Desenvolvemento rural

Amando Ordás Pérez, unha vida adicada á ciencia dende a MBG

Recentemente xubilouse Amando Ordás Pérez, profesor de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) que dedicou máis de 40 anos da súa carreira a investigar na Área das Ciencias Agrarias dende a Misión Biolóxica de Galicia (MBG), centro do que foi director durante 14 anos

Pedro Revilla Temiño 28/05/2015 8:11 a.m.

Recentemente xubilouse Amando Ordás Pérez, profesor de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) que dedicou máis de 40 anos da súa carreira a investigar na Área das Ciencias Agrarias dende a Misión Biolóxica de Galicia (MBG), centro do que foi director durante 14 anos, período durante o cal se constituíron catro dos seis grupos de investigación que o citado instituto ten na actualidade. Amando Ordás tamén foi coordinador institucional do CSIC en Galicia de 2002 a 2006.

Polo tanto, no seu perfil cabe destacar unha vertente investigadora, avalada por datos como a publicación de máis de 200 artigos científicos, e unha vertente xestora, durante a cal tivo que facer fronte a momentos con dificultades nos cales ata se barallou o peche da MBG, e promover a modernización da estrutura e funcionamento do centro.

Nas próximas semanas dende a MBG promoveranse varios actos de recoñecemento, actos que servirán tamén para celebrar que continuará vinculado ao centro a través da figura de doutor ad honorem, o que lle permite seguir traballando no centro estando xubilado. É, polo tanto, un bo momento para poñer en valor a súa figura e rendelo dende a MBG un máis que merecida homenaxe.

Amando Ordás Pérez naceu en 1945 en León. Estudou na Escola Laboral de Córdoba, e posteriormente, cursou a carreira de Enxeñeiro Agrónomo na Escola Técnica Superior da Universidade Politécnica de Madrid (UPM). Tras iso, cursou un Máster of Science na Universidade de Minnesota (EUA). En 1974 obtivo o título de doutor pola Universidade Politécnica de Madrid cunha tese sobre mellora de millo.

Incorporouse á MBG no ano 1974, onde promoveu por todas as categorías investigadoras: colaborador científico (1975), investigador científico (1988) e profesor de investigación (2000).

Refundador do programa de mellora xenética do millo na MBG

As súas liñas de investigación centráronse na xenética vexetal e a mellora xenética, campos nos que logrou importantes fitos científicos. Así, por exemplo, cabe citar que na década dos 70 refundou o programa de mellora xenética de millo tras a perda do programa instaurado por Cruz Gallástegui nos anos 20. Para iso, comezou coa recolección de variedades autóctonas de millo e creou un banco de xermoplasma. Tamén rexistrou diversas variedades de millo, estableceu un patrón heterótico - sistema de hibridación de millo - entre o norte e o sur de España, logrou importantes avances no coñecemento da estrutura xenética do millo español e puxo en marcha varios programas de mellora a longo prazo que seguen en plena vixencia, entre os que poden citarse o primeiro programa de mellora de millo doce europeo e o único programa de mellora de millo de flocos de millo que existe na actualidade no sector público.

Posteriormente, iniciou a recollida de biodiversidade vexetal doutros cultivos, especialmente brásicas (coles, nabizas, grelos...) que, cos anos, daría lugar ao actual grupo de investigación de brásicas e así mesmo incentivou os inicios do programa de investigación de leguminosas (feixóns e chícharos).

Co grupo de mellora de millo que funda Amando Ordás Pérez, a Misión Biolóxica inicia a súa etapa de produción científica moderna na que o histórico centro - que foi o primeiro instituto de investigación agraria de España e un dos primeiros de Europa - pasa a situarse entre os centros destacados de ciencias agrarias de España, con índices de produción por enriba da media da súa área científica.

Na súa tarefa investigadora cabe destacar, ademais, o seu labor no campo da formación de mozos investigadores. Así, dirixiu nove teses doutorais e trasladou aos seus bolseiros a paixón pola investigación e o bo facer científico.
Ao seu labor investigador na MBG únese o seu labor como docente, a través da figura de profesor asociado na Escola de Enxeñeiros Técnicos Forestais da Universidade de Vigo, e no Instituto Agronómico Mediterráneo de Zaragoza, onde desenvolveu un extraordinario labor docente.

Despois deste frutífero e incansable labor, Amando Ordás Pérez continuará colaborando coa MBG na súa nova etapa de profesor ad honorem, o que para o centro supón a posibilidade de aproveitar a sabedoría e experiencia acumuladas durante unha longa carreira científica e o seu entusiasmo pola ciencia. Como discípulo seu, dou grande importancia á súa participación nos proxectos actuais do grupo de investigación e a súa opinión constitúe para min unha garantía de sensatez e bo xuízo ante calquera incerteza.

Ir a la portada