Desenvolvemento rural

Ampliado ata o 16 de outubro o prazo para presentar a licenza de obra nos plans de mellora

07/09/2017 9:47 p.m.

O prazo para presentar a licenza municipal de obra e dos diferentes permisos administrativos correspondentes para as axudas de plans de mellora, incorporación de mozos e pequenas explotacións amplíase do 15 de setembro ao 16 de outubro.

Así o anunciou este xoves a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo. Esta decisión tomouse, segundo a Consellería do Medio Rural, “tras analizar as demandas tanto de particulares como de organismos que solicitaban unha marxe maior para xustificar os investimentos a realizar e polo que os beneficiarios recibirán a correspondente subvención”. Esta modificación sairá publicada no Diario Oficial de Galicia en breve e será efectiva dende o día seguinte.

Uns 65 millóns para o agro

O orzamento desta orde en 2017 chega aos 65 millóns de euros, un 7% máis que no exercicio anterior. En concreto, 40 millóns de euros irán destinados a apoiar investimentos en explotacións agrícolas (plans de mellora), 20 millóns para impulsar a incorporación de novos activos ao agro (agricultores mozos) e 5 millóns para fomentar o desenvolvemento de pequenas explotacións. Estas axudas están encadradas dentro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, que prevé –para estas liñas de axuda– un investimento de 247,5 millóns de euros en todo o período de execución.

Etiquetado
Ir a la portada