Desenvolvemento rural

“Apostando polo sector primario” ofrecerá en San Sadurniño varias charlas arredor do desenvolvemento rural

15/04/2023 8:58 a.m.

Como vén sendo habitual, o Concello de San Sadurniño rodea a Feira da Plantación do próximo 30 de abril co ciclo de charlas “Apostando polo sector primario”, que se vai desenvolver nos días previos e posteriores á cita. O programa deste ano -deseñado en colaboración coa AGFA do Eume, a Casa do Mel e a Asociación Agroecolóxica A Cortiña- achegaranos experiencias moi interesantes e innovadoras postas en marcha no rural, xunto con contidos técnicos de grande utilidade. Todas as sesións terán lugar na Casa da Xuventude e son con entrada libre ata completar a capacidade da sala de formación.

Venres 21 de abril, 19:00h: Carabuñas e o potencial do sabugueiro

Nesta primeira charla do ciclo coñeceremos a experiencia de Carabuñas, unha pequena empresa do concello ourensán de Vilar de Santos que centra toda a súa actividade nas flores e nos froitos do sabugueiro. Un arbusto esquecido ao que Eva e Nelson -a parella que ideou o proxecto- lle están dando novo valor elaborando todo tipo de produtos: marmelada ecolóxica, licor, cervexas, bombóns, infusións e outras moitas especialidades, comercializadas a través da súa propia web e de tendas gourmet.

Sábado 22 de abril, 11:00h: Calidade desde o rural, a experiencia de Ribeiregas

A segunda das sesións de Apostando polo sector primario traeranos o traballo que están levando a cabo as persoas agrupadas na Cooperativa Ribeira do Navia compartindo o selo Ribeiregas. Por unha banda producen alimentos ecolóxicos -zumes naturais, marmeladas, horta en fresco e transformada, fariñas e pan, chucrut, falafel, mel, etc.- e, por outro, desempeñan un papel fundamental no desenvolvemento do territorio fomentando a bioconstrución e unha xestión forestal sostible.

Venres 5 de maio, 19:00h: Métodos de loita contra a avespa asiática

O programa tamén abordará, unha vez máis, o problema da vespa velutina nigrithorax. A praga xa está asentada no territorio e, á espera dun método de loita baseado en feromonas, nestes momentos o único que se pode facer para frear o seu avance é facer trampeos na primavera e a comezos do inverno, localizar e destruír niños primarios e protexer as colmeas dos seus ataques. Estas serán algunhas das cuestións que se tratarán na charla, xunto co repaso das liñas de investigación que se están levando a cabo para lograr a súa erradicación.

Sábado 6 de maio, 11:00h: O Rural do futuro

A última das sesións do ciclo explicará de que maneira se pode impulsar o rural como medio vivo a partir da cultura labrega e a agroecoloxía, que en ambos casos son sinónimo de sostenibilidade social e ambiental. Diso falará Jaime Izquierdo Vallina, quen ademais de xeólogo tamén é Comisionado para o Reto Demográfico do Principado de Asturias e autor de libros como “La casa de mi padre”, “La conservación cultural de la naturaleza” ou “La ciudad agropolitana. La aldea cosmopolita”.

Estes e outros eventos de axenda previstos para as próximas semanas incluíronse no boletín Novas que se empezará a distribuír polos domicilios ao longo desta semana. Ademais tamén poden consultarse no Google Calendar do Concello de San Sadurniño, que permite subscribirse desde o móbil para non perder ningunha cita.

Ir a la portada