Carne

As asociacións de razas autóctonas celebran en Fontefiz as súas asembleas xerais

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 27/09/2019 9:11 p.m.

As asociacións de razas autóctonas celebraron esta mañá as súas asembleas xerais no Centro de Recuperación de Recursos Zooxenéticos de Fontefiz, en Coles (Ourense). As xuntanzas reuniron a máis dun cento de criadores de toda Galicia que, ó longo de boa parte da mañá, debateron sobre asuntos de interese dos colectivos.

A sesión foi clausurada a mediodía polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, aínda que inicialmente estaba previsto que acudise o conselleiro de Medio Rural, José González. De feito, a participación do conselleiro xa motivara que algúns gandeiros amosasen a súa vontade de trasladarlle directamente algunhas cuestións claves para estas ganderías e que preocupan ós criadores, como é a incógnita sobre a prórroga das axudas agroambientais ou a falta de terras por mor de plantacións forestais.

Balseiros aproveitou a súa visita ó centro para destacar tanto o labor deste como dos criadores de razas autóctonas, xa que traballan por fomentar a conservación e posta en valor deste tipo de razas adaptadas ó territorio galego. O director xeral indicou, ademais, que este labor é ben comprendido pola consellería, segundo evidencian os diferentes plans de apoio a estas entidades, á par que se comprometeu a seguir manténdoos.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Como peche da xornada tivo lugar a inauguración da exposición fotográfica sobre razas autóctonas españolas do fotógrafo José Barea baixo o título de Bestiarium. Balseiros destacou que a mostra, na que ademais hai unha importante presenza de animais de razas galegas, pon en valor e contribúe á difusión do patrimonio gandeiro. Un aperitivo a base de produtos de razas autóctonas marcou o final da sesión e posibilitou un encontro distendido entre criadores.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada