All posts by Alejandro Gomez

Xornadas de demostración sobre tipos de peches para gando ovino e cabrún

Os Ancares Lucenses Reserva da Biosfera e a Deputación de Lugo organizan unha xornada demostrativa en granxa sobre diferetes tipos de peches eléctricos para gando ovino e cabrún. Terán lugar os vindeiros sábados 11 e 25 de maio en horario de mañá e tarde, de 10.00h a 14.00h e de 16.00h a 19.00h, no Centro Social de Becerreá e Granxa Teixeiro E Pistón. Trátase dunha actividade gratuíta con aforo limitado a 15 plazas polo que será obrigatorio inscribirse a través do 982 227 812 ou enviando un correo electrónico a ancareslucenses@diputacionlugo.org.  Durante a dinámica desta acción formativa abordaranse as nocións básicas de electricidade en peches; os tipos e materiais entregados; o deseño e execución segundo tipo de animal; normativa aplicable, e mantemento e conservación. Nestas xornadas colaboran a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia, Granxas de Lousada, Granxas Teixeiro E Pistón e o Concello de Becerreá. En sí, contan coa financiación de Ancares Lucenses Reserva da Biosfera e Deputación de Lugo.

Presentado o plan estratéxico de promoción da IXP Mel de Galicia

O pasado día 30 de abril, presentouse ao pleno do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia o plan estratéxico de promoción do produto, co fin de reforzar os atributos e valores do Mel de Galicia certificado. Un dos seus principais obxectivos é, precisamente, o de incrementar a súa comercialización a nivel nacional e internacional. Entre as accións levadas a cabo con este fin, atopamos o primeiro Túnel do Mel de Galicia na trixésimo sétima edición do Salón Gourmets, celebrada en Madrid entre os días 22 e 25 de abril, organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) en colaboración co Consello Regulador da IXP. Primeiro Túnel do Mel de Galicia no Salón de Gourmets Un total de 19 marcas comerciais pertencentes a envasadoras acollidas a este selo de orixe e calidade, entre as que se atopaban os meles premiados nas Catas de Galicia 2023 foron os protagonistas nesta viaxe guiada pola presidenta da IXP, Ma. Esther Ordóñez Dios. Os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer a calidade e a diversificación do Mel de Galicia ao degustar 30 referencias dos distintos tipos de meles: multiflorais; monoflorais de eucalipto, breixo, castiñeiro, silva; e o mel de melada ou de bosque. Isto, representa unha forma de valorizar tanto as marcas comerciais coma os diferentes tipos de meles adscritos á IXP Mel de Galicia, á vez que se recoñece a importancia dun oficio ancestral coma é a apicultura e un produto senlleiro da despensa galega coma o ouro doce. Outro dos targets que establece o plan de promoción son os mais cativos. Para eles, ademais das accións levadas a cabo nos colexios galegos, no marco da feira Goumets tamén se organizaron os Talleres Infantís con Mel de Galicia destinados a máis de 900 escolares de Madrid e os seus mestres. Guiados por Beatriz Ríos Cebreiros, técnica e formadora do panel de cata da IXP Mel de Galicia, puideron coñecer de cerca o apaixonante universo das abellas, o proceso de obtención do mel e degustar os distintos tipos de mel da natureza galega. Mel de Galicia en datos Con estas iniciativas, o sector aposta por dar un valor engadido ás súas producións, algo que se reflicte no aumento dun 8% no número de envasadores certificados nos últimos anos, sumando na actualidade un total de 42 envasadoras certificadas da IXP Mel de Galicia. Do mesmo xeito, a xente moza xa ve a apicultura como unha profesión con futuro, representando o 15% dos inscritos. Sen embargo, “tamén é certo que o mel colleitado descendeu un 20% no último ano debido a factores como a climatoloxía ou a presenza da vespa velutina, entre outros. No caso do mel contraetiquetado, descendeu a comercialización preto dun 7%. É por iso que é necesario un plan estratéxico para o sector apícola galego que non só beneficiará á apicultura, senón tamén a outros sectores vinculados como son a agricultura, a gandaría ou a alimentación humana”, demandan desde o Consello Regulador. “Iso si, cabe subliñar que o descenso na produción non se viu reflectido no valor do mel xa que, neste senso, Mel de Galicia incrementou o seu valor nun 35% en cinco anos” apuntan.

A cooperativa Campoastur colabora para impulsar hortas ecolóxicas nos colexios de Asturias

As entidades Caixa Rural de Asturias, a cooperativa Campoastur, e o Consello da Produción Agraria ecolóxica do Principado de Asturias asinan un convenio para o apoio da Rede de hortos ecolóxicos escolares do Principado de Asturias. Desta maneira, estas entidades manifestan a súa aposta por levar as prácticas e valores da agroecoloxía aos centros educativos e ás futuras xeracións asturianas que se forman neles. O acto da firma do convenio de colaboración entre as 3 entidades realizouse no Colexio Nazaret de Oviedo. Este centro escolar, parte da Rede, utiliza o seu horto escolar ecolóxico como un recurso educativo con implante curricular en todos os cursos. Ademais, realizaron cos seus alumnos e o apoio da rede un horto urbano realizado en bancais no propio patio do colexio, co que os escolares conviven nos seus  intres de lecer. A Rede de hortos ecolóxicos escolares do Principado de Asturias naceu en 2012 da man do COPAE. Desde entón medoru notablemente até alcanzar os 127 centros no curso 2023-2024 e a máis de 6.000 alumnos. Soamente no curso 2022-2023 sumáronse 45 centros novos. Ao longo destes anos realizáronse actividades formativas nos centros da Rede. En moitos casos, estas actividades serviron para pór en marcha novos hortos ecolóxicos educativos neses mesmos centros e, noutros, para mellorar as iniciativas hortícolas que xa se estaban levando a cabo nalgúns centros. Ademais, fomentouse o contacto dos alumnos dos centros-rede con produtores ecolóxicos do campo asturiano, a través de excursións subvencionadas.

Beneficiarios das axudas da Xunta para prevención de incendios nos montes comunais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria de axudas destinadas aos titulares de montes veciñais de man común, as súas agrupacións e as sociedades de fomento forestal (Sofor) para a posta en marcha de actuacións preventivas dos danos que poidan causar aos bosques os incendios, desastres naturais e catástrofes, que conta con 190 beneficiarios e 3,5 millóns de euros de investimento. As achegas contan con dúas liñas de actuación. A primeira é para o control selectivo de combustible e para ela destínanse case 3 millóns, que poderán levar a cabo tarefas de roza mecanizada con rozadoira de cadeas ou similar, para o clareo sistemático de rexenerado forestal con tratamento de restos, ou para roza de penetración, rareo de entrefaixa e trituración de restos nas faixas. Esta liña, na que resultaron beneficiarios 170 persoas, complétase con actuacións dirixidas ás devasas para a mellora de faixas cortalumes xa existentes con folla de máquina e para as  faixas de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura. A segunda vertente desta convocatoria de axudas destínase á construción de puntos de auga. Neste caso, o investimento é de algo máis de 500.000 euros e poderanse crear unha vintena de puntos de auga Os beneficiarios son as persoas titulares dos montes veciñais de man común, as súas agrupacións e mancomunidades, e as sociedades de fomento forestal que contan con superficies de máis de 100 hectáreas. Ademais, as actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios.

A Deputación de Pontevedra apoia á Fundación Semana Verde de Galicia con 150.000 euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosa o compromiso do goberno provincial co sector agrogandeiro da comarca do Deza e do conxunto do territorio pontevedrés coa sinatura dun convenio de colaboración coa Fundación Semana Verde de Galicia. Un acordo a través do cal a Deputación achega 150.000 euros para colaborar con esta entidade na organización das súas actividades feriais e mercados agropecuarios. Un pacto que, segundo o mandatario provincial, reflexa a vontade da Deputación de seguir tendendo pontes con entidades tan importantes para a provincia e  economía como a Fundación Semana Verde de Galicia para seguir impulsando o rural e o sector agrario e gandeiro. A través deste acordo asinado entre Luis López e o director do Padroado da Fundación, Ricardo Durán; a Fundación Semana Verde de Galicia e a Deputación de Pontevedra amosan a súa vontade de cooperar en beneficio dun motor económico e de emprego esencial para as comarcas do interior da provincia. Un convenio que supón unha aposta polo desenvolvemento económico da provincia, un avance á hora de afrontar o reto demográfico e unha nova mostra do apoio da Deputación ao rural. Un documento que, como subliñou o presidente, é froito dunha preocupación e vocación compartida por demostrar que a agricultura e gandería da provincia é presente e tamén futuro. Nun acto organizado no recinto feiral de Silleda, epicentro da industria agrogandeira de Galicia, o dirixente provincial amosou a súa satisfacción “por un convenio que afonda na vocación ‘municipalista’ da Deputación, ao apoiar iniciativas que axudan a concellos como o de Silleda e a comarca do Deza a prosperar. Ao mesmo tempo, contribúe a manter e impulsar a actividade económica, o que axuda a frear o despoboamento. Ademais, o apoio a esta Fundación potencia o sector agrario e faino máis competitivo nun mercado global”.  Desde a Deputación reiteran o seu compromiso por seguir colaborando en todo o que sexa posible para seguir impulsando este sector fundamental e motor económico, “ao tempo que valoran o labor que desempeña a Fundación Semana Verde de Galicia a prol da industria agrícola da provincia”, sinalan desde a institución. 

Nova poxa de Acruga en Seoane do Courel

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) levará a cabo unha nova poxa mañá, día 4, na IV Feira de Gando, celebrada en Seoane do Courel. Este evento  que se recuperou hai uns anos, comezará a partir das 12.30 da mañá. Poderase poxar por tres xovencas, de idades comprendidas entre os 25 e os 16 meses, e preñadas de entre 4 e 6 meses.  Estes tres exemplares, proceden de dúas explotacións de Vilalba e dunha de Becerreá, aínda que a recría dos animais se levou a cabo no centro da granxa Gayoso Castro, onde Deputación de Lugo e Acruga traballan conxuntamente na recría de animais de pura para para dinamizar e potenciar a loura galega.  As tres xovencas teñen un prezo de saída de 2.200 euros, e para incentivar a súa compra, Caixa Rural axudará con 200 euros por exemplar. Os interesados en adquirir algún destes animais poderán retirar o seu cartón desde unha hora antes.  “Hai uns anos recibimos a solicitude do propio Concello de Folgoso do Courel, interesado en recuperar as antigas feiras de gando que tiñan lugar en Seoane dúas veces ao mes, e todas as poxas que celebramos desde entón finalizaron con boas cotizacións e con todas as xovencas adxudicadas. Esperemos que mañá tamén vaia ben”, sinala o presidente de Acruga, César Dourado. As seguintes poxas nas que está a traballar esta asociación levarán máis xovencas a Cervantes, o próximo 11 de maio, e en Sarria, o día 12 do mesmo mes. 

Ence prevé investir 120 millóns en Pontevedra, sen aumentar liñas nin capacidade de produción

Ence - Energía y Celulosa prevé realizar 120 millóns de euros de investimentos na súa fábrica de Pontevedra para seguir avanzando na súa competitividade e sustentabilidade, así como para mellorar e diversificar o seu mix de produtos de celulosa Kraft. Grazas a estas melloras, a compañía sinala que reducirase o consumo de madeira e auga para producir as mesmas toneladas de celulosa. Neste sentido, recentemente foi exposto a información pública o proxecto de modificación do PIA/PSIS desta fábrica -Proxecto de Interese Autonómico, anteriormente denominado Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal-. Este non supón, en ningún caso, unha ampliación da biofábrica, senón que constitúe unha mellora integral da instalación. Esta modificación inclúe actuacións para a redución do consumo de auga en ata un 40%, á vez que farán posible que esta fábrica continúe operando en períodos de seca, sen afectar ao caudal do río Lérez, nin ao consumo cidadán. De igual modo, mellorarase a eficiencia da produción de pasta de celulosa, reducindo a cantidade de madeira consumida por tonelada de pasta. Esta redución do consumo de madeira equivale a uns 60.000 m3 de madeira ao ano para a produción actual da factoría. Este proxecto inclúe tamén medidas encamiñadas á descarbonización da instalación: a través da substitución de combustible fósil polo consumo de enerxías renovables lograrase unha redución das emisións. Tamén, medidas destinadas a reducir o seu consumo de enerxía (eléctrica, en aproximadamente 7.000.000 de kwh/ano, e térmica, nuns 100.000.000 de kWht/ano), aumentando así a súa eficiencia enerxética. Outras melloras ambientais incluídas neste plan permitirán seguir avanzando na redución das emisións olorosas e do impacto acústico. A este respecto, a modificación inclúe tamén medidas para a integración paisaxística e a minimización do impacto visual. Tamén contempla actuacións para a mellora dos produtos. Deste xeito, implementarase un sistema para incrementar o grao de secura da pasta, á vez que os novos dixestores dotarán dunha maior flexibilidade na operación, que fará posible a substitución de madeira Globulus por Nitens, sempre para a produción de celulosa Kraft.

Saen a concurso na Limia o arrendamento de 49 hectáreas e a venda da súa herba actual

O proxecto Aterra, unha das liñas de traballo do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia, pasou a ser durante os próximos 25 anos a entidade xestora de 49 hectáreas propiedade da Deputación de Ourense. Os terreos están divididos en 7 referencias catastrais na contorna da antiga Lagoa de Antela que conforman os 16 lotes a arrendar. Deste xeito, Aterra iniciou un dobre proceso: a subasta da herba desas terras e o arrendamento para a posta en marcha de novos cultivos. O prazo para o primeiro dos procesos iniciouse o pasado 30 de abril e está habilitado durante 7 días naturais para que as persoas interesadas envíen as súas propostas económicas, partindo dun prezo de saída de 3.500 euros.  Para o arrendamento dos terreos, o prazo está aberto desde o 25 do mes pasado, durante 20 días naturais. “A presentación nos dous casos é dixital; para a da herba hai que mandar un correo electrónico a info@aterra.gal co correspondente anexo dispoñible na web e a proposta económica, mentres que para a solicitude de arrendamento hai que acceder ao formulario, tamén na páxina, cos correspondentes anexos alí dispoñibles”, explica a xerente do GDR, Eva González. Orientación dos proxectos Os 16 lotes conformados polas 7 parcelas cedidas ao GDR Limia-Arnoia no eido do proxecto Aterra representan “unha aposta forte na Limia. A idea é asignar eses terreos para a produción en ecolóxico. O noso obxectivo desde o convenio feito coa Deputación parte dunha filosofía de máximos, isto é, que estean dispoñibles para a diversificación da produción na Limia, para a axuda á incorporación de novos agricultores e agricultoras ou mesmo a incorporación de novos cultivos”, sinala a xerente.
O proceso prima á agricultura en ecolóxico, novos agricultores e a diversificación de cultivos
A xente da propia comarca é a prioridade do GDR á hora de adxudicar os arrendamentos, e así mesmo, pídese a inscripción no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).  “Nós sabemos que a Limia é unha comarca de forte produción agraria, que queremos que siga sendo así, ou que a pataca e o cereal son os fortes, pero tamén consideramos que favorecer outros modelos de produción é interesante. Por iso, entre as súas funcións, o GDR intenta poñer en práctica outras maneiras de producir, e amosar outras maneiras de ver o rural, ou outras maneiras de valorizar a actividade agraria e gandeira”, apunta. Estes terreos levan sen producir moito tempo. Son parcelas de alta calidade produtiva, libres de nemátodo e outras pragas, polo tanto, “é máis probable que se poidan producir cultivos en ecolóxico nesas parcelas que noutras que leven 20 anos producindo, por exemplo. Nós esperamos que haxa unha demanda para estes lotes”, aclara. De entrada, o perfil obxetivo destas terras é “unha persoa nova do territorio que queira producir horta en ecolóxico, aínda que se alguén quere facer producións de cereal, pataca ou cultivos que fomenten a recuperación do solo, pois tamén”, insiste a xerente do GDR.  Outro dos requisitos para formular a solicitude é a necesidade de presentar un plan de cultivo, cuxo cumprimento se revisará todos os anos. “Se se incumpren os acordos, o GDR poderá acordar a cancelación do contrato de cesión”, sinala.  Criterios de selección A convocatoria marca dous criterios principais á hora de puntuar as solicitudes: perfil da persoa demandante (40% da puntuación total), -con puntos adicionais se é nova incorporación, se é muller, se é unha persoa con discapacidade, etc.- e por outra parte o tipo de cultivo que se queira facer (60% restante).  En canto ó cultivo, o que máis prima é a produción de horta, logo o cereal autóctono, a introdución de novos cultivos mellorantes do solo, cultivos forraxeiros, e incluso prado (cuxo máximo será un 20% da superficie pola prioridade da iniciativa de producir alimentos de forma sustentable).  “Sabemos que moita xente da Limia está interesada nas parcelas, o que non sabemos, e esperamos que si, é se esas persoas están interesadas en producir en ecolóxico. Nos pensamos que é unha boa aposta incluso para aquelas persoas que produzan en convencional e que queiran probar outros cultivo neste modelo”, afirma Eva González. Por outro lado, do total de terreos, as fincas máis pequenas -hai algunhas de algo menos de 0,3 hectáreas- “probablemente non teñan interesados, polo que pasarán a ser xestionadas polo GDR para facer convenios con grupos de investigación e deixalas como parcelas de ensaio”, avanza. Finalmente, é necesario ter en conta que as persoas ás que se lle adxudican os terreos non poderán entrar nas fincas ata o 15 de agosto. Contratos de arrendamento A repartición en lotes das referencias catastrais cedidas pola Deputación fíxose en función dos canais que as separan, e os hidrantes dispoñibles para os sistemas de rego. Os demandantes poderán acceder ao aluguer dos terreos para a súa explotación individualmente ou por lotes, en función das súas necesidades. Para coñecer os lotes destinados ao arrendamento na Finca Antela é preciso ver o mapa. Localización dos lotes sobre plano catastral e ortofoto aérea. / Fonte: Aterra.gal As terras para aluguer terán un prezo duns 300 euros por hectárea e ano (IVE incluído). “Farase un contrato de arrendamento ante notario de 5 anos prorrogable a 8. Entre os custos, ademais do prezo establecido, os arrendatarios terán que facerse cargo dos custes de mantemento e gasto de auga para o sistema de regadío da súa propia parcela. Para iso, poñeráselle un contador a cada un deles, para que no momento da rega asuman os gastos de xestión da finca”, amplia a xerente. Imaxe dunha das tomas de hidrante dispoñibles nos lotes./ Fonte: Aterra.gal Adxudicación da sega da herba En canto ao procedemento para a sega de herba destes terreos da ‘Finca Antela’, será adxudicada á persoa que propoña a oferta económica máis vantaxosa, partindo a licitación en 3.500 euros. A persoa adxudicataria da licitación deberá realizar a sega entre o 15 de xuño e o 15 de agosto, data límite para deixar a terra libre para uso agrícola.
O proxecto Aterra Aterra é unha iniciativa do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia Arnoia que ten como obxectivo recuperar terra abandonada ou en desuso. O fin último é conectar persoas propietarias de terras con persoas demandantes de terra para o desenvolvemento ou ampliación do seu proxecto.   Esta iniciativa é parte fundamental da Estratexia de Desenvolvemento Local 2023-2027 deste GDR. Viu a luz a finais do 2022 e ten por obxectivo impulsar novos proxectos agrarios no territorio no que actúa. O Grupo de Desenvolvemento detectou a necesidade de crear un fondo de terras co obxectivo de dispoñer de parcelas produtivas que permitan apoiar novas explotacións agrarias ou o mantemento das que xa existen.  Para calquera consulta (ofrecer terras, demandar terras ou consultar as terras dispoñibles), pódese facer a través da web do proxecto, que incorpora un visor xeográfico de parcelas. Tamén se pode contactar co persoal de Aterra para resolver calquera dúbida.
  • Peza informativa elaborada coa colaboración comercial do GDR Limia - Arnoia

“O propietario forestal non debería deixar medrar de máis a madeira porque perdemos produción”

Galicia e o norte de España é unha zona referente na explotación forestal, e un punto de atracción para moitas empresas de desembosque, como a de Juan Carlos Lorca. Este andaluz onubense empezou como maquinista asalariado de Ence, e tras crear a súa propia empresa en Huelva, trouxo varios equipos de maquinaria ao norte para tentar asentar a súa actividade aquí. Hoxe en día segue traballando para Ence, con 12 traballadores e 10 máquinas ao seu cargo, aínda que non todas en funcionamento. Falamos con el para que nos conte as súas experiencias en dous lugares tan diferentes. Juan Carlos Lorca móstranos como se ve Galicia desde o sur. Poderíaste presentar e comentar onde estamos? Chámome Juan Carlos Lorca e estamos aquí no norte facendo unha explotación forestal. Montei unha empresa forestal hai bastante tempo e agora decidín integrarme un pouco no norte, entre outras cousas porque temos menos problemas que no sur.  Empezaches como autónomo, logo montaches a túa empresa, e agora estaste a asentar no norte. Poderíasnos comentar un pouco esa traxectoria? Os meus inicios foron hai 25 anos. Eu crieime nun pobo do centro de Huelva que se chama Valverde del Camino. Un pobo moi bonito, que ten ao redor moito forestal e moita plantación de eucalipto. Entón, eu crieime practicamente coñecendo o eucalipto desde pequeno, e sempre me chamou a atención o tema forestal. Rematei os estudos e entrei en varias empresas forestais facendo repoboacións, podas de alcornoques, etc., pero chegou Ence con forza, que xa daquelas era unha potencia e ségueo sendo no sur, e entrei en Ence, en principio como maquinista asalariado tras facer varios cursos de formación. Estiven catro ou cinco anos asalariado e Ence propúxome que comprase unha máquina, que me daba facilidades, e aí empecei de autónomo. Ofrecéronme varias máquinas pero elixín un autocargador pola sinxeleza, e tamén era máis económico. Unha vez pasaron outros catro ou cinco anos, íame ben, gustáballe a Ence como ía, e ofrecéronme máis máquinas. Foi entón cando comprei outra máquina, e xa contratei ao meu primeiro traballador, e así sucesivamente ata que a empresa se fixo un pouquiño máis grande e xa fixen unha SLU. A empresa chámase desemboque Juan Carlos Lorca, e desde fai xa bastante tempo seguimos agrandando a empresa. Temos 9 ou 10 máquinas máis ou menos, algunhas delas paradas porque se quedaron un pouco antigas, pero funcionan, e somos uns 11 ou 12 traballadores, repartidos entre o sur e o norte. Por suposto, no norte temos traballadores desta zona, e no sur igual, para evitar longos camiños e mellorar a comodidade. Si é verdade que no sur temos moitísimas restricións no verán e subimos no verán algúns equipos ao norte as restricións son provocadas pola alta calor, o alto índice de probabilidade de que haxa lume, e entón ao non facturar o que temos que facturar, Ence norte acóllenos aquí e botamos a tempada de verán.  Cales son as túas tarefas na empresa e como é a túa día a día? O meu día a día na empresa é como o de calquera xerente, é dicir, garantir que estea todo en orde, os papeis todos en regra, e mesmo garantir a seguridade, que é importantísima. Cando empezamos a traballar vemos a leira, xestiónoa, preparámola para que estea cómoda para os traballadores e vemos por onde empezamos. Logo, se hai avarías, xestiono as avarías, aínda que xa temos un mecánico contratado. Calquera problema que ocorra na empresa tócame a min, e en xeral, son o 'solucionador' de problemas. É dicir, a xestión administrativa, forestal e mesmo o resto de responsabilidades da empresa recaen sobre ti, non? Teño un mecánico contratado e as revisións fortes das máquinas fanas as casas. Igualmente, eu teño moitas máquinas e a casa vén e faime as revisións, as que son xerais, as que son de cada 500 horas normalmente facémolo nós. Despois temos a nosa empresa de prevención de riscos laborais, que nos revisan as máquinas e ponnos ao día no tema de seguridade porque nós temos que ir 120 % coa seguridade sempre ao día. Nese aspecto, temos que cumprir ou non traballamos; non cumprir coa seguridade implica non poder traballar. No ámbito forestal, as anécdotas seguramente poidan ser boas ou malas. Poderíasnos contar algunha? Hai moito pero vou contar unha curiosa que nos sucedeu no sur cambiando unha roda a unha autocargador, que basicamente se me foi rodando a un barranco e perdémola de vista, ou sexa, que non sabiamos onde estaba e estivo perdida varias semanas. E despois, tamén me ocorreron cousas non tan boas. Sufrimos moitos volcos ao longo de 25 anos; eu envorquei moitas veces, envorquei en Francia porque é complicado, tamén alí no sur varias veces, etc., aínda que con sorte non me fixen moito dano.  Igualmente, o máis desagradable que me pasou a min foi a morte dun traballador hai dous anos. Foi o primeiro traballador que tiven e morreu dun ataque ao corazón. Esa foi a experiencia máis desagradable que tiven na empresa, a falta dun compañeiro de traballo con tantos anos xuntos, e fai tan pouco tempo. E se quedamos coas boas, cal pode ser unha boa experiencia aquí? A boa experiencia é que eu sempre soñei que quería formar unha empresa máis ou menos grande, de empezar un monte e acabalo. Empecei con autocargadores, logo comprei as primeiras procesadoras, e iso permitiume empezar e acabar practicamente o monte. Entón, en parte, por iso cumpríuseme ese soño. Agora teño máis máquinas do que eu cría que podía ter e nese aspecto estou contento porque é unha cousa que me gusta.  Agora que traballas con varios equipos, en zonas do sur e do norte, como é o monte galego, ou o do norte en xeral, con respecto ao sur? Hai moitas moitas variacións do norte ao sur. Unha diferenza moi importante, que eu noto, é a continuidade.  Esa continuidade que lle damos ás máquinas fai que os números saian máis e mellores que no norte, como nesta leira, que é tan pequena que cando xa está a lle coller a dinámica á leira acabóuseche e tes que volver planificar outra, transportar, etc.  Despois outra das cousas que vexo no norte é sobre a cultura forestal. Por exemplo, aquí estamos en Asturias e cando se corta un monte, brota, e na maioría de casos non lle fan selección, quedando moita maleza, e os propietarios deberían dedicarlle máis recursos ao monte. Para isto, Ence Terra ten un departamento que axuda gratuitamente a todos os propietarios forestais a analizar a terra da parcela, a seleccionar a variedade máis apropiada ao terreo, e ademais danlle pautas de como dispoñer a plantación para facilitar futuros tratamentos silvícolas. Estas cuestións coidan e melloran a xestión forestal, podendo chegar a multiplicar por tres a produción.  Outra cousa que me atopei aquí é que hai montes que están sobredimensionados, e é unha cousa que non me cadra. A xente di ‘oe, eu teño teño un monte que mira que madeira ten, de 70-80cm e mira que altura’. Niso están totalmente equivocados, o eucalipto hai que cortalo cando a curva de crecemento xa empezou a dobrarse e aí, se son 9 anos, pois 9, e se son 12, 12 pero nunca deixar que se sobredimensione porque aumentamos o perigo ao caerse o eucalipto, e haino que tirar con motoserra, non o abarcan as máquinas, e é moi pesado, ten moitas ramas secundarias, entón as producións con eucalipto son máis baixas que cunha idade. E á hora de traballar con maquinaria, notas moita diferenza no terreo, con respecto ao sur? No sur a maioría dos terreos son aterrazados e traballamos a curvas de nivel. Preparamos a terraza pola que temos que ir, enchémola un pouco, ensanchámola, e por aí vai toda a madeira. Aquí practicamente non hai terraza, hai que traballar a máxima pendente. Por outra banda, alí é un monte máis ordenado; temos unha marquilla que respectan as anchuras das máquinas, e basicamente é máis fácil de traballar aínda que a madeira sexa máis feble. Nas producións que facemos alí, grazas á continuidade que ten a leira, a ordenación, e esa madeira que é longa fina pero non hai nada que interrompa no seu camiño, para o procesado é ideal cos cabezales que temos nós. E respecto diso, considera que o monte galego está ben mecanizado? Galicia é pioneira no tema de eucalipto, ou sexa, en Galicia está súper preparada co tema de maquinaria. Está moi avanzada. O que é a meseta galega, que é moi chaira, está moi ordenada porque o permite o terreo, e hai moi bos eucaliptos, pero a medida que baixamos cara á praia, están os terreos con pendente e xa hai máis dificultades de ordenación. Aínda así, as plantacións, as rozas e mesmo as tarefas silvícolas están moi en orde na maior parte do territorio, por iso Galicia está moi ben mecanizada porque eu creo que é pioneira en tema forestal. Como consideras que se poderían mellorar os accesos en Galicia? Agora mesmo os accesos aos montes en Galicia é algo complicado porque hai leiras e leiras. Eu creo que a clave está na concentración parcelaria, tanto para os dous propietarios como para nós. Eu creo que facer un monte e preparar un monte de media hectárea sen tocar os montes de ao redor, que igual non teñen a mesma idade, é unha cousa que chama moito a atención vindo do sur. Entón, cando eu vexo iso, a solución que vexo é a concentración parcelaria porque se unifican idades de eucalipto e agrándanse as leiras.  Por exemplo, se hai trinta leiras pois se cadra hai 30 hectáreas, e entón pódense facer os accesos máis longos, entradas e saídas máis concretas, con menos perigo, máis rápidas, que non meterse nunha zona onde hai que quitar media hectárea rodeada de monte. Eu creo que a base de todo é a concentración parcelaria, e que se unifiquen as idades do eucalipto. Vimos que traballas principalmente con maquinaria Ecolog, por que? Unha das miñas primeiras máquinas foi unha procesadora Ecolog e foi un salto bestial ao que nós tiñamos en Huelva. Non tiñamos máquinas como esas, tiñamos mixtas e máquinas convertidas en procesadoras, e en xeral, moi rudimentarias. Cando empecei a coller a Ecolog, as producións aumentaron, a facilidade de adaptación que ten coa nivelación ao terreo son espectaculares, por exemplo, nunha pendente non fai falta dar marcha atrás e volver empezar desde abaixo senón que podes darche a volta na pendente perfectamente. É unha máquina que sempre me encantou.  Ademais, eu cando compro unha máquina sempre vexo que teña un servizo técnico preto e de boa calidade, e o servizo que temos de Ecolog en España agora mesmo é moi bo. Nós pedimos as pezas a Huelva e ao día seguinte témolas sen ningún problema. Teño varios procesadores Ecolog e varios autocargadores, en Huelva teño a 94, que é moi grande, téñoa alí porque aquí non entraría en moitos montes por anchura, e tamén teño as 574 que de anchura van ben para este contexto, e son ideais porque á parte de ter un bo servizo, teñen un consumo diario moi baixo. Entón, con que puntos fortes quedarías? A versatilidade que ten para adaptarse ao terreo seguramente sexa do mellor. Xa dígoche que a nivelación e adaptación das patas fai que ti che sintas máis seguro na máquina. Se tes algún problema de que poidas envorcar, podes repartir o peso e tentar que non envorque a máquina. En definitiva, o nivelado achega comodidade, e sobre todo seguridade no traballo. E en canto cabezal, tamén utilizas a gama de LogMax? Eu teño un cabezal de LogMax que ten 30.000 horas e está a funcionar aínda, ou sexa, que se vas repondo pezas que se gastan non hai problema ningún. Aínda que está deseñado para piñeiro pero pela perfectamente o eucalipto. Teño o 5000, teño o 6,000, etc, pero aquí no norte os 5000 van moi ben, con todo no sur, cando chegamos ao verán, cústalle pelar a calquera cabezal porque hai dous paros vexetativos nos que a cortiza se agarra moito á madeira e costa moito pelar.  Xa digo, aquí no norte vai de marabilla, ten unha tecnoloxía controlable, fácil e adáptase moi ben aos tipos de madeira. Ademais é cortito e pasa ben os paus con curva. En definitiva, para min é un dos mellores cabezales que existe. Como ves o futuro da madeira no ámbito galego? No norte, falar sobre o futuro da madeira é complicado porque cando tes tanta superficie cunha especie que non é autóctona sempre temos moitísimos problemas. Non hai unha especie de crecemento rápido que convive perfectamente con outras especies, e o eucalipto sempre se criticou bastante. É un tema complicado e unha pregunta complicada. Igualmente, eu creo que si sairá sairá porque move moito diñeiro.  Hai que esperar que mellore co tempo e coa xestión das leiras. Cando a xente vexa que ten unha parcela pequena e que produce bastante, eu creo que tirará bastante pero para iso teñen que ter unha mentalidade silvícola. Ao final, non é o mesmo facer unha finca correctamente plantada e rozada, con tocóns visibles e accesibles, que unha parcela que non está feita desta maneira. Ademais de ser moito máis segura e máis rápida tamén mellora a produción. E nestes momentos, que plans de futuro tes? Agora mesmo estounos xerando. Os meus plans de futuro hai un ano eran montar unha empresa aquí no norte, e xa os teño feitos; agora estou a me adaptar. A min sempre me gustou empezar e acabar un monte, e agora, a única máquina que me fai falta é a empacadora. Entón o meu proxecto de futuro nesta zona vai ser estabilizarme aquí e ir a pola empacadora para deixar os montes libres de polas. Que fai Juan Carlos no seu tempo libre? Eu teño pouco tempo, pero o pouco tempo que teño por suposto dedícollo á familia e a algúns hobbies, moi conectados coa natureza e o monte, pesca, sendeirismo, etc. Fago un pouco de todo, todo relacionado con iso, pero ao final coincídeme un fin de semana e queda curto, aprovéitoo principalmente para estar cos nenos, e vou pescar con eles ou algo así.

O Sindicato Labrego demanda medidas de apoio para as granxas que teñan que facer un baleirado sanitario

A posibilidade dun baleirado sanitario é unha das cuestións que maior preocupación xera na meirande parte de persoas gandeiras. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) estima unha perda de 800€ por cada animal sacrificado, e fai fincapé “non só na perda económica senón no impacto emocional” polo que reclaman “un maior apoio da administración nestes casos”. “Como visibilizamos fai un mes, estamos seguindo de preto e proporcionando apoio a unha granxa do concello de Manzaneda (Ourense) que se atopa ás portas dun baleirado sanitario previsto para finais desta semana.  A calquera granxa lle pode pasar e en calquera momento, inda que se cumpran tódalas medidas hixiénico-sanitarias. No caso por exemplo da tuberculose, a doenza está aí, encapsulada, de forma latente, e unhas condicións ambientais favorables poden desencadear o seu desenvolvemento”, sinalan desde o SLG. No caso desta granxa de Manzaneda as perdas previstas ascenderán a uns 32.000 euros, “e as axudas prometidas de reposición e lucro cesante non cobren a perda total da explotación, sendo a eliminación de todo o gando da explotación de obrigado cumprimento. É dicir, toda a ilusión e aforros dunha vida invertidos nesta explotación de vacún de carne de alto rendemento esvaeceranse nun abrir e pechar de ollos”, expresan. “Ao mesmo tempo, as persoas titulares das granxas deben de ocuparse elas soas de repoñer animais con cualificación sanitaria apta, volvendo a adaptar os animais novos ao manexo da granxa, e logo agardar unha media de 2 anos para ter a explotación a pleno rendemento”, detallan desde osSindicato. Segundo a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, a doenza da tuberculose bovina está totalmente controlada, cunha prevalencia do 0,1%. Neste sentido, dende o SLG  lembran que “cando se produce un destes casos, nas comunidades autónomas próximas á Galicia adoptaron dende hai tempo medidas profilácticas para as explotacións, ao considerar que era imposible erradicar a tuberculose bovina, prefirindo manter unha cualificación sanitaria inferior, e deste xeito eliminar tan só aos animais afectados e evitar a morte innecesaria dos animais sans, provocando unha perda económica menos gravosa e emocionalmente máis levadeira”. “Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos que a Xunta de Galicia debería activar medidas de apoio as gandeiras e gandeiros afectados que permitan repoñer os animais sen custo para estes, e que deste xeito se recuperen o máis rápido posible evitando no posible os prexuízos causados”, reclaman. Á súa vez, tamén reclaman “unha maior sensibilidade e empatía por parte da Administración para facerse cargo do duro que é para as gandeiras e gandeiros recibir unha notificación de baleirado sanitario, persoas que se ven soas e impotentes, coa perda de todos os animais que forman parte da familia dende hai moitos anos e que lles vai a supor unha perda económica moi importante que pode comprometer as súas vidas”.

Unha ampla mostra de viños galegos teñen presenza na feira do viño internacional Prowein

O salón de viños internacional Prowein celebra dende onte luns unha nova edición neste 2024 coa presenza de 16 adegas galegas en representación das cinco Denominacións de Orixe galegas, facéndose oco nesta cita internacional. Esta edición desenvolverase ata mañá na cidade alemá de Düsseldorf, cun programa deseñado pola Xunta de Galicia para impulsar a repercusión comercial da delegación galega. Hoxe continuarán desenvolvéndose as actividades organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, deseñadas co fin de reforzar a repercusión comercial da presenza da comunidade nesta feira, incluíndo visitas guiadas polo espazo de Galicia dirixidas a pequenos grupos de profesionais alemáns do sector da hostalería, distribución e xornalismo. No percorrido enogastronómico amosarase a influencia dos climas, solos e variedades autóctonas que caracterizan e definen a calidade dos viños galegos. Durante a xornada de onte, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos, asistiron á feira para dar o seu respaldo institucional. Nesta cita “é vital estar nesta feira todos xuntos, facendo referencia ao noso territorio. Porque ademais de traballar para seguir potenciando o cultivo de viñedo, recuperar zonas históricas, seguir crecendo en termos de produción e facturación... apostamos por converter Galicia nun referente do turismo enolóxico, e captar a visitantes a través de todo o bo que estamos a facer no territorio”, remarcou o conselleiro. Ademais de estar no espazo de Galicia, o conselleiro José González visitou os ‘stands’ doutras comunidades autónomas con presenza en ProWein, como A Rioxa, Valencia ou Murcia, definindo a presenza da Xunta nesta “feira referencial para o sector a nivel global” coma “un exemplo máis do potente compromiso da Xunta co viño galego, e que vai a máis”, sinalou. Así mesmo, no contexto desta cita o titular do Medio Rural fixo referencia “a concesión de 11,5 millóns de euros na convocatoria do 2023 para mellorar a competitividade do sector”, e do mesmo xeito fixo referencia do enclave estratéxico que supón o viño galego.  Neste contexto, “o Consello da Xunta deu conta de razón a semana pasada da resolución anual da liña de elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas (6,5 millóns) e de promoción en terceiros países (1millón). E o pasado 16 de febreiro publicouse no DOG a resolución da liña anual para reestruturación e reconversión de viñedo, dotada con outros 4 millóns de euros”, aproveitaron para sinalar desde a Consellería.

Contribute ibN: O primeiro bioestimulante microbiano con rexistro europeo de Alltech Crop Science

Alltech Crop Science enorgullécese de anunciar a recente obtención do rexistro europeo para o seu innovador produto, Contribute® ibN, un bioestimulante microbiano para plantas. Este fito representa un paso significativo no compromiso continuo da compañía coa excelencia na investigación e o desenvolvemento de solucións sustentables para a agricultura, impulsando o seu propósito global de Traballar xuntos por un Planeta de Abundancia.  

Esta tecnoloxía de vangarda orixínase da fermentación en estado sólido de Azospirillum brasilense CECT 9381, unha cepa exclusiva patentada, que destaca polas súas capacidades para mellorar o crecemento dos cultivos, optimizar a eficiencia no uso do nitróxeno e promover a sustentabilidade ambiental ao reducir o uso de fertilizantes minerais. 

Contribute® ibN é unha solución valiosa para os agricultores que buscan elevar as súas prácticas agrícolas. Deseñado para promover o desenvolvemento das plantas, o engorde e mellorar a calidade da produción final, este bioestimulante foi rexistrado e demostrado ser efectivo en diversos cultivos, incluídos os hortícolas, leñosos e extensivos. 

Contribute® ibN conta cunha alta concentración que supera os requisitos legais por unha marxe considerable, o que ofrece unha eficiencia superior cunha menor dosificación. 

Pedro Navarro, general manager de Alltech Crop Science Europe destaca que “este rexistro proporciona unha excelente oportunidade para amosar os beneficios que nos pode achegar o uso de microorganismos na agricultura e como o seu adecuado uso e manexo axúdanos a mellorar a fertilidade dos chans, incrementado os rendementos produtivos e de calidade dunha forma sustentable”. 

O proceso de fermentación en estado sólido garante estabilidade, facilidade de conservación e unha vida útil de dous anos, diferenciándoo doutros produtos existentes no mercado, sobre todo dos de formulación líquida. 

Contribute ibN é o resultado das capacidades de investigación, desenvolvemento e rexistro ampliadas que chegaron coa integración de Ideagro en Alltech Crop Science a principios do ano pasado. Esta integración mellorou a tecnoloxía de fermentación de precisión pioneira que Alltech Crop Science opera, que implica o deseño e enxeñaría de microorganismos beneficiosos, como bacterias ou fungos, dentro dun proceso e condicións controlados para produtos agrícolas específicos. 

“A nosa tecnoloxía de fermentación de precisión representa un avance significativo na produción agrícola, ofrecendo métodos sustentables e eficientes que apoian de maneira efectiva a redución do impacto ambiental asociado coa agricultura tradicional”, comenta Pedro Palazón, CEO de Ideagro e director global de i+d de ACS. “Ademais de reducir o devandito impacto, tamén responde aos crecentes desafíos de seguridade alimentaria, mentres promove o desenvolvemento dun sistema alimentario máis eficiente en recursos e sustentable a longo prazo”. 

Alltech Crop Science dedícase a impulsar a sustentabilidade na agricultura, e o rexistro recentemente obtido eleva as súas solucións como unha alternativa biolóxica óptima para a produción ambientalmente responsable e sustentable. Isto marca un paso significativo cara á promoción de métodos de produción de cultivos máis naturais, aumentando a capacidade da empresa para proporcionar aos agricultores anos de investigación, innovación e coñecemento agronómico para minimizar o uso de insumos químicos e aproveitar os beneficios de tecnoloxías naturais avanzadas. 

Para coñecer máis sobre solucións e programas nutricionais á medida do seu negocio visita: https://www.alltech.com/es-es/agricultura  

Últimas prazas para a xornada formativa sobre a produción de leite en ecolóxico

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) organiza o vindeiro xoves,  14 de marzo, unha xornada online dedicada á produción de leite ecolóxico, de 09:30 a 14:30 horas. Os diferentes ponentes abordarán as oportunidade de negocio deste sector así como os requisitos e tendencias actuais de mercado. A asistencia require dunha inscrición gratuita que pode formalizarse a través deste cuestionario. Para máis información pódese chamar ao 981 58 47 83. As intervencións correrán a cargo de entidades e cooperativas con experiencia na produción, compra e transformación de leite ecolóxico, e ademais contarán cun representante do CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia) para explicar a cualificación como explotación ecolóxica e tendencias de mercado, e cun consultor que explicará o rol da gandería ecolóxica na conservación ambiental e da biodiversidade. Esta acción formativa enmárcase nun ciclo de xornadas formativas que suma un total de 12, cada unha delas dedicada a unha oportunidade de negocio. “Os obxectivos do ciclo son explicar as vantaxes e oportunidades do emprendemento cooperativo, especialmente en cooperativas agrarias, de explotación comunitaria e de traballo asociado; promover o coñecemento de novas producións agrarias e gandeiras en ámbitos agroalimentarios de interese crecente en Galicia como oportunidades de negocio; impulsar a xeración de emprego cooperativo nos procesos de produción agraria e/ou gandeira e fomentar a fixación de poboación no rural na contorna das cooperativas”, amplían desde AGACA.

Programa

09:30 – Conexión e benvida a participantes. Higinio Mougán. Director-xerente de AGACA. 10:00 – Produción de leite ecolóxico: cualificación da explotación e tendencias de mercado. Javier García. Secretario técnico CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia). 10:45 – A gandería ecolóxica e a conservación ambiental e da biodiversidade. José L. González. Consultor independente. 11:15 – Granxa Codesal: unha longa experiencia de premios en produción de leite ecolóxico. Ángel Rivas. Gandeiro en Exceleite. 11:30 – Breve descanso. 11:45 – O acceso aos pensos ecolóxicos: mercado. Rafael Pardo de Andrade. Veterinario en Campoastur. 12:15 – A valorización do leite ecolóxico en Cobideza: situación e tendencias. Román Santalla. Presidente de Cobideza. 12:45 – A Cernada: o salto da produción de leite á comercialización. Ana Corredoira. Gandeira. 13:15 – Casa Grande de Xanceda: O segredo do éxito en leite ecolóxico. Guillermo Martínez. Xerencia Casa Grande de Xanceda. 13:45 – O consumo de leite ecolóxico en España. José Sáez. Director de compras en Lactalis. 14:15 – Conclusións, comentarios finais e clausura da xornada. Higinio Mougán. Director-xerente de AGACA. 14:30 – Fin da xornada.

27 viños da D.O. Valdeorras participan en Alemaña na feira Prowein 2024, un referente en Europa

A cidade alemá de Düsseldorf é a nova parada promocional dos viños de Valdeorras, que estes días poden degustarse nunha das máis prestixiosas feiras europeas do sector: Prowein. Un ano máis, o Consello Regulador volve participar neste foro dando a coñecer ata 27 referencias diferentes da comarca, 19 brancas e oito tintas. Prowein é un dos salóns europeos con máis arraigo no continente para a promoción de viños de diferentes territorios amparados. A pasada edición desta feira, celebrada no ano 2023, contou con máis de 49.000 visitantes e a organización prevé aumentar a cifra neste ano. O Consello Regulador da D.O. Valdeorras participa nesta feira da man da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), xunto a outras denominacións de orixe vitivinícolas galegas e “baixo o formato dun túnel do viño”, tal e como indica o presidente do organismo, José Ramón Rodríguez Castellanos. Máis de 6.000 expositores participarán neste salón no que a D.O. Valdeorras terá presenza cun túnel do viño de seu, no que diferentes grupos de interese e públicos especializados poderán coñecer e degustar algunhas das referencias máis sobranceiras da comarca. “Tras a nosa participación en Vinexpo, na capital de Francia, achegámonos un ano máis ata Alemaña, parada obrigatoria para todo o sector do viño europeo. A nosa intención de promocionar os brancos e tintos da comarca, máis alá das nosas fronteiras, é un dos obxectivos prioritarios para o Consello Regulador que, neste 2024, ten planificada unha intensa axenda de difusión en distintos foros nacionais e internacionais”, conclúe Rodríguez Castellanos.