Viña

Areeiro detecta podremias debidas a picaduras de insectos

A Estación Fitopatolóxica recomenda ós viticultores estar alerta para a próxima campaña fronte a estes insectos. Localizan síntomas de tisanópteros na comarca do Salnés e na zona do Morrazo

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 24/08/2019 9:21 a.m.

Nestes últimos días, os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, detectaron podremias secundarias no acio asociadas a picaduras de dípteros. Ademais, localizaron síntomas de tisanópteros (trips), na comarca do Salnés e na IXP Ribeiras do Morrazo, polo que recomendan ós viticultores estar alerta para a próxima campaña fronte a estes insectos.

En canto ó resto de enfermidades que afectan ó viñedo, os técnicos constatan no seu último boletín fitosanitario que apenas se están rexistrando incidencia coas afeccións máis comúns. Así, no caso do mildio, aínda que as últimas chuvias provocaron a aparición de manchas, dado que non se aplicaran tratamentos cúpricos dende había tempo, as elevadas temperaturas están a mitigar o efecto do fungo.

Tamén observaron casos de defoliacións nas zonas altas dos viñedos a causa do mildio pero que non están afectando á produción. Porén, naqueles viñedos con danos, dende a EFA recomendan realizar un tratamento cúprico despois da vendima, pero antes da caída da folla, para favorecer o bo agostado da madeira e reducir a presenza do fungo de cara a próxima campaña.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Tampouco está a detectar oídio nin botrite, e as uvas gozan dun bo estado sanitario tanto no Albariño como noutras variedades máis sensibles. Con todo, os técnicos recomendan permanecer alertos nestes días previos á vendima posto que as chuvias poden provocar danos. Recordan que para reducir a incidencia de botrite é preciso manter ben aireados os acios, aínda que esta retirada das follas debe ser moderada para evitar danos por exceso de insolación.

En canto ás couzas dos acios, logo de que se detectaran algunhas viñas afectadas, os técnicos recomendan retirar os acios danados, se se trata dunha parcela pequena, ou ben aplicar un produto cun prazo de seguridade de 7 días ou algunha substancia natural. Aínda que advirten que estes insecticidas, ó non penetrar na uva, terán unha eficacia parcial.

Nesta campaña tampouco detectaron presenza de mosquito verde ou outros cicadélicos aínda que na EFA manterán as trampas de cara o outono. A presenza de ácaros tamén foi anecdótica ó igual que de erinose.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Maceiras

Coa colleita da maza a piques de comezar ou en curso xa nalgunhas fincas, os técnicos de Areeiro recomendan aumentar a vixilancia polos danos por moteado. No canto de aplicar tratamentos químicos, aconsellan garantir a ventilación das plantas e, nas plantacións pequenas, retirar e destruir os froitos moi afectados.

Nas variedades máis sensibles ó moteado recomendan aplicar un tratamento con funxicida cúprico despois da colleita para reducir o potencial da enfermidade para a vindeira campaña. Ademais, dende a Estación Fitopatolóxica instan a manter a vixilancia fronte á couza da mazá, aínda que non de detectaran danos polo momento.

Co boletín sanitario desta semana, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro remata as súas emisións regulares para esta campaña ante a proximidade do inicio da vendima e da colleita doutras froitas, aínda que continuarán a emitir avisos e recomendacións puntuais.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada