Forestal

Antonio Rigueiro, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia

Campo Galego 08/11/2021 5:40 p.m.

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) celebrou a súa XXXIV Asemblea Xeral Ordinaria no Pazo de Cultura de Pontevedra, un acto que serviu para pechar o ciclo como presidente de Francisco Fernández de Ana Magán, que estaba no cargo desde o 2014. Colleu o relevo Antonio Rigueiro, ata agora vicepresidente de Relacións Institucionais, que é coñecido polo seu labor docente e investigador na Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago).

Acompañan a Antonio Rigueiro na xunta de goberno da AFG as seguintes persoas:

- Francisco Dans del Valle (vicepresidente de Relacións Institucionais).
- Juan Ramón Gallástegui Otero (vicepresidente de montes particulares).
- José Luis Campos Represas (vicepresidente de montes veciñais) - comunidade de montes de Xinzo (Ponteareas).

Vogais de montes particulares
- Julio Aneiros Lorenzo.
- Manuel Galdo Dopico.
- Belén Mantiñán Edreira.

Vogais de montes veciñais
- Irene Díaz Martínez (comunidade de montes veciñais de Os Chaos, Ribadeo).
- José Manuel Suárez Gamallo (comunidade de montes veciñais de Saiar, Caldas de Reis).

[caption id="attachment_156908" align="aligncenter" width="660"] Antonio Rigueiro, terceiro por abaixo, xunto ó resto de integrantes da Xunta de Goberno da AFG.[/caption]

Rede Natura, prevención de incendios e recuperación do ecosistema de piñeirais
A renovación da xunta de goberno da AFG, que se fixo en asemblea extraordinaria o pasado sábado, estivo precedida pola XXXIV Asemblea Xeral Ordinaria, que serviu para facer balance do traballo dos últimos dous anos e para trazar a folla de ruta da Asociación.

Entre as inquedanzas dos socios, destacaron as restriccións que experimentan os propietarios e comunidades de montes que están afectados pola Rede Natura. Desde a AFG, trasladouse o compromiso da Asociación coa conservación da natureza, pero coincidiuse cos socios na necesidade de que a Administración arbitre apoios para compensar ós propietarios e comunidades de montes polas limitacións de usos ás que se ven obrigados.

Como fitos salientables dos últimos dous anos, a AFG destacou a colaboración que lle está a prestar ás comunidades de montes socias afectadas por incendios forestais no 2017, en especial na provincia de Pontevedra.

A AFG, en colaboración coas comunidades de montes, buscou unha vía de cofinanciación por medio da inscripción dos proxectos de restauración no Rexistro de Compensacións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Esta inscripción permite que aquelas empresas interesadas en compensar de xeito voluntario a súa pegada de carbono poidan investir nestes proxectos de restauración, colaborando así coas comunidades de montes na recuperación de montes afectados por lumes.

Unha segunda liña de traballo da Asociación Forestal de Galicia, neste caso en colaboración coa Fundación Arume, sitúase na recuperación do ecosistema galego de piñeirais. Conxuntamente coa Fundación Arume, a Asociación Forestal de Galicia traballa en proxectos de mellora xenética das coníferas galegas e na restauración de montes con piñeiros, proxectos para os que a Fundación Arume solicitou fondos Next Generation.

Outros temas abordados na asemblea foron as novas normativas lexislativas que se preparan no ámbito forestal, en relación con cuestións como a prevención de lumes e a xestión de montes veciñais, así como o recentemente aprobado Plan Forestal de Galicia.

Etiquetado
Ir a la portada