Agroalimentación

Aumenta un 68% o número de niños de Vespa Velutina retirados ou inactivados en Galicia

O 112 e o 012 atenderon case 20.000 avisos por este insecto, converténdose na terceira incidencia do servizo de emerxencias da Xunta de Galicia por detrás dos avisos sanitarios e de seguridade cidadá. En relación co 2015, o número de niños retirados ou inactivados creceu este ano un 68,4%, pasando dos 5.045 do anterior exercicio aos case 8.500 de 2016

20/12/2016 12:39 p.m.

Ao longo de 2016 retiráronse ou inactiváronse en Galicia un total de 8.496 niños de Vespa velutina, dentro do plan de vixilancia e control deste insecto invasor. As diferentes administracións e unidades que participan neste plan -Xunta e concellos- atenderon no que vai de ano un total de 19.246 avisos a través dos teléfonos 012 ou 112, converténdose na terceira incidencia do servizo de emerxencias da Xunta de Galicia por detrás dos avisos sanitarios e de seguridade cidadá

Estes datos foron avaliados este martes na xuntanza da Comisión de Seguimento deste plan, na que participaron a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor. Estiveron tamén representantes da Consellería de Sanidade e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que participan, ademais, no devandito plan.

Medra un 68,4% o número de niños de vespa asiática retirados ou inactivados

En relación co 2015, o número de niños retirados ou inactivados creceu este ano un 68,4%, pasando do 5.045 do anterior exercicio aos case 8.500 de 2016. Por provincias, a incidencia da velutina segue a ser máis destacada no litoral atlántico. Así, na Coruña os niños retirados ou destruídos foron 11.253 e en Pontevedra 5.194, mentres que en Lugo a cifra foi de 2.336 e en Ourense de 463. Non obstante, aínda están pendentes de pechar algo máis de 5.800 avisos, co que a cifra final incrementarase.

 “A vespa asiática segue expandíndose por Galicia”

A vespa velutina foi detectada por primeira vez en Galicia no 2012. Desde febreiro de 2014 está en marcha o plan de vixilancia e control que coordina a Xunta de Galicia. Ao abeiro deste plan, lévanse a cabo as referidas accións contra os niños desta especie, así como actividades de formación do persoal, dotación de medios, información á cidadanía e investigación sobre o comportamento do insecto na nosa comunidade, entre outras.

O mapa comparativo dos niños detectados en 2015 e 2016 amosa unha expansión da vespa asiática ao longo da franxa costeira galega e tamén cara ao interior de Lugo e Ourense. Os representantes da Xunta e dos concellos coincidiron en que é imposible erradicar a especie e eliminar todos os niños. “A Vespa Velutina veu para quedarse en Galicia, pero mediante a coordinación entre as distintas administracións e coas universidades podemos seguir mellorando a loita para reducir o seu impacto”, subliñou Belén do Campo.

¿Como se reparte a retirada dos niños entre as administracións?

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias explicou que a vixilancia e control da velutina en Galicia faise de acordo co seguinte reparto: os concellos que colaboran actualmente son 97 en toda Galicia (39 na Coruña, 17 en Lugo, 18 en Ourense e 23 en Pontevedra), un número que se prevé que se incremente no próximo ano. Os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) encárganse da retirada de niños en 126 concellos. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio actúa en 21 concellos e a Consellería do Medio Rural nos restantes 70 municipios.

Actividades de formación e reparto de material para retirar os niños

No eido da formación, durante o 2016 celebráronse un total de 28 xornadas e cursos, nos que participaron preto de 1.000 técnicos das diferentes unidades. Canto aos medios empregados para a loita contra este insecto, Medio Rural entregou este ano 2.100 trampas e botes de líquido atraente aos apicultores dos concellos afectados, co obxecto de realizar o trampeo de primavera, destinado á recollida de raíñas tras a súa hibernación. Cada raíña capturada supón un niño menos na tempada seguinte. Esta entrega únese ás 3.000 trampas e botes de líquido atraente xa entregadas aos apicultores no 2015.

Por outra banda, a Xunta distribuíu 436 equipos de protección individual fronte á velutina ao persoal que participa no plan. Destes, 335 foron cedidos por Vicepresidencia, 68 por Medio Rural e 33 pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Ademais, distribuíronse un total de 73 pértegas para a retirada de niños.

No ámbito da divulgación, Medio Rural elaborou e distribuíu 60.000 folletos informativos e 1.700 carteis sobre a velutina, aos que cómpre engadir os 124.000 folletos encartados na prensa escrita das zonas afectadas.

Por outra banda, a Consellería de Sanidade tamén facilitou información aos seus profesionais acerca dos efectos sobre a saúde desta vespa, a través dun boletín específico.

Investigación

No que respecta á investigación, estanse reforzando os contactos coa comunidade científica e coas universidades galegas para mellorar o coñecemento sobre o ciclo biolóxico e o comportamento deste insecto, así como para revisar os métodos de prevención e control, desenvolver un sistema de alerta temperá, avaliar métodos de captura de exemplares, etc.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, incidiu neste aspecto e avanzou que nos próximos meses reunirase o equipo de investigación sobre esta especie das Universidades de Santiago e Vigo, para buscar unha liña de traballo efectiva, para combater esta especie invasora e eliminar ou minimizar os danos que está a producir.

Recordou que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural atende a un total de 21 concellos, aqueles con máis dun 10% da súa superficie declarada como Rede Natura, e –ata o momento- procedeu a retirar máis do 70% dos niños dos que se ten aviso, a través do operativo posto en marcha para tal efecto.

Etiquetado
Ir a la portada