Leite

As mulleres, as manifestantes silenciosas das tractoradas

As mobilizacións destes días en Lugo están a supor un traballo dobre para moitas gandeiras, auténticas heroínas que fan posible que as explotacións lácteas sigan adiante mentres os seus maridos participan nas tractoradas. Visitamos a unha delas

Loading ad.
Ad could not be loaded.
06/09/2015 4:10 p.m.

“Todo o meu apoio ás mulleres detrás da tractorada, as que ficaron muxindo as vacas. Porque diso non hai folgas” escribía estes días no twitter @shakesphobic. Estes días de abundancia de información sobre a tractorada de Lugo e a crise do sector lácteo, o seu twit foi unha das poucas lembranzas para as mulleres, as manifestantes silenciosas que estes días están facendo posible co seu traballo que os seus maridos participen nas mobilizacións do sector lácteo.

Ángeles Neira é unha delas. Vive na parroquia lucense de Poutomillos onde, xunto co seu marido, Antonio Vázquez, levan unha explotación de leite con 120 vacas, das que 60 están en muxido. Para eles, como para tantos outros gandeiros, os tempos son difíciles cun prezo do leite a 26 céntimos que fixa Leite Río.

Antonio recoñece con admiración o sobreesforzo que está facendo estes días para que el poda participar nas mobilizacións. “Hailles que facer unha homenaxe ás manifestantes silenciosas, como a miña muller, que durante estes días están facéndose cargo do dobre de traballo. A miña muller estes días tivo que facer as tarefas da casa; coidar da súa nai, que ten Párkinson, da avoa, de 93 anos, que ten demencia senil, e facer moito máis traballo na explotación porque eu estaba en Lugo na manifestación e nas asembleas”, asegura.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Ángeles asegura que “o peor foi os primeiros días porque nos colleu de improviso e non sabiamos como ía rematar, pero agora xa nos imos organizando mellor”. Recoñece que “estes días estamos todos moito máis cansados do normal” pero afirma que “merece a pena porque os gandeiros estamos facendo fronte común por unha boa causa”.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada