Desenvolvemento rural

Aprobada a orde de axudas de incorporación ó agro e plans de mellora

Campo Galego 23/12/2021 8:45 p.m.

O Consello da Xunta deulle hoxe o visto bo á orde de axudas da Consellería do Medio Rural destinada a plans de mellora e a apoiar a incorporación ó agro de persoas mozas. En total, destinaranse 37,5 millóns de euros a estas axudas. Desa cantidade, 20 millóns irán para apoiar os investimentos das explotacións (plans de mellora), 15 millóns para a incorporación de persoas novas ó agro e 2,5 millóns para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

Unha vez aprobada a orde de axudas no Consello da Xunta, espérase que a convocatoria saia publicada proximamente no Diario Oficial de Galicia.

No marco desta orde de axudas para o 2022, o Consello do Goberno galego tamén aprobou a exención da achega de garantías para os beneficiarios da liña correspondente á incorporación de persoas mozas. Deste xeito, os solicitantes que reciban axuda para incorporarse á actividade agraria non terán que presentar unha garantía do 100 % do importe aboable no pagamento á conta nin verse sometidos a
controis a posteriori. Así, a axuda terá carácter de pagamento a tanto global e concederase pola execución do plan empresarial ou plan de negocio, que terá unha duración de 24 meses.

Balance 2016-2020
No período de programación 2014-2020, cos datos relativos en canto á execución destas liñas de achegas nas cinco convocatorias, a Xunta sinala que se concederon axudas por un total de 253 millóns de euros. Por sectores produtivos, nas liñas de plans de mellora e incorporación de mozos destaca o vacún de leite, con 1.878 e 741 expedientes, respectivamente. No caso da liña de pequenas explotacións, destaca o vacún de carne, con 462 expedientes.

Preto do 70% dos expedientes aprobados correspóndese ás provincias de Lugo e da Coruña.

Etiquetado
Ir a la portada