Así se reparten as grandes adegas galegas as axudas da Xunta para elaboración e comercialización do viño

15/02/2023 11:51 a.m.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas resolucións polas que se dá publicidade ás axudas concedidas para investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, por un lado, e para a execución de medidas de promoción do viño galego en mercados de terceiros países, correspondentes ambas á convocatoria de 2022.

Ao igual que sucede en anos anteriores, as grandes adegas, con maior capacidade produtiva e financeira, e sobre todo da Denominación de Orixe Rías Baixas, son as grandes beneficiarias destas axudas.

No primeiro caso -axudas para elaboración e comercialización- son 32 os beneficiarios, cunha achega total que suma máis de 2,4 millóns de euros. Estas subvencións van dirixidas ás empresas e organizacións de produtores vitivinícolas, asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica e organizacións interprofesionais.

Apóianse os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria ou equipamentos e a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas.

Terceiros países

En canto ás axudas para accións de promoción en mercados de terceiros países (fóra da UE), os beneficiarios nesta convocatoria foron 19, que recibiron unha achega total de máis de 1,2 millóns de euros.

Ao abeiro destas achegas, as accións e actividades de promoción que se poden desenvolver son todas aquelas nas que se dean a coñecer as características dos viños con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, así como os viños varietais. Entre as accións promocionais destacan campañas publicitarias, misións comerciais, promocións en puntos de venda, catas, feiras, presentacións de produto, xornadas, seminarios ou degustacións.

Enlace á resolución no DOG (axudas para elaboración e comercialización):
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230215/AnuncioG0426-070223-0003_gl.html

Enlace á resolución no DOG (axudas para promoción en terceiros países):
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230215/AnuncioG0426-070223-0002_gl.html

Ir a la portada