Viña

Areeiro incide en extremar o control do viñedo polo mildio ante a previsión de choivas

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 12/06/2021 12:14 a.m.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda no seu último aviso fitosanitario, emitido esta semana, extremar as precaucións para evitar danos por mildio nos viñedos. A previsión de choivas de cara ós próximos días, sumado a que numerosos viticultores deron xa o aviso por danos do patóxeno nas súas plantas, levan ós técnicos a insistir na importancia de manter vixiados os viñedos para poder actuar ante a presenza de mildio.

Os expertos tamén recordan que os acios se atopan en plena formación, un momento no que son altamente vulnerables ó patóxeno, polo que recomendan revisar as viñas o máis a miúdo posible, sobre todo se se chegan a producir tormentas ou precipitacións, así como episodios de néboa, xa que todos eles aumentan a humidade nas viñas e facilitan o desenvolvemento da enfermidade. Así, se se observan novos danos é preciso renovar o tratamento. Tamén é fundamental levar a cabo prácticas culturais no viñedo que faciliten a ventilación das plantas, o que reduce os riscos.

As condicións meteorolóxicas actuais tamén favorecen o desenvolvemento do oídio, de feito o persoal da Estación de Areeiro xa observou os primeiros acios con síntomas, especialmente naqueles predios tratados previamente con xofre e cunha vexetación moi frondosa, de modo que o produto non chegara a protexer os acios como debera. Recomendan tratar cun funxicida antioídio, que non sexa de contacto, dado que a meteoroloxía e o momento do ciclo da uva segue a ser propicia para esta enfermidade.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Polo momento, os viñedos apenas se viron afectados por outras patoloxías como o black rot ou outros parasitos da viña, aínda que hai algunhas plantas con síntomas leves de erinose de verán.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada