All posts by Camilo

“Hoxe temos un grave problema nas ganderías de leite: eliminamos moitas vacas porque non empreñan”

Rocío, xunto a unha das vacas leiteiras da explotación da súa familia en Oza-Cesuras Rocio Manteiga Souto é propietaria, xunto á súa parella, dunha gandería de vacas de aptitude cárnica, mentres que os seus pais teñen unha granxa de leite no concello de Oza-Cesuras. Ela exerce como veterinaria, adicándose á clínica de bovino e ao asesoramento sobre calidade de leite en granxas da provincia da Coruña. Nestes momentos eestá a facer a súa tese de doutoramento na Facultade de Veterinaria de Lugo comparando a produción de leite e a eficiencia reprodutiva de vacas holstein e cruzadas en explotacións de alta produción en Galicia e recentemente vén de presentar no XXVI Congreso Internacional da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (ANEMBE), celebrado en Córdoba, un estudo preliminar levado a cabo entre os anos 2015 e 2022 en dúas ganderías da provincia de Lugo que están a seguir o método Procross de cruzamentos. 
Os dous sistemas son válidos e cada gandería ten que escoller o camiño que quere seguir segundo as súas características e as súas preferencias
Tomando os datos do Control Leiteiro destas granxas e analizando tres lactacións completas dun total de 327 vacas (202 de raza holstein -HO- pura e 125 cruzadas con touros montbeliard -HM- e roxo sueco -HV-), a principal conclusión deste estudo é que, no conxunto das tres lactacións, a produción de leite e de sólidos “non presenta diferenzas entre as vacas holstein e as cruzadas” que, sen embargo, compórtanse mellor no terreo reprodutivo (con menos doses necesarias para a preñez, sobre todo tralo primeiro parto) e son máis lonxevas (cun 14% máis de taxa de supervivencia aos 4 anos). Analizando os datos leiteiros polo miúdo, as primeirizas holstein puras presentan mellores resultados produtivos, pero na segunda lactación son as procross as que dan máis leite e con maiores porcentaxes de graxa e proteína.
As vacas cruzadas son un 14% máis lonxevas, co que se reduce a necesidade de recría, o que equivale a aforro económico e redución de pegada de carbono ao reducir os animais improdutivos da granxa
En canto ao intervalo entre partos, as vacas cruzadas destacan polo menor número de días entre o segundo e o terceiro parto (20 días menos que as frisonas puras), así como entre o terceiro e o cuarto parto (40 días menos).

Estudo independente

“Os cruzamentos son unha alternativa rendible para as ganderías intensivas de alta produción”, conclúe Rocío. “Pero non pretendemos convencer a ninguén de que un sistema é mellor ca o outro, simplemente demostrar que as vacas cruzadas son tan rendibles como as frisonas puras, e despois que cada gandeiro elixa en función das súas preferencias. Cada sistema ten as súas vantaxes e inconvenientes e cada gandería ten que escoller o camiño que quere seguir, segundo as súas características”, explica a autora do estudo, o primeiro destas características que se leva a cabo en granxas galegas.
A tese está dirixida por Pedro García Herradón, do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria, e analizaranse 1.000 animais de 10 explotacións
Rocío insiste na independencia do traballo realizado, no que se colleron os datos oficiais de Control Leiteiro para que foran totalmente obxectivos. Este estudo preliminar, realizado en dúas ganderías dos concellos de Trabada e Castro de Rei, a primeira delas con 184 vacas en lactación, con medias de 37 kg de leite (4,29% de graxa e 3,60% de proteína) e a segunda con 134 vacas en produción e 42 kg de media (4,23% de graxa e 3,50% de proteína), será agora ampliado até alcanzar un total de 10 explotacións e máis de 1.000 animais analizados. “Este novo estudo será máis completo e queremos focalizalo máis, analizar por exemplo os datos de mamites, que neste caso non se estudaron, e ver tamén cal é o comportamento das F3, nas que se reinicia o ciclo volvendo a inseminar con holstein”, avanza Rocío. A súa tese está dirixida por Pedro García Herradón, do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria.

Veterinaria e gandeira           

Rocío, cunha das vacas da gandería de leite que os seus pais teñen no concello de Oza-Cesuras Rocío estudou a carreira de Veterinaria en Lugo e fixo despois o Máster en Produción de Leite da USC. Agora está a sacar o Doutoramento en Sanidade Animal mentres exerce de veterinaria en explotacións da provincia da Coruña pero recoñécese a si mesma “case máis como gandeira”. “Os meus pais teñen unha explotación de leite en Oza-Cesuras e eu teño, xunto á miña parella, unha de gando bovino de aptitude cárnica. Empecei a estudar máis en profundidade os cruzamentos por interese persoal e porque hai moito escepticismo entre moitos gandeiros con este sistema. Eu creo que é debido a que se empezou a facer en explotacións problemáticas en manexo ou reprodución. Por iso quería facer o estudo en granxas intensivas con bo manexo e alimentación, porque hai unha crenza equivocada de que non vale para granxas de alta produción”, asegura.
Hai unha crenza equivocada de que os cruzamentos non valen para granxas de alta produción
Outra das características que se buscaban para garantir a imparcialidade do estudo é que as explotacións tivesen mesturadas no mesmo lote tanto ás vacas cruzadas como ás frisonas, para tratar de evitar deste xeito o efecto distorsionador nos resultados que puideran ter as instalacións ou as diferenzas de manexo.  

“En Galicia moitas granxas xa están en valores de consanguinidade próximos ao 10%”

Rocío alerta das consecuencias negativas que está a ter a consanguinidade para a raza holstein e recomenda ás explotacións tomar medidas para reducila. “Fago clínica de vacún e calidade de leite en explotacións da zona de Vilasantar e Boimorto e no meu día a día atópome cun problema importante que temos hoxe en día nas ganderías, que estamos eliminando moitas vacas porque non empreñan”, recoñece. “Na selección xenética da raza holstein apostouse pola produción de leite pero esquecéronse outros caracteres funcionais, como que a vaca ten que empreñar, que non é algo menor”, enfatiza. Os estudos realizados en Galicia sobre as causas de eliminación de vacas en establos de produción de leite indican que os problemas reprodutivos son a principal causa de descarte, seguido da mamite. “Ese estudo publicouse no ano 2014 e incluíronse máis de 22.000 animais de rabaños de raza frisona en Galicia, onde a taxa de eliminación foi do 13,8% de media, sendo a infertilidade a primeira causa de eliminación, tanto en primíparas como en segundos e terceiros partos”, detalla.

Distintas estratexias      

Vacas cruzadas nunha das explotacións galegas que participou no estudo “A cabana gandeira holstein dos EEUU supera xa o 10% de consanguinidade e en España estamos xa moi cerca, segundo recoñece CONAFE. En Galicia moitas granxas xa están en niveis entre o 9 e o 10% de consanguinidade e é difícil conseguir baixar esas porcentaxes tan altas”, alerta.
Cada punto de consanguinidade que se aumenta equivale a reducir 3 puntos de ICO, o que supón unha redución de 300 kg de leite por lactación
“Temos dúas opcións e os dous camiños son válidos: ou ben traballar pola vía dos acoplamentos mediante a varianza xenética aditiva, para o que se necesitan anos, aínda que cos embrións se adianta algo; ou ben optar polo vigor híbrido que producen os cruzamentos, que é unha alternativa máis rápida”, insiste.
Os cruzamentos son unha alternativa máis rápida para corrixir os altos índices de consanguinidade
O método rotacional de apareamentos con 3 razas permite manter unha heterose do 100% nas vacas de primeira e segunda xeración (F1 e F2), mentres que ao introducir touros das mesmas razas (F3) a heterose baixa até o 86%. O sistema Procross naceu en EEUU, en granxas de California, no ano 1998. Desde entón foise estendendo por outros Estados norteamericanos e por países de Europa como Dinamarca, Holanda, Suecia, Reino Unido, Italia, Portugal ou España. Pero sexa cal sexa o método escollido, Rocío recomenda apostar sempre por bos touros e facer selección xenética tamén nas vacas. “Os animais teñen que ser todos de alto valor xenético, partimos sempre desa premisa, tanto no caso dos machos como das femias; non serve poñerlle ás vacas boas holstein e as malas cruzalas, hai que seguir facendo selección xenética e inseminando con bos touros nos dous casos”, exemplifica.

“As ganderías deberían apostar polo silo de millo e por cultivar os seus propios cereais para cebar os xatos”

Jesús González é o presidente da IXP Ternera Gallega desde o ano 2000 A Xunta de Galicia aprobou este mes unha serie de cambios no Prego de Condicións da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega con dous obxectivos fundamentais: no eido da produción, establecer unha serie de pautas de manexo e alimentación para a finalización dos animais para lograr un mellor acabado e unha maior uniformidade das canais; e no eido da comercialización, abrir novas vías para a exportación da carne galega a países de fóra da UE mediante a súa conxelación, apostando tamén polo uso de materia prima certificada en platos elaborados. Os cambios, que xa foran aprobados no seo do Pleno do Consello Regulador da IXP o pasado mes de novembro, tardaron en chegar ao DOG, entre outras cuestións, pola celebración das eleccións autonómicas e a constitución do novo Goberno galego. Jesús González, presidente do Consello Regulador das IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego, resta importancia aos cambios e rexeita “volver a abrir un debate que xa está superado", porque, di, "é algo que xa está decidido e aprobado”. Insiste ademais en que as modificacións introducidas “están avaladas por informes técnicos” como o Manual de Manexo de Ternera Gallega Suprema que encargou a Consellería en base aos estudos do CIAM e responden “ás prioridades plantexadas polo propio sector na Estratexia para o sector da carne”.   – Que se busca con estes cambios no Prego de Condicións de Ternera Gallega? – Fundamentalmente respectar a tradición, porque na tradición da produción cárnica en Galicia a nai era a que saía a pastar e o becerro permanecía estabulado, aínda que pola falta de man de obra e o redimensionamento das explotacións a tendencia nos últimos anos foi apostar por sistemas extensivos e semiextensivos. Nós non temos inconvinte con iso, é máis, vémoslle aspectos positivos, pero é certo que as conformacións e engraxamentos estaban dando lugar a canais máis variopintos. Cos cambios o que queremos conseguir é máis calidade no produto e tamén responder ás peticións do mercado e das industrias, que buscan canais máis uniformes e pesos máis regulares.
No Consello Regulador non somos partidarios de que se produza a carne en base a concentrados, todo o contrario
Pero para nada imos en contra do pastoreo, porque nós non dicimos que haxa que acortellar as vacas. Unha das vantaxes que temos nós para producir carne é precisamente a nosa situación favorable para producir forraxes ou mesmo cereais e temos que aproveitalo. No Consello Regulador non somos partidarios de que se produza a carne en base a concentrados, todo o contrario. – Entendo entón que non se pretende cambiar o sistema produtivo senón corrixir algunhas prácticas que non se consideran positivas para a calidade final da carne. – Efectivamente. Nos cambios se se analizan ben non hai grandes modificacións. A realización do acabado era algo que no Prego anterior estaba como recomendación, pero as recomendacións hai quen as segue e quen non, por iso se valorou facelo obrigatorio. E flexibilidade por parte do Consello Regulador a máxima, por iso se establece un período de transición de dous anos.
Se queremos que mellore a saída ao mercado e os prezos, temos que buscar que o produto atenda ao que pide o consumidor
Pero non obrigamos a cebar con penso, ao que obrigamos é a que se faga un acabado dos animais. O penso debería ser a última solución. As ganderías deben ter boa forraxe, bo silo de millo, incluso apostar polo pastone, botar cereais propios, patacas, nabos e en épocas de escaseza, pois sempre queda a solución última que sería recurrir ao uso de pensos e concentrados. Pero a orde sería esa, o penso en último termo. Eu xa sei que estou dicindo cousas que seguramente non sexan as habituais en moitas explotacións hoxe, pero desde o Consello Regulador temos que animar aos gandeiros a producir cereais propios. O penso está para solucionar momentos puntuais de escaseza de recursos das propias explotacións, o penso é unha posibilidade para o acabado final dos animais, pero non é a que temos como preferente. – É consciente, con todo, de que a decisión levanta certa división entre os produtores. – O acabado no sector non levanta polémica. Os gandeiros son conscientes de que hai que facelo, que é algo necesario. Outra cousa é que supoña máis traballo. Ninguén cuestiona isto. O acortellado si que levantou algo de polémica.
No acabado hai unanimidade, no acortellado non, pero déronse alternativas
No tema do acortellado fanse dous matices importantes, dase a alternativa de facelo nun curral, para que os animais fagan menos exercicio. Somos conscientes dos novos sistemas en extensivo e semiextensivo, polo que damos esta posibilidade de recintos pechados cun simple balado dos animais e con algún tipo de cuberta a unha auga para protexelos das inclemencias meteorolóxicas, sexa neve, chuvia ou mesmo exceso de calor no verán. O Pleno do Consello Regulador é moi consciente da realidade que hai no campo, porque está alí representado, e todas as posturas se poñen enriba da mesa e se valoran. No Pleno se de algo pecamos é de darlle moitas voltas ás cousas e analizalas ben.  Esa decisión final está avalada por informes técnicos, por exemplo no Manual de Manexo que encargou a Consellería. Polo tanto, respectáronse os estudos encargados pola Consellería e os debates que se deron na Estratexia do sector da Carne.
Xestionaranse coa Consellería axudas para facer estas instalacións no caso de ser necesarias nalgunhas ganderías
A maiores, para as ganderías que non teñan ese cuberto, dáselles dous anos de prazo para adaptarse e estanse a xestionar coa Consellería axudas para facer esas instalacións. Tardouse en tomar a decisión porque os modelos de produción son diferentes nas distintas zonas de Galicia, non é o mesmo as áreas de montaña que as de val ou chaira e trataron de terse en conta todas as casuísticas que había. – Outra das novidades é a necesidade de poñer comedeiros móbiles nos prados. – Dáse esa opción para que os xatos poidan estar fóra coa nai até os 8 meses. O comedeiro no prado pode ter certo sentido incluso na primavera para ter herba seca, igual que concentrado, porque a herba de marzo ou abril ten un aporte proteico alto, pero de enerxía anda máis xusta e provoca desaxustes dixestivos no gando que se poden corrixir con esa suplementación con herba seca e cereal, que aportan esa estabilidade á rumia a comezos da primavera. Agora ben, non é a mesma necesidade de concentrado cun bo pasto ou non. Se o prado está ben o apoio é mínimo. Por iso non se establece unha cantidade de concentrado, iso ten que ser o bo facer do gandeiro o que o determine, e Galicia ademais non é uniforme. Non é o mesmo, como dixen, Sarria que Cervantes, e non é o mesmo o mes de abril, ca xullo, ou ca setembro ou decembro.
O comedeiro portátil é sempre un elemento de apoio e o gandeiro é o que ten que regular o seu uso
O comedeiro portátil é sempre un elemento de apoio e o gandeiro é o que ten que regular o seu uso en función do que aporte o prado. Pero establécese que ten que estar porque é bo para completar a alimentación, porque os xatos despois dos 4 ou 5 meses necesitan algo máis que o leite da nai. Pero pode haber momentos no que non o utilices, porque o prado é suficiente. O comedeiro pode ser o 5% da dieta na primavera e chegar a supoñer o 30 ou o 40% no inverno en condicións normais, sempre en función da zona ou da calidade do pasto. Por iso é moi difícil establecer regras cando temos unha variabilidade tan grande de explotacións e nalgunhas destas cousas tense que impoñer o sentido común. – Se se opta por cebar no prado, que tipo de instalacións son as que habería que ter? – Cos comedeiros móbiles repartidos polas pradeiras mellórase o acabado pero non é suficiente, porque non se limita o movemento do gando, polo que esa finalización non é a idónea. Nun xato que se move e fai exercicio todo o día a carne é mais fibrosa, polo tanto, menos xugosa, porque é unha característica que lle dá o engraxamento.
É complicado facer un acabado axeitado en só 2 meses cando o gando está libre
É complicado facer un acabado axeitado en só 2 meses cando o gando está libre, por iso combinamos unha alimentación máis enerxética e menor exercicio físico. Chegaría cun espazo acoutado, con acceso a auga e comida, con sombra e cunha zona cuberta onde se puideran resgardar os animais en caso de mal tempo, sendo recomendable tamén que teña unha parede no lado dos ventos dominantes.  – Tanto nestes casos como no caso de acortellar, habería que cumprir coas condicións de superficie mínima de 2,2 metros cadrados e 15 cm de comedeiro por xato. – Non é nada que non se estivera facendo xa. A maior parte das nosas explotacións cumpren coas condicións de benestar animal. Poden necesitar certas melloras puntuais, como iluminación ou ventilación nalgunha corte, pero son cuestións menores, xa que o trato do gandeiro aos animais en Galicia é dun nivel extraordinario e aporta un grao de benestar moi alto. As condicións que agora se fixan no Prego, como superficie mínima, número de bebedoiros, tamaño dos comedeiros, iluminación, etc, xa se estaban cumprindo, pero había que poñelo no papel. Non é nada novo con respecto ao Protocolo de Benestar Animal que se estaba aplicando en Ternera Gallega desde fai máis de tres anos. – Como vostede mesmo dicía, moitas granxas optaron nos últimos anos por desestabular. Hai algunha estimación de que porcentaxe ou número de animais non pasaban neste momento ese período de cebo final? – Non o sabemos con exactitude. Como non era obrigatorio, até o de agora non o controlabamos con precisión. Non o temos cuantificado con números. E logo está o como, porque ao mellor había quen facía ese cebo só un mes. Un dos debates precisamente foi se se poñían 2 ou 3 meses; ao final limitámolo a 2 porque é o que se está a facer na maioría dos casos, por iso nos adaptamos a iso. E porque os estudos técnicos tamén establecían os 2 meses como período mínimo. – Por que non se optou por facer unha categoría específica para estes animais que van directamente do prado ao matadoiro e diferencialos así dos que teñen xa hoxe un período de finalización acortellado? – Foi unha opción que se valorou no Consello Regulador, pero complicaba moito a comercialización e xeraba dúbidas no consumidor. É difícil seguir poñendo categorías no mercado porque xa temos neste momento dificultades para que se diferencien ben as que hai.  Hoxe xa temos 4 categorías, porque temos Ternera Gallega, Ternera Gallega Suprema, Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Galega e Ternera Gallega Suprema Ecolóxica. Seguir creando categorías complicaba a comercialización e a exposición ao cliente. Polo tanto, non é que non queiramos crear categorías, pero xa temos moitas; xa temos unha oferta ampla dentro da IXP. Crear categorías nun produto que se ten que vender en fresco é complicado porque a vida do produto é menor, móvese entre 3 ou 4 días e os 15 días, e a carne non é un sector marquista, polo que Ternera Gallega acaba sendo a marca, cando o que tiña que ser é o paraugas das marcas, como acontece coas Denominacións de Orixe nos viños. – Os xatos chamados pasteiros estaban penalizando tamén o prezo do resto? – Dentro de Suprema estábanse certificando tanto becerros estabulados como os que viñan do prado e ao mellor algunhas empresas non estaban pagando suficientemente a Suprema porque tiñan dúbidas de cal das dúas estaban comprando. Os sistemas de produción nos últimos 10 u 15 anos en vez de converxer estaban diverxendo e cada vez estaba habendo máis carne sen estabular. E isto algo penalizaba ao conxunto da categoría Suprema porque o que compraba tiña dúbidas de como lle ía saír esa carne. Desde o Consello Regulador acabamos de pechar un acordo co Craega para sacar ao mercado Ternera Gallega Suprema Ecolóxica, pero iso non evita ter que cebar. E cada mes sacrifícanse tamén entre 600 e 700 canais de carne de Rubia Galega grazas ao acordo con Acruga. E teño que dicir que ofrecemos tamén esa mesma posibilidade de diferenciación para o resto de razas autóctonas galegas. Tratamos de cubrir os distintos nichos de mercado e as oportunidades que van xurdindo. – Por iso se abre a posibilidade de conxelación? – Sempre apostamos polo consumo da carne en fresco, pero iso fóra da UE dificulta a chegada da carne a eses mercados. E hai certos países a nivel mundial de alto poder adquisitivo que poden pagar os custos que leva aparellados poñer alí o produto. Estou pensando por exemplo en Xapón, Indonesia, Corea do Sur, Emiratos Árabes, Dubai, Qatar. Estes países do Golfo Pérsico ou do sueste asiático non son produtores de carne e están dispostos a pagar por ela, porque teñen cultura de comer carne e carne de calidade. É un nicho de mercado que estabamos desaproveitando.
Hai países do sueste asiático e do Golfo Pérsico que non son produtores de carne e están dispostos a pagar por ela
Non sabemos se a nosa industria vai ter capacidade de chegar a eses mercados e poñer a nosa carne aló, pero desde o Consello Regulador estabámosllo impedindo ao non permitir a conxelación. É un nicho de mercado que non vai ser masivo, pero se logras sacar un 5% ou un 8% da produción por esa vía estás alixeirando a oferta aquí en determinadas épocas do ano. Xa hai algunhas conversas con algún destes países por parte dalgunha industria galega. Pretendemos abrir esa posibilidade, despois xa veremos se somos capaces de aproveitala, porque se conxelas é para enviar por barco e iso esixe certas cantidades. Ademais, nestes mercados a conxelación non é algo que minusvalore para eles a calidade do produto, porque ao non teren produción propia xa importan neste momento carne de destinos como Australia e esa carne vai conxelada. Iso en Europa ou en España non se dá. Aquí non temos cultura de consumir a carne conxelada, senón de consumila fresca; polo que en España se a conxelas o seu valor cae notablemente. – No tema da transformación, séguese prohibindo a conxelación dentro da UE, pero fálase de que están permitidos os procesos de conservación cando esa carne sexa utilizada como materia prima. Poderíase facer un produto transformado, poñamos por caso, hamburguesas, e conxelalas para vendelas en Alemaña ou iso non estaría permitido tampouco? – Nós non certificamos hamburguesas, o único que garantimos é que a materia prima empregada é Ternera Gallega, sempre que se cumpran, iso si, unha serie de condicións que se establecen no Protocolo de Uso da marca. E unha delas é a exclusividade, é dicir, que a Ternera Gallega non pode ir mesturada con outra carne, porque nós o que non queremos é que se use, por exemplo, un 10% da nosa carne para ter o nome e un 90% doutra carne. Outra condición é que o produto elaborado ten que ter un mínimo de carne, non pode ser un 2% dos ingredientes do prato. Pero iso xa se permitía. Agora a novidade é que esa carne de Ternera Gallega que se usa como ingrediente en produtos elaborados pode someterse a procesos de conservación previos (salgadura, secado, conxelación, etc.), sempre que sexan necesarios e favorezan as calidades do produto final obtido. Porque é difícil facer hamburguesas se antes non se somete a carne a un proceso de arrefriamento próximo ao punto de conxelación porque senón esa carne, en vez de picala, esmágala se non a sometes a un proceso de frío xa rozando a conxelación. E no caso da cecina, precísase dun proceso de secado, por exemplo.
É un éxito que se queira usar carne de Ternera Gallega como materia prima para obter unha hamburguesa top
É unha demanda do mercado porque hai operadores que queren ter produtos elaborados de calidade top e iso comeza por poder empregar unha materia prima de primeiro nivel. E é algo que non inventamos nós, a UE permíteo e as distintas DOP e IXPs fómonos sumando a iso. Agora son nichos de mercado limitados pero a hamburguesa empezou así e xa move volumes importantes. Os precociñados e os produtos de cuarta ou quinta gama aquí son pouco frecuentes aínda nas carnicerías, pero por Europa son xa habituais. – Nalgunha ocasión tense pedido tamén que aínda que os animais teñan que ser sacrificados en Galicia, se puidesen despezar as canais en instalacións de fóra da comunidade. Por que non se contemplou esta posibilidade? – En Galicia non faltan industrias, outra cousa é o seu tamaño e a súa capacidade para a loxística comercial e para atender certos mercados. Pero esa xa é unha problemática estrutural. O fileteado xa se pode facer neste momento fóra de Galicia, permítese facer en punto de venta final. O despece da canal, sen embargo, que é certo que nalgún momento se plantexou poder facer tamén fóra de Galicia, de momento non se cambiou, e sigue tendo que facerse en Galicia, ao igual que o sacrificio. Iso forma parte da definición da IXP, polo que sería un cambio que tería que autorizar a Comisión Europea, porque forma parte da esencia do que é o propio produto.

Axudas para novas plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración de soutos tradicionais

A Xunta convoca axudas para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais para os anos 2024 e 2025 por importe total de 1,3 millóns de euros.  Poderán ser beneficiarias as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores. Os montes consorciados ou conveniados coa Administración non poderán solicitar as axudas dentro da superficie consorciada ou conveniada, agás que teñan solicitado a rescisión dos devanditos consorcios ou convenios na data de remate do prazo para a presentación das solicitudes da axuda. Trátase de axudas en concorrencia competitiva con dúas liñas de actuación, unha para fomento de plantacións de castiñeiro para froito e outra para rexeneración ou mellora de soutos tradicionais. Nos baremos de concesión das axudas puntuaranse os montes con proxecto de ordenación ou xestión forestal, os montes con certificación forestal, as Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta, as zonas de alto risco de incendio, as zonas desfavorecidas e as clasificadas como Rede Natura, as parcelas incluídas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas e aquelas solicitudes que procedan de persoas adheridas á IXP Castaña de Galicia. A Orde de axudas foi publicada este martes no DOG e o prazo de solicitude é de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG. É obrigatoria a tramitación electrónica do procedemento. A concesión da axuda será incompatible coa concesión doutras subvencións para a mesma finalidade e obxecto, sempre que sexa para a mesma superficie. Non obstante, no caso da mellora de soutos tradicionais, a incompatiblidade restrínxese ás subvencións concedidas nos últimos cinco anos. O prazo para a execución dos traballos, así como para xustificar as axudas concedidas, remata o 30 de xuño de 2025. O orzamento total para os exercicios 2024 e 2025 será de 1.177.914 euros, dos que 412.270 destinaranse a novas plantacións e 765.644 euros a melloras en soutos tradicionais existentes. Importes A intensidade da axuda poderá ser de ata o 100% do investimento total subvencionable, que se calculará sobre o custo real das actuacións realizadas exceptuando o IVE. No caso de novas plantacións, deberán usarse as variedades de castiñeiro para froito que figuran descritas na propia orde de axudas e os importes máximos estarán entre os 4.875 e os 3.645 euros por hectárea para plantacións de planta inxertada en función das densidades establecidas. Ademais da adquisición de planta e os traballos de plantación, poderanse incluír os gastos de tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, a protección da planta (mediante protectores e titores) e a sementeira de especies herbáceas. Tamén os peches perimetrais cando se xustifique a súa necesidade (manexo de gando, fauna), cun importe máximo de investimento de 9.760 euros por quilómetro de peche perimetral.
No caso da mellora de soutos tradicionais, exclúense os traballos de poda
No caso da liña destinada a mellora de soutos tradicionais, son subvencionables o conxunto das actuacións silvícolas necesarias, agás a poda. Entrarían as rozas, a eliminación de abrochos secundarios ou chupóns dos castiñeiros, o tratamento do extracto arbóreo secundario (rareo doutras especies arbóreas distintas dos castiñeiros e/ou eliminación dos castiñeiros non produtivos ou enfermos) e a eliminación ou extracción dos restos que se obteñan como consecuencia do tratamento. Tamén entraría no concepto de axuda o aumento da densidade dos soutos mediante a plantación de castiñeiros das variedades para froito admitidas; outras actuacións do sotobosque (a emenda calcaria, a fertilización e o espedrado); a loita integral contra a praga do verme da castaña (Cydia sp, Pammene sp, etc.) e os peches perimetrais cando se xustifique a súa necesidade (manexo de gando, fauna, etc). O importe máximo subvencionable, sumando todas as actuacións, será de 3.450 euros por hectárea. Condicións e mantemento das plantacións A superficie mínima de actuación por solicitude será de unha hectárea e a superficie máxima admitida por solicitude será de 25 hectáreas no caso de novas plantacións e de 50 hectáreas no caso de rexeneración ou mellora de soutos tradicionais existentes. As persoas beneficiarias das axudas para novas plantacións comprométense a manter a plantación en bo estado e a conservar a masa creada durante ao menos 20 anos, tendo que devolver o diñeiro percibido e os xuros legais correspondentes se o bosque é danado ou destruído por descoido, neglixencia, cambio de uso ou falta de coidados silvícolas por parte do solicitante.
As persoas beneficiarias comprométense a manter en bo estado as novas plantacións durante 20 anos
No caso da liña de axuda para mellora de soutos tradicionais, deberá manterse o bo estado dos castiñeiros durante 20 anos cunha densidade mínima de 50 pés/ha. Poderán ter lugar usos gandeiros complementarios cando estes xa non prexudiquen a actuación. Se as superficies obxecto de actuación se transmitisen en todo ou en parte durante o período de compromiso, o novo titular deberá cumprir as condicións exixibles para a percepción das axudas que se lle outorgaron.

Danone afianza a súa recollida en Galicia, en paralelo á fin das súas rutas de Asturias

Cisterna recollendo o leite para Danone nunha gandería galega Nos últimos anos Galicia estase a converter na despensa láctea das principais industrias que operan en España e que buscan na comunidade que produce o 42% do leite de todo o Estado a garantía de subministro para cubrir as súas necesidades de materia prima. A multinacional francesa Danone leva décadas mercando leite en Galicia, aínda que non conta con planta de transformación na comunidade, polo que transporta o leite que recolle en máis de medio centro de granxas galegas ás súas fábricas de Tres Cantos (Madrid) e Aldaia (Valencia), logo de pechar fai ano e medio a que tiña en Salas (Asturias). Tras deixar de operar a planta, a empresa opta agora tamén por deixar as rutas de recollida de leite, unha decisión comunicada a inicios de maio ás explotacións asturianas provedoras e que afecta a un total de 42 ganderías, 28 que vendían o leite de forma directa a Danone (uns 90.000 litros diarios) e outras 14 que o facían a través de Mantequerías Arias, que subministraba á planta de Salas uns 16.000 litros diarios.
Danone está a levar a cabo en España unha restruturación produtiva que afecta ás súas fábricas e á súa base de granxas provedoras
As dificultades loxísticas para a recollida en Asturias, debido á dispersión das granxas, algunhas delas situadas en zonas de montaña, estaría detrás da decisión da empresa de recompoñer a súa base de proveedores cara zonas de Galicia onde lle é máis doado encher os camións. “Danone opta por optimizar a recollida e a produción industrial en España. Interésalle máis estar en Galicia, pulmón da produción láctea española”, consideran desde distintas fontes do sector, que lembran ademais que “o leite está máis barato en Galicia que en Asturias e esa diferenza de 2 ou 3 céntimos practicamente permite diluír os custos de transporte da materia prima”, aseguran. Base fiel de ganderías en Galicia Para suplir ás granxas asturianas, Danone está a reforzar as súas posicións en Galicia. A empresa colleu novas explotacións na comarca do Deza e na de Sarria nas últimas renovacións de contratos, como gandería Vieiro en Lalín ou gandería Bella en Guntín, algunha delas duns 8.000 litros diarios, por enriba da media de produción das explotacións que entregan a Danone na comunidade. A multinacional francesa merca o leite a unhas 200 ganderías en toda España, das que unhas 60 granxas están en Galicia, case todas de tamaño medio e que sumarían un volume duns 150.000 litros diarios (55 millóns de litros ao ano). A maioría delas levan anos, mesmo décadas, entregando o leite a Danone, que mantén unha base estable de granxas provedoras.
Danone colleu explotacións a Inleit, Entrepinares, Reny Picot e Río nas dúas últimas renovacións de contratos
Malia ter baixado dous céntimos no último contrato, o prezo final que está a pagar polo litro de leite en Galicia sitúase neste momento para as explotacións que venden o leite a Danone no entorno dos 46 céntimos, o que a sitúa entre as empresas da parte alta do Observatorio, xunto con Pascual ou Entrepinares. Tradicionalmente Danone mantiña contratos indexados de longa duración (de 12 meses e mesmo de 3 e de 5 anos), pero neste momento está a asinar a prezo fixo por períodos máis curtos. O contrato en vigor é por catro meses (abril, maio, xuño e xullo), polo que lle tocaría renovar en agosto xunto coa maioría de industrias que operan en Galicia.
A empresa asinou contrato por 4 meses que vence o 31 de xullo cun prezo que se sitúa no entorno dos 46 céntimos
A empresa paga primas por cantidade; calidade hixiénica super A; graxa a partir de 3,80% (0,3 céntimos a décima); proteína a partir de 3,20% (0,5 céntimos a décima); benestar animal (0,5 céntimos); sostibilidade e CO2 (0,3 céntimos). Redución de CO2 e relevo xeracional nas explotacións Danone foi unha das empresas pioneiras en implantar certificados de benestar animal nas súas ganderías, cun protocolo propio posto en marcha no ano 2019 que cumpre cos estándares do certificado Welfair de AENOR. A maiores, neste momento, ao igual que está a facer tamén a multinacional suíza Nestlé, Danone prima a redución da pegada de carbono nas súas granxas, que teñen que pasar unha auditoría anual para medir o seu compromiso coa redución de emisións de CO2, na que se teñen en conta distintos aspectos, como os insumos que merca a gandería, a utilización de puríns xerados na propia explotación, a aminoración no uso de abonos de síntese química ou a aplicación de fitosanitarios nos cultivos.  
Ao igual que está a facer tamén a multinacional suíza Nestlé, Danone está a primar a redución da pegada de carbono nas súas granxas
Dentro da medición da pegada de carbono das explotacións un dos aspectos que máis puntúa no baremo que aplica Danone é a orixe da alimentación do gando. Búscase, por exemplo, cambiar a soia dos concentrados que se inclúen na ración por colza e modificar as fórmulas dos pensos engadindo aditivos que axuden a reducir as emisións entéricas de metano do gando. Para iso, a empresa ten previsto poñer en marcha un programa específico con algúns fabricantes galegos, como Aira ou Nudesa, para o subministro destes pensos especiais aditivados ás súas explotacións provedoras.
Danone foi a primeira empresa en establecer, no ano 2013, contratos de longa duración no sector, e no 2017 implementou os seus programas de benestar animal e sostibilidade
No ámbito social, a empresa mantén tamén programas de formación e intercambio de experiencias para fomentar o relevo xeracional nas ganderías, co obxectivo de que no ano 2025 o 90% do leite que recolle proceda de granxas con relevo xeracional asegurado e persoas mozas á fronte. “En Danone apostamos por un modelo de xestión baseado en granxas familiares de proximidade, con contratos a longo prazo, fomentando o relevo xeracional, o benestar animal e a redución da pegada de CO2”, remarcan.

Reconversión industrial en España, co peche das fábricas de Asturias e Cataluña e a concentración de toda a produción en Madrid e Valencia

Planta de Danone en Salas (Asturias) mercada pola empresa holandesa Royal A-Ware O leite recollido en Galicia viaxa nestes momentos en cisternas cara a Madrid e Valencia, logo do peche da planta asturiana de Salas, que deixou de operar en decembro de 2022 e foi vendida en abril do ano pasado á empresa holandesa Royal A-Ware, que ten previsto fabricar nela a partir da vindeira primavera queixo tipo mozzarela con leite de vaca.
A planta de Salas e a de Parets del Vallès foran inauguradas en 1981
Do mesmo ano de construción que a fábrica de Salas, 1981, é a de Parets del Vallès (Barcelona), que Danone pechou a comezos deste ano. Neste momento, a empresa busca comprador para as instalacións entre 10 ofertas presentadas e pretende trasladar a unha parte do plantel dos 157 traballadores que tiña a fábrica a Aldaia. A empresa alega para o seu peche a infrautilización das instalacións e os altos custos, o mesmo argumento empregado para o peche da planta de Salas, onde se fabricaban os clásicos petit suisse, agora renomeados como Danonino, ou os flans de queixo e de vainilla. 
A planta de Aldaia é a máis grande por extensión de Danone en Europa e unha referencia para a produción de bebibles lácteos
Despois de completar nos últimos anos a integración da filial española no grupo multinacional, logo da venda das últimas accións de Danone España que se atopaban en mans dos descendentes do fundador (os seus netos Marina Carasso e Mauricio Botton Carasso, durante 40 anos responsable de calidade e I+D) e de outras familias catalanas como os Portabella, a compañía con sede en Francia está a levar a cabo un proceso de reconversión industrial en España, co peche das fábricas máis antigas (a de Sevilla xa fora pechada no 2013) e a concentración da produción en Madrid e Valencia.
A filial francesa do grupo absorbeu nos últimos anos á matriz española
O grupo Danone ten operativas nestes momentos cinco plantas en España, as dúas de lácteos e tres de auga. As instalacións industriais que producen iogures sitúanse en Tres Cantos (Madrid) e Aldaia (Valencia), mentres que as de auga están en Sant Hilari Sacalm (Girona), onde se envasa Font Bella; Lanjarón (Granada) e Sigüenza (Guadalajara). Descenso do consumo de iogures Fábrica de Danone en Barcelona nos seus inicios A empresa creada por Isaac Carasso en Barcelona en 1919 para fabricar iogures con vocación medicinal e que se vendían inicialmente en farmacias medrou e converteuse en multinacional en Francia e EEUU da man do seu fillo Daniel, que decidiu popularizar aquel produto de orixe búlgara vendéndoo nos supermercados.
O nome de Danone fai referencia ao fillo de Isaac Carasso, Daniel
Danone segue sendo hoxe o líder mundial dos iogures, con presenza en 120 países de Europa, Norteamérica, Asia, Oceanía e Latinoamérica, pero a compañía recoñecía no mes de febreiro unha caída de beneficios en todo o mundo do 8% no ano 2023, cun descenso do 3,2% da unidade de negocio de produtos lácteos fronte aos incrementos noutros segmentos (augas e bebidas vexetais). En España, a empresa estase a ver afectada por unha dobre coxuntura negativa. Por un lado, polo descenso no consumo de iogures e leites fermentados. O ano pasado as vendas de iogures en España caeron un 3,1% e as de batidos un 2,5% segundo os datos do Ministerio de Agricultura recollidos no Barómetro da Federación de Industrias Lácteas (FENIL).
Orixinariamente o 'jaurt' era leite cru de ovella ou cabra que fermentaba nos pelexos durante o seu transporte
Por outro lado, Danone estase a ver afectada tamén pola caída que se está a dar no consumo de marcas de fabricante, tanto no leite como nos iogures, substituídos polos consumidores por produtos de marca branca, unha tendencia que se acelerou a raíz do incremento da inflación. “En 2024, a compañía aposta por manterse ao lado das familias mantendo o prezo dos seus iogures Danone a 1€”, indica a empresa, que fabrica marcas como Actimel, Activia, Danacol, Danonino, Danet, Vitalinea ou Oikos e está tamén presente no segmento da nutrición especializada e dos leites infantís e de fórmula (Nutricia e Almirón). En paralelo aos iogures e derivados lácteos, Danone ten tamén unha liña de produtos baseados en proteína vexetal (Alpro). "Esta gama está a ser un motor para a marca, rompendo a principal barreira: o sabor", aseguraba a compañía fai un mes con motivo da feira Alimentaria.

O SLG anuncia que recurrirá ante Bruxelas a obriga de acortellamento dos xatos en Ternera Gallega Suprema

Logo da publicación esta semana no DOG do novo Prego de Condicións da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, a decisión do Consello Regulador de esixir un período mínimo de cebo de dous meses mediante acortellamento ou recinto acoutado e cuberto segue sen suscitar a unanimidade do sector. Desde o Sindicato Labrego Galego, que xa votara en contra da decisión no Pleno do pasado mes de novembro no que foi aprobada cos votos a favor de Unións Agrarias e da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, anúncianse recursos para tratar de anular a normativa aprobada. Asegura o SLG que se trata dun cambio de moito calado que afecta ao modo de produción e que “expulsa” da marca de calidade a un bo número de explotacións, aquelas que fan un manexo en extensivo en base a pasto, polo que a Xunta de Galicia non é a competente para autorizar a modificación no Prego de Condicións, senón que correspondería á Comisión Europea. A Suprema é o buque insignia da carne de vacún galega. Dentro da IXP comercialízanse anualmente 60.000 becerros dunha media de 200 quilos. A metade son xatos marcados como Suprema. Unhas cifras ás que habería que sumar as correspondentes ao 30% da produción que se comercializa á marxe da Indicación Xeográfica Protexida. Estas son as valoracións que sobre os cambios no Prego de Condicións fan os representantes dos produtores no Consello Regulador:
Brais Álvarez (SLG)

“Vai na liña contraria do que pretende Europa, que é fomentar a produción extensiva e ecolóxica”

O Sindicato Labrego Galego oponse á modificación levada a cabo en Ternera Gallega e anuncia accións xudiciais para impedir que se faga efectiva. “Imos reclamar contra a orde, xa está o equipo xurídico traballando niso”, avanza Brais Álvarez, coordinador do sector da carne do SLG. “Imos seguir coa campaña que iniciamos en decembro pasado e recurrir este cambio que se pretende levar a cabo no Prego de Condicións, pois entendemos que non se trata para nada dun cambio menor, porque afecta ao modo de produción e estase eliminando da marca a unha serie de gandeiros, polo que un cambio deste calado ten que ser a Comisión Europea a que ten que autorizalo”, argumentan.
Un cambio deste calado ten que aprobalo Bruxelas, porque estase cambiando o modo de produción e expulsando da marca a unha serie de produtores
Para o representante do SLG, “a lexislación do 2007 sobre os Consellos Reguladores fala de dous tipos de modificacións, as que se poden facer a nivel  de Estados membros ou comunidades autónomas e as que ten que aprobar a Comisión Europea, e pensamos que neste caso non se pode facer efectivo o cambio porque non é competente a Consellería ou o Ministerio”, defende.   “Xa temos precedentes. Nunha das variedades de queixo tradicional do País Vasco levouse o caso a Europa, que lles deu a razón aos produtores que se opoñían ao acortellamento”, explica Brais. Ademais, considera que esta modificación é contraria á PAC e ás políticas agrarias europeas. “Vai na liña contraria do que pretende Europa, que busca fomentar a produción extensiva e ecolóxica”, conclúe. “É posible unha finalización axeitada en base a pasto” “Desde o SLG opoñémonos ao cambio normativo aprobado, sobre todo no relativo ao acortellamento dos animais de Suprema. Consideramos que tal como se cualifican as canais hoxe son admisibles xatos en base a pasto, xa que se poden obter perfectamente esas conformacións e engraxamentos sen complemento de penso, polo que non entendemos por que se obriga a facer un manexo intensivo do gando antes do seu sacrificio”, di Brais.
Está demostrado que se poden acadar as calidades que a marca establece fóra e cunha alimentación exclusivamente en base a pasto
Ademais dos prexuizos para os produtores en extensivo, o SLG alerta das consecuencias para a propia IXP. “É unha imaxe moi dañina para a propia marca establecer un acortellamento final dos animais nunhas instalacións e cunha alimentación asimilables a un cebadoiro, máis aínda nun momento no que está baixando o consumo da carne de Ternera Gallega. Para nós, isto é lanzar pedras contra o noso propio tellado”, conclúe.
Santiago Rego (Gandeiros Galegos da Suprema)

“O prezo debe compensar os custos e o traballo que supón cebar”

Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, recoñece que a decisión de obrigar a todos os produtores de Suprema a cebar os seus xatos “ao principio pode ser algo traumático pero ao final vai ser unha medida boa para o sector”. Destaca ademais o período transitorio no que se permite que se faga o acabado dos animais no prado. “É unha moratoria de dous anos para que a xente se vaia amoldando”, explica. Desde a asociación agardan tamén que a actual conselleira manteña o compromiso de establecer unha liña de axudas específica coa que financiar as obras que sexa necesario acometer nas ganderías para contar con instalacións axeitadas para a finalización dos animais a cuberto. “Temos unha reunión pedida á conselleira sobre a previsión de axudas para o sector, tanto a de canal certificada para o vindeiro ano como para acometer estas infraestruturas. Eran dous compromisos do seu predecesor no cargo”, lembra Santiago.  “Debe producirse un incremento de prezo na carne” Desde a asociación esperan que os cambios na alimentación e o manexo dos xatos introducidos no Prego de Condicións de Ternera Gallega se vexan repercutidos no prezo da carne, tendo en conta o encarecemento que pode supor a alimentación con concentrados durante dous meses. “Ten que compensar o custo a maiores que supón cebar, a man de obra e a infraestrutura que se vai ter que acometer en moitos casos. Esperemos que con isto se incrementen os prezos e se deixe de utilizar a disparidade existente nas canais por parte da industria e a distribución como un argumento para baixar as cotizacións”, critican.
Vemos ben que haxa unha Suprema máis homoxénea pero ten que notarse no prezo
Santiago pon tamén o foco no papel da propia IXP para vixiar o cumprimento das novas normas. “Poñer os comedeiros si, pero se están baleiros no prado non serve para nada. Controlar por parte da IXP; iso vai ser a clave e no que incidiremos desde a nosa asociación, en que se cumpran tanto os dous meses de acortellamento como o dos comedeiros no prado”, insiste.
Poñer os comedeiros si, pero se están baleiros no prado non serve para nada
“Se o gandeiro ten bo pasto e pode non ter que suplementar con concentrado mellor para o gandeiro. Pero o pasto haino cando o hai e agás na Mariña ou noutras zonas nas que se pode facer unha produción a base de pasto, no resto de Galicia iso non é posible. Na montaña, en Sarria ou en Lugo a partir de xuño non hai nada que pacer”, asegura. Por iso Santiago considera que “quen ao final vai dicir se se fan as cousas ben ou non son as canais”. “Coa axuda houbo xatos que se sacrificaron con 150 ou 160 quilos. Para nós eses xatos non deberían ir marcados de Suprema”, remarca.   “Pulir” as axudas por canal certificada e por pastoreo en zona de lumes Prevese que no transcurso deste mes quede ingresada a axuda de 200 euros por animal certificado co selo de Suprema no ano 2023 e desde a asociación propoñen introducir algúns axustes de cara ao pago correspondente ao 2024. “Pensamos que hai que tratar de pulir a axuda para que vaia directamente ás ganderías. É unha inxustiza que canais que foron criados seguindo as pautas da Suprema e que se pasaron dos 10 meses porque os matadoiros non os levaban perdan a axuda dos 200 euros e pasen ao tramo de 36 euros como se fosen dun cebadoiro. A axuda non pode depender ou estar tan condicionada polos matadoiros, que se aproveitaron moito diso, porque os gandeiros necesitaban sacar os xatos antes dos 10 meses e eles utilizárono para baixar o prezo”, aseguran. Tamén queren abordar coa nova conselleira como “encauzar” a axuda anunciada por hectárea pastoreada en zonas de alto risco de incendios. “Para nós, tal como está plantexada, é unha arma de dobre fío se se limita só ás zonas nas que hai lumes. O noso criterio é que cos mesmos cartos se dea unha prima menor, pero que se estenda a todo o territorio porque ao final esa labor de prevención faise en todas as zonas”, argumenta Santiago.
José Ramón González (UUAA)

“A Suprema ten que homoxeneizarse o máis posible e isto é un primeiro paso”

Para o responsable de producións extensivas do sindicato Unións Agrarias, José Ramón González, “conseguir un bo acabado dos animais é importante para mellorar a súa saída ao mercado”. “Nós dixémolo desde o primeiro momento, a Suprema ten que homoxeneizarse o máis posible e isto é un primeiro paso”, defende. Asegura que “unha inmensa maioría do Pleno está a favor de acortellar os xatos nos dous meses finais antes de que vaian ao matadoiro” para “evitar a falta de graxa e que a carne saia escura”. José Ramón tamén defende que “era necesario actualizar o Prego de Condicións para introducir nel o benestar animal” e que, “aínda que de momento non hai mercado, permitir conxelar a carne para terceiros países é algo obvio”. “Hai que adaptarse ás novas épocas e vai ser un camiño que nos leve aínda algún tempo”, conclúe.

A sementeira do millo acumula retraso este ano, obrigando a botar ciclos máis curtos

A cooperativa CLUN dispón na Mariña dunha nova sementadora que reduce a distancia entre regos Estes días arrinca o forte da campaña de sementeira do millo en Galicia cuns 20 días de retraso con respecto ao ano pasado. As chuvias da pasada semana frearon os traballos de laboreo e preparación das terras e non permitiron entrar até agora nas parcelas para labrar. A temperatura do solo tampouco foi até agora a idónea para a nascencia, que se podería complicar nas zonas do interior se o calor comeza xa a apertar nas primeiras semanas de xuño, dificultando o desenvolvemento da planta nos seus estadíos iniciais. O retraso na data de sementeira obriga nalgúns casos a acurtar os ciclos de cultivo para evitar que o millo veña a maduro en pleno outono para o seu ensilado, cando a probabilidade de choivas é maior, o que está a facer que a semente de ciclos máis curtos escasee.
Coa semente xa mercada, algunhas explotacións terán que arriscarse a facer o ensilado máis tarde no mes de outubro
Noutros casos, coa semente xa mercada, as explotacións terán que arriscarse a facer o ensilado máis tarde, se ben nos últimos anos, co incremento das temperaturas durante os meses do verán, as fases de crecemento do cultivo estanse a acurtar e adiantar. En zonas como a comarca do Deza e o sur de Lugo os protagonistas este ano volverán ser os ciclos 250-300, mentres que no Xallas ou nas zonas de costa da Coruña e Lugo séguese a apostar por ciclos entre 450 e 600.
Agárdase maior competencia de malas herbas pola humidade e porque os herbicidas de pre-emerxencia botados en abril xa perderon efectividade
En Galicia seméntanse unhas 71.000 hectáreas de millo forraxeiro, o 75% das 95.000 que se botan en España, e este ano prevese unha maior competencia de malas herbas nas terras, un dos factores que determina en boa medida a produción final, debido  por un lado á humidade que hai no chan e por outro a que os herbicidas de pre-emerxencia aplicados no mes de abril xa perderon efectividade, polo que vai ser clave estar atentos ao estado do cultivo para aplicar o tratamento de post-emerxencia no momento óptimo. Reaparición do verme soldado En canto ás pragas, hai preocupación pola posible reaparición do verme soldado (Mythimna unipuncta), que o ano pasado afectou de maneira importante a zonas da provincia da Coruña, principalmente no Xallas e na Costa da Morte, e tamén a fincas da Mariña de Lugo, tanto de millo como de herba.  
O verme soldado, que fixo a súa aparición o ano pasado, súmase a pragas habituais como o verme do arame ou a rosquilla
Esta eiruga defoliadora procede dos Estados Unidos e na actualidade xa se expandiu practicamente a todos os continentes. Até agora os seus danos eran limitados en pradarías e nalgún rodal de millo, pero a primavera seca e con temperaturas altas que houbo o ano pasado adiantou o seu ciclo varias semanas multiplicando os danos. O verme soldado pasa o inverno como crisálida ou larva enterrada na terra, en función da temperatura de cada zona. O voo de adulto iníciase en maio, coa suba das temperaturas. As leiras nas que o millo se sementou máis tarde e nas que as plantas tiñan as follas máis tenras foron as máis afectadas o ano pasado cando se produciu a eclosión da praga no mes de agosto.
Manter os bordos das fincas limpos de herba, ao igual que o propio cultivo, é a principal medida preventiva fronte a esta praga defoliadora
As larvas localízanse polo día na base das plantas e pola noite aliméntanse das follas, defoliando por completo a planta e provocando danos significativos no cultivo, deixando en moitos casos só a nervadura central da folla. As avelaíñas poñen os ovos na herba, polo que é necesario manter os bordos das terras de millo e a propia plantación o máis limpa posible de herbas, especialmente de gramíneas adventicias (setaria, panico, digitaria), xa que son importantes reservorios da praga. Analizamos como se presenta a sementeira nalgunhas das principais comarcas produtoras:
José Ramón Loza (CLUN)

“Imos manter o ciclo 600 aínda que nos arrisquemos máis”

José Ramón Loza é o responsable de cultivos da cooperativa CLUN na Mariña, que ten previsto sementar co seu parque de maquinaria unhas 1.300 hectáreas de millo, 600 para ensilar no Centro de Alimentación de Vacún de Irmandiños (CAVI) e outras 700 para socios que ensilan na casa. As previsións iniciais que tiñan este ano eran aumentar un pouco a superficie labrada con respecto ao ano pasado, no que a colleita na Mariña foi mala e obrigounos a mercar millo noutras zonas para encher os silos. Pero a estas alturas están aínda comezando a sementar, polo que o retraso é importante. “O ano pasado por estas datas levábamos 450 hectáreas xa botadas pero este ano non levamos practicamente nada, probaramos as máquinas e pouco máis nunhas 6 hectáreas antes de que se puxera a chover”, explica José Ramón.
O ano pasado por estas datas levábamos xa 450 hectáreas botadas pero este ano aínda estamos empezando
Malia a demora, contan poder recuperar nas vindeiras semanas se o tempo se estabiliza e acabar de sementar máis ou menos coma outros anos. “Nestas próximas semanas trataremos de remontar; se o tempo non entorpece máis imos tratar de ir nas datas habituais. Metidos xa en maio non é tan importante que chova puntualmente, como parece que apuntan as previsións para a vindeira semana, porque se logo vén sol e fai vento como os días son grandes, seca ben e pódese traballar sen problema, agás neses momentos nos que está chovendo”, indica. Teñen previsto traballar de xeito continuo até o 15 de xuño e logo facer resembras puntuais ou fincas de socios que quedan soltas por mor dos últimos cortes de herba. “O traballo de ensilado da herba levabámolo bastante adiantado e iso vainos permitir ter dous equipos de sementeira continuamente traballando, sen ter que dividir os recursos entre a sementeira do millo e o ensilado da herba”, explica. “Ao sementar máis tarde é necesario que en xuño chova algo” Aínda que manterán os ciclos que inicialmente tiñan previstos, o parón provocado a semana pasada polas chuvias vainos obrigar a recompoñer o calendario e adiar o ensilado das 400 hectáreas de xestión directa para o CAVI, recollendo antes as que labran para os socios.
Os clientes vanse a ciclos un pouco máis curtos, entre 450 e 500, non hai moita xente que bote o 600 que botamos nós para o CAVI
“Nas fincas que xestionamos nós imos manter o ciclo 600, polo que virá un pouco máis tarde. A data de ensilado dependerá un pouco de como veña a climatoloxía e se vén como o ano pasado tampouco non se retrasará moitísimo. Pero os clientes vanse a ciclos un pouco máis curtos, entre 450 e 500, non hai moita xente que bote o 600 que botamos nós, polo que empezaremos a picar para socios e despois para o CAVI”, prevé José Ramón. As sementeiras temperáns foran as que mellor se comportaran o ano pasado, polo que ao labrar máis tarde tamén existen máis riscos. “O ano pasado esa parte fora a que salvaramos mellor. Este ano estaremos máis expostos. Co que choveu a semana pasada as terras teñen humidade para as próximas dúas semanas e non teñen problema, pero necesitabamos que o mes de xuño chova algo para asegurar unha boa nascencia”, recoñece o responsable de maquinaria e cultivos de CLUN na Mariña. Labrar a 60 centímetros de distancia entre regos para que o millo peche antes O parque de maquinaria de Os Irmandiños estreará para esta campaña unha nova máquina. Trátase dunha sementadora Amazone de 10 corpos a 60 centímetros, o que lles vai permitir labrar 15 centímetros máis estreito que coa outra das máquinas da que dispoñen, unha John Deere. “Imos labrar máis estreito para que o rego peche antes e tratar deste xeito de aforrar en fitosanitarios porque a planta sombrea antes a terra e non deixa saír ás malas herbas. “Imos manter a mesma estratexia de pulverización que outros anos pero tendo menos competencia de malas herbas. Até agora usabamos un único pase de herbicida en post-sementeira temperá pero nalgunhas ocasións non era suficiente e había que volver a entrar porque non lle daba tempo ao millo a medrar para afogar as malas herbas”, detalla.
Seguiremos botando 90.000 plantas por hectárea, pero distribuídas doutro xeito, con menos anchura entre regos e máis distancia entre plantas
Malia reducir a separación entre regos, o número de plantas por hectárea vai seguir sendo o mesmo. “Botamos a mesma doses, 90.000 plantas por hectárea, só que van distribuídas doutra forma porque os regos van máis xuntos pero as plantas van máis separadas entre si. Até agora labrabamos a 75 centímetros entre regos e a 16 centímetros entre plantas e agora imos pasar a sementar a 60 centímetros cunha distancia de 18-20 centímetros entre plantas”, explica. Ademais de sombrear mellor a terra, esta distribución da semente ten outra vantaxe, xa que as plantas acceden mellor a todo o abono. “Nós non localizamos, xa que por loxística facilita as cousas e deste xeito a raíz da planta está máis próxima aos nutrientes”, asegura.
A sementadora John Deere ten unha tolva frontal con abonadores pero non se usaba demasiado; nós non acostumamos a localizar, xa que por loxística facilita as cousas
Esta nova máquina é unha das primeiras que vén para Galicia (só hai 3 en España) e supón unha mellora considerable. “Antes tiñamos unha Amazone vella que non tiña corte de tramos, polo que solapaba o millo e moitos clientes non a querían, así que a usabamos sobre todo nas fincas de xestión directa, pero este ano a idea é traballar con elas indistintamente, salvo que o cliente demande abono localizado, que entón ten que ir a John Deere”, conta José Ramón.
Jesús Otero (Forxabar)

“Agás en zonas onde encharque moito, agardemos que as chuvias non afecten á nascencia”

Forraxes de Xallas e Barcala sementará nesta campaña unhas 800 hectáreas de millo para ensilar nas súas instalacións de alimentación en conxunto de Mazaricos. A cooperativa, formada por 8 explotacións lácteas da zona, levaba xa un 30% sementado antes das chuvias da semana pasada e o seu responsable, Jesús Otero, agarda que as previstas tamén para a semana que vén non afecten á correcta nascencia. “Temos zonas húmidas, con solos pesados, pero salvo nas fincas onde encharca moito e a semente pode pudrir, agardemos que non haxa moitas perdas por mala nascencia”, di. Forxabar apurará os traballos esta semana, tratando de botar ciclos 350. “Todas as fincas sementadas en abril levaron ciclo 450-500. Eran parcelas nas que ensilamos os días 19 e 20 de abril os cultivos de inverno de mesturas con veza. Nas fincas nas que poidamos entrar esta semana poderase poñer un ciclo 350, buscando un equilibrio entre produción e non arriscar demasiado, porque o ideal sería poder ensilar entre mediados e finais de setembro”, defende.  
Vaise un pouco máis tarde na maioría das hectáreas, pero xa tiñamos botado un 30% do millo antes de que viñeran as chuvias
Aínda que van un pouco máis tarde na maioría das hectáreas, agardan poder cumprir con ese calendario, para o que aproveitarán tanto os recursos da CUMA como os que dispoñen os propios socios. “A maior parte da sementeira subcontratámola, pero hai socios que teñen sementadora e grade e fan eles moito traballo”, explica Jesús. Para a preparación das terras non teñen unha pauta única. “Botamos purín e pasamos a grade, pero tamén hai quen ara e quen lle pasa o cultivador. Iso vai un pouco en función das preferencias e da maquinaria dispoñible”, conta. Os traballos de sementeira do millo compatibilizaranse tamén coas segundas e terceiras cortas de herba para ensilar nas pradeiras permanentes.
Jorge Meiriño (Aira)

“Este ano levamos 20 días de retraso; vai haber que reducir os ciclos máis longos”

O parque de maquinaria da cooperativa Aira labra por enriba das 1.000 hectáreas na comarca de Chantada, unha zona onde a seca estival se fai notar no cultivo, polo que a tendencia nos últimos anos era adiantar a sementeira para tratar de minimizar os efectos do calor sobre a planta. Pero este ano a climatoloxía non foi propicia. “Empezamos a finais de abril de maneira testimonial cunhas 10 ou 11 hectáreas e retomamos os traballos este martes, pero temos sementado menos dun 5%”, explica Jorge Meiriño, técnico da cooperativa na zona. “Con respecto ao ano anterior imos con moito retraso. O ano pasado antes do 20 de abril a terra estaba quente e púidose empezar a labrar, pero este ano a terra está aínda fría e o que se semente vai saír máis despacio e haberá que cambiar ciclos”, explica.
Vai haber que cambiar ciclos, porque a terra está fría e o millo vai saír máis despacio
“Nos últimos anos estabamos alongando un pouco os ciclos e índonos a 280-300 pero nesta campaña vai haber que volver ao 250”, engade. O ano pasado o 30% do sementado por Aira nesta zona foron ciclos 250, un 40% 280 e o 30% restante un 300 longo. “Este ano vanse reducir os ciclos máis longos, veremos se entran no 280 ou temos que pasar ao ciclo curto, porque vai depender de como evolucione o solo”, di. As máis afectadas son as parcelas boas. “Son parcelas húmidas e aínda non permiten o laboreo. Vai marcar a evolución o que aconteza a fin de semana porque se volven augas vaise atrasar aínda outros 10 días a sementeira”, argumenta. “Vai saír máis herba; haberá que estar moi pendentes” Ademais dunha posible maior incidencia da seca nas épocas clave do crecemento vexetativo do cultivo, o técnico de Aira advirte doutros riscos que unha sementeira tardía pode levar aparellados. “Este ano vai haber máis herba porque a humidade é grande; hai que ter coidado con iso. Sempre que hai humidade no solo e sobre todo se vés dun inverno quente como ocorreu este ano, sempre hai máis malas herbas nas terras”, explica. Ademais, engade, a eficacia dos tratamentos vai ser menor. “Os herbicidas de pre-emerxencia tiveron unha época boa para ser aplicados, pero foi xa en abril e que queda moi lonxe, polo que vai ser fundamental que funcionen ben os tratamentos de post-emerxencia, para o que recomenda “aplicalos no momento idóneo porque unha semana de diferenza na aplicación e a parcela pode estar xa perdida”, alerta.
Hai que vixiar todas as parcelas, non só as que están cerca do establo
“Vai ser un ano complicado para as herbas e vai haber que estar moi pendente das parcelas e vixialas todas, non só as que están cerca do establo, tamén as que están lonxe, porque seguramente haxa que tratar unhas parcelas unha semana antes que as outras”, insiste. Maior incidencia de pragas O mesmo acontece no caso das pragas máis habituais que afectan ao millo. “Co verme do arame (Agrotis sp.) e a rosquilla (Agriotes sp.) hai que estar tamén moi pendentes. Co inverno suave e a primavera húmida que tivemos este ano está habendo moita máis incidencia de típula nos prados e vai ocorrer case seguro o mesmo coas pragas no millo”, advirte.
Está habendo máis problemas este ano coa típula nos prados; vai ocorrer case seguro o mesmo no millo
Na zona de Chantada o verme soldado non afectou ao millo na campaña pasada pero a situación nesta pode ser distinta. “Tivemos un pouco nuns cultivos de sorgo, pero no millo non os vin, e foron nuns estadíos moi tardíos a finais xa de agosto. Xa veremos o que ocorre este ano”, di Jorge.   O verme soldado mantense na terra e emerxe coa chegada do calor, transformándose a larva en bolboreta, que pon os ovos na herba que hai arredor das terras de cultivo. É a segunda xeración de individuos a que se alimenta despois do millo, provocando a súa defoliación.  
O verme soldado é unha praga nova e non hai experiencia no seu tratamento
“É unha praga nova e non hai experiencia no seu tratamento”, di o técnico de Aira, que considera que o insecticida granulado que vai incorporado no rego xunto ao abono localizado non garante a eficacia do tratamento, o mesmo que as aplicacións posteriores por pulverización, xa que ten que chover a continuación para que o produto filtre para abaixo e mate ao verme que se agocha na raíz da planta. Ademais, cuando o millo está alto, que coincide normalmente cos picos de afectación por esta plaga, resulta imposible entrar nas parcelas a tratar. 

O renacer da viticultura nas ribeiras do Navia: Experiencias de 3 novos produtores

O viño está a renacer con forza na conca do río Navia. O respaldo logrado fai un ano por esta zona tradicional de produción co recoñecemento da Indicación Xeográfica Protexida está a servir para relanzar plantacións e proxectos de novas adegas que farán medrar nos vindeiros anos a oferta actual, permitindo aos viños da zona acadar novos mercados. Neste momento nos tres concellos que abrangue a IXP (Negueira, Navia e A Fonsagrada) hai entre 20 e 22 hectáreas de viñedos en produción pero só tres adegas que embotellan e venden coa súa marca e a etiqueta da IXP: Adega Panchín e Adega Sidrón en Negueira e Adega da Señora en Navia.
O apoio de enólogos e o paso pola barrica está a sentar ben aos viños do Navia
Entre as tres elaboran uns 20.000 litros de viño ao ano e posúen a metade do total de hectáreas en produción, unhas 3 hectáreas cada unha delas. O resto das vides pertence a medio cento de colleiteiros que elaboran viño para a casa ou que venden a granel os excedentes. Unha aposta pola singularidade O territorio que percorre o cauce do río Navia está cheo de pequenos viñedos, algúns deles abandonados durante décadas e que nos últimos anos están a ser recuperados. Pero a falta de dereitos de plantación é un hándicap co que se atopan os novos produtores, ao igual que o pequeno tamaño das fincas tamén dificulta a ampliación dos viñedos.
As variedades e cepas centenarias sobreviviron nunha zona con características únicas, que tamén teñen os seus viños
A introdución de variedades foráneas trala filoxera conviviu na zona con castes autóctonas como a branca lexítima ou o tinto serodio, que son o verdadeiro emblema da IXP e que sobreviviron nunha zona xeográfica con características únicas, que tamén teñen os seus viños. Os viños do ano propios desta zona están a gañar prestixio a medida que as adegas decidiron contar co apoio de enólogos para a elaboración e o paso por barrica está a abrir novas oportunidades para chegar fóra do mercado local, no que se mantiveran os viños do Navia durante boa parte do século XX.
Desde que se conseguiu a IXP isto colleu outro ritmo; agora aparecemos como unha zona vitivinícola máis de Galicia e temos un selo de calidade diferenciada que nos respalda
“Desde que se conseguiu a IXP isto colleu outro ritmo. Estás amparado por un selo de calidade diferenciado e iso  axúdache a posicionarte e a promocionarte. Agora aparecemos como unha zona vitivinícola máis de Galicia. Notamos que os viños son máis coñecidos fóra desta zona, chegamos vendendo xa a Madrid e Barcelona e hai algún distribuidor de fóra de Galicia interesado, pero a produción que temos de momento é pequena para dar ese salto a gran escala”, recoñecen os adegueiros máis veteranos.
En producións pequenas como son as que temos aquí que abran novas adegas non supón competencia, ao contrario, porque onde non chega un sempre pode chegar o outro
“En producións pequenas como son as que temos aquí que abran novas adegas non supón competencia, ao contrario, serve para apoiarnos uns aos outros, para dar a coñecer os viños da zona entre todos e para abrir mercado, porque onde non chega un sempre pode chegar o outro”, din. Mentres, para os novos o viño supón unha oportunidade de futuro para poder quedar a vivir no lugar onde naceron ou para voltar ao lugar do que tiveron que marchar os seus pais. Falamos con tres destes novos viticultores dos concellos de Negueira de Muñiz e Navia de Suarna para que nos conten os seus proxectos.  

“Notamos máis interese polos viños da zona; antes serviamos máis Rioja ou Ribera del Duero”

José, xunto ás vides das que ten previsto comezar a embotellar viño o vindeiro ano José Manuel López Méndez é na actualidade o presidente da Asociación Pola Defensa das Variedades Autóctonas e Viñedo da Conca do Río Navia, que engloba a 29 produtores dos concellos de Negueira, Navia e A Fonsagrada e que organiza a feira do viño que cada ano se celebra no mes de abril. “A nova xeración collimos o testigo fai dous anos dos que empezaron, de Manuel Cancio e Paco Sanromán, pero eles seguen a ser a referencia para nós, axúdannos e dannos consello”, recoñece Jose, que ten 31 anos e ten pensado quedar en Negueira e labrar o seu futuro en relación ao viño.
Vin que o viño podía ser unha oportunidade para quedarme aquí e traballar nisto
“Na casa xa había algún viñedo. Era o meu pai quen os atendía pero eu desde pequeno sempre vivín iso e vin que o viño podía ser unha oportunidade para quedarme aquí e traballar nese sector”, asegura. Jose é da Casa Vizcaín, o mesmo nome que ten pensado poñerlle á adega. Hoxe xa teñen habitacións e restaurante, onde nota o tirón que están a ter os viños da zona. “Notamos máis interese a raíz de conseguir a IXP. Cada vez a xente che pide máis viño de Negueira, antes no bar serviamos máis Rioja ou Ribera del Duero”, recoñece.
Na casa xa había algún viñedo e levamos tres anos plantando. A nosa intención é ter a adega xa para o ano que vén e empezar a embotellar
Desde fai tres anos empezaron a plantar e neste momento xa contan con dúas hectáreas e media. “As de vello son mencía e as que estamos plantando agora son branco lexítimo e tinto serodio”, explica. “Facemos viño para a casa, non embotellamos aínda. A nosa intención é facer unha adega, tería que estar para o ano que vén sen falta, porque nas vides que plantamos fai tres anos xa imos ter produción”, remarcan desde a futura Adega Vizcaín.

“O meu pai era de aquí, pero facía anos que non vivía ninguén na casa; perdéranse os viñedos e as fincas estaban a monte”

Laura comezou a plantar no 2017 e hoxe ten hectárea e media de branco lexítimo e tinto serodio Laura Lledín ten 38 anos e tamén ten intención de vivir de producir e comercializar viño. Ela é a secretaria da asociación de viticultores da zona e está convencida do potencial que ten o sector para fixar poboación nun territorio necesitado de xente nova. Ela volveu para Negueira no ano 2007 e desde entón comezou a interesarse polo viño. “O meu pai era de aquí pero xa había anos que non vivía ninguén na casa. Perdéranse os viñedos e as fincas estaban todas a monte”, conta. Xunto coa súa parella, Marcos, no ano 2017 plantaron a súa  primeira viña e logo outra máis grande, até sumar hectárea e media, que se engade a outra hectárea que teñen alugada. “No que plantamos nós puxemos todo branco lexítimo e nunha das viñas algo de tinto serodio e na que alugamos este ano son cepas vellas de mencía, coa idea de facer tamén tinto”, explica.
Teño intención de incorporarme este ano ou o ano que vén, facer viño e comercializar
Axudados por Roberto Regal, o enólogo que asesora a boa parte das adegas de Negueira e mesmo ás da parte asturiana de Ibias e Pesoz, fixeron xa unha pequena proba de viño branco. “Teño a intención de incorporarme este ano ou o ano que vén e facer unha adega, que non temos, para empezar a facer viño e comercializar. Como a nosa é a Casa de Cancelada, chamarémoslle Adega Cancelada”, avanza.
Os adegueiros estámonos implicando en fomentar o turismo, pero falta esa mesma implicación das institucións públicas
Hoxe por hoxe o viño é o motor económico e turístico de Negueira, pero Laura reclama maior colaboración da Administración. “Botamos en falta un pouco a implicación das institucións públicas. Os adegueiros estámonos implicando en fomentar o turismo, pero falta esa mesma implicación das institucións públicas, con promoción, sinalización de rutas e monumentos de interese, posta en marcha de infraestruturas e outras actividades que puideran complementar ao viño”, pide.
O viño ten nesta zona un valor cultural, etnográfico e paisaxístico
A tradición do viño nesta zona oriental de Galicia, ao igual que nas veciñas ladeiras do outro lado do río, hoxe asturianas, mantivo toda unha cultura propia, como a de beber polo cacho, un recipiente de madeira con forma de cunca grande que se usaba para trafegar o viño e que pasaba de man en man á hora de probalo.

“O minifundio é devastador; loitar co Catrastro e o Rexistro da Propiedade consúmete”

Pablo e Mónica, na parcela onde este ano comezarán a plantar en bancais as súas primeiras cepas A adega Vizcaín e adega Cancelada vaise sumar unha máis en Coea, no veciño concello de Navia, pero Pablo Silva e Mónica Suárez, os seus impulsores, non lle teñen pensado aínda o nome. Á fronte da adega vai estar Mónica, que se está formando para iso. A súa familia era de Coea, unha aldea con 25 casas pertencente á parroquia de Castañedo, que fai límite entre os municipios de Navia de Suarna, A Fonsagrada e Ibias. A produción da aldea hoxe, onde se asenta tamén o proxecto de Héctor e Jose Álvarez (Adega da Señora) está moi lonxe dos 90.000 quilos de uva que se recollían fai un século, cando o etnógrafo alemán Walter Ebeling percorreu a zona durante 5 anos documentando a vida na montaña.
É moi ilusionante ver que o rural volve coller pulo nesta zona grazas ao viño
Animados por Héctor e Jose, Pablo (de 48 anos) e Mónica (de 45) comezaron este ano a plantación de 1.200 cepas de branco lexítimo e 600 de merenzao, coa intención de chegar o ano que vén á hectárea e media.“É un proceso lento pero ilusionante”, di Pablo. A zona que escolleron para empezar é unha das fincas con máis pendente do pobo, pero elixírona polo arraigo á zona. “Era a viña da casa na que naceu a miña sogra”, explica.
Debido á pendente do terreo optamos por facer bancais cun talude amplo para non ter que paredar
Pero tras décadas de abandono, “era todo un piñeiral e un eucaliptal”, conta. Tras cortar e desbrozar, comezaron a preparación do terreo. “Debido á pendente elevadísima, optamos por facer bancais cun talude amplo para non ter que paredar”, detalla Pablo. Pero a climatoloxía deste inverno e comezo da primavera condicionou os traballos. “Tocounos un mal ano para empezar e todo se retrasou polo tempo que veu, xa que as chuvias complicáronnos estabilizar os bancais, canalizar as fontes e plantar”, engade.
O custo dos trámites para empezar é elevado
Ás dificultades propias da orografía do terreo, engádense as dos trámites burocráticos. “Os 4.500 metros cadrados que preparamos este ano eran 5 pezas diferentes, pero para conseguir a documentación foi unha labor de chinos. O minifundio é devastador e pelexar co Catastro e co Rexistro da Propiedade consúmete”, recoñece.   Centrados este ano en acometer a plantación das vides, logo virá a fase de construír a adega. “Unha adega de nova construción require de máis investimento que rehabilitar unha xa existente e estamos tamén buscando financiamento para iso, porque tendo en conta as características do terreo, vai supoñer un investimento importante, aínda que non sexan moitos metros”, aclara Pablo.

Piden que se retire da condicionalidade da PAC a obriga de realizar análises de solos e plans de abonado

Unión de Uniones de Agricultores y Ganaderos presentou as súas alegacións ao Real Decreto polo que se flexibilizan algunhas normas para a condicionalidade da PAC, nas que reclama que se suprima a BCAM 10, sobre nutrición sostible de solos, entre outras medidas. Unión de Uniones lembra que a BCAM 10 fixada no Plan Estratéxico da PAC en España é unha esixencia de boas condicións agrarias e medioambientais que non procede expresamente da regulación europea e que implantou o Estado español unilateralmente "e de forma contraria a Dereito", polo que considera que debe eliminarse. A BCAM 10 introduce obrigas ás explotacións para non ser penalizadas nas axudas da PAC que están relacionadas co rexistro das operacións de fertilización no caderno dixital de explotación, a imposición de contar cun plan de abonado ou a aplicación localizada de xurros e o enterrado de estercos sólidos. Con todo, asegura UdU, "en paralelo atópase tamén en vigor o Real Decreto 1051/2022, que establece normas suficientes para asegurar as prácticas de nutrición sostible nos chans agrícolas, polo que se estaría duplicando innecesariamente a regulación e complicando a xestión das explotacións". Aproveitamentos forraxeiros nas franxas fluviais de 5 metros Doutra banda, diante doutros requisitos de boas condicións agrarias, a organización expuxo matices para que na súa aplicación que se acheguen máis á realidade das explotacións e non as penalice. Neste sentido, a BCAM 4 non permite a produción agrícola nin os aproveitamentos forraxeiros nas franxas de protección nas inmediacións de masas ou cursos de auga. Con todo, si están autorizados o pastoreo, a sega ou o asentamento de colmeas, polo que a organización expón que tamén se poida aproveitar o seu uso para forraxe ou outros destinos comerciais. Con respecto á xestión de labranza, expón que se tome en conta o factor pendente a partir dun 15% e non un 10% como está establecido actualmente, debido a que é a partir dese valor é cando a pendente comeza a ter incidencia significativa na erosión por escorrentía. Cobertura mínima do chan No referido ás prácticas relacionadas coa cobertura mínima do chan e as rotacións, na BCAM 6 expóñense "flexibilizacións positivas", asegura UdU, pero a organización considera que se deben ter en conta as particularidades nos cultivos herbáceos. Por tanto, proponse que nas parcelas agrícolas que se sementaron de cultivos herbáceos de inverno que ao ano seguinte fosen destinar a cultivos de primavera ou barbeito, se manteña unha cuberta vexetal durante polo menos seis semanas a elixir entre o 1 de setembro e o 31 de xaneiro seguinte, podendo ser a cuberta sementada ou espontanea polo rebrote, incluso os propios restrollos do ano anterior.
A regulamentación comunitaria permite ben a rotación de cultivos, ben a súa diversificación, polo que non entendemos que non se utilice toda a marxe de manobra que permite a UE
Así mesmo, solicita a eliminación da prohibición de labra vertical e as limitacións que se introducen para as parcelas de barbeito durante os meses de abril a xuño, meses que están claramente fóra do período invernal ao que se refire a regulación da UE. Por outra banda, Unión de Uniones non comparte "as limitacións autoimpostas polo Ministerio", que non se acolle á máxima flexibilización que permite a UE na BCAM 7, rotación en terras de cultivo excepto cultivos baixo a auga. “É a regulamentación comunitaria a que permite ben a rotación de cultivos, ben a súa diversificación, polo que non entendemos que non se utilice a marxe de manobra máxima co fin de que os agricultores, en función das condicións agroclimáticas das zonas de cultivo, tomen as decisións máis oportunas”, indícase desde a organización.

Ternera Gallega obriga a que todos os xatos marcados como Suprema teñan un cebo con cereais

Os xatos de menos de 8 meses deberán dispoñer de tolvas selectivas de penso nas pradeiras O Diario Oficial de Galicia publica este martes unha resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria pola que se aproba e se dá publicidade á modificación do Prego de Condicións da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, que a partir de agora obrigará a cebar con penso a  todos os xatos marcados co selo de calidade da carne de vacún galega.  Os cambios (algúns deles xa levantaron polémica no sector cando se anunciaron), foron solicitados polo Pleno do Consello Regulador e tramitados por parte de AGACAL, dependente da Consellería do Medio Rural. A aprobación destas modificacións, considera a Xunta, corresponde á Administración autonómica, xa que non afectan ao nome da denominación nin ao vínculo do produto co territorio nin implican restricións ao comercio, que son os aspectos cuxo cambio requiriría a aprobación pola Comisión Europea.
A Xunta aproba cambios relativos ao cebo final dos animais e ás instalacións que deben albergalos
As modificacións que solicita introducir o Consello Regulador afectan fundamentalmente ao apartado do prego de condicións relativo ao aloxamento, alimentación e cebo final dos animais, así como á posibilidade de conxelación da carne cando o seu destino sexan países de fóra da UE.  Cebo con cereais e concentrados O primeiro dos cambios no Prego de Condicións da IXP supón a introdución dalgunhas especificacións en relación coa alimentación e o manexo dos tenreiros nas explotacións que optan por modelos produtivos extensivos ou semiextensivos, de maneira que se introducen novas esixencias para que os chamados xatos pasteiros poidan ser marcados dentro de Ternera Gallega Suprema.
Establécese a obriga de complementar a alimentación dos xatos pasteiros con concentrados e para iso deberán dispor de moxegas ou comedeiros móbiles distribuídos polas pradeiras
Establécese a obriga de complementar con concentrado a alimentación dos animais que se sacrifiquen directamente do prado con menos de 8 meses. Cando superen esa idade deberán agruparse ou estabularse en recintos pechados e protexidos das inclemencias meteorolóxicas para realizar un acabamento durante un período mínimo de dous meses. Este requisito, que antes era unha recomendación no Prego de Condicións, pasa agora a ser unha obriga.
Co encarecemento do penso e a palla e a falta de man de obra moitas explotacións optaron nos últimos anos por non acortellar os xatos
Transitoriamente, durante un período máximo de dous anos, os tenreiros poderanse finalizar nas praderías, utilizando para iso as tolvas ou comedeiros móbiles selectivos, distribuídos de forma que poidan acceder a eles "xa que nalgunhas explotacións pode significar a necesidade de adecuar ou construír algunha instalación para o gando", xustifica a Consellería. 
A Consellería non aclara se o silo de millo e o gran húmido cumpren coas condicións fixadas no Prego de Condicións para o cebo con "cereais ou concentrados a libre disposición"
O prego de condicións recolle textualmente que cando a idade de sacrificio dos animais supere os 8 meses, co límite máximo dos 10 meses no caso de Ternera Gallega Suprema e de 12 meses no selo de Ternera Gallega convencional, deberá subministrárselles "cereais e/ou concentrados a libre disposición", aínda que non se aclara se algúns ensilados a base de cereais producidos na propia explotación, como o gran húmido ou o silo de millo, por exemplo, cumplirían coas esixencias requeridas para o cebo final dos xatos e xatas que se comercialicen dentro da IXP.  Instalacións e manexo O segundo dos aspectos do método de obtención da carne que se modifica refírese á introdución de determinadas especificacións relativas a prácticas que favorecen o benestar animal. En concreto, establécense requisitos relativos á limpeza e liberdade de movementos dos tenreiros, ás condicións hixiénico-sanitarias, ao estado dos patios e zonas de descanso e ás características construtivas do pavimento das cortes. Así, o chan das cortes non será esvaradío nin rugoso e as pendentes non poderán superar o 5%. Determínanse tamén límites máximos para o número de animais que conforman un lote e superficies mínimas por animal. Deste xeito, para evitar a masificación, limítase a un máximo de 60 animais por lote cando dispoñan dunha superficie de máis de 4 metros cadrados por tenreiro, rebaixándose os grupos a 40 animais cando non se acaden os 4 metros por animal, debendo dispoñer, en todo caso, dunha superficie mínima de 2,2 metros cadrados por tenreiro maior de 6 meses.
Os animais deberán dispoñer dunha superficie mínima de 2,2 metros cadrados e 15 cm de comedeiro por cabeza
Por outra parte, recóllense especificacións sobre a calidade do aire e as condicións térmicas e a iluminación no interior das instalacións. O tenreiros deberán dispoñer dun mínimo de 8 horas diarias de “luz ambiental” e a temperatura nos establos non poderá baixar de 0ºC nin subir de 35ºC. A concentración de amoníaco (NH3) non poderá superar as 20 partes por millón (ppm) a un metro de altura. Por último, recóllese que se debe favorecer o pastoreo, o acceso dos tenreiros á comida e dispoñibilidade de auga limpa, con indicacións dalgúns requisitos mínimos das instalacións para poder cumprir estas especificacións. Así, por exemplo, os comedeiros deben ter, como mínimo, unha lonxitude de 15 centímetros por cada animal maior de 6 meses de idade e haberá polo menos un bebedoiro por cada 15 animais.

A conxelación segue prohibida dentro da UE

O terceiro dos aspectos que se modifica no Prego de Condicións consiste na introdución da posibilidade de conxelar a carne sen perder a certificación da IXP cando esta vaia destinada á exportación a países de fóra da Unión Europea, excepto Andorra e o territorio de Xibraltar. No prego vixente ata agora a carne non podía comercializarse como Ternera Gallega se nalgún momento se sometía a un proceso de conxelación.
A Xunta autoriza a conxelación da carne de Ternera Gallega para a súa exportación a mercados de fóra da UE
Por último, tamén se modifica este apartado do prego de condicións para establecer algunhas especificacións en relación coa posibilidade de utilizar carne da IXP como ingrediente doutros produtos elaborados e informar diso ás persoas consumidoras na etiquetaxe. En concreto, recóllese a posibilidade de que, nese caso, a carne poida someterse a procesos de conservación, como o secado, o salgado ou a conxelación, sen por iso perder a posibilidade de utilizar o nome da indicación xeográfica na mención do ingrediente na etiquetaxe do produto. O outro apartado do prego de condicións afectado pola modificación é o da estrutura de control. Trátase simplemente de adecuar os datos relativos ao nome do Consello Regulador, que actualmente está tramitando a súa modificación para pasar a denominarse Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas TerneraGallega e Vaca Gallega-Buey Gallego”, e o seu enderezo postal, unha vez que cambiou o seu domicilio social, así como substituír a referencia que se fai á norma EN 45011 por unha referencia á norma ISO 17065, que é a norma internacional que actualmente se aplica ás entidades que certifican produtos.
Pódese descargar o novo Prego de Condicións da IXP Ternera Gallega neste enlace.  

“Nas zonas de montaña os gandeiros somos os que coidamos do medio ambiente e o territorio”

As ganderías de vacún de carne son as verdadeiras xestoras do territorio en concellos como Cervantes “Teño 40 anos e son das poucas da miña xeración que decidín apostar pola gandería e quedar aquí”. Esta frase, de Mari Carmen García Gómez, ilustra ben ás claras a situación da montaña de Lugo, aqueixada dun forte proceso de avellentamento e despoboamento. Mari Carmen e a súa familia son os únicos que viven de xeito permanente en Bazal, na parroquia cervantega de Vilaspasantes, e as súas 40 vacas pacen tamén outras aldeas cercanas onde xa non quedan explotacións gandeiras. O gando serve para manter a raia o lume, coma o que na primavera de 2017 afectou á propia Vilaspasantes, só uns meses antes da gran vaga de incendios que no outono dese ano arrasou zonas de Rede Natura noutras parroquias veciñas, como Cereixido, Donís ou Noceda.
O gando serve para manter a raia o lume como o que no 2017 queimou amplas zonas de Rede Natura nos Ancares
Nos Ancares, ao igual que noutros moitos lugares de Galicia, os gandeiros e os seus animais son os verdadeiros xestores do territorio, os que coidan da natureza e a biodiversidade nunha das zonas de maior riqueza ambiental da comunidade, pero séntense desprotexidos e mesmo "atacados" por unha Administración que non fai máis que poñer trabas e atrancos ao seu traballo e por unha sociedade cada vez máis urbana e desconectada dos problemas e necesidades do rural. Máis vacas ca xente O concello de Cervantes conta cun total de 229 explotacións agrogandeiras, das que 176 teñen gando bovino (un total de 4.804 cabezas, segundo os datos do Censo Agrario do ano 2020) e xestionan un total de 4.000 hectáreas de superficie, das que máis do 90% (máis de 3.750 hectáreas), son pastos permanentes, a mellor barreira contra o lume e o abandono. Pero ter vacas na montaña non é o mesmo que telas noutros lugares. A orografía escarpada e a climatoloxía dos meses de inverno condicionan o manexo do gando e incrementan os gastos e o traballo, que moitas veces non se ve compensado no prezo de venda dos xatos.
No concello de Cervantes hai 4 vacas por cada veciño (1.209 habitantes e 4.804 cabezas de gando)
A esa escasa rendibilidade da actividade engádense outros factores que inciden de xeito directo no despoboamento, como a falta de servizos nun territorio disperso. No concello de Cervantes, de 27.664 quilómetros cadrados, a densidade de poboación é de 22 habitantes por km2. Os 1.209 habitantes actuais son menos da metade dos que tiña o municipio no ano 1995 (2.584), tres veces e medio menos dos que había en 1970 (4.294) e seis veces e medio menos ca en 1950 (7.952), unha caída exponencial que semella non ter tocado fondo aínda.

“Por moito que che guste isto, ao final ten que haber rendibilidade”

Fermín, cun dos xatos do seu rabaño de gando vacún Fermín Fernández Gómez ten 46 anos e colleu a explotación familiar fai 11, con 35, logo de traballar 14 anos "fóra da casa", 10 deles como camioneiro de transporte internacional. “A min gústame moito o rural e quixen que fora a miña forma de vida, pero por moito que che guste, ten que haber rendibilidade”, sentencia. Cando el se incorporou había unhas 15 vacas na casa e hoxe ten unhas 50 reprodutoras, practicamente todas de raza rubia galega, e vende os xatos que produce co selo da IXP Ternera Gallega Suprema, a marca emblema da carne de calidade galega. Pero iso non garante nada. “O prezo da carne en orixe non repunta, incluso baixou este ano, pero todo o outro sobe”, quéixase. A Fermín tamén o coñecen por Lamas, o nome do lugar onde vive. “Aquí a moita xente coñécesenos co nome do pobo, porque como xa quedamos poucos, ás veces un en cada pobo, pois non leva a equívoco ningún”, bromea. “En Lamas quedamos só dous veciños e con vacas eu só”, engade xa en serio.
Aquí a moita xente coñécesenos no nome do pobo porque como xa quedamos poucos, ás veces un en cada aldea, non leva a confusión
Fermín levou fai un ano o seu tractor a Lugo desde Cervantes para protestar pola situación do sector da carne e dunhas normativas, chegadas moitas delas desde Bruxelas, que non teñen en conta a realidade de zonas coma os Ancares. “Aparte doutras trabas, un dos problemas máis grandes que temos é a nivel burocrático, padecemos moito papeleo e impóñenos cousas absurdas para cumprir coa PAC”, quéixase. “Coido de 80 hectáreas en medio municipio” O gando de Fermín pace unhas 80 hectáreas “en medio municipio”: na parroquia de San Pedro, na de San Román e algo na de Castelo. “Ese é un dos problemas grandes que teño, porque todas son fincas pequenas e temos que ir adaptando o tamaño dos lotes á dimensión das parcelas. Temos 7 ou 8 lotes de gando de 6 ou 7 vacas e mesmo teño algún lote de 4 vacas, porque se metes 10 ou 12 vacas terías que movelas todos os días de finca”, explica. Pero máis lotes significa máis traballo e non hai moito quen o faga porque escasea a man de obra. “De momento axúdame meu pai a movelas, pero é difícil. Estou barallando comprar un remolque para o tractor para desprazalas”, di.
Para vixiar todos os lotes, cantos mastíns tería que ter? Para min esa non é a solución
O risco de ataques do lobo é outro dos factores que condiciona o manexo do gando. As vacas que teñen crías pequenas déixaas nas fincas arredor do pobo porque requiren máis control e para telas máis protexidas, pero iso non é ningunha garantía. “Fai dous anos matoume un becerro aquí ao lado da casa e o problema é que vai a máis”, asegura. Fermín ten cans de garda para protexer o gando dos ataques do lobo pero co sistema de pequenos lotes dispersos co que traballa el considera que é algo que non resolve o problema. “Eu teño mastíns só nun dos grupos porque para vixiar todos os lotes case tería que ter tantos cans coma vacas. Para min esa non é a solución”, conclúe. O condicionante da climatoloxía Xunto co pequeno tamaño das parcelas, a dispersión da superficie e a difícil orografía, a neve do inverno e a seca do verán condicionan o xeito de traballar dos gandeiros da montaña. “No inverno gardo o gando dentro, aínda que non é unha ciencia matemática, porque se hai pasto fóra procuramos que coman todo ao dente por economía”, indica. “Os becerros cando vén mal tempo gárdoos na corte con 4 meses para cebalos e facer mellores canais. Saen as nais e entran, o que outra vez máis supón máis traballo. Destétoos normalmente aos 7 meses e medio e despois aliméntoos con concentrado de cereais e herba seca”, detalla.
Nesta zona hai pouco solo e aféctanos moito a seca
O penso Fermín ten que mercalo, pero a forraxe procura producila el. “Normalmente son autosuficiente, fago uns 580 rolos en total, 500 de silo e 80 de herba seca, pero estes dous últimos anos non houbo unha gran colleita e no 2022 tiven que mercar algo de silo. Nesta zona hai pouco solo e aféctanos moito a seca”, conta. Volta ao estrume Até agora nesta gandería encamaban os xatos con palla, pero a escaseza da colleita de cereal o ano pasado en Castela disparou os prezos da palla, o que fai inviable en moitos casos a súa utilización. “Trouxen algo pero custoume a 200 euros a tonelada, e considero que a ese prezo non ten sentido usala, tendo en conta que non é para a alimentación do gando senón para facer abono”, argumenta.  
Segamos toxo e carpanza no monte; algo sempre facía, pero este ano máis pola carestía da palla
Así pois, Fermín optou por volver ao sistema tradicional de estrar o gando. “Este ano cortei estrume no monte como se facía antigamente, para abaratar. É unha mestura de toxo, carpanza e outras herbas. Collímolo eu e outros dous amigos xuntos. Segamos en outubro e despois recollimos en rolos por comodidade. Fixemos uns 80 rolos”, explica. Fermín destaca a función ambiental e de limpeza e control do mato que realizan as ganderías en territorios como o da montaña, tanto pola acción directa dos animais pacendo como polo traballo que levan a cabo os gandeiros. “En total nós este ano limpamos unhas 8 ou 9 hectáreas de monte cerca das casas de Folgoso”, que foi onde recolleron o molido, detalla.

“Algún día, cando desaparezamos as pequenas explotacións familiares, as Administracións daranse conta do gran erro que cometeron”

Mari Carmen, o seu home José Antonio e os seus fillos Carlos e Sergio Mari Carmen García Gómez vive coa súa familia en Bazal, pertencente á parroquia de Vilaspasantes, na esquina do concello cara a Pedrafita. “Vivindo a diario só somos nós”, lamenta. “Teño 40 anos e son das poucas da miña xeración que decidiron apostar polo sector agrogandeiro e por quedar aquí. “Para min foi como un reto persoal, a min gústame moito a gandería”, explica. O home de Mari Carmen, José Antonio, ten unha empresa de construción e desbroces e tamén traballa limpando os accesos aos núcleos de poboación no inverno cando hai neve. “Aquí hai que adicarse un pouco a todo para sobrevivir”, di Mari Carmen, que é quen está á fronte da explotación familiar. Coidado do gando e das persoas maiores Ten neste momento 40 vacas, logo de verse obrigada a reducir temporalmente o número de animais. “Tiñamos bastantes máis pero estou coidando a miña nai, que está enferma e foi necesario reducir a carga porque non podía seguir co ritmo de traballo que tiñamos. Unha persoa maior enferma necesita moito tempo de dedicación. Hai que conciliar e compatibilizar todo, así que reducimos temporalmente as cabezas de gando que tiñamos”, explica.
Aquí hai que dedicarse un pouco a todo para sobrevivir
Para atender a gandería, a Mari Carmen bótanlle unha man os seus fillos, Carlos (de 18 anos) e Sergio (de 21), que están estudando e axudan no tempo libre. “Colaboramos un pouco toda a familia, aínda que a explotación lévoa basicamente eu, pero eles son neste momento un pilar fundamental”, conta. “Sempre que podemos, temos o gando fóra” A superficie coa que conta esta gandería é dunhas 60 hectáreas, moi repartidas en diferentes aldeas da contorna. “A base téñoa en Bazal, que é onde vivimos, e noutra aldea, en Cela, que é de onde son eu, tamén temos fincas. Pero agora aquí os pobos van quedando abandonados e levamos o gando a diferentes lugares como Vilaspasantes ou Bimieiro”, enumera. “Temos fóra o gando sempre que podemos, ben nos prados ou en cachos de monte que tamén os pastoreamos co gando. No inverno, por exemplo, témolas nestas zonas de monte e poñémoslles de comer, así de paso limpan o monte”, destaca.
Aínda que cada vez neva menos, cando neva moito acortellamos todo o gando, pero a non ser que haxa unha nevada moi grande temos fóra todo
“O lobo é unha das cousas que nos condiciona moito. Hai dous anos sufrimos un ataque en Santa Mariña, cunha becerra atacada e morta, pero non nolo recoñeceron como ataque do lobo porque dixeron que non había evidencias dabondo”, lamenta. En canto ao desnivel das fincas, “temos algo de todo”, di. “A maior parte da superficie é mecanizable pero hai zonas de máis pendente nas que corres moitos riscos”, recoñece. “Os nosos fillos queren quedar, pero hoxe é case unha aventura” Os dous fillos de Mari Carmen e José Antonio “teñen moi claro que non se queren alonxar disto”, di a súa nai. Sergio, o maior, está facendo o Ciclo Superior de Agroforestais en Becerreá e o seu irmán Carlos o de Mecánica en Lugo. “Aínda que o futuro é incerto, os dous teñen pensado vivir aquí; son os dous moi amantes disto”, asegura Mari Carmen.
Póñennos mil restricións, normas e burocracia que nos afogan
Gustaríalle que os fillos se viran apoiados para continuar porque, di, “hoxe en día téñeno moi complicado, é case unha aventura”. “As axudas que temos son mínimas; sen embargo póñennos mil restricións, normas e burocracia que nos afogan. Somos os verdadeiros xestores do territorio co noso gando e as nosas vacas son beneficiosas para o medio ambiente. Algún día daranse conta do gran erro que cometeron se chegamos a faltar estas pequenas explotacións familiares”, afirma.   “Pero a nós pregúntannos poucas veces”, quéixase. “Para que mozos coma os meus fillos poidan cumprir o seu obxectivo de non marchar de aquí, vivindo da gandería ou de outra actividade, para iso as Administracións tiñan que darse conta de que somos necesarios e que nos hai que coidar un pouco máis e non só acordarse de que existimos uns días antes das eleccións para pedirnos o voto”, remarca.

“Temos un problema coa rata-toupa e desde fai 3 anos a herba seca teño que comprala toda”

Félix, xunto ao seu fillo Izan, coas vacas da gandería na parroquia de Vilaver Félix González Pereira ten 44 anos e incorporouse no 2017 á explotación familiar, que colleu dos seus pais. Antes traballou na construción en Lugo, onde sigue vivindo. Todos os días, despois de deixar os cativos no colexio, vai até Vilaver para coidar do gando. Ten neste momento 45 reprodutoras máis dous touros e está limitado pola superficie da que dispón, unhas 34 hectáreas. Atópase na zona do concello na que máis gandería hai, xunto coa veciña parroquia de Quindous. “Teño difícil poder ampliar porque superficie non hai moita e teño que ter coidado para non pasarme da carga gandeira. En Vilaver somos 4 casas con vacas e todo o que nos valía no monte xa o temos a pastizais”, explica.
Nas 50 hectáreas de pastizal do monte comunal faciamos 400 fardos de forraxe pero agora está infestado e non hai máis ca terra
Son un total de 50 hectáreas de pastizal as que teñen no monte comunal e que xestionan os catro veciños con gando. “Faciamos alí 400 fardos de forraxe ao ano, 100 para cada un, pero agora non podemos segalas para herba seca porque está todo infestado coa praga da rata-toupa e non traemos máis ca terra”, conta. “Non nos deron ningún tipo de solución de momento e desde fai 3 anos eu a herba seca teño que comprala toda”, denuncia. A Xunta habilitou o ano pasado unha liña de axudas específica, pero Félix cobrou só 1.400 euros, que ao prezo que acadou tamén a herba seca no último ano “non chega nin para un camión de rolos”, di.
As ganderías da montaña precisan recoller máis forraxe para pasar o inverno que as de zonas máis baixas, onde as pradeiras rebrotan antes
A el aqueles 100 rolos de herba seca que traía do monte comunal resolvíanlle xa boa parte do inverno, pero agora víronse obrigados a deixar de segar a herba e levan o gando a pacer. “Temos as vacas alí pacendo, pero tampouco dá, agora produce moito menos. Antes desde que faciamos o corte de herba seca levabamos 15 vacas cada un; agora temos 7 cada un soamente porque se levamos máis non teñen dabondo que comer”, asegura. “Dan máis traballo, pero os xatos medran máis estando na corte” O pastizal do monte está a uns 1.000 metros de altitude e o pobo a 800. “No inverno hai que baixar as vacas, porque no monte dá o vento de todos os lados, mentres que abaixo é máis abrigado”, explica. “No inverno acortello tamén as vacas que paren de poucos días e non teño os xatos tampouco fóra. Dá máis traballo, pero os xatos medran tamén máis estando na corte ca fóra e para min ten mellor calidade a carne”, defende. No cebo dos tenreiros emprega só herba seca e penso. “Os becerros non comen silo, iso é para as vacas”, indica. O silo fano nas fincas de máis abaixo, que non están tan afectadas pola praga da rata-toupa como as pradeiras do monte comunal. Para estrar segue usando palla, malia o seu forte encarecemento. “Estou comprando o alpacón de 4 cordas a 80 euros e dúrame unha semana, cando fai uns anos o teño comprado a 18 e 20 euros”, compara. Socio da cooperativa A Carqueixa Félix é socio da cooperativa A Carqueixa, con sede en San Román e da que forman parte un cento de explotacións de vacún de carne de varios concellos dos Ancares. Os xatos que produce, dentro da IXP Ternera Gallega Suprema, son comercializados a través da cooperativa, coa que logra un mellor prezo.
Eu son dos que penso que o consumidor non pode pagar xa máis pola carne do que paga
Os últimos animais que mandou viñéronlle entre os 5,85€ kg canal e os 6,25€. “Non sobra nada co prezo que ten hoxe a palla ou o penso”, di. Os animais que produce son machos duns 300 quilos en canal e femias entre 250 e 260 quilos.

“Basta con dar unha volta polos camiños que levan ao rural para ver como está: abandonado e despoboado”

Unha imaxe da feira nunha edición anterior O vindeiro sábado 11 de maio os veciños dos Ancares xuntaranse un ano máis en San Román na Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, unha cita festiva e reivindicativa recuperada no 2019 por iniciativa da asociación Territorio Verde, que busca o desenvolvemento económico e a revitalización demográfica da zona e que defende o valor e o traballo dos gandeiros como xestores da paisaxe e o medio ambiente e xeradores de riqueza e emprego no territorio.  A boa acollida que tivo esta feira desde a primeira edición queda patente no público asistente e o número de ganderías participantes, non só de Cervantes senón tamén dos concellos do arredor. Fermín, Mari Carmen e Félix acudirán á cita con animais das súas ganderías. Os tres destacan a importancia de feiras coma esta para amosar o seu traballo e tamén xuntárense, nunha zona na que non abundan as oportunidades para facelo. Ademais de levar o seu gando, Fermín tamén bota unha man aos organizadores na preparación do terreo e outras labores de intendencia. “Queremos que se consolide. Levo participando desde a primeira edición e cada vez vai a máis. O ano pasado viñeron expositores do Bierzo e quedaron encantados”, insiste.
É unha tradición recuperada que me parece moi bonita e moi boa para dar a coñecer Cervantes e o xeito que temos de traballar
A feira ten para el unha parte sentimental.  “Esa feira fixérase no ano 1984 e 1985 un pouco máis arriba, en Seixas, a 1 km de San Román. Tiña eu 6 anos e recordo que se levaran as vacas xunguidas da casa. Aínda teño na casa as copas que se conseguiran”, lembra. “Fannos moita falta este tipo de iniciativas na montaña” Máis aló das transaccións e vendas de animais que se poidan levar a cabo na feira, Fermín pensa que “é unha forma de poñer o rural en valor”. “Basta con dar unha volta polos camiños que levan ao rural para ver como está o rural: abandonado e despoboado. Ese é o espello do rural”, lamenta.
Nesta feira hai un ambiente fabuloso, moi familiar, de reunión da xente
Tamén Mari Carmen leva participando na feira desde o principio con gando tanto para exposición como para venda e xa case ten escollidos os que vai levar este ano. “Espero levar algún premio, porque os coidei moito para que luzan”, di. “Espero todo o ano a que chegue a feira de San Román porque é un recoñecemento ao noso traballo, que ten moi pouca visibilidade”, engade. “Foi unha iniciativa marabillosa que nos encantou. Fainos moita falta que haxa este tipo de iniciativas na montaña. Necesitamos revivir isto”, propón. Félix tamén levou gando todos os anos, os dous primeiros anos vacas para a exposición e o ano pasado dous xatos para vender. “Hai moi boa feira, con moita xente e moito gando”, asegura.

“Hai que buscar un punto de equilibrio entre produtividade e benestar animal para que a granxa sexa rendible”

Nina Vázquez, nunha explotación leiteira en ecolóxico da provincia de Lugo A certificación de benestar animal está a converterse nos últimos anos nunha esixencia para moitas explotacións lácteas por parte das industrias que lles recollen o leite. Welfair, o selo impulsado polo IRTA de Cataluña, é o estándar máis comunmente aplicado. Coñecemos en que se basea da man da veterinaria e auditora Nina Vázquez. “O concepto de benestar animal empezou a desenvolverse desde o punto de vista ético, dos dereitos dos animais, e hoxe en día a lexislación está a presionar introducindo novos requisitos ás granxas”, recoñece Nina. O Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas (Real Decreto 1053/2022) esixe a todas as ganderías de vacún un Plan de Benestar Animal, que o Ministerio pospuxo a 2027 como consecuencia das recentes protestas de agricultores e gandeiros.
O Ministerio acaba de aprazar a 2027 a obrigatoriedade de contar cun Plan de Benestar Animal en granxas de vacún
Pero aspectos como a eliminación dos emparrillados, a prohibición de explotacións trabadas, o acceso dos animais a patios exteriores, o aloxamento en grupo dos tenreiros ou as condicións de separación das súas nais ao naceren serán cuestións que as ganderías deberán abordar nos próximos anos. Demanda dos consumidores O nivel de benestar animal que logra a explotación, medido segundo os criterios aplicados na certificación, incide no prezo de venda do leite, xa que a maioría de empresas aplican primas de diferentes contías en función da puntuación obtida que poden chegar a 1 céntimo por litro. Pero máis aló deses incentivos ás granxas, o benestar animal está a converterse nun criterio de selección; nun argumento para coller ou deixar ganderías por parte das industrias, de forma que só aquelas granxas que poden ser certificadas son consideradas explotacións de porvir polas empresas lácteas, mentres as que non superan os test teñen cada vez menos opcións a quen entregar o leite.
A certificación de benestar animal converteuse nun argumento das industrias para coller ou deixar explotacións
As industrias alegan que se trata dunha esixencia das cadeas de distribución, que á súa vez aseguran facerse eco da demanda dos consumidores neste sentido. “O consumidor pouco sabe sobre como se crían os animais e estamos nun momento no que miran con lupa o que facemos nas granxas”, asegura Nina. O último Eurobarómetro sobre benestar animal, elaborado pola Comisión Europea hai un ano, denota esta preocupación crecente dos consumidores. Os resultados desta enquisa entre a poboación, con máis de 26.000 entrevistas en 27 países da UE, indican que o 84% dos cidadáns europeos e o 80% dos españois cre que se deberían mellorar os niveis de benestar actual dos animais de granxa.
O 48% dos consumidores españois estaría disposto a pagar máis por produtos procedentes de sistemas respectuosos co benestar animal
Ademais, 6 de cada 10 europeos din que lles gustaría saber máis sobre as condicións nas que se crían os animais e o 60% dos europeos e o 48% dos españois estaría disposto a pagar máis polos produtos procedentes de sistemas respectuosos en benestar animal. “Isto é importante, porque o benestar é caro ao ser necesarios investimentos e esforzos de manexo, e deberíanse pagar máis eses produtos”, afirma Nina. A definición de benestar O benestar animal designa, segundo a Organización Mundial de Saúde Animal (OIE), “o estado físico e mental dun animal en relación coas condicións nas que vive e morre”. É dicir, detalla Nina, “que un animal estea san, cómodo, ben alimentado, que poida expresar o seu comportamento innato e que non padeza estados desagradables”. As directrices que guían á OIE en materia de benestar dos animais terrestres inclúen tamén as «cinco liberdades», enunciadas en 1965 e universalmente recoñecidas, para describir os dereitos que son responsabilidade do home, é dicir, que os animais vivan:
  • libre de fame, de sede e de desnutrición;
  • libre de temor e de angustia;
  • libre de molestias físicas e térmicas;
  • libre de dor, de lesión e de enfermidade;
  • libre de manifestar un comportamento natural.
“Hai que atender a cinco dominios ou aspectos fundamentais para que exista benestar animal: Nutrición, Saúde Física, Confort, Conduta e Emocións. Pero para chegar ao quinto apartado temos que ter controlados os catro anteriores”, afirma esta veterinaria especialista na materia, que resume en tres grandes bloques as necesidades a cubrir por parte do gandeiro en relación aos seus animais: Funcionamento biolóxico (onde se incluirían cuestións relativas a nutrición ou instalacións), Comportamento natural (por exemplo o acceso a pasto) e Emocións. “Até o de agora falabamos de emocións negativas (ausencia de sede, dor ou angustia) pero agora empezamos a falar de que haxa un balance entre emocións positivas (por exemplo, os cepillos) e negativas”, explica. Equilibrio entre benestar e rendibilidade É xa unha idea comunmente estendida tanto entre veterinarios como entre gandeiros que mellorar en benestar animal supón aumentar a produtividade do rabaño. Nina insiste nesa afirmación, pero admite que “hai que buscar un punto de equilibrio entre produtividade e benestar animal para que a granxa sexa rendible”. “Mellorar o benestar custa ás veces moito diñeiro, sobre todo se implica a necesidade de facer grandes investimentos en instalacións. Por iso hai que buscar o máximo de benestar posible dentro da rendibilidade”, argumenta.
Temos que buscar a máxima produtividade posible pero sen prexudicar o benestar
“Mellorar o benestar supón gañar en produtividade do rabaño pero ás veces lograr 40 litros é menos rendible que producir 30, porque os custos son maiores, e esa presión hormonal vai tamén en contra do benestar”, asegura. Ademais, benestar e medio ambiente están intimamente relacionados. “En termos xerais, mellorar o benestar da vaca mellora a súa eficiencia produtiva e reduce a cantidade de residuos (metano, nitratos, etc) por unidade de produto. A maiores, o benestar inflúe positivamente desde o punto de vista sanitario e unha boa saúde aumenta a lonxevidade e reduce a necesidade de recría, o que tamén contribúe a aminorar a intensidade das emisións da granxa”, evidencia Nina.

Formación do persoal: curso de 20 horas ou 3 anos de experiencia

O Real Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas esixe unha formación mínima en benestar animal de 20 horas tanto para os titulares de explotación como para os seus empregados, aínda que esta formación mínima pode acreditarse mediante os anos de dedicación profesional ao sector (mínimo de 3 anos traballando con gando e coñecementos sobre manexo, benestar e tratamientos biocidas). A maiores, será necesario levar a cabo cursos de reciclaxe e actualización de coñecimientos cando menos unha vez cada 5 anos e cunha duración mínima de 10 horas. 
O Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas esixe unha formación mínima en materia de benestar animal de 20 horas tanto a titulares de explotación como a empregados
“A figura do gandeiro e do persoal da granxa é fundamental porque tanto en sistemas intensivos como semiextensivos o gandeiro é o que controla case todas as necesidades do animal: o alimento, o acceso á auga, o espazo que lle damos, o confort para o descanso, os agrupamentos sociais que facemos”, enumera Nina, que destaca, máis aló das instalacións ou a comida, aspectos como formación, manexo, coñecemento da vaca e motivación como claves para lograr niveis óptimos de benestar animal nunha granxa. No caso da detección precoz de enfermidades, que causan dor e estrés aos animais, “é esencial coñecer a especie coa que estamos a traballar para poder identificar os problemas canto antes e poñerlles solución tamén canto antes”, insiste.

Como facilitar o relevo xeracional e o acceso á terra a persoas alleas ao sector agrogandeiro

O Grupo Operativo TERRACTIVA vén de publicar unha recompilación de experiencias inspiradoras a nivel europeo sobre como facilitar o acceso á terra agraria tanto a novos/as entrantes (persoas alleas ó sector agrario con intención de incorporarse ao mesmo) como a explotacións existentes que non contan cun relevo garantido. "A compilación de experiencias demostra o carácter estratéxico deste grupo de agricultoras/es emerxentes ao tempo que ratifican a necesidade de xerar ferramentas que faciliten a abordaxe dos principais desafíos que enfrontan", salientan desde este grupo operativo, do que forman parte entre outras a EFA Fonteboa, o GDR das Mariñas, a Fundación Juana de Vega, a cooperativa Horsal e o Laboratorio do Territorio da USC. Dende o Reino Unido, pasando por Austria ou Galicia, detállase como cada rexión desenvolve unhas ferramentas propias motivadas polas distintas realidades que enfrontan. Así mesmo, recolle tamén os distintos instrumentos de mobilidade e de xestión e recuperación de terras que actualmente existen en Galicia, así como un breve resumo da situación actual deste perfil a nivel galego.

Facilitar o acceso de persoas alleas ao sector

Este será o derradeiro ano de traballo para o Grupo Operativo TERRACTIVA. O proxecto comezou a andar a finais do ano 2022, centrado na facilitación da entrada no sector agrario de persoas alleas, as chamadas novas e novos entrantes, finalizando na actualidade co desenvolvemento de diferentes guías especialmente enfocadas no apoio a persoal técnico das distintas entidades de acompañamento e asesoramento no eido agrario (GDRs, Oficinas Rurais, Cooperativas, diversas asociacións e fundacións, etc.). Nos vindeiros meses publicaranse outros recursos cos cales o grupo pretende xerar unha base metodolóxica e orientadora que as entidades dispostas deberán “aterrar” no seu territorio para poder traballar segundo o método proposto. Paralelamente, o grupo desenvolverá unha serie de talleres para o achegamento das ferramentas ao persoal obxectivo que poida estar interesado no emprego das mesmas. Terractiva é un proxecto beneficiario das axudas para a execución de proxectos dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A publicación está dispoñible na web de Terractiva: Apoio a novas e novos entrantes no acceso a terras: Experiencias inspiradoras.

O Goberno pretende deixar de subvencionar a alimentación das colmeas

Alimento sólido de mantemento, usado en outono-invierno nas colmeas O sector apícola de COAG denuncia que o Ministerio de Agricultura pretende eliminar a subvención á alimentación suplementaria das abellas, vital diante dos efectos do cambio climático e a elevada mortandade en colmeas, e que en 2023 supuxo un sobrecusto anual de 10.000 euros para unha explotación tipo de 500 colmeas. Durante a reunión deste mércores co secretario xeral de Recursos Agrarios e Seguridade Alimentaria do Ministerio de Agricultura, Fernando Miranda, o sector apícola de COAG mostrou o seu absoluto rexeitamento a esta proposta, que tamén eliminaría os apoios á compra de cera, equipos de protección individual ou gastos de envío e recollida de mostras.
A alimentación suplementaria das abellas é vital diante dos efectos do cambio climático e a elevada mortandade en colmeas debido á varroa e a vespa velutina
“O ministerio non pode botar balóns fóra e dicir que son imposicións de Bruxelas. A decisión do Ministerio baséase nunha interpretación excesivamente restritiva da base legal aplicable, polo que hai marxe para buscar alternativas e negocialas coas autoridades comunitaritas, tal e como nos trasladaron na propia UE”, subliñou Pedro Loscertales, responsable do sector apícola de COAG.
En Galicia, a Xunta xa priorizou este ano dentro do Plan Apícola os elementos de protección de colmeas contra a velutina e os tratamentos para a varroa fronte á alimentación e as ceras
A alimentación complementaria refírese a diferentes prácticas de suplementación da alimentación natural, practicamente imprescindibles na actualidade, que axudan aos apicultores a reducir a mortandade das súas colonias debido a cuestións ambientais (os efectos do cambio climático sobre a vexetación), a cuestións sanitarias (o debilitamento das colonias polas accións directas e indirectas do ácaro Varroa destrutor e polas técnicas de manexo utilizadas para maximizar a eficacia dos tratamentos) ou aos danos provocados por especies invasoras exóticas (Vespa spp.)
Os apicultores españois arrastran tres campañas consecutivas de graves perdas pola seca
O sector apícola de COAG xa remitiu ao MAPA o pasado mes de marzo un informe elaborado polos Servizos Técnicos de Apicultura desta organización que baixo o título, A alimentación suplementaria: unha ferramenta imprescindible para a supervivencia das colonias de abellas, advertía dos graves efectos para a viabilidade das explotacións profesionais apícolas da retirada destes apoios económicos. “Isto sería moi problemático no sector, non só polo que suporía en próximos exercicios, senón tamén porque moitos dos conceptos que se poñen en cuestión xa foron obxecto de gasto na campaña actual”, apostilou Loscertales. Os apicultores españois arrastran tres campañas consecutivas de graves perdas por mor da seca, con reducións da colleita de mel de ata o 80% nas zonas con menores precipitacións. A pesar diso, os prezos pagados pola industria envasadora mantivéronse por baixo dos custos de produción, situando a miles de explotacións apícolas por baixo do limiar de rendibilidade.

Feira de gando, premio aos mellores exemplares de raza rubia galega e asturiana e subasta de Acruga o sábado 11 en Cervantes

Un momento da poxa de xovencas de ACRUGA durante a feira do ano pasado A localidade de San Román, en Cervantes, celebra o segundo sábado do mes de maio a súa Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña cun completo programa de actividades para dar visibilidade á labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo. A feira, que foi recuperada no ano 2019 por iniciativa da asociación Territorio Verde coa colaboración de gandeiros e de veciños da zona dos Ancares converteuse xa nunha referencia no calendario de feiras de ano da provincia de Lugo. Acudirán á cita gandeiros de Cervantes, Navia, A Fonsagrada, As Nogais e Becerrá e entre vacas, cabras, ovellas e cabalos agárdanse unhas 200 cabezas. O prazo de inscrición para participar segue aberto até o día 5 de maio nos teléfonos 636280102 e 690265895 e haberá axudas ao transporte dos animais e importantes premios para os mellores exemplares tanto de raza rubia gallega como de asturiana de los valles, moi utilizada tamén nesta zona da raia con Asturias e León.
Daranse axudas para o transporte aos produtores que acudan co seu gando e importantes premios aos mellores exemplares
O programa inclúe ademais da feira de gando, poxa de xovencas de ACRUGA, venda de produtos de alimentación e artesanía, exposición e venda de maquinaria e vehículos, pulpeiros e animación ao longo de toda a xornada, con inchables de balde para os cativos e exhibición en vivo dun ferreiro. A maiores, pola mañá actuarán os grupos de música tradicional Os Xardois e Os Gaioleros, ambos de Cervantes, e pola tarde tocará Tania y su acordeón, da Fonsagrada. Venda de animais para vida A previsión da organización é superar as cifras récord do ano pasado, tanto en afluencia de público como de venda de animais. Un dos obxectivos da asociación organizadora coa recuperación desta feira era precisamente dar aos gandeiros e gandeiras a posibilidade de, cando menos unha vez ao ano, ter un mercado gandeiro de proximidade onde poñer á venda os seus animais, así como os excedentes de colleita de outros produtores da zona.
A poxa de xovencas de Acruga comezará ás 12 do mediodía 
O feito de poder vender o gando para vida revaloriza os prezos e dá unha alternativa diferente aos produtores para dar saída aos seus animais, algo importante nun momento de prezos de venda dos xatos a matadoiro baixos.  Tradicionalmente, en Cervantes existían varias feiras de gando, como a de Seixas, a de Quindous e outras, pero dende principios dos anos 80 non se volvera celebrar no concello ningún tipo de feira gandeira. A que terá lugar este ano o día 11 de maio foi recuperada no 2019 con grande acollida por parte dos gandeiros da zona e de todos os habitantes da montaña.
Os organizadores queren reivindicar a labor de produción de carne de calidade e coidado do territorio que realizan os produtores desta zona da montaña de Lugo
Os organizadores queren reivindicar coa celebración desta feira as especiais características da gandería que se practica nesta zona de alta montaña, cun manexo do gando adaptado á climatoloxía e a uns desniveis que impiden moitas veces a mecanización das labores agrícolas.