O anuncio, publicado no DOG este mércores, establece ademais a obrigatoriedade de, unha vez rematados os traballos silvícolas, extraer ou triturar os restos que se obteñan como consecuencia do tratamento, en consonancia co Decreto que regula os aproveitamentos madeireiros e leñosos e no que se obriga á extracción ou trituración da biomasa forestal residual.
O criterio técnico aconsella a eliminación dos restos que se obteñan dos tratamentos silvícolas porque supoñen un risco para a aparición de pragas ou enfermidades forestais. Ademais, a retirada destes restos do monte contribúe á prevención dos incendios forestais ao eliminar o combustible do sotobosque.
Fíxase un importe de 850€/ha para a eliminación ou trituración dos restos de biomasa consecuencia das actuacións silvícolas realizadas
Tendo isto en conta, a Consellería modifica a orde de axudas publicada no DOG o pasado 26 de xaneiro para engadir como actuación subvencionable a eliminación, extracción ou triturado dos restos que se obteñen como consecuencia do tratamento, o que supón engadir e cuantificar un novo prezo unitario, para compensar o custo que supón para a persoa beneficiaria da subvención o cumprimento da lexislación vixente.
Incremento de orzamento
A convocatoria incrementa en 1,24 millóns de euros o orzamento inicial para contribuír á rexeneración ou mellora de masas consolidadas de frondosas autóctonas. Ademais desta liña, dotada agora con case 1,5 millóns de euros, a orde tamén inclúe outra centrada na xestión forestal sostible para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas, dotada con algo máis de 420.000 euros, polo que o orzamento total se achega aos 2 millóns de euros para as anualidades 2024 e 2025,
O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de abril, permitindo modificar aquelas xa formuladas anteriormente
Como consecuencia desta modificación e para garantir a concorrencia competitiva, a Administración autonómica acorda modificar o prazo de presentación de solicitudes establecido por un mes máis, contado a partir do xoves 7 de marzo, o día seguinte ao da súa publicación no DOG.
Esta ampliación permite que as persoas que xa formularon solicitude no prazo transcorrido ata a modificación desta orde poidan manter ou modificar a solicitude, ou que aquelas persoas que non formulasen solicitude con anterioridade poidan formulala tendo en conta as novas condicións.
Actuacións subvencionables
Como actuacións subvencionables resultarían a roza, a formación de guías en que se manifeste nitidamente a dominancia apical e/ou poda ata 1/3 da altura como mínimo, a selección de abrochos, as desmestas e a eliminación, extracción ou triturado dos restos que se obteñen como consecuencia do tratamento.
A densidade final mínima despois do tratamento será de 333 pés/ha e a máxima de 500 pés/ha
Poderán solicitarse diferentes actuacións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 3.340€, sen incluír os custos de redacción de proxecto e o panel informativo.