Agroalimentación

Arrinca a segunda tempada da Escola de Cociña de Ternera Gallega

Nesta nova sesión, a IXP ofrecerá 13 novas receitas en vídeo e, como novidade, engadirá información sobre cada un dos cortes de carne

Campo Galego 05/11/2021 10:04 p.m.

Ternera Gallega estreou na súa canle de Youtube, así como nas súas redes sociais, a segunda tempada da súa Escola de Cociña, que ofrece 13 novas receitas para sacar o máximo partido ás diferentes pezas da carne certificada. Da man do chef de Grupo Nove, Javier Rodríguez “Taky”, a Indicación Xeográfica Protexida ensinará a coñecer mellor o produto e os seus cortes para potenciar o seu sabor e a súa versatilidade na cociña.

A Escola de Cociña de Ternera Gallega propón receitas para todos os gustos e as diferentes necesidades de cada consumidor dentro dunha alimentación equilibrada. Tanto pratos sinxelos para o día a día cociñados á prancha ou á grella, como asados ou guisos máis elaborados. A IXP tamén ofrece novas videorreceitas para os que buscan opcións saudábeis e para quen queren render as súas preparacións de cara a unha cociña de aproveitamento.

Como receita rápida e diferente, Ternera Gallega suxire estas Piruletas de bavette, elaboradas cunha peza menos habitual das que se adoitan usar en grella. Tamén se prepara de forma moi sinxela a Ensalada de Ternera Gallega ao estilo thai, cuxo segredo está no aderezo, para lograr un prato moi rico e saudábel.

Os amantes da carne valorarán o sabor deste Carpaccio con redondo de babilla, onde a técnica de corte é a clave, e poden revisar a súa maneira de preparar o Churrasco, xogando co grosor das costelas e os seus tempos de cociñado, para elixir o estilo tradicional ou o americano.

Nas próximas semanas, a Escola de Cociña de Ternera Gallega publicará as mellores receitas para o outono e o inverno, con ideas para elaborar pratos de culler con ricas salsas e acompañamentos, como un Goulash, unha Chaira con ñoquis á crema ou un Asado con mostaza e herbas.

 

Cada corte, acompañado do seu uso culinario

Como complemento a estas receitas, a Escola de Cociña achega novo contido didáctico sobre todas as pezas do vacún e o seu mellor uso culinario. Os consumidores poderán coñecer os nomes dos diferentes cortes, a súa forma e as súas características organolépticas, ademais de como preparalas e limpalas.

O chef Taky ensinará a recoñecer as pezas do vacún e que receita ou estilo de cociñado é o máis axeitado para cada unha delas. Ademais de repasar os cortes clásicos e máis habituais na nosa cociña, como o lombo ou a cadeira, da que saen moitas pezas diferentes; tamén descubrirá outras menos coñecidas, nas que a técnica de corte e preparación é fundamental para gozar da súa terneza e xugosidade, como é o caso do baleiro, a bavette, a chaira ou o peito.

A Escola de Cociña de Ternera Gallega busca que os consumidores coñezan mellor o produto e aproveiten todas as calidades gastronómicas da carne certificada pola IXP, cuxo selo garante a súa orixe e a súa calidade diferenciada.

[box style=0]

IXP Ternera Gallega

Ternera Gallega nace en 1989 e está recoñecida pola Unión Europea como Indicación Xeográfica Protexida desde 1996, sendo a primeira carne de vacún con control integral e certificado de garantía. Recentemente, ademais, incorporou a súa nova Certificación de Benestar Animal.

A carne de Ternera Gallega caracterízase pola súa xugosidade, sabor e por ser extraordinaria tenra e recoñécese no mercado grazas ás características etiquetas e certificados de garantía que sempre a acompañan. A carne certificada pola IXP procede exclusivamente de tenreiros nados, criados e sacrificados en Galicia, que pertencen ás razas autóctonas e as súas cruces e que seguen un rigoroso programa de control e trazabilidade.

Son tenreiros novos, criados en gandarías e cebadeiros tradicionais, alimentados seguindo as pautas seculares da produción de carne en Galicia, como o pastoreo e o aproveitamento das forraxes propias da explotación, xunto a concentrados autorizados exclusivamente de orixe vexetal. No caso da categoría Ternera Gallega Suprema, os animais non superan os 10 meses e a base da súa alimentación é o leite materno, como mínimo, ata os 7 meses de idade.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada