Viña

Areeiro calcula que a maduración da uva leva un mes de adianto

En cítricos, a Estación Fitopatolóxica recomenda aplicar un tratamento contras as pragas

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 28/07/2017 9:30 p.m.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de confirmar no seu último aviso fitosanitario que a actual campaña está a ser das máis adiantadas dos últimos anos nas viñas da provincia. Segundo sinalan os técnicos, nesta semana todas as parcelas de seguemento están no pleno pintado das uvas e mesmo con grans brillantes ou empezando a abrandar.

O adianto da maduración, apuntan, é case tan evidente como na campaña do 2011, cando o actual estado fenolóxico se acadara o 2 de agosto e, fronte ao ano pasado, estase a producir case un mes antes, xa que daquela se certificara o día 24 de agosto. Finalmente, e como apunte, os técnicos indican que estas circunstancias son máis claras na zona do Condado, xa que posúe unhas condicións extraordinarias para o desenvolvemento da viña.

En canto ás pragas, co pintado xa xeneralizado, o fungo do Mildeu non lle afecta aos acios, co que xa non hai risco de perdas directas sobre eles e non será necesario, en xeral, aplicar tratamentos fronte a esta enfermidade.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Por outra parte, como xa se dixo na semana anterior, a partir de agora o problema ao que máis atención hai que prestar é a botrite (ou podredume), porque co incremento dos azucres na uva hai máis probabilidade de que se instale o patóxeno. De momento, os acios están bastante sas, aínda que hai que prestarlle atención aos posibles danos debidos ás couzas do acio, a fisuras, ou aos danos por paxaros, onde adoita instalarse esta enfermidade, polo o que é preciso incrementar a vixilancia, sobre todo se se mantén unha humidade elevada.

No relativo a outros danos, continúan a aparecer plantas afectadas por patoloxías de madeira neste ano no que a seca favoreceu a expresión dos seus síntomas. Tamén seguen localizados os síntomas debidos a trips nunha parcela do Salnés onde se fai seguemento específico, e comezan a aparecer novos síntomas de ‘Janetiella oenephila’ que carecen de importancia. Tamén este ano se están a recibir numerosas consultas sobre as bugallas características da filoxera.

Cítricos e buxo
Fóra do ámbito da viña, dende a EFA apuntan a que é frecuente ver nestes días abundantes adultos de moscas brancas, así como adultos, ovos e ninfas novas da psila africana (Trioza erytreae) e tamén pulgóns nos cítricos. Por este motivo, sinalan que nos casos nos que as poboacións sexan abundantes é preciso realizar un tratamento para evitar a instalación de fungos de negrilla sobre as sustancias azucradas que segregan estes insectos.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Finalmente, os técnicos destacan que esta semana volveron ter numerosas consultas -de diversas comarcas da provincia e incluso dende Cantabria e Cataluña- sobre a aparición de defoliacións intensas en moitas plantas de buxo debido á ‘Cydalima perspectalis’. Nestes momentos as eirugas de últimos estados dominan claramente, son moi voraces, e ademais normalmente están envoltas nos casullos, polo que o consello é que os tratamentos deben ser aínda máis precisos, mollando moi ben as plantas en todas as súas caras e repetindo a intervención se é preciso. Os insecticidas a utilizar poden ser de orixe natural (aceite de parafina ou azadiractin) ou sintética (piretroides).

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada