Noticias de empresa

Así funcionan as 30 compactadoras forestais de Greenalia que procesan 500.000 toneladas de biomasa en Galicia

A firma galega Greenalia aposta por empregar a compactadora forestal Monra ENFO-2000 para procesar os restos de biomasa das plantacións. Con 30 destes equipos repartidos por toda Galicia procesan cada ano preto de 500.000 toneladas de biomasa

Campo Galego 08/02/2021 12:27 a.m.

A xestión dos restos forestais que quedan trala corta dunha plantación (ramas, cortizas...) é hoxe en día unha parte máis dos traballos de silvicultura. Mentres que durante anos estes restos se consideraban residuos, agora comezan tamén a verse como un recurso máis do monte. Pero, como se xestiona esta biomasa para o seu aproveitamento?

Un dos destinos desta biomasa residual das cortas é empregala para a produción de electricidade e neste labor é fundamental contar con equipos axeitados que faciliten o procesado da biomasa, tal e como indican dende Greenalia, unha das principais empresas que está a utilizar os restos forestais para este fin na súa planta de Curtis-Teixeiro (A Coruña).

Para empregar esta biomasa, en Greenalia optan por compactala no monte, para o que contan con 30 unidades compactadoras forestais Monra ENFO-2000, fabricadas pola empresa asturiana Talleres Ramón Castro S.L. A maior parte destas compactadoras están traballando en plantacións das provincias de Lugo e A Coruña. “A xestión desta biomasa é un xeito de converter un residuo en enerxía, creando valor na cadea e emprego de calidade no eido rural”, apunta David Vila, responsable de xestión de biomasa da empresa galega.

A compactadora forestal ENFO-2000

En Greenalia optaron pola compactadora Monra ENFO-2000 polas prestacións que ofrece esta máquina, única a nivel mundial. “Estas compactadoras optimizan tódolos procesos da cadea de subministración, dende a recollida ata a xestión na planta de biomasa de Curtis-Teixeiro”, apunta Vila. De feito, o sistema de prensado e atado que utiliza esta máquina permítelle compactar os restos das cortas ata un 80% do seu volume inicial, o que lles facilita tanto o seu manexo como o transporte ata o destino final.

A compactadora forestal ENFO-2000 permite compactar os restos de corta ata un 80% do seu volume inicial, o que facilita o seu manexo e transporte

Estes equipos para compactar foron pensados e están adaptados ás esixencias do sector forestal, onde é habitual traballar en pronunciadas pendentes e atoparse con terreos difíciles. Os seus fabricantes destacan o deseño robusto, compacto e funcional, así como o emprego de materiais de alta calidade na súa fabricación, o que permite utilizalas naquelas zonas máis desfavorables sen ningún tipo de restricións en canto á lonxitude do fardo ou ó tipo de madeira que estean a procesar.

[caption id="attachment_135958" align="aligncenter" width="660"] A gran adaptación a terreos difíciles que amosa a compactadora forestal Monra ENFO-2000 é unha das súas principais vantaxes. // Foto: Greenalia.[/caption]

A unidade niveladora, composta por 2 potentes cilindros hidráulicos controla a nivelación da compactadora en terreos con costas pronunciadas. Dispón tamén dunha unidade alimentadora equipada con 4 rolos (2 horizontais e 2 verticais) con rascadores para evitar os atrancos de material e que ó mesmo tempo lle proporcionan un gran potencia de tracción.

Ademais, esta compactadora está pensada para poder ser acoplada e desacoplada con facilidade e rapidez ó vehículo base, mediante un sistema de enganche rápido hidráulico. Trátase dun sistema de acoplamento opcional, pero que ofrece un uso máis áxil da compactadora, unha mellora que a fai moito máis manexable no día a día.

[caption id="attachment_135964" align="aligncenter" width="660"] A maior parte das pacas forestais son de biomasa de eucalipto e piñeiro. // Foto: Greenalia.[/caption]

Xestionar 500.000 toneladas de biomasa

Desde que a súa planta de Curtis-Teixeiro comezou a funcionar a mediados do pasado ano, en Greenalia están a xestionar arredor dunhas 500.000 toneladas de biomasa ó ano. Boa parte desta biomasa procede do empacado e da retirada dos restos de corta, de aí que sexa fundamental contar cun importante número de compactadoras. Na actualidade, só coas compactadoras están a traballar unhas 60 persoas, todas elas das zonas rurais nas que se desenvolven os traballos. Porén, en toda a cadea de subministración traballan directamente preto de 150 empregados.

Cada unha das compactadoras forestais Monra ENFO-2000 consegue unha produción dunhas 20.000 toneladas ó ano. A maior parte das pacas forestais son fundamentalmente de eucalipto e piñeiro. “As plantacións de eucalipto son as que máis biomasa residual xeran”, explican dende Greenalia.

“As pacas de biomasa que facemos teñen unha medida e peso óptimos para adecuarse ós medios loxísticos e de carga e descarga”: David Vila, responsable de biomasa de Greenalia

Estas compactadoras tamén lle permiten obter unhas pacas de biomasa fáciles de transportar e xestionar. Adoitan elaborar pacas cunha lonxitude de 2,50 metros. Porén, o peso é variable, dependendo do grao de humidade e o tipo de madeira que se empregue, pero van dos 300 ata os 450 quilos. “As pacas de biomasa que facemos teñen unha medida e peso óptimos para adecuarse ós medios loxísticos e de carga e descarga”, sinala o responsable da xestión de biomasa da firma galega.

Tecnoloxía fiable e de proximidade

No aproveitamento da biomasa que fan no monte en Greenalia, as compactadoras forestais Monra ENFO-2000 están a ser unha ferramenta indispensable. Estas máquinas contan ademais con destacados sistemas hidráulicos e electrónicos que proporcionan un funcionamento rápido, fiable e preciso. Tanto é así que desenvolveron un sistema electrónico específico para as funcións desta máquina. “Unha vez introducidos tódolos parámetros, o proceso realízase automáticamente e a pantalla táctil amosa as operacións que están sendo executadas”, explican os fabricantes.

A colaboración directa entre fabricante e cliente permitiulle incluir melloras que incrementan as prestacións das compactadoras

“As melloras desde as primeiras unidades é moi notable, o traballo de desenvolvemento da Monra ENFO-2000 fixo que aumentase a produtividade dos equipos”, valora Vila. O perfeccionamento destas máquinas incluíu melloras no sistema hidrostático ou de tracción, o que lle confire maiores prestacións. “As melloras que se foron engadindo fan que a máquina sexa moi fiable, coa única tarefa de facer os mantementos indicados no momento preciso”, afirma o responsable de biomasa da planta.

Á marxe das prestacións que están a proporcionar as compactadoras no monte, Vila tamén destaca a importante colaboración que estableceron cos fabricantes, o que está a redundar directamente nunha mellora dos equipos e nun servizo máis eficiente para o tratamento da biomasa que requiren. “A compactadora de ENFO-2000 é moi fiable e para nós é moi importante que se fabrique aquí preto, dado que así podemos traballar de xeito conxunto en continuas melloras”, conclúe David Vila.

Etiquetado
Ir a la portada