Desenvolvemento rural

Ampliado ata o 31 de marzo o prazo para solicitar plans de mellora e axudas de incorporación

28/02/2020 9:45 a.m.

Tal e como adiantou Campo Galego, a Consellería de Medio Rural publica este venres no Diario Oficial de Galicia a ampliación ata o día 31 de marzo do prazo de presentación de solicitudes para plans de mellora, axudas de incorporación e pequenas explotacións.

O prazo inicial expiraba hoxe 28 de febreiro, pero a Consellería decidiu “ante a petición de diferentes colectivos, a necesidade de prolongar o dito prazo debido á complexidade da documentación necesaria para solicitar estas axudas, que pode impedir que os solicitantes poidan tramitar correctamente as oportunas solicitudes, polo que cómpre ampliar o devandito prazo de solicitudes”.

As achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, ascenden nesta convocatoria a 41 millóns de euros. Teñen como finalidade garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización.

O reparto do orzamento total de 41 millóns de euros farase do seguinte xeito: 24 millóns irán destinados a plans de mellora, 14 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 3 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

Etiquetado
Ir a la portada