Viña

Areeiro recomenda realizar labores culturais para reducir os danos por mildio

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 04/06/2021 10:00 p.m.

As condicións meteorolóxicas tanto desta semana como da pasada están a favorecer a aparición de mildio nos viñedos da provincia de Pontevedra. Así, no último informe da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, recomendan extremar a vixilancia nas vides para determinar se precisan novos tratamentos contra este patóxeno. Tamén aconsellan realizar labores culturais como a sega da cuberta vexetal ou mesmo a poda en verde naquelas viñas moi frondosas, para facilitar a ventilación das plantas.

Boa parte das viñas foron tratadas para previr os ataques de mildio a finais da última semana, cando entraron as néboas en moitos puntos da provincia, polo que aínda estarían protexidas. Porén, os técnicos insisten na importancia de manter vixiado o viñedo e atallar a aparición de danos repetindo o tratamento, se é preciso.

Na última revisión do equipo técnico de Areeiro, realizada este xoves, atoparon a maior cantidade de novas manchas de mildio do que levamos de campaña. As elevadas temperaturas nocturnas, os episodios de néboa persistente, unha humidade relativa elevada e un crecemento moi vigoroso da vexetación están a propiciar escasa aireación dos viñedos e unha maior retención de humidade o que favorece a aparición de mildio. Os danos céntranse nas follas, aínda que puntualmente tamén atoparon danos en acios nun viñedo no que a herba chegaba á altura das plantas dende hai certo tempo ou naquelas plantas sen tratar ou abandonadas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Polo momento, non hai ataques de oídio. Con todo, en Areeiro recomenda extremar a vixilancia posto que as vides atópanse nun momento de máxima sensibilidade a este patóxeno. Tampouco hai incidencia de black rot e mesmo nas plantas abandonadas do Condado, onde o ataque do patóxeno era ben forte, os síntomas de mildio superaron con creces ós deste outro fungo.

Esta semana tamén son máis visibles os glomérulos de Lobesia, aínda que cómpre recordar que non é preciso tratar esta primeira xeración. Tamén apareceron as primeiras bugallas en folla de Janetiella.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada