Desenvolvemento rural

Augas de Galicia requírelle a gandeiros a plantación de ameneiros á beira de regatos

O organismo, dependente da Xunta, insta a produtores da provincia da Coruña a manter unha franxa de 5 metros sen traballar na marxe dos cauces fluviais. De facer caso omiso da petición, as ameazas de sanción son de 2.000 euros

Campo Galego 30/05/2019 11:56 a.m.

Gandeiros de diversas comarcas da provincia da Coruña recibiron nos últimos meses ameazas de sanción por parte de Augas de Galicia. O organismo, dependente da Xunta, está a requerille ós produtores que planten ameneiros ou freixos á beira dos regatos, deixando 5 metros sen traballar nas terras agrarias que están nas marxes dos cauces fluviais. Unións Agrarias, que está a asesorar na presentación de recursos a gandeiros afectados, advirte de que os requerimentos de Augas de Galicia “non teñen pés nin cabeza”.

Os escritos que lle enviou Augas de Galicia a gandeiros de concellos como Santa Comba, Mazaricos, Rois ou Arzúa instan a deixar unha franxa de 5 metros sen traballar nas terras de labor situadas ó carón de regueiros. Os requerimentos acompáñanse de fotos, tomadas en inspeccións de campo, coas que o organismo trata de acreditar a existencia de arrastres de terras cara as augas ou a posibilidade de que exista a aplicación de fitosanitarios preto dos regatos.

"Non hai ningunha normativa que impide traballar prados e terras de labor ata a beira dos regatos" (Óscar Pose, Unións Agrarias)

En consecuencia, Augas de Galicia insta ós produtores a plantar ameneiros ou freixos á beira dos regatos, permitíndose incluso nalgúns casos enviarlle ós produtores unha planilla con indicación do número de pés a plantar e do marco de plantación a seguir. De non adoptarse as medidas solicitadas, as ameazas de sanción ascenden a 2.000 euros, segundo advirte Unións Agrarias.

A organización agraria considera que esta situación é “un despropósito” e pide que Augas de Galicia poña orde e criterio entre os seus funcionarios. “Non hai ningunha normativa que impida traballar os cultivos ata a beira dos regueiros. Pódese cortar a herba sen problema ata a beira” -explica Óscar Pose, de Unións Agrarias-. “A Xunta baséase en que supostamente podería existir algún vertido indirecto ó río pola aplicación de produtos fitosanitarios, pero non aporta ningunha proba, coma análises de solo ou augas, que sosteñan esas acusacións”, cuestiona Pose.

Condicionalidade da PAC
Unións lembra ademais que só os gandeiros sometidos á normativa de condicionalidade das axudas da PAC están obrigados a deixar unha franxa de 5 metros sen aplicar produtos fitosanitarios. “É unha cuestión de boas prácticas, pero non hai ningunha normativa que impida que un produtor que non percibe axudas da PAC poida aplicar fitosanitarios no seu prado ata a beira dos regatos, pois hai produtos fitosanitarios que especifican no seu etiquetado que non causan danos no medio fluvial”, sinalan en Unións.

Desde a perspectiva de Unións, nos apercebementos enviados por Augas de Galicia hai ou ben “un exceso de celo dalgúns funcionarios” ou “un afán recaudador”. A organización agraria insta a Augas de Galicia a poñer orde e criterio entre o seu equipo.

[caption id="attachment_90964" align="aligncenter" width="660"] Fragmento do escrito de Augas de Galicia recibido por un dos afectados.[/caption]

Etiquetado
Ir a la portada