Así se monta nunha semana a estrutura dunha vivenda en madeira

Un vídeo timelapse recolle a montaxe dunha vivenda unifamiliar en Ames construída con piñeiro galego. A obra vén de ser visitada polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, que a puxo como exemplo da calidade e sustentabilidade que pode aportar a marca Pino de Galicia

Campo Galego 16/02/2022 2:42 p.m.

En Biduído (Ames, A Coruña), estase a montar a primeira vivenda feita con madeira de piñeiro galego co estandar passivhaus. O proceso de montaxe da estrutura, elaborada con madeira contralaminada (CLT), durou unha semana. O seguinte vídeo recolle nun ‘timelapse’ de dous minutos todo o proceso.

A vivenda foi proxectada por Marta Trigás, con enxeñería de Escuadría, construcción de Edm Casas e dirección de obra de Alce arquitectura técnica. A madeira contralaminada procedía de Xilonor e tamén se empregou madeira maciza para entramado de Hijos de Ramón Rubal.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, visitou onte a obra, á que puxo como exemplo de construción sustentable e de calidade feita con madeira local. Esta vivenda está apoiada ademais pola liña de axudas da Xunta para fomentar o uso da madeira na construción, unha liña que no último ano contou cun orzamento de 1,6 millóns de euros, cos que se apoiou a construción de 89 vivendas e 19 locais comerciais.

A casa unifamiliar de Biduído destaca polo uso do estándar Passivhaus, un sistema de construción que garante unha alta eficiencia enerxética, diminuíndo nun 75% as necesidades de calefacción ou refrixeración.

Conde destacou que esta vivenda é “a mellor abandeirada posible da marca Pino de Galicia, que é unha garantía de trazabilidade, calidade e sustentabilidade, tres vantaxes competitivas que definen ó sector forestal é a cadea da madeira de Galicia”.

Este artigo recolle as opinións das empresas implicadas na obra.

[caption id="attachment_164670" align="aligncenter" width="660"] Visita do conselleiro de Economía á vivenda.[/caption]

Etiquetado
Ir a la portada