All posts by campogalego

Bayer presenta en Galicia o seu novo catálogo de fitosanitarios para a viña e de herbicidas para o millo

A multinacional Bayer celebrou este pasado mércores en Santiago de Compostela unha xornada de presentación do seu novo catálogo de produtos para a protección dos cultivos.

Unhas 40 persoas entre distribuidores e técnicos  asistiron a esta presentación, na que técnicos da multinacional alemá explicaron as importantes melloras que supón a nova gama de tratamentos fitosanitarios.

Novos produtos para unha viticultura máis sustentable

Así, para combater de forma eficaz, sustentable e con seguridade alimentaria dúas das principais patoloxías do viñedo en Galicia (oídio e botritys ) Bayer deu a coñecer os beneficios de a nova gama biolóxica de Bayer CropScience: Serenade ASO® e Sonata®.

En canto ao fungicida biolóxico Serenade ASO® ten como base a cepa de Bacillus subtilis QST713. Pódese aplicar tanto para uso foliar  como no solo noutros cultivos, para a protección das raíces e un mellor control de enfermidades bacterianas e fúnxicas como Botritis, Esclerotinia, Alternaria ou Oídio.

Sonata®, un funxicida biolóxico para o control do oídio que actúa como revitalizador e mellora o rendemento da planta. Sonata® demostrou unha gran compatibilidade cos cultivos rexistrados até o momento e con todos os axentes que son necesarios para unha produción integrada con cada vez menos solucións rexistradas, así como para a produción ecolóxica.

Solucións para as malas herbas en millo

Polo que respecta ao control eficaz das malas herbas en millo, presentouse a ampla gama de herbicidas dos que dispón Bayer, tanto de preemerxencia como de post-emerxencia, destacando Adengo, un herbicida de pre-emerxencia e post-emerxencia precoz (até un máximo de 3 follas despregadas do millo), que asocia dúas materias activas, isoxaflutol e tiencarbazona-metil, que lle confiren eficacia sobre malas herbas anuais, gramíneas e dicotiledóneas; mesmo difíciles de combater ou aquelas que presentan resistencia a herbicidas tradicionais

Consulta aquí a gama de herbicidas de Bayer

Os mellores queixos e meles de Galicia en 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González presidiu este venres acto de entrega de premios da XXII cata dos queixos e da XVIII cata dos meles de Galicia, que tivo lugar no Pazo A Toxeiriña, na localidade pontevedresa de Moraña. Nesta edición das catas rexistráronse un total de 36 industrias queixeiras pertencentes ás catro denominacións de orixe galegas —DOP Queixo Tetilla, DOP Arzúa-Ulloa, DOP San Simón da Costa e DOP Cebreiro— e 20 industrias do mel acollidas á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Os técnicos da Agacal, en colaboración cos consellos reguladores, recolleron un total de 93 mostras participantes, avalando en todo momento o anonimato das marcas. Velaquí a listaxe dos premiados:

Couza da pataca: Lista dos 9 concellos galegos nos que se poderá volver plantar en 2020

A Consellería do Medio Rural proporá proximamente o levantamento da prohibición de plantar pataca nun total de nove concellos das provincias da Coruña e Lugo afectados pola couza guatemalteca, ao cumprirse o prazo de dous anos, establecido pola normativa, desde que se rexistrou nestes municipios algunha captura do insecto. Trátase dos concellos de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña, e dos de Ourol e Abadín, na de Lugo. O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu esta mañá a comisión de seguimento da couza guatemalteca da pataca na que se abordou este asunto. Acordouse trasladar esta proposta en breve na xuntanza prevista para principios de xaneiro próximo en Madrid con responsables do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e representantes do Principado de Asturias. Na reunión da comisión desta mañá, na que participaron técnicos de Medio Rural, do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia e representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, tratouse a situación da couza nas zonas demarcadas en 2017, tras detectarse o primeiro foco. Así, constatouse unha evolución moi positiva na redución de capturas en todos os municipios da zona infestada e en nove deles non se rexistrou ningunha nos últimos dous anos, razón que permite levantar as restricións, de forma que os citados concellos pasen de estar en zona infestada á zona tampón. Isto supón que se permitirá plantar pataca, pero que se fará un seguimento exhaustivo das plantacións por parte da Consellería e manteranse as demais medidas de control e vixilancia previstas na lexislación. No encontro avaliáronse tamén as medidas adoptadas recentemente, tras detectar casos de tubérculos afectados en almacéns de autoconsumo en tres parroquias dos concellos coruñeses da Laracha e Carballo, que xa foron destruídos. Entre as actuacións levadas a cabo figuran, ademais da destrución das patacas infectadas, a colocación de trampas para a captura de couzas e o reforzo dos labores de inspección. Neste sentido, dende Medio Rural agradecen a colaboración dos produtores e comercializadores da zona, “que fixo posible a retirada dunhas nove toneladas de tubérculos de diversos almacéns nesta área, para evitar a propagación do insecto”.

Xornadas informativas

Precisamente hoxe e mañá estanse celebrando tamén encontros informativos nas zonas afectadas, para dar conta de todas estas medidas e explicar aos interesados como deben actuar fronte a couza. A vindeira semana terán lugar xornadas semellantes nos concellos da zona tampón.

Lista de gañadores dos Premios Magnum do Viño Galego

Xurxo Rivas, co propietario e sumiller de a Taberna O Secreto, en A Coruña, recolleu este sábado pola tardiña das mans do Alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, o Premio Mágnum ao Mellor Sumiller de Galicia 2019 «por ter convertido o seu local nun punto de peregrinación obrigatorio dentro do mundo do viño», nun acto celebrado na Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa e que contou coa presenza da Deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e de preto de 200 profesionais do mundo do viño. Como novidade nesta edición incorporouse un novo galardón: o Mágnum ao Mellor Sumiller Revelación, que ven recoñecer a valía dos novos talentos do mundo da sumillería en Galicia e a importancia das novas xeracións de camareiros de viño, cada vez máis e mellor formados. Este recoñecemento, recaeu en Marta Costas Castro, sumiller no restaurante A Tafona, en Santiago de Compostela. O xurado destes galardóns, que xa alcanzan a súa novena edición, concedeu a Fernando Filgueira, sumiller xubilado do restaurante Bagos de Pontevedra, o Mágnum Honorífico que se lle concede a personaxes senlleiras pola súa aportación decisiva ao eido do viño galego. «Nunha época pre-globalización, cando todo o mundo traballaba coas mesmas grandes adegas comerciais, Filgueira converteu os seus establecementos nun oasis onde podías facer un auténtico exercicio de liberdade, probando cousas diferentes tanto de Galicia como de fóra», comentaba Miguel Anxo Besada, sumiller de A Curva e encargado de entregarlle o trofeo a Filgueira.

Rafael Palacios, premio á mellor adega galega e Xanledo 2016 ao mellor viño

A distinción de Mellor Adega Galega (entendida como colección de viños) foi para Adegas Rafael Palacios, do Bibei, que foi dobremente galardoada ao recibir o seu viño Sorte Antiga 2016 o Mágnum ao Mellor Viño Revelación. O xurado quixo destacar que é «un auténtico referente mundial que desenvolve en Valdeorras un traballo indiscutible, que destila profesionalidade e coñecemento profundo do eido». Pola súa banda, Xanledo 2016, de Viñedos do Gabián, conseguiu o Premio Mágnum ao mellor Viño Galego. O xurado apuntou que Pepiño, o propietario da adega «conseguiu co seu traballo diario, crecer en finura, elegancia e singularidade, sendo cada vez máis un espello do espírito da súa zona». De entre os nominados ao Mágnum á Mellor Iniciativa de Enoturismo, Castes - Feira Independente do Viño resultou a seleccionada, «por ser, como o seu nome indica, unha das poucas iniciativas realmente independiente que busca e consigue achegar a cultura do viño a tódolos públicos dando a coñecer na nosa terra a pequenos grandes viticultores». O premio Mágnum ao Mellor Tratamento do Viño Fora de Galicia, recaeu no restaurante El Capricho, sito en León. «El Capricho complementa a súa selección de carnes cunha fantástica adega rica en tintos que maridan á perfección co seu produto estrela. A súa carta sitúa os viños galegos á altura de grandes anadas e viños internacionais», apostilou o xurado. Todos eles recibiron unha escultura realizada por Kike Ortega, que seguindo a súa línea creativa de exploración das posibilidades artísticas de materiais a priori non concebidos para a arte, converteu antigos bidóns de aceite en oito representacións rompedoras da clásica botella mágnum.

Toda a información en www.premios-magnum.com

Advirten das elevadas perdas de fósforo e nitróxeno nas ganderías de vacún de leite

É imprescindible mellorar a eficiencia do uso do nitróxeno (N) e do fósforo (P) nas ganderías de vacún de leite de Galicia, tanto para evitar posibles efectos negativos no medioambiente como porque as axudas da Política Agraria Común (PAC) estarán cada vez máis vinculadas a un uso eficiente e racional dos fertilizantes. Esta é unha das conclusións do proxecto EUREL, unha investigación coordinada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e na que participan o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-INGACAL) e a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. Os resultados deste estudo, que contou con financiamento do FEADER, a Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, foron presentados o pasado venres en Santiago de Compostela. Para o estudo seleccionáronse 10 explotacións gandeiras innovadoras, calculouse o balance de N e P a nivel de explotación e ofrecéronse unhas recomendacións de fertilización para mellorar estes balances. O balance destes dous minerais calcúlase restando o que sae dunha explotación ou autput (Leite e carne producidos, colleitas vendidas, fertilizantes orgánicos vendidos, e animais vendidos e/ou mortos) menos as entradas de nitróxeno ou inputs (fertilizantes minerais/orgánicos comprados, pensos e alimentos comprados, animais comprados e a fixación N polas leguminosas/Choiva/Rega). Nunha explotación agrícola-gandeira, que produce as súas propias forraxes, os nutrientes están en continuo reciclaxe dentro da explotación (ciclo de nutrientes), nun equilibrio medioambiental.

Balance de Nitróxeno: Quedan sen empregar 379 kg por ha de N

Neste sentido, o estudo das 10 ganderías no relativo ás entradas e saídas de nitróxeno conclúe que: -Nas explotacións quedan sen utilizar unha media de 379 kg/ha de N, cunha eficiencia media baixa do 26%, o que supón que esa cantidade pode perderse ao medio. -O balance de N increméntase coa intensificación da explotación (incremento da produción de leite, polo efecto de dilución ao aumentar os litros producidos), aínda que hai algunhas explotacións que se saen desta tendencia. O balance de N/1000 L de leite presenta unha grande variabilidade, ao igual que a eficiencia. -Existe unha marxe importante de mellora do balance e a eficiencia do Nitróxeno nas explotacións, pois para explotacións con producións semellantes existe variabilidade nestes indicadores. -En alimentación o gandeiro debe incrementar o consumo de forraxes propias (facer rotacións do millo con cultivo de inverno) e diminuir a entrada de nitróxeno a través dos pensos, aumentando o cultivo de leguminosas (trevo...etc) e controlando o nivel de urea no leite.

Balance de Fósforo: 72 kg por hectárea quedan sen empregar

En canto ao fósforo, un nutriente tan importante como escaso e prexudicial en caso de exceso, o estudo realizado dentro do proxecto EUREL conclúe que: -O balance indica que nas explotacións quedan sen utilizar unha media de 72 kg/ha de fósforo, cunha eficiencia media baixa do 34%, o que supón que esa cantidade pode perderse ao medio. -Destacar que nalgunhas explotacións o balance de fósforo se aproxima a 0 (3 explotacións por debaixo de 20 kg de P/ha) , que é a situación ideal dende o punto de vista medioambiental, pois non hai risco de contaminación. -As tres ganderías máis productivas son as que presentan o balance de fósforo máis alto e as eficiencias máis baixas, con diferencias apreciables respecto ao resto, que presenta unha importante variabilidade. -Aínda hai unha marxe de mellora sobre todo naquelas explotacións que teñen niveis altos de fósforo no solo e a pesar diso seguen utilizando fertilizantes minerais fosfóricos.

Recomendacións de fertilización

-É moi importante o encalado en parcelas cunha porcentaxe de saturacion de aluminio maior ao 10% (un 29% das parcelas mostreadas no proxecto) para que os nutrientes aportados (N, P y K) estean dispoñibles para a pradeira ou cultivo forraxeiro. -Encóntranse niveis de fósforo moi altos en solos, por riba de 45 ppm, no 34% das parcelas mostreadas. É imprescindible baixalos, pois xunto co Nitróxeno o fósforo provoca problemas de contaminación ao contribuir á eutrofización (falta de oxíxeno) das augas. Nestas parcelas non deben aplicarse fertilizantes minerais fosfóricos. -Naquelas parcelas con contidos moi altos en fósforo e en potasio débese evitar a aplicación de xurros e de fertilizantes minerais con fósforo e potasio. -O enterrado dos xurros con incorporación nas 4 horas seguintes á súa aplicación para evitar a volatilización do N non se realiza nunha grande parte das explotacións. Realizar esta labor de enterrado, permite diminuir o N mineral aplicado e o balance nitroxenado da explotación, co menor risco de contaminación ambiental.

ENLACE: Aplicacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) para unha correcta fertilización das pradeiras e do millo forraxeiro

Vídeo e imaxes do ensilado do millo en Galicia 2019

A piques de rematar a campaña de ensilado do millo en Galicia ofrecemos un vídeo e imaxes da que é hoxe en día a principal tarefa agrícola no agro galego, tanto polo número de maquinaria como de persoas que mobiliza. En xeral a valoración da colleita é boa, incluso mellor do previsto ao comezo de campaña, xa que as choivas de xullo e agosto permitiron que a planta se mantivera verde, con bo estado sanitario, até ser picada e que as espigas fosen de maior tamaño, malia que a altura das plantas en xeral é menor.   Ensilando na Gandería de Ramón Varela, na Castañeda (Arzúa) Ensilando na cooperativa CLUN, na Mariña lucense Ensilando na cooperativa CLUN, na Mariña lucense Ensilando na cooperativa CLUN, na Mariña lucense Ensilando na cooperativa CLUN, na Mariña lucense Ensilando na cooperativa CLUN, na Mariña lucense Ensilando na Gandería de Ramón Varela, na Castañeda (Arzúa) Ensilando en GANXABAR (Mazaricos) Ensilando en GANXABAR (Mazaricos) Ensilando en GANXABAR (Mazaricos) Ensilando en GANXABAR (Mazaricos) Ensilando en GANXABAR (Mazaricos) Ensilando en GANXABAR (Mazaricos) Ensilando en GANXABAR (Mazaricos) Ensilando en GANXABAR (Mazaricos)

Primeiros pasos do plan estratéxico para impulsar as comarcas vitivinícolas de Galicia

Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e do Medio Rural, José González, xunto co presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a elaboración da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia. No acto, que tivo lugar no Parador de Cambados, formalizouse unha cooperación que permitirá mobilizar un total de 748.000 euros a prol do sector vitivinícola galego e dos territorios das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei) e das catro indicacións xeográficas protexidas (Val do Miño, Betanzos, Barbanza e Iria, Ribeira do Morrazo). Nesta liña, para levar a cabo as accións previstas na Estratexia, ao convenio asinado hoxe, que conta cun orzamento superior aos 388.000 euros, engadiranse outros 360.000 euros do Plan de internacionalización para o viño e os licores de Galicia que impulsa o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Vincular as comarcas vitícolas galegas co turismo de calidade

Así, o obxectivo deste acordo é lograr un desenvolvemento territorial integrado, coordinado e consensuado que conte coa participación de todos os axentes clave do territorio. Ao tempo, a estratexia persigue mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto, reforzar a súa imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios nos que se producen e mellorar a eficacia da promoción e comercialización en conxunto de produtos turísticos vinculados ao sector vitivinícola. En relación con estes últimos, trátase sobre todo de desenvolver produtos turísticos dirixidos a segmentos xeradores de valor engadido nos espazos rurais, que á súa vez redunde nun fortalecemento das economías locais. Desta maneira, a estratexia servirá para fixar os obxectivos e as accións a desenvolver nos territorios do ámbito das denominacións de orixe e das indicacións xeográficas protexidas nun sentido amplo, co fin de mellorar a coordinación público-privada para acadar ese desenvolvemento territorial. Deste xeito, atenderanse as particularidades específicas de cada denominación de orixe e indicación xeográfica protexida, tanto no eido produtivo, industrial, de comercialización e mesmo territorial, reforzando a súa relación co sector turístico e o aproveitamento dos recursos do seu patrimonio cultural e paisaxístico.

Necesidade de incrementar as exportacións de viño galego

Neste acto, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, destacou o innegable peso do sector vitivinícola na economía galega grazas ás cinco denominacións de orixe e catro indicacións xeográficas protexidas que abranguen máis de 450 adegas, máis de 13.000 viticultores e que xera un valor anual de 200 millóns de euros. Salientou a necesidade de ampliar a base exportadora deste sector -que xa vende no exterior 1 de cada 5 botellas que produce- consolidando o negocio internacional, facilitando a empresas non exportadoras o inicio de actividades no exterior e mellorando a formación no eido do comercio internacional. Ademais subliñou a oportunidade que supón este convenio non só para mellorar a competitividade dos viños galegos, senón para facer extensible o seu crecemento a outros sectores e lograr un maior impacto económico nestas comarcas. Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou a importancia deste plan que supón a creación de novos produtos turísticos que contribúen a descentralizar o turismo e ao desenvolvemento do rural. Así mesmo, lembrou que o convenio asinado hoxe se complementa coa estratexia Galicia Sabe, unha folla de ruta transversal no que se recollen as principais liñas de actuación e as prioridades para promover un turismo enogastronómico sustentable e baseado nos produtos autóctonos e de tempada, no valor das persoas e na paisaxe. Finalmente, o conselleiro do Medio Rural, José González, puxo en valor este convenio de colaboración que –dixo– supón seguir avanzando “con feitos” a prol do rural galego. Ademais, destacou que se trata dunha iniciativa integral, común e coordinada con todos os axentes do sector vitivinícola. Engadiu que o do viño é “o noso eido agrario máis exportador, un dos máis dinámicos e identifícase con creación de riqueza e emprego para o rural”. Por iso precisamente, remarcou, “queremos darlle un pulo sen precedentes” a través desta estratexia. Trátase, dixo, de reforzar as sinerxías con outros sectores, coma o turístico, o vinculado ao patrimonio cultural e o relacionado coa paisaxe, para desenvolver o eido vitivinícola dun xeito integral.

“Sorpréndenos que os gandeiros galegos sexan competitivos con fincas tan pequenas e espalladas”

A pasada semana un grupo de 17 estudantes holandeses visitaron Galicia para coñecer como traballan as explotacións lácteas da comunidade. Os mozos son estudantes de cuarto curso de Gandería de Vacún de Leite da Universidade de Dronten e nun 90% son fillos de gandeiros que realizan esta carreira universitaria para tomar o relevo nas súas explotacións familiares. Na súa primeira visita a Galicia coñeceron o Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa ou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), e visitaron ganderías da comarca do Xallas; a planta de fabricación de pensos da cooperativa AIRA en Taboada e ganderías en pastoreo como Outeiro SC en Chantada; Casa Codesal, en Friol; Carteiro de Trasar, en Carballedo (Lugo); Arqueixal, en Palas de Rei; a gandería de Xosé Luis Fernández Segade, en Arzúa, ou Gandería Patalarga e Gandería Maire, na Pastoriza. Pero tamén coñeceron outras granxas en estabulación convencional como SAT San Antonio, en Palas de Rei, ou Irmáns Valiña Irimia S.C, na Pastoriza, entre outras. Recollemos as valoracións dalgúns destes futuros gandeiros holandeses:

Leanne Bastiaansesn Aantjes: “Sorpréndennos os resultados económicos das ganderías galegas, a pesar de ter fincas pequenas e espalladas”

Leanne Aantjes é investigadora e profesora de Xestión de Pastos e Ciencia do Pastoreo en Aeres Hogeschool Dronten, o centro educativo no que se forman este grupo de estudantes. Para ela tamén é a primeira vez que visita Galicia e que coñece granxas galegas e a súa primeira impresión é compartida co resto do grupo: “Sorpréndenos que as ganderías galegas sexan competitivas producindo leite tendo fincas tan pequenas e espalladas. Sen embargo, polo que vimos, os seus resultados económicos, a pesar desta limitación, son bastante bos”, asegura. Ademais de profesora, Leanne tamén leva unha gandería na localidade de Groot Ammers. Contan con 95 vacas en muxido, das que 85 son Holstein Roxa e 15 Holtein Negra, e 80 xovencas e becerras de recría. Ademais, crían 15 touros para empregalos como sementais na propia granxa e tamén para venderllos a outras explotacións. Tamén conta con 120 ovellas para produción de carne. A base territorial da súa granxa é de 77 hectáreas, das que 60 son pradeiras permanentes, 7 de pradeiras naturais, 8 de pastos arbustivos e 1,5 hectáreas para o cultivo de millo forraxeiro. Ao igual que o 80% das vacas holandesas, as vacas de Leanne Aantjes saen a pacer, neste caso 200 días ao ano. A industria láctea prímaos polo pastoreo -un mínimo de 120 días ao ano ou 6 horas ao día- con 2 céntimos máis por litro de leite, dentro dunha estratexia de márketing de cara aos consumidores para asociar o leite e o queixo de Holanda a pastoreo e á sustentabilidade. Por último, na granxa de Leanne as vacas producen unha media de 8.300 kilos de leite, cun 4,4% de graxa e un 3,60% de proteína, o promedio en produción e sólidos das ganderías de Holanda.

Piet Hoogeveen: “A maioría das granxas en Holanda son familiares, sen empregados, non como en Galicia”

Piet Hoogeveen é un estudante de Wieringerwert, no noroeste de Holanda. Este verán ten previsto graduarse e incorporarse á granxa familiar, na que contan con 140 vacas en muxido de raza Holstein, e 60 becerras e xovencas. A súa produción é algo superior á media holandesa: 10.400 litros por vaca e lactación de 305 días -34 litros diarios-, cun 4,3% de graxa e un 3,5% de proteína. A ración de concentrado nesta granxa, uns 300 gramos por litro de leite, tamén é máis alta que a media holandesa. Contan cunha base territorial de 50 hectáreas, das que 38 son pradeiras permanentes e 12 hectáreas que cultivan para millo forraxeiro. Gustaríalle ampliar a súa base territorial pero o prezo da terra agrícola en Holanda é dos máis caros do mundo: uns 100.000 euros por hectárea. Ao igual que boa parte das ganderías holandesas, os pais de Piet véndenlle o leite á cooperativa Campina, que llo paga a un prezo medio neste momento de 0,36 euros o litro. A este respecto, destaca que “unha diferencia importante con Galicia é que en Holanda o leite é pagado polos kilos de graxa e de proteína, non por litros”. E ao igual que a gran maioría das granxas de vacún de leite do seu país, e en virtude do chamado Acordo dos Pastos que obriga en 2020 a que todas as granxas de vacún de Holanda fagan pastoreo, nesta gandería as vacas volveron este ano a pacer nos prados. “Os gandeiros temos que volver aprender a manexar o pastoreo. Os consumidores queren ver as vacas fóra, e neste momento en Holanda o 80% das vacas xa fan pastoreo”, explica Piet, que, ao igual que os seus compañeiros, no futuro gustaríalle poder incrementar as horas que as vacas saen ao prado. Polo demais, a gandería dos pais de Piet Hoogeveen é unha granxa que conta con 2 robots de muxido de Lely, una tendencia, a da robotización, que está implantándose con forza naquel país. Por último, un aspecto que lle chama a atención das ganderías que visitou en Galicia é que “mentres que a maioría das granxas en Holanda son familiares, na que traballan só os pais e un fillo, sen embargo en Galicia vense máis granxas de varios socios (SAT) e empregados, como unha empresa”. De cara ao futuro, cando tome o relevo na granxa familiar, Piet ten previsto renovar as instalacións para a recría e as do almacén de forraxes, así como aumentar a base territorial tanto para cultivar millo forraxeiro como para pastoreo.

Robert Jan Engberts: “Esperaba que en Galicia houbera máis vacas en pastoreo”

Robert Jan Engberts é fillo dunha familia gandeira de Vriezenveen que conta cun rabaño de 85 vacas Holstein en muxido e 45 becerras e xovencas, nunha base territorial de 35,5 hectáreas, das que 32 son en propiedade e 3,5 alugadas, a un prezo medio que chega ata os 1.500 euros ao ano. Ao igual que na maioría das granxas holandesas, a meirande parte dedícase ao cultivo de herba (28 hectáreas) a forraxe máis produtiva neste país húmido e de temperaturas suaves, mentres que o millo forraxeiro ocupa 5 hectáreas, debido a que a falta de luz e de calor xoga en contra deste cultivo. Na granxa dos pais de Robert as vacas saen a pacer 180 días ao ano, ou o que é o mesmo, unha media de 7 horas ao día, e producen 9.600 litros de leite de promedio, cun 4,5% de graxa e cun 3,7% de proteína. A este estudante gustaríalle cando se incorpore seguir aumentando a súa cabana gandeira ata as 100 ou 110 vacas en muxido, mellorar a xenética do rabaño ata acadar unha media de produción de 10.500 litros e, como non, aumentar a base territorial. En canto á súa visita a Galicia, o que máis lle chamou a atención é que “os gandeiros galegos intentan ser moi eficientes e facer o manexo máis sinxelo”. “Tamén esperaba que en Galicia houbera máis granxas facendo pastoreo”, recoñece.

Robbin Teunissen: “Sorpréndeme que haxa gandeiros en Galicia con 50 vacas en muxido que sexan rendibles e que vivan ben”

Robbin Teunissen é da localidade holandesa de Halle, onde os seus pais contan cunha gandería de vacún de leite con 90 vacas en muxido -cunha media de 5 partos por vaca- e 40 becerras e xovencas. Dispoñen dunha base territorial de 35 hectáreas, todas en propiedade, das que 28 son pradeiras permanentes -nas que as vacas pacen unha media de 7 horas ao día- e 7 dedícanas ao cultivo de millo forraxeiro. A súa media de produción está en 8.800 kilos de leite por lactación, cun 4,78% de graxa e un 3,72% de proteína. Este nivel de sólidos débese en parte a que 16 vacas do rabaño son Jersey, una raza da que Robbin se declara fan e que prevé seguir incrementando no futuro. “As Holstein cada vez son máis grandes en tamaño e producen demasiado leite, cando o mercado o que demanda son vacas que produzan máis sólidos. Ademais, os custos de produción das Jerseys son máis baixos, polo seu menor consumo de concentrado e de alimento en xeral, maior lonxevidade e menos problemas de podoloxía”, razoa. A impresión que se leva Robbin Teunissen de Galicia é positiva: “Malia o problema de ordenación do territorio, vimos que hai granxeiros que son rendibles e están contentos con 50 vacas en muxido, algo que en Holanda sería moi difícil, xa que os granxeiros queren incrementar a cabana continuamente”.

Ernst Jan Dvim: Gandería de porcino en ecolóxico

Ernst tamén é fillo de gandeiros, pero neste caso de porcino. Os sus pais cambiaron hai 4 anos da produción en convencional a en ecolóxico, unha decisión que tomaron principalmente por razóns económicas. Contan con 195 porcas nais e ceban uns 1.400 porcos ao ano, que venden directamente ás carnicerías, cun peso canal medio de 95 quilos. “O porcino en ecolóxico ten maiores custos pero tamén maior prezo de venda: neste momento págase o quilo a unha media de 2,5 euros, mentres que en convencional sole estar a 1,5 euros, aínda que neste momento subiu ata os 1,9 euros, debido á alta demanda de China, que viu afundirse a súa produción a causa da peste porcina africana”, explica este futuro gandeiro. A alimentación dos animais é en base a cereais ecolóxicos e alfalfa, unha nutrición que mercan pero que a Ernst lle gustaría probar a cultivar no futuro.

Lennart Slager: Futuro gandeiro de caprino

Lennart Slager é de Staphorst, unha localidade holandesa na que os seus pais contan cunha gandería de caprino de leite, con 500 cabras en muxido da raza Dutch White Goat, estabuladas en réxime intensivo. Contan cunha base territorial de 40 hectáreas, nas que cultivan as forraxes para o rabaño: silo de millo e silo de herba. O resto da alimentación das cabras son cereais e polpa de remolacha, que teñen que mercar. “Antes tiñamos vacas pero non tiñamos espazo suficiente para medrar e o caprino é unha gandería máis fácil e barata. Neste momento é un bo negocio:o prezo do leite está estable dende hai uns 2 anos en ao redor de 0,70 euros por litro”, explica. O leite véndenllo a HGM, unha industria láctea que elabora formulas infantís, principalmente para exportar a China. De cara ao futuro, a Lennar gustaríalle empezar a alimentar as cabras no establo con herba fresca, “e se funciona ben, empezar a facer pastoreo”.

Adega Mauro Estévez: Viños exclusivos dende Arnoia para o mundo

A Adega Mauro Estévez está situada no lugar da Ponte, no concello de Arnoia, en pequenos socalcos soleados na ribeira do río Arnoia, un dos berces da Denominación de Orixe Ribeiro, e que conta cunha riquísima tradición vinculada ao mundo do viño. Neste entorno privilexiado  naceu no ano 2002 a Adega Mauro Estévez, un proxecto dunha familia de colleiteiros que logrou diferenciar e valorizar os seus viños. Un deles é o “Uxía da Ponte”, o primeiro viño elaborado ao 100% coa variedade Lado. Falamos con José e Mauro Estévez, pai e fillo e impulsores desta pequena gran adega, que é membro da Asociación de Colleiteiros do Ribeiro. ¿De onde vos ven na familia o apego ao mundo do viño e á viticultura? JOSÉ: Ven xa do meu pai, José Estévez, e dos seus antepasados. Antes elaboraban viño e vendíano a granel a almacenistas. No seu momento chegamos a vender 116 moios (cada moio son 132 litros) e podíase vivir ben deste traballo. Nos anos 50 e 60 do século pasado, como noutras partes do Ribeiro, empezou a plantarse moito Jerez e a substituír o Lado, unha caste autóctona da Arnoia, pero que a xente empezou a cortar porque as adegas grandes pagaban por kilo e unha cepa de Jerez produce catro ou cinco máis que unha de Lado ou de Treixadura. Co tempo deixamos de vender viño a granel e pasamos vender uva, sobre todo a Bodegas Arnoya. Eu daquela traballaba nunha farmacia en Ribadavia e axudáballe a tempo parcial a meu pai. Sempre me gustou o tema do viño pero vía que había que apostar pola calidade e pola diferenciación, porque a uva de castes autóctonas cada vez pagábase máis. Foi así como no 1996 empezamos a facer restruturacións do viñedo, arrancando as cepas de Jerez e plantando castes galegas, con vistas a nun futuro ter a nosa propia adega e deixar de vender uva a granel. No 2002 decidín dar o paso e incorporarme á viticultura a tempo completo e foi tamén nese ano cando sacamos ao mercado co Mauro Estévez, con 4000 botellas. Estamos nun entorno sorprendente con socalcos en ladeira e viñedos moi pequenos que lembra á Ribeira Sacra. ¿Como se distribúen as vosas viñas? JOSÉ: Meu pai tiña sobre 75 parcelas, algunhas delas con 50 ou 40 metros cadrados, era un minifundio terrible. Abandonamos algunhas viñas, sobre todo en zonas xeadeiras e intentamos facer fincas máis grandes. Hoxe contamos con 25 fincas e algo máis de 2 hectáreas de viñedo. ¿Por que este val da Arnoia é tan favorable para o cultivo da vide? MAURO: No val da Arnoia, sobre todo nas zonas altas, as viñas están moi soleados e contan con moi boa aireación, co que non hai néboas e case non hai xeadas, polo que é unha zona moi boa para a viticultura. Os solos son de perfil granítico arxiloso, que permiten unha boa transpiración da terra.
“As ladeiras do Arnoia son unha zona moi boa para a viticultura”
A nosa finca máis grande e máis moderna é A Galiana, que está na parte alta do val. Outras son A Tapada, onde está case todo o Lado e as cepas centenarias que temos, ou O Sequeiro, unha viña en socalcos. ¿Que castes tedes plantadas neste momento? MAURO: Temos un 70% de Treixadura e o resto de Lado, Albariño e algo de Loureira. E agora estamos facendo experimentacións do Godello, unha variedade que achega esa acidez e frescor que se está perdendo co incremento das temperaturas. A treixadura achega unhas características, pero a Loureira, Albariño e Godello proporcionan outras e co coupage logramos un viño moi peculiar como é o Mauro Estévez. Tedes unha das cepas máis antigas de Galicia.....¿Como chegaron ata hoxe? JOSÉ: Son unhas cepas que están en socalcos e que se calcula que teñen uns 130 anos e coas súas uvas elaboramos un monovarietal, o Uxía da Ponte, unhas 700 botellas ao ano.
“Contamos con cepas de Lado que teñen uns 130 anos”
Salváronse porque Paco Rego, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, cando as visitou pediume que as conservara e así o fixen. A día de hoxe seguen en produción. ¿Como é o Lado, unha das castes autóctonas de videira máis singulares e minoritarias de Galicia? JOSÉ: O Lado é a uva que mellor acidez ten. Podes collela con 13,5 graos que a acidez está perfecta. A Treixadura, pola contra, se madura de máis a acidez xa é moi problemática. MAURO: A produción do Lado é moi baixa, un máximo de 2 kilos por cepa, con acios moi pequenos, uvas delicadas, ramas que parten facilmente. De feito, na poda hai que rodrigar en días de choiva para que non rache. É moi sensible ao oídio e á lacra, sobre todo nas zonas con máis humidade. Polo demais mantén moi ben a acidez, sole ter unha graduación alcohólica alta e o viño en garda en botella evoluciona moi ben. Temos botellas espectaculares de Lado do ano 2013. É un viño moi sutil, lixeiro, aromático en nariz, non ten estrutura moi forte na boca e ten unha lixeireza moi elegante. É unha caste autóctona da Arnoia, e en concreto da zona da Ponte. JOSÉ: O seu punto débil é o oídio, polo que hai darlle dúas mans de xofre en po e vixiala. ¿Como logrades nunha adega tan pequena diferenciar os vosos viños nun mercado tan competitivo? MAURO: A idea sempre foi apostar pola calidade, buscando o viño máis complementario, con todos os matices e que mantivese a esencia do Ribeiro. É dicir, lograr un viño fresco, aromático, de beber no ano. E creo que o logramos facendo un viño diferenciado. O ano pasado elaboramos 12.400 botellas do Mauro Estévez, pero este ano baixaremos a 9.300 botellas porque na última vendima non todas as uvas tiñan a calidade que nos autoesiximos para elaborar o noso viño. Sorprende que exportades preto do 40% do voso viño. ¿Onde están os vosos mercados? MAURO: O mercado témolo internacionalizado, en Francia, Inglaterra, Alemaña, Xapón e agora tamén estamos en Canadá. As exportacións xa representan un 40% das nosas vendas e este ano creo que chegarán ao 50%, ao termos menos produción.
“Este ano imos exportar o 50% do noso viño”
Empezamos a exportar cun programa da Confederación de Empresarios de Ourense, cunha misión inversa que viña de Inglaterra e que catou o noso viño. Seleccionounos un importador que veu visitar a adega e gustoulle moito o noso Mauro Estévez e ese ano xa exportamos para o Reino Unido unhas 1.600 botellas. Creo que os viños galegos teñen que apostar polos mercados internacionais, porque hoxe en día hai máis facilidades para saír a vender fóra de Galicia. Na nosa comunidade vendemos un 40% e o 20% restante no resto de España. ¿A que prezo se pode mercar o voso viño? MAURO: O Mauro Estévez nas plataformas de venda por internet está nuns 15 euros e o Uxía da Ponte nuns 30 euros. ¿Cal é a vosa referencia pola que deberían apostar os viños do Ribeiro? Francia quizás é a referencia que debemos ter para os viños galegos, apostando por producións limitadas e de alto valor. No Ribeiro estamos valorizando o noso viño e conseguimos incrementar prezo e recuperar a imaxe de calidade. Cóntanos como é o proceso de elaboración do Mauro Estévez e do Uxía da Ponte.. MAURO: Para o Mauro Estévez a uva chega á adega en caixas de 18 ou 15 kilos. Despalillamos quitando a canga, e a pasta bombeámola ata a prensa, onde facemos maceración por xeo carbónico. Con iso arrefriamos e eliminamos o oxíxeno para que non se oxide a uva, e co xeo carbónico conseguimos extraer moitos máis aromas da pel que se non se conxelara. O mosto chega ao depósito e aí facemos proceso de desfangado durante 24 horas e a 8 graos. A fermentación é en mosto limpo, sen lías, a temperatura controlada. Este é un paso crítico, no que hai que xogar coa densidade e temperatura. A partir de aí realizamos sucesivas trafegas, facemos o filtrado e por último o embotellado. Para o Uxía da Ponte o proceso é o mesmo pero empregamos uva seleccionada só das cepas centenarias de Lado que temos. Tamén elaboramos unha pequena cantidade de tinto de castes autóctonas, no que facemos un envellecemento en pipa de carballo francés. Estamos experimentando cunha barrica de 220 litros, que nos dará unhas 300 botellas. ¿Como vos xurdiu a idea de elaborar un viño 100% de Lado? JOSÉ: Meu pai sempre dicía que había que facer un viño de Lado solo.“Non o fixo ninguén e debe estar estupendo”, dicía. Falei entón con Álvaro, o noso enólogo, e fixemos unha proba. O primeiro ano non saíu ben a fermentación pero no segundo ano xa melloramos o proceso e o resultado foi moi bo. Fomos os primeiros no mundo, e por suposto no Ribeiro, que elaboramos un viño Lado 100%. O nome de Uxía é pola nosa filla, e da Ponte polo lugar no que está o viñedo. E o de Mauro Estévez é polo noso fillo, para que non se enfadaran. E para o tinto temos que poñerlle o nome da miña muller, Juana. Ambos os dous partides de profesións moi diferentes da viticultura. ¿Que vos atraeu deste sector? MAURO: No meu caso estou traballando en Vigo no Centro Tecnolóxico de ANFACO, pero isto tamén me atrae. O venres cando veño gústame estar na viña e traballar na bodega, pero tamén vendelo e falar cos importadores. De momento podo compaxinar as dúas cousas e nun futuro non descarto dedicarme máis a isto. JOSÉ: Para este paso contei co gran apoio da miña muller, de Juani. Necesitaba un cambio e neste traballo tes moita máis liberdade. Cando me incorporei no 2002 tiña 47 anos, e levaba traballando 24 anos na farmacia. O cambio foi bo, a bata branca esquecina facilmente. O que si se podería mellorar é o exceso de burocracia da administración, que para unha pequena empresa é un atranco. ¿Que plans tedes para a vosa adega e como vedes o futuro da viticultura na Arnoia? MAURO: De momento imos seguir igual, intentando elaborar algunhas máis botellas. Gustaríanos incorporar a unha persoa para o traballo na viña, dirixida polo meu pai, e eu encargarme máis da venda e da comercialización. Pero non queremos medrar moito en produción e manter a nosa aposta pola diferenciación e por producións limitadas.
“Queremos manter a nosa aposta pola diferenciación e por producións limitadas”
En canto ao futuro da viticultura na Arnoia, nos próximos anos vai haber moito abandono pois o 90% dos viticultores neste concello teñen máis de 65 anos. Hai moito minifundio, con fincas de 100 ou 200 metros cadrados, e iso dificulta moito que haxa relevo, ou que alguén as alugue para cultivalas. Sería necesaria unha parcelaria e motivar e  formar a xente nova para traballar nun sector do que se pode vivir con calidade de vida.

A Adega Mauro Estévez en imaxes: 

Viña A Galiana José cunha cepa de Lado, duns 130 anos de idade Cepa de Lado coa que elaboran o Uxía da Ponte  

Friol converterase este domingo na capital galega do queixo e do pan

Este domingo, 24 de marzo, celébrase a edición número 27 da Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá, unha das celebracións máis destacadas do calendario gastronómico galego. Así, preto de 100 queixeiras expoñerán unhas 12.000 pezas de queixos ese día nos postos de expositores e de venda. O número de pezas de pan tamén se mantén; con 5 Panaderías de Ousá presentando os seus produtos, cunha previsión de máis de 3.500 pezas de pan en exposición. Na Praza Andón Cebreiro volverá estar instalada unha gran carpa que acollerá a exposición dos produtos principais da feira. Arredor desta instalación o Concello colocará stands onde se poderán mercar diferentes produtos agroalimentarios do Municipio, como poden ser carne, mel e ovos, entre outros. A carón desta carpa principal tamén estará situado o stand Municipal, onde a partires das 13:00 horas o concello ofrecerá a todos os asistentes totalmente de balde unha degustación de queixo de Friol e pan de Ousá, acompañados dun viño. Na Praza Rosalía de Castro o Concello tamén instalará stands destinados a exposición de produtos de diferentes sectores, como por exemplo artesanía, textil, distintos tipos de viños, sidras, licores, etc. Programación: -Ás 10 da mañá comezo do día de Feira co tradicional lanzamento de foguetes. -Ás 10 e media a organización asignará os stands ás queixeiras e panaderías que participen na Feira. -Ás 11 e media está prevista a apertura da Feira co simbólico corte de cinta, que nesta ano correrá a cargo dunha queixeira. -Durante toda a mañá haberá actuacións de pasarrúas e charangas polas rúas do Concello. Este ano participarán a “Xesta Verde” de Friol e a “Charanga” de Vilalba. -Ás 7 da tarde Concerto Folk, a cargo de A BANDA DA LOBA, que terá lugar no salón de actos do Centro Sociocultural de Friol e se prolongará ata as oito e media da tarde. Precisamente esta actuación servirá dalgún modo para inaugurar as novas instalacións do recentemento rehabilitado Centro Sociocultural. -Por último, ás 11 da noite empezará a romaría, que estará amenizada nesta edición pola Orquestra Olympus. Esta será a última actuación prevista da 27º edición da Feira do Queixo e Pan de Ousá, que rematará sobre as 2 da madrugada.

15 medallas de ouro para os viños galegos no concurso internacional Mundus Vini

Os viños galegos lograron 15 medallas de ouro e 4 de prata en Mundus Vini, o prestixioso concurso internacional celebrado esta semana en Alemaña. Preto de 260 expertos de 50 países puideron degustar os mellores viños de entre os 7.220 presentados a concurso, procedentes de máis de 150 rexións vitícolas do mundo. O obxectivo do certame é fomentar a calidade e promover a comercialización dos viños presentados. Para os consumidores de viño supón unha valiosa orientación e para os produtores, o recoñecemento ao seu labor e esforzo. Desde 2014 Mundus Vini celébrase dúas veces ao ano: con motivo das feiras de outono e ao final da tempada comercial anual, como cata de verán. Os viños gañadores da cata de primavera de MUNDUS VINI presentaranse ao público especializado na Feira do viño máis grande do mundo, a ProWein de Düsseldorf, do 17 ao 19 de marzo de 2019, na área de degustación de MUNDUS VINI. Viños galegos premiados en Mundus Vini na cata de primavera de 2019:

OURO:

-2017 Terre III Milenium Cunqueiro. BODEGAS CUNQUEIRO, S.L., PRADO DE MIÑO - CASTRELO DE MIÑO (OURENSE) -2018 A Coroa DO Valdeorras. ADEGA A COROA S.A.T., A RÚA -2015 Granbazán Don Álvaro de Bazán. AGRO DE BAZÁN S.A., VILANOVA DE AROUSA (PONTEVEDRA) -2017 Granbazán Etiqueta Ámbar. AGRO DE BAZÁN S.A., VILANOVA DE AROUSA (PONTEVEDRA) -2018 Serra da Estrela. Adegas Valmiñor SL, O Rosal (Pontevedra) (Spain) -2018 Eidosela DO Rias Baixas. BODEGAS EIDOSELA, S.C.G., Arbo (Spain) -2018 Altos de Torona Albariño DO Rías Baixas. BODEGAS ALTOS DE TORONA, TOMIÑO. HGA BODEGAS Y VIÑEDOS DE ALTURA, MOS -2018 Pazo de Villarei Rias Baixas. BODEGAS PAZO DE VILLAREI, Vigo (Spanien). HGA BODEGAS Y VIÑEDOS DE ALTURA, MOS (Spain) -2018 Albarino Laxas DO Rias Baixas. BODEGAS AS LAXAS S.A., ARBO (Spain) -2018 DO Rias Baixas. Familia Chavarri, Vitoria (Spain) -2017 Albarino Rias Baixas DO Finca Garabelos. Notas Frutales de Albariño S.L.U., Crecente (Spain) -2018 Rectoral do Umia Albariño DO Rías Baixas. Rectoral do Umia S.A.U., Ribadumia (Pontevedra) Bodegas Milenium S.L., Ourense -2018 Miudiño Albariño DO Rías Baixas. Rectoral do Umia S.A.U., Ribadumia (Pontevedra) (Spanien). Bodegas Milenium S.L., Ourense 2018 Porta da Ría Albariño DO Rías Baixas. Rectoral do Umia S.A.U., Ribadumia (Pontevedra) (Spanien) Bodegas Milenium S.L., Ourense (Spain) -2018 Bodegas Terras Gauda Abadia de Sam Campio Albariño. Best of Show Rías Baixas. Bodegas Terras Gauda SA, O Rosal (Spain)

PRATA:

-2018 Rectoral de Amandi DO Ribeira Sacra. Bodegas Rectoral de Amandi S.A.U., Lugo (Spanien) Bodegas Milenium S.L., Ourense (Spain) -2018 Gran Alanís D.O. Ribeiro. Bodega Alanís S.L.U., Cenlle (Ourense) (Spanien) Bodegas Milenium S.L., Ourense (Spain) -2017 Albarino Rías Baixas DO La Trucha. Notas Frutales de Albariño S.L.U., Crecente (Spain) -2018 Lembranzas Albariño DO Rías Baixas. Rectoral do Umia S.A.U., Ribadumia (Pontevedra) (Spanien) Bodegas Milenium S.L., Ourense (Spain)

Mira aquí os resultados completos de Mundus Vini 2019

Encontro da mocidade gandeira o 15 de xaneiro en Santiago

O Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia organiza para o día 15 de xaneiro, martes, o cuarto Encontro da Mocidade Gandeira, que se celebrará na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. O programa da xornada é o seguinte: -11:00 Recepción.  -11:30: Charla: "Só hai unha oportunidade de facelo ben".  -12:00 Café -12:30 Charla: "Formación ao carón da vida".  -13:00 Mesa redonda -14:00 Conclusións e clausura.  -14:30 Xantar.  O encontro está aberto ao público previa inscrición enviando un email a clubexovenes@fefriga.com ou chamando ao teléfono  981 573 879

Curso sobre o uso de setos e sebes como peches para gando vacún

Xestión Agrogandeira e Natureza organiza para o vindeiro mércores, 28 de novembro, un curso sobre “Setos e sebes en vacún: Por qué e como?”. Impartirase na localidade coruñesa da Baña.

A xornada comezará ás 12:00 horas cunha charla formativa en aula, na que se explicarán as vantaxes das sebes, os tipos que existen así como as recomendacións sobre que arbustos utilizar, como plantalos e onde.

Ás 14:00 horas está previsto o xantar e tras o remate visitarase unha gandería de vacún de leite en ecolóxico que emprega sebes.

O custo da inscrición é de 20 euros e inclúe o xantar. Para máis información chamar ao teléfono 620 806 414.

“A integración das cooperativas agrarias é imparable e imos cara a unha gran cooperativa na Península Ibérica”

A cooperativa de segundo grao Delagro é un caso de éxito de integración e competitividade no mundo cooperativo. Constituída formalmente no ano 2005, agrupa na actualidade a 23 cooperativas socias de Galicia, Asturias e Cantabria e a máis de 26.000 socios e socias. Xestiona as compras de fertilizantes, cereais para a fabricación de pensos e plásticos e dunha ampla gama de produtos para profesionais (desde zoo e fitosanitarios a pensos para mascotas) para miles de explotacións socias de vacún, que suman máis de 300.000 animais, así como outros moitos clientes que non son socios. Un volume enorme de compra que lles permite ser competitivos no mercado. “Delagro é neste momento un referente de eficiencia e de colaboración para o sector. Tamén en competitividade en canto aos produtos e servizos que ofrecemos, e unha mostra diso é que a nosa competencia espera a que nós poñamos os prezos dos abonos ou dos plásticos para gandaría porque somos o referente”, destaca Carlos Castro, director xeral desta cooperativa nos últimos anos. Cales son as grandes cifras de Delagro a día de hoxe? A nivel social e produto das fusións que se desenvolveron contamos con 23 socios que representan a 46 cooperativas e temos ao redor de 90 puntos de venda, dos que unhas 70 son tendas agrarias. As nosas cooperativas socias contan con máis de 1.100 empregos directos e unha cifra de negocio de algo máis de 556 millóns de euros. Delagro emprega de forma directa a 54 persoas, ás que habería que sumar outras 10 ou 15 persoas eventuais por necesidades de campaña. En total, preto de 27.000 familias son socias das cooperativas de base de Delagro, das que teñen algún tipo de actividade agraria ao redor de 16.800 persoas. O vacún de leite e de carne centra a actividade principal de Delagro e agrupamos a preto de 300.000 cabezas de gando. Isto tradúcese en máis de 3.740.000 toneladas de leite e preto de 700.000 toneladas de pensos que se elaboran en 17 fábricas dos nosos socios. Delagro tamén está presente nos sectores do viño e da produción hortícola, sobre todo en Galicia.
“Delagro prevé pechar o ano cun incremento do 17% na facturación”
O pasado ano Delagro incrementou un 7,25% a súa facturación até os 165 millóns de euros. ¿Pecharase o 2018 tamén con incrementos de facturación e de beneficios? Ao peche do mes pasado estamos a medrar en máis de 23 millóns de euros de facturación con respecto a todo o ano pasado, o que supón preto dun 20% máis. E esperamos terminar o ano por riba do que orzaramos, ao redor de 193 millóns de euros de facturación, o que suporía 28 millóns de euros máis que en 2017 e un incremento do 17%. Marcarámonos en Delagro lograr un beneficio para este exercicio duns 1,6 millóns de euros e tamén imos superar esa cifra. O crecemento é xeral practicamente en todas as cooperativas socias e en todas as familias de produtos. ¿Aínda queda percorrido a Delagro para aumentar a súa base de socios e a súa área xeográfica, que na actualidade abarca a cooperativas de Galicia, Asturias e Cantabria? Creo que si, tanto directa como indirectamente. De feito, estamos a incrementar a nosa actividade comercial con terceiros, tanto cooperativas como outro tipo de entidades. Os tempos que corren empuxan cada vez máis a integrarse no sector agrario, sexa dun xeito ou doutro. Estamos a traballar con cooperativas doutras Comunidades Autónomas, como Kaiku no País Vasco, e tamén con cooperativas de Cataluña, da Comunidade Valenciana, de Castela e León, de Estremadura e mesmo de Andalucía. E por suposto colaboramos coas cooperativas do Norte de Portugal, en concreto con UCANORTE, coa que temos unha relación de confianza absoluta. A vocación de Delagro é integradora e non hai límites xeográficos. De feito, quen tente pórlle límites á integración cooperativa creo que comete un gran erro. ¿Custa facer ver a importancia de Delagro á base social de máis de 27.000 socios? Os socios fundadores das cooperativas de base de Delagro saben de onde veñen e as dificultades que tiñan que pasar, tanto a nivel comercial como de abastecemento de subministracións. A isto súmase o feito de que as novas xeracións de agricultores e gandeiros veñen empuxando forte e dalgunha forma non senten un vínculo tan intenso coas súas propias cooperativas, e máis con Delagro, como os seus pais ou avós. Quizais non investimos recursos en dar a coñecer as actividades que desenvolve Delagro porque entendiamos que era unha especie de club privado onde todos os socios coñecían e eran conscientes das vantaxes de estar en Delagro.
“As novas xeracións quizais non son tan conscientes das vantaxes que supón Delagro respecto da situación anterior. Temos que mellorar en comunicación”
Tamén é certo que hai ineficiencias que se trasladan ao cliente final e que non se producen en Delagro, polo que nos convertemos nunha especie de muleta á que se atribúen eses fallos. O que si é evidente é que as nosas cooperativas socias nos últimos 25 anos medraron por méritos propios, pero creo que Delagro tamén algo achegou. E sobre todo, evitamos ter duplicidades extremas de funcións: agora mesmo quedan unhas 43 cooperativas de primeiro e segundo grao en Galicia no sector agrogandeiro, pero viñamos de máis de 60, o que provocaba moitas ineficiencias que pagaba o socio.

“O desexable é unha gran cooperativa agrogandeira para toda a Península”

¿Como valoras o proceso de integración cooperativa que se desenvolveu e que está en marcha en Galicia e como afecta a Delagro? Delagro pola súa propia natureza é a maior estrutura de integración cooperativa do Norte da Península, polo que forma a integración parte da nosa filosofía para que o socio salga gañando. Por tanto, a vocación de Delagro é propiciar a integración cooperativa: é un proceso absolutamente imprescindible e que apoiamos. E hai que destacar que este proceso de Delagro leva funcionando xa tres décadas, de forma regulada ou non. Tamén é de destacar que vimos nacer e morrer outros procesos de integración cooperativa, pero este segue vivo e vixente, porque fomos capaces de axuntar sinerxías e de evitar duplicidades de moitas cooperativas de tres comunidades autónomas. Os procesos de integración e de fusión cooperativa son necesarios e imparables e sobrevivirán os máis fortes e profesionais. Delagro seguirá existindo como cooperativa de segundo grao mentres sigan existindo cooperativas de primeiro grao, ou como departamento dunha gran cooperativa que baixo o meu punto de vista sería o desexable. Creo que estes procesos de integración cooperativa van confluír, e non digo a nivel de Galicia, senón da Península. O que tería que haber é un Delagro a nivel nacional ou peninsular, e xa se están a dar pasos para que iso ocorra, porque noutras comunidades autónomas os procesos de integración son moito máis potentes e de gran tamaño.
“Están a darse pasos para construír un gran Delagro a nivel Peninsular e así mellorar a compra de pensos e fertilizantes para os socios”
O obstáculo que atopamos até agora é que en Delagro somos especialistas en gando vacún, mentres que no centro e sur de España son máis en produción animal intensiva, cultivos extensivos, horta, viñedo...etc e non atopamos moitas sinerxías con outras estruturas a nivel nacional. Sen embargo, está claro que as subministracións agrarias (cereais, fertilizantes..etc) en España e mesmo na Península Ibérica temos que xestionalas as cooperativas de forma conxunta para mellorar custos para o cliente final. Hai vontade para iso e xa hai movementos individuais que están a acelerar o proceso, o que é unha fantástica noticia. E non debemos temer nada, porque en gando vacún en Delagro somos especialistas e sempre imos aportar. Neste sentido, xa estamos a participar nas comisións sectoriais de subministracións de Cooperativas Agroalimentarias de España e aí é onde xa estamos a sumar sinerxías. Debemos ter en conta que para ser competitivos na compra de materias primas, como cereais ou fertilizantes, temos que ter volumes (é dicir, comprar barcos, non camións), contar con especialistas que albisquen os mercados para detectar o mellor momento para a compra, e ter plantas de produción afinadas. A solución é xuntarnos as cooperativas da Península e xestionar os fertilizantes cunha soa voz, para gañar todos. Non ten sentido que cada cooperativa xestione a compra de materias primas no mercado pola súa conta. En Europa temos moitos exemplos de integración cooperativa en Francia, en en Alemaña e mesmo de cooperativas que operan en varios países. Neste sentido, Como valorades o acordo de DELAGRO con UCANORTE, a cooperativa gandeira máis importante do Norte de Portugal? A nosa colaboración coas cooperativas do Norte de Portugal é excelente, compartimos inquietudes e necesidades e temos ambas unha actitude proactiva e ilusionante. As limitacións que temos son fundamentalmente legais, por distintas normativas de España e de Portugal, o que obstaculiza o avance da nosa cooperación.
“Existen barreiras legais entre España e Portugal que impiden que Delagro teña unha maior cooperación con UCANORTE”
Doutra banda, o futuro pasa inexorablemente por compartir coñecementos a nivel de prácticas e de solucións agronómicas e tecnolóxicas, onde en UCANORTE son punteiros en manexo de cultivos. Ambos temos áreas de mellora e podemos facelo xuntos, aprendendo uns dos outros para ofrecer as mellores solucións técnicas e de produtos aos nosos socios. ¿Cales son as principais fortalezas de Delagro no mercado? A primeira é a transparencia, de forma que calquera socio ou cliente non socio pode coñecer en todo momento calquera produto ou servizo que Delagro desenvolve e en calquera punto: a nivel de recursos, custos, procedemento...etc. Esta transparencia é clave á hora de compartir estratexias co cliente. A xestión de compras a provedores é a nosa grandísima fortaleza, pois temos un gran volume de negocio e unha gran experiencia no coñecemento das distintas familias de produtos, contando con especialistas para cada unha das áreas. Por outra banda, temos altas capacidades en canto a procesado de datos, cunhas ferramentas tecnolóxicas que están moi por riba doutros competidores do mercado. Desenvolvemos ferramentas tecnolóxicas propias, como a aplicación delagrOS, perfectamente adaptadas ao sector agroalimentario. Ademais, a plataforma e a xestión de loxística que temos é altamente eficiente, cun cumprimento estrito de toda a lexislación, cuestión que moi poucas empresas cumpren. Tamén destacaría de Delagro a enorme masa social que temos detrás e que sustenta boa parte da nosa actividade. A nosa amplitude xeográfica tamén nos dá unha maior perspectiva dos mercados. Por último, salientar como a clave o equipo humano de Delagro, formado por grandes profesionais con moitísima experiencia e que nos diferencia no sector. As numerosas familias de produtos que traballamos tamén nos dan unha perspectiva máis completa das necesidades dos profesionais do sector agrícola e gandeiro. En Delagro estades a diversificar a vosa oferta de produtos, como a liña de alimentos para mascotas TOTAL DOG. ¿Como valorades a súa evolución? A experiencia dos pensos para mascotas TOTAL DOG foi dun éxito rotundo, multiplicando por 10 a facturación. Logramos asentar uns produtos de calidade, ampliado gamas de pensos para mascotas e somos moi competitivos tanto en calidade como en prezo. Despois desta familia de Total Dog potenciamos outras moitas como conservantes de ensilado, lubricantes de marca propia, polímeros para conservación de última xeración para conservar forraxes, sementes premium que non traballa ninguén no sector, equipamentos de xardín...etc. Seguimos co foco posto nos produtos profesionais para o sector agrogandeiro, pero tamén estamos a desenvolver outros produtos para un cliente de ámbito rururbano. E en todos os produtos ampliamos o catálogo con gamas premium e ultra, para as que tamén existe unha demanda. Neste sentido, ¿Que balance realizas do funcionamento de Mercarural, a rede de tendas agrarias das cooperativas socias de Delagro? Mercarural empezou a funcionar no ano 2013, sentando as bases para o seu desenvolvemento. Contamos cunhas 40 tendas ás que asesoramos directamente, dos 70 puntos de venda cos que contamos en Delagro. Realizamos unha implantación tanto de procedementos, formación de persoal, imaxe, auditorías...un proceso moi intenso que estamos a realizar nos establecementos que contan con ferramentas tecnolóxicas, para poder avaliar as áreas de mellora. O noso papel de Delagro é establecer pautas de traballo para que estas unidades de traballo de Mercarural sexan eficientes e presten bos servizos aos clientes, sobre todo tendo en conta que cada vez estas áreas comerciais atraen a moitas persoas non socias e tamén do ámbito urbano.
“Incrementamos este ano case un 50% a venda de combustibles”
Moitas das cooperativas de Delagro abriron gasolineiras nos últimos anos como unha vía de xerar beneficios. A compra do combustible xestiónase conxuntamente a través de Delagro. ¿Como está a evolucionar esta área de negocio? A venda de combustible está a ter unha evolución moi positiva, pasando de 23 millóns de litros de combustible vendidos en 2017 nas gasolineiras das cooperativas de Delagro a uns 34 millóns de litros que se comercializarán este ano, o que supón un incremento do 48%. A día de hoxe contamos cunha rede dunhas 16 gasolineiras, practicamente o triplo que hai 4 anos. Temos colaboración con Repsol, e en menor medida con Cepsa, BP e Galp. Como noutros produtos, o que tentamos é ofrecer produtos de primeira calidade ao mellor prezo. É certo que nos últimos meses estamos a notar a suba do prezo do petróleo, unha situación que é difícil paliar porque se compra a spot e é imposible practicamente realizar contratos a longo prazo. En 2019 finaliza o actual Plan Estratéxico de Delagro. ¿Que cambios consideras que se deberían realizar no próximo? Unha parte pasa por desenvolver produtos específicos para a fertilización tanto para os nosos socios como a terceiros. E o mesmo no noso centro de loxística, onde prestamos uns servizos de altísima calidade. Iniciamos a implantación de delagrOS, unha ferramenta informática de xestión desenvolvida por nós, e que non só están a empregar nosas cooperativas socias, senón tamén por parte de terceiros. Por exemplo, neste momento a propia Kaiku, no País Vasco, está a utilizala e outras cooperativas externas a Delagro están interesadas nela. Neste sentido, gustaríanos trasladala a calquera empresa agroalimentaria, porque foi desenvolvida especificamente para este sector. Por outra banda, estamos nunha fase continua de mellora dos procesos internos e de adaptación ás integracións que se producen na nosa base social, o cal é positivo porque nos obriga a unha mellora continua. Por tanto, achegámonos ao final do actual plan estratéxico, polo que teremos que sentarnos e, coa experiencia que acumulan as nosas cooperativas e as necesidades que detectan, readaptar o plan para os próximos anos,

 “Imos duplicar a liña de envasado da nosa planta de fertilizantes das Pontes”

O último gran investimento de Delagro é o Complexo Industrial das Pontes, inaugurado en 2014, e que alberga tanto a planta de fertilizantes como o centro loxístico. ¿Están a cumprirse as expectativas para esta planta? Estamos moi satisfeitos e a valoración é que foi un investimento moi acertado. Os obxectivos que nos marcamos a niveis de calidade e de servizo cúmprense sobradamente. Hai que ter en conta que esta é unha estrutura que se construíu por e para o consumidor final, tanto socios das nosas cooperativas, como vendas a terceiros, que xa representan o 20% da facturación de fertilizantes de Delagro. A primeira premisa é a calidade, e neste sentido somos moi escrupulosos coa orixe das materias primas; contamos cun equipamento técnico moi moderno e temos uns procesos moi protocolarizados. E ademais das nosas auditorías, sometémonos a auditorías externas do maior fabricante mundial de fertilizantes nitroxenados, o grupo YARA. Todo isto garante unha altísima calidade para o cliente. En canto ao servizo, adoeciamos no sector dun bo servizo. Nesta planta de fertilizantes de Delagro temos unha capacidade de resposta líder no mercado. E a nivel de loxística en Delagro somos especialistas e practicamente o 97% das entregas prodúcense nas primeiras 48 horas e máis dun 80% nas primeiras 24 horas. Todo isto alivia o inmobilizado das cooperativas socias e do cliente final. En canto á produción propiamente dita dos fertilizantes, fomos fomentando a diferenciación nas formulacións dos distintos fertilizantes que producimos, e iso permítenos ser moi eficientes en custos e en elaborar fertilizantes á carta para o consumidor final, con fórmulas a nivel de parcela. Esta evolución positiva, ¿En que se traduce en cifras? Estamos a facturar directamente en todo o complexo das Pontes máis de 20 millóns de euros, dos que un pouco menos da metade son fertilizantes e o resto todo tipo de produtos, fundamentalmente produtos para os profesionais do sector gandeiro. Na área de loxística prevemos finalizar o 2018 con ao redor dun 15% de incremento de facturación e en fertilizantes imos finalizar cun incremento dunhas 2.500 toneladas por encima do 2017, a pesar da mala campaña de primavera. Neste momento estamos a desdobrar unha liña de envasado de fertilizantes e prevemos crecer ao redor dun 25% máis en toneladas o próximo ano. A capacidade máxima da planta agora mesmo está ao redor das 35.000 toneladas anuais e con esta ampliación poderemos incrementala ese 25%. ¿Cales son as previsións de prezos de fertilizantes para o próximo ano? Estamos nun momento complicado debido a líderes políticos que están a obstaculizar o libre comercio mundial, con medidas proteccionistas. Isto está a levar a un encarecemento das materias primas que o acabamos pagando todos os consumidores. En Delagro temos unha planificación e unhas coberturas na subministración e prezo das materias primas, tanto de fertilizantes como de cereais, polo que os prezos dos fertilizantes van subir e xa se encareceron no último ano. Con todo, os nosos socios non o van a notar ou vano notar pouco, porque en Delagro temos coberturas a longo prazo que van amortecer esas subidas.
“O prezo do penso e do fertilizante para os nosos socios vai subir menos que no mercado, porque en Delagro temos coberturas a longo prazo”
Pero se saímos ao mercado spot os prezos dos cereais están a pórse polas nubes, debido á mala colleita a nivel europeo. Por tanto, de aquí á próxima colleita, tanto cebada como trigo, e mesmo o millo de rebote, van subir. En canto aos plásticos agrícolas vanse ver afectados pola suba do prezo do petróleo, pero de momento é difícil cuantificalo.