[caption id="attachment_112750" align="aligncenter" width="660"]
Agromuralla convoca para o vindeiro martes, 17 de marzo, unha manifestación que discorrerá polas rúas de Lugo en defensa do rural e de prezos xustos para os produtores como a mellor garantía contra o despoboamento e de alimentos de calidade para os consumidores.
A asociación de gandeiros e gandeiras xurdida das históricas tractoradas que rodearon durante semanas a Muralla de Lugo fai 4 anos e da que forman parte gandeiros das provincias de Lugo e da Coruña, quere sumarse con esta mobilización aos actos reivindicativos que están a levar a cabo desde fai máis dun mes agricultores e gandeiros en distintos puntos de España.
A convocatoria da manifestación ten carácter aberto e Agromuralla convida a participar tanto a produtores e persoas que residen no rural como ás que viven na cidade, así como a todos aqueles que directa ou indirectamente viven do rural, porque "se o rural esmorece a cidade morre", afirma o lema da marcha.
Valoración da situación actual do sector
A lexislación non garante a igualdade de condicións nas relacións entre os produtores e as industrias e cadeas de distribución, o que provoca un reparto desigual da cadea de valor que prexudica aos gandeiros e gandeiras
Os "importantes danos" provocados pola fauna salvaxe e o "incremento considerable nos custos de produción" motivado pola suba do gasoil ou da enerxía eléctrica son factores que comprometen tamén a viabilidade de moitas explotacións. A isto engádese un problema de relevo xeracional e de falta de persoal en moitas granxas e incertidumes como poden ser as novas esixencias medioambientais no uso do purín ou a liberalización do sector tralo fin das cotas lácteas na UE, que provoca altibaixos e oscilacións de prezos á baixa.
[box style="0"]
Campaña do Sindicato Labrego, con manifestación en Santiago o 17 de marzo
O Sindicato Labrego está desenvolvendo por distintas comarcas de Galicia a campaña “O rural galego sobre a mesa”, coa que pretende chamar a atención sobre a necesidade de poñer en marcha políticas dende todas as administracións dirixidas a dignificar a profesión labrega e a vida no campo. Esta campaña, como xa era público, culminará o 17 de marzo cunha manifestación en Compostela consistente en rodear a Xunta de Galicia.
Podes consultar aquí o decálogo de medidas que demanda o Sindicato Labrego, entre as que figuran a petición de garantías de prezos xustos, a protección da terra agraria ou a xestión pública da fauna salvaxe.
[/box]