mellifera iberiensis CLM (Castilla La Mancha) • ACRIANICYL, Asociación de Criadores de Abeja Negra Ibérica de Castilla y León (Castilla y León) • AECRIA-Madrid (Comunidad de Madrid) • AMIGA, Asociación de criadores de Apis mellifera Iberiensis de Galicia (Galicia) • ASAN, Asociación Altoaragonesa para la selección de la abeja negra (Aragón) • Asociación Asturiana de Criadores de Abeja Negra Ibérica (Asturias) • Asociación de Criadores de Abeja Negra Ibérica de Cantabria (Cantabria) • Dotze Reines. Associació Balear per el Foment de l´Abella Autòctona (Islas Baleares) • ERBEL, Erle Beltz Hazleen Elkartea (País Vasco) • IBERCRÍA, Asociación Valenciana de Criadores de abeja Apis mellifera iberiensis (Comunidad Valenciana) A Federación IBERIENSIS está aberta a acoller ás asociacións de criadores de abella negra ibérica que xurdan en representación das CCAA que faltan por estar presentes no seu seo. Así mesmo irá informando o sector apícola dos seguintes pasos que realizará e dos logros que puidese obter. Correo de contacto: amiberiensis@gmail.com

Agrícola Junquera Colmeiro SC, un referente en xenética holstein que tamén aposta pola raza Fleckvieh

Visitamos Agrícola Junquera Colmeiro SC, unha gandería de Vila de Cruces que é un referente en xenética holstein na provincia de Pontevedra, pero que dende hai tres anos decidiu diversificar e apostar tamén pola raza Fleckvieh austríaca. Coñecemos como é o manexo do gando e da base territorial así como os resultados das dúas razas que conviven nesta granxa, da man de Manuel Junquera. -Agrícola Junquera Colmeiro SC é una das ganderías de vacún de leite de referencia na provincia de Pontevedra. Cóntanos  cal é a historia desta gandería familiar? Esta é unha gandería familiar cunha longa historia. Cando se formou Africor Pontevedra, no 1992, entramos en control leiteiro oficial e anteriormente xa estabamos en AFRIGA e incluso antes xa gardabamos o libro xenealóxico. As orixes da nosa especialización en leite remóntanse a 1960 cando os meus avós paternos se centraron nas vacas de leite. Aínda conta o meu pai que el e os seus irmáns muxían as vacas antes de ir ao colexio. Un salto importante démolo no ano 1983 cando entrou a miña nai nesta casa e naceu miña irmá e daquela pasaron a muxir 25 vacas, con sistema canadense de amarre en cadeas e caldeiretas. Anos despois pasamos ao primeiro establo con estabulación libre, no que muxiamos entre 45 e 50 vacas, primeiro nunha sala de 4 puntos e logo nunha de 8 puntos. Aí no establo vello aguantamos ata o ano 1998 que foi cando eu cumprín os seis anos e inauguramos o establo novo, no que estamos agora. Pero durante 3 anos aínda fomos muxir ao establo vello, que foi un traballo enorme, ata o 2001 cando estreamos a sala que temos agora, unha Delaval de 16 puntos. -Cal é o retrato desta granxa a día de hoxe? Manexamos unhas 50 hectáreas e temos 127 cabezas, das que 76 son vacas adultas -68 están en muxido e as restantes son vacas secas-. En canto a razas, temos 64 frisoas, 10 son fleckvieh, unha jersey e unha roxa danesa. Temos 51 xovencas, das que 42 son frisonas, 7 son fleckvieh. 1 jersey e unha cruce de normanda con holstein. Encántame a diversidade de razas e a todas lles vexo beneficios. Aproveito tamén para comentar que estou interesado na raza Girolando, que creo que é un cruce de GYR con HOLSTEIN. Gustaríame saber se alguén me pode axudar na compra de embrións xa que os animais adultos non poden viaxar a Europa por temas sanitarios. -Cales foron os principais investimentos que fixestes nos últimos anos? O principal investimento que fixemos nos últimos anos foi en mellora xenética, tanto compra de embrións como de animais de alta cualificación xenética. E logo fixemos investimentos en mellora do benestar animal. -Esta é unha explotación con relevo xeneracional. Cantas persoas traballades a día de hoxe na granxa e como vos repartides as tarefas? Nos comezos quen estaban á fronte da granxa eran os meus avós coa axuda do meu pai e dos seus irmáns. Logo pasou a estar á fronte o irmán máis novo do meu pai, xunto coa miña nai e o meu avó; e posteriormente na granxa nova quedaron como titulares a miña nai, que sempre estivo ao pé do cañón, e o meu tío, xunto cun empregado. Canto tiven maioría de idade púxenme á fronte da granxa eu e a miña irmá, xunto coa miña nai e así ata o día e hoxe. Eu recentemente retomei os estudos por un problema de corazón, que me impide realizar esforzos como antes, e estou cursando o ciclo superior de Medicina Nuclear e Radioterapia, pero gustaríame compatibilizalo coa granxa, se é posible. Agora mesmo colaboro na granxa a tempo parcial, axudándolle á miña nai, e contamos tamén cunha empresa externa que nos bota unha man nos momentos de máis traballo. Meus pais confían en min e sempre me piden consello, sobre todo para o que é acoplamentos e compra e venda de animais e é algo que me gusta. De feito, estando en clases hai mañás nas que me chaman ata 6 veces para consultarme! -Sodes unha das mellores puntuadas en xenética Holstein da provincia. Coméntanos cales son os criterios que empregades de selección e como foi o camiño, cos erros incluídos, para lograr o rabaño que tedes hoxe? Agora mesma o rabaño Holstein de produción está formato por un total de 64 animais, das cales hai 45 calificadas: 29 como BB e 16 como MB, cunha media de 84,70 puntos. E das restantes temos 19 primeirizas sen calificar. Somos referente a nivel xenético, xa no establo vello tiñamos unha media de 85 puntos, que para daquela era un nivel xenético moi alto. De feito, gran parte das fillas eran de touros de Canadá e de ABS, como Rudolf, Inspiration, Lennox, Goldwin..ect. Tamén a nosa granxa foi pioneira en importar animais do estranxeiro, mesmo de Canadá, de onde as trouxemos en avión, e tamen mercamos vacas en Francia, así como de Ganadería Tauste, de Zaragoza, que daquela era un referente en xenética en España. Por entón tamén nos iniciamos nos concursos, tanto a nivel nacional como internacional. En canto aos erros, seguro que moitos. Cando no 2001 cambiamos para o establo novo aumentamos tamén o número de animais en muxido para amortizar as instalacións e pasamos de 45 vacas en muxido a 130 e aí foi cando perdemos o nivel xenético que tiñamos porque o meu tío non soubo levar unha xestión ordenada á hora de seleccionar os touros por produción de forma que pasamos de ter unha media de calificación morfolóxica de 85 a baixar a 77.
Compramos animais de ata 6000 euros porque para nós é clave mellorar a xenética do noso rabaño Holstein
Cando eu me puxen ao frente da explotación intentei recuperar o nivel xenético, fixándome nas granxas que para min eran referente como Badiola en Asturias ou Finca A Asunción, en Touro. Fun seleccionando touros con bos ubres, boas patas, boas producións de leite, usando cruces naqueles animais dos que non me interesaba mellorar. Desta forma nestes anos fun mellorando a xenética pouco a pouco, coa axuda tamén de gandeiros como Joaquín, da granxa Leonor, de León, que me axudou moito na selección dos touros. Fun comprando tamén animais en granxas de referencia, como as últimas na gandería Eloy, de Asturias. Compramos animais de subastas e de granxas TOP (animais de ata 6000 €). Para un gandeiro normal sería unha loucura pero nós dámoslle moita importancia á xenética. Con todo iso, acoplamentos e compra de animais, logramos recuperar o nivel xenético ata os 84,7 puntos nos que estamos hoxe, e estamos nos primeiros postos da provincia tanto en morfoloxia como en produción. -Que touros soledes empregar e por qué motivos? Fíxome en moitas cousas, pero normalmente selecciono por rasgos de ubre e de saúde do ubre. Tamén me fixo nos rasgos de patas, grupa, produción, lonxevidade, facilidade de parto...etc. Pero en todo caso decántome sempre por touros de tipo, antes que por touros de índices, pois considero que neles está a eficacia, xa que detrás dunha vaca con bo ubre e boas patas hai un animal que ten potencial para durar moitos partos e deixar moitas crías e litros de leite. Agora mesmo en case todos os animais emprego seme sexado, tanto en xovencas como en vacas adultas. Realizamos ata 3 inseminacións e se non quedan preñadas imos a seme convencional ou a cruce. Este ano queremos empezar a xenotipar todos os animais da explotación porque cremos que é a maneira máis rápida de avanzar xenéticamente. -Como manexades a recría? Vendedes para vida? Dende que hai 6 anos empecei a utilizar o seme sexado logramos ter unha cantidade elevada de recría e o excedente vendémolo a outras ganderías, para o que me serven moito de axuda as redes sociais. En canto ao manexo da recría destetamos con 3 meses e descornamos todos os animais. Ata aos 3 meses están en casetas individuais e logo pasan a lotes, nos que están ata os 6 meses e a partir de aí xa pasan a estar alimentadas coa mesma ración que as vacas de produción e inseminamos entre os 11 e 12 meses. A idade ao primeiro parto está nos 21 meses. -E en que porcentaxe empregades cruces? Con que razas? Non uso moito porque temos moi boa saída para a recría, agora mesmo debe haber unhas 7 vacas preñadas de cruce, e normalmente emprego Azul Belga en adultas e en primeirizas Angus, pola facilidade de parto.
“A Fleckvieh é unha raza que produce parecido á Holstein pero dá moitos menos problemas”
-Sendo un referente en xenética Holstein, que vos levou a provar hai 3 anos coa raza Fleckvieh? E por qué contactastes con Ganados Barreira e coa asociación Fleckvieh Austria? Nesta gandería tanto eu como o meu pai e o meu padriño somos uns namorados da Holstein. Son consciente de que a selección que se fixo non foi a mellor porque digamos que chegamos a un tipo de vaca moi delicada, como de porcelana, e tamén temos un problema de consanguinidade que hai que corrixir e que leva a moitos problemas. Eliximos probar coa Fleckvieh porque a día de hoxe é unha raza moito máis rústica, son vacas que non dan problemas e moi compatibles tanto para produción de leite como para carne. Con Ganados Barreira contactei a través das redes sociais, empecei a ver fotos e intereseime por esta raza. -Participaches nalgunha das viaxes a Austria, que impresión te levaches da gandería naquel país? Fun hai dous anos. É un país no que os gandeiros teñen mellores prezos do leite que en España e tamén os becerros tanto Fleckvieh como de cruce teñen moita mellor saída. É dicir, teñen os ingresos máis diversificados, xa que ademáis da venda de leite as ganderías tamén ceban e venden todos os machos e xovencas para a recría. Son ganderías familiares, de entre 40 e 50 vacas en muxido, e viven perfectamente. Hai máis relevo xeneracional que aquí entre outros motivos, porque socialmente están moi valorados e económicamente son ben retribuídos. Alí tamén nos chamou a atención que lle dan moito menos penso ás vacas. As Fleckvieh son animais que precisan moita forraxe, máis que penso, e necesitan vela no pesebre. Precisan menos penso e máis herba seca e herba verde. Son máis eficientes do punto de vista alimentario que a Holstein. -Despois de xa tres anos cun número representativo de Fleckvieh na vosa granxa, como valorades os resultados? Como sae da comparativa coas Holstein? Empezamos coas Fleckvieh no 2021 e os datos son moi positivos, e a razón principal polo que as incorporamos ao noso rabaño foi pola nosa necesidade de mellorar as calidades. Desta forma, pasamos dunha media dun 3,5% de graxa – o que nos penalizaba por parte da industria láctea ao estarmos por debaixo do 3,70- a un 4,20%. En termos económicos suponnos neste momento unha media de mais de 1000 euros máis de ingresos ao mes só pola mellora das calidades que aportaron as Fleckvieh. En canto a comparación entre as dúas razas non a podería facer, porque non as teño divididas en dous lotes. O que si percibo é que en litros de leite son parecidas. A Fleckvieh é unha raza que até o de agora non tivo mamites na nosa granxa, estamos por debaixo de 1000.000 células na granxa. É certo que vacino e non solemos ter máis de dous ou 3 casos ao ano por moita produción ou por pisadas. En canto a patas a Fleckvieh non dá practicamente problemas, empreñan mellor que a Holstein, e estou tamén empregando seme sexado en todas. Para min as vantaxes desta raza son claras: rusticidade, boa saúde podal, fertilidade, boa facilidade de parto, saúde de ubres espectacular, cero problemas de células ou mamites.... Son tamén dominantes e comedoras e contan con esa dobre aptitude de carne/leite que é un plus que as diferenza das holstein. -Que tal se venden as becerras desta raza? Os dous touros que máis emprego coas Fleckvieh son Der Beste e Míster Max, e estou empregando seme sexado. Crío das vacas que máis me gustan e o resto das becerras véndoas porque teñen moita saída. Agora tamén teño tamén varias fleckvieh preñadas de holstein porque quero facer unha proba de cruces. O prezo das becerras ven andando nos 400 euros. En canto aos becerros, só tivemos machos no primeiro parto, e vendémolos cun prezo similar ao dos pintos. Deixamos un para cebar na casa e o resultado foi moi bo, porque é unha raza que mete graxa infiltrada de forma que a carne ten moito marmoleo e é moi tenra e xugosa. -Tedes dificultade para conseguir bos touros na Fleckvieh? Hai un amplo abano de touros para escoller, e dispomos do asesoramento tanto de Ganados Barreira como de Genetic Austria para os acoplamentos. Na web de Genetic Austria accedo a un amplo catálogo de touros, que é o mesmo que para os gandeiros austríacos, e fago eu a escolla, primando sobre todo os caracteres de ubres. Nunca tuven problema para escoller os touros que me gustan. Manuel con Mint Evelina, Na primeira lactación produciuu 14836 kilos de leite e no que leva de segundo parto xa vai por 11456 -Que plans de futuro tedes para esta raza na vosa granxa? As primeiras que comprei están no terceiro parto e preñadas para a cuarta lactación. Se consigo que este lote das primeiras que comprei me chegue aos 6 ou 7 partos seguramente meta a metade do rabaño Fleckvieh, porque son vacas que non dan prácticamente problemas. O único temor que teño é que os seus ubres aguanten altas producións. -Cales son as producións e calidades medias do leite na vosa explotación? A media é de 39/40 litros de media por vaca e día para todo o rabaño, con baixadas no verán. As Fleckvieh de segundo e terceiro parto que temos agora están dando en pico de lactación entre 45 e 50 litros, incluso máis que algunhas pintas. A única diferenza que noto coas Holstein é que no primeiro parto producen menos, cunha media de 30 litros ao día, pero dende o segundo parto é cando incrementan a produción. Tamén manteñen a lactación mellor, cando quedan preñadas baixan ao mellor 2 litros, pero mantéñense estables ata o secado. -A quen lle vendedes o leite? Vendémosllo dende sempre a LARSA, cun prezo con calidades neste momento de 0,52 céntimos, IVE á parte. O penso neste momento está a 0,42 céntimos co cal a rendibilidade é boa. O penso mercámolo á Cooperativa Perpetuo Socorro, de Arzúa, que tamén nos fan o carro, os traballos agrícolas e os de ensilar.
Dende que mercamos nós o corrector e o incorporamos na ración as vacas van mellor
-Como é a ración das vacas en produción e das secas en Agrícola Junquera Colmeiro SC? As de produción están con 34 kilos de silo de millo, 14 de herba e 11 de concentrado. E as secas teñen unha ración de 12 kg de herba, 10 palla, 3 de silo de millo e 2,5 de penso, así como corrector. O corrector comprámolo nós a parte dende hai uns anos e incorporámolo na ración e vemos mellores resultados: As secas agora arrancan mellor do parto e libran mellor e as vacas en produción empreñan mellor. -Cal é a porcentaxe de mamites que tedes? Notades diferenzas entre as dúas razas? Cales considera que son as claves para reducir a incidencia desta patoloxía? Dende que me puxen á fronte da granxa, hai uns 9 anos, comecei a vacinar contra mamites porque mercábamos animáis fóra e era un problema. Fágoo con Starvac, vacino cada 6 meses e tamén vacino contra IBR, BVD e pneumonía, e nos becerros contra diarrea. Dende aquela non volvimos ter problemas sanitarios graves na granxa. En canto á calidade hixiénico sanitaria do leite estamos con menos de 100.000 células somáticas e por debaixo de 10.000 en bacterioloxía. Para min a sanidade do ubre é o máis importante nunha granxa de vacún de leite, e para iso intento manter as camas o máis limpas posibles. De feito, se estou eu pola casa fágoas ata tres veces ao día. Polo demáis, creo que é moi importante facer un bo secado da vaca con boa alimentación, para o cal usamos KEXXTONE vía oral para previr a cetose despois do parto. Axúdalle tamén a librarse mellor e ter un inicio de lactación moi bo. Para usar sexado é importante xa que se arrancan ben teñen celos naturais e a tasa de preñez é moito máis alta. -Dispodes de 50 hectáreas de base territorial. Como xestionades os cultivos nas vosas parcelas? De millo sementamos sobre 30 hectáreas, e chegamos a ciclos 500 porque non temos problemas de seca de momento. Sementamos en maio e recollemos en outubro. Nas fincas en pendente recollemos herba seca para non ter que mercar palla. De feito, dende hai dous anos somos autosuficientes en forraxes. -Nótase moito o estrés por calor nesta zona no verán? Que medidas paliativas aplicades? Temos un clima algo extremo cun clima frío no inverno e con néboas, polo que hai maior risco de pneumonías no inverno. No verán en agosto podemos chegar a rozar os 40 graos, e aí é cando os animais sofren, con problemas de baixada da produción, reabsorción embrionaria e incluso temos tido mortes por calor. Temos ventiladores pero o que mellor nos funciona é o rego con auga cando están na sala de espera para o muxido. As nosas fleckvieh están gordas e quizás sofren máis o estrés por calor que as frisonas. -Tamén probastes coa roxa danesa e coa Jersey. Que resultados vos deu? Temos unha de cada raza e estamos moi contentos coa súa produción e saúde. -Tedes dificultade para acceder a máis base territorial? Non, porque nesta zona cada vez quedan menos ganderías. Por riba da nosa está a da miña tía e por detrás Gandería Frade. Agora mesmo case toda a base territorial que temos é nosa e o pouco que levamos doutras persoas é por compromiso.
A miña intención é manter a granxa como unha segunda actividade e meter un robot de muxido
-Que cambios vos gustaría ou tedes previsto realizar nos próximos anos na vosa granxa? Se comezo agora a traballar no hospital teríamos que meter un robot de muxido, cambiar os cubículos e facer algunha pequena obra. A miña intención é manter a granxa como unha segunda actividade. Gústame isto pero tanto a miña irmá coma min non podemos estar a tempo completo por temas de saúde. -A amamantadora para os becerros tamén vos axudaría a reducir a carga de traballo. Tedes previsto incorporala? As granxas que fixeron obras recentemente puxérona pero eu non o vexo factible porque vin o manexo en varias granxas e eu nunca a poñería. Os becerros como mellor están é en boxes individuais para que non se lamban entre eles e no destete hai que ter un moi bo manexo xa que se o fas mal cando esas becerras cheguen a ser primerizas terán pezóns cegos por mamárense entre elas. Eu considero que o estou facendo ben porque todas as xovencas que pairen aquí e igualmente as que vendo pairen todas cos 4 tetos e para iso é moi importante a vixilancia cando se xuntan lotes e eu como non estou todo o día na casa axúdome de anillas antimama aínda que digan que vai en contra do benestar animal. Elas deféndense e dan comido perfectamente. -Algo máis que queiras engadir? Creo que os gandeiros non deberíamos ter axudas da PAC, senón uns prezos xustos e estables, e intentar eliminar o máximo de intermediarios posible, que é onde quedan realmente os marxes de beneficio. O que pasa é que para a administración é útil este sistema xa que coas axudas da PAC e as penalizacións poden ter máis controlados aos produtores.
En Galicia a Xunta erradíca a tuberculose matando animais sans? Non o entendo.
Por outra parte, estou en desacordo en como está montado o sistema de saneamento gandeiro en Galicia. Coñecemos moitas granxas de vacún de leite en España por participar en concursos e fai un ano comprei tres becerras a unha gandería de Ávila que coñezo. Castela e León está en alto risco sanitario e eu non sabia nada. Foi entón comprar as becerras e automáticamente tivemos a nosa granxa inmobilizada durante cinco meses para mercar ou vender animais para vida. As becerras deron negativo na proba de tuberculose pero tivemos que envialas a matadoiro igualmente. Erradícase a tuberculose matando animais sans? Non o entendo. Ademáis, estes animais sans que hai que enviar a sacrificio páganos a uns prezos de vergoña. Deberían facer outro tipo de campañas e solicitar probas comparables, que son moito máis fiables que as simples.

Esta información foi elaborada coa colaboración de Genetic Austria

Media de 2557 euros na poxa de gando frisón de Sarria

Africor Lugo organizou este sábado, 11 de maio, unha poxa de gando frisón na vila de Sarria dentro da Feira de San Isidro, en colaboración co concello, a cooperativa AIRA, a Xunta de Galicia e Xenética Fontao. Vendéronse 14 dos 16 animais que sairón a poxa (14 primeirizas e dúas xovencas próximas ao parto) cun prezo medio de 2557 euros. A maior cotización foron 3200 euros. 

Aconsellan manter a vixiancia fronte ao mildio na viña e tratar contra o oídio

A Deputación de Pontevedra aconsella a través do boletín fitosanitario de Areeiro desta semana manter un elevado nivel de vixilancia nos viñedos ante o mildio, revisándoos periodicamente para detectar a tempo posibles manchas novas, zonas de avance nas antigas ou tamén danos en acio. A Estación Fitopatolóxica de Areeiro sinala que as previsións meteorolóxicas indican, en principio, tempo seco a curto prazo, con temperaturas máximas e mínimas elevadas, seguidas de precipitacións acompañadas dun descenso das temperaturas. Malia iso, os prognósticos varían segundo a axencia consultada, e tendo en conta ademais os episodios de choivas da pasada semana e mais a fenoloxía actual das plantas, que se atopan nun momento moi sensible a este patóxeno, estes outros factores tamén inciden na vixilancia extrema que aconsella o persoal da Deputación. Desde o centro sinalan que a maioría das viñas recibiron xa o tratamento preceptivo e atopáronse síntomas novos do patóxeno en novas plantas, mesmo algunhas manchas curadas que na inspección anterior aínda non o estaban. No caso das plantas abandonadas víronse síntomas illados pero non alarmantes, sen que se recollesen moitos esporanxios no captador de esporas do que dispón Areeiro na zona do Salnés. No caso do oídio, non se observaron síntomas do fungo, polo que tampouco foi preciso realizar tratamentos en ningún predio. De todos os xeitos, o persoal de Areeiro lembra que a viña entra agora nun período de maior sensibilidade, polo que é preciso incrementar a vixilancia especialmente nas plantas peor aireadas ou as de variedades que xa sexan por si mesmas máis sensibles a el. Ademais das temperaturas entre 25º e 30º e a humidade relativa entre o 40% e o 100%, as néboas costeiras que se anuncian nalgunha das previsións meteorolóxicas destes próximos días tamén son propicias para a aparición do oídio. En canto ao black rot, non se detectaron avances nin na viña do Condado onde apareceron os primeiros síntomas na inspección anterior nin tampouco noutros predios, pero si se atoparon os primeiros en pampo nas plantas abandonadas. Esta semana o persoal de Areeiro aconsella que o tratamento fronte ao oídio (do mesmo xeito que o fixo contra o mildio no aviso fitosanitario da semana pasada) se realice con funxicidas que teñan efecto sobre ambos os dous patóxenos. Á marxe das viñas, Areeiro tamén aconsella protexer a futura floración dos kiwis fronte ás enfermidades máis habituais deste cultivo. Para iso, o persoal sinala a conveniencia de aplicar un tratamento tras o novo episodio de precipitacións da próxima semana.

Representantes dunha das maiores cooperativas gandeiras de Italia visitan CLUN

O director da CIA Agricoltori delle Alpi (Confederación Italiana de Agricultores) xunto con dúas persoas da súa Área de Proxectos e Formación e representantes da AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias), visitaron este mércores dúas das ganderías socias da cooperativa rural galega CLUN, así como a súa sede en Ames. Acompañándoos estivo José Ángel Blanco Purriños, presdiente da cooperativa CLUN e Rafael García, responsable de compras de leite de CLUN.

O motivo deste evento é o peche do proxecto Erasmus+ “Up-Farming”, un proxecto impulsado por AGACA e pola CIA Agricoltori delle Alpi. Con esta iniciativa preténdese apoiar ás pequenas explotacións propoñendo solucións vinculadas á aplicación da sustentabilidade, actuando en dúas vertentes: sensibilizar ás explotacións agrícolas/agricultores, e apoiarlles para que comuniquen ao público (provedores, consumidores, e sociedade en xeral) o que realmente fan en materia de sustentabilidade. De feito, durante esta xornada farase unha presentación dos resultados do proxecto a diferentes stakeholders, así como a potenciais consultores ou explotacións interesadas en formar parte dunha nova rede para darlle continuidade ó mesmo.

Para lograr este obxectivo, no marco do proxecto desenvolveuse un curso para formar a consultores capaces de acompañar aos agricultores no camiño da sustentabilidade, no cal participaron 10 xóvenes gandeiros, 5 de Italia e 5 de España. Unha das estudantes participantes no proxecto foi Andrea Canosa, da explotación Dego S.C. socia de CLUN.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

A través do encontro de hoxe, os representantes da AGACA e da CIA Agricoltori delle Alpi, unha das organizacións agrícolas profesionais máis grandes de toda Europa, coñeceron o que se fai en materia de sostibilidade (e comunicación) nas explotacións da nosa rexión da man de CLUN.

A directora de Marketing e Comunicación de CLUN, Jessica Rey Gómez, realizou unha presentación sobre todo o traballo que realizan dende a cooperativa CLUN. Seguidamente, AGACA e a CIA Agricoltori delle Alpi presentaron este proxecto internacional impulsado por ambos e que inclúe formacións e estudos para axudar a gandeiros e gandeiras a explicar a sustentabilidade e o impacto que xeran as súas explotacións. Finalmente tiveron a oportunidade de coñecer o proxecto de Mulleres de Seu, un proxecto impulsado en 2013 pola cooperativa CLUN para fomentar a visibilidade, o empoderamento e o desenvolvemento profesional e persoal das mulleres rurais. Trátase dun grupo interxerneracional de mulleres gandeiras que está presidido por Carmen Rodríguez, tamén vicepresidenta de la cooperativa CLUN. Precisamente Carmen Rodríguez foi a persoa encargada de presentar dita asociación e o seu funcionamento.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78936" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>