A asociación Agromuralla vén de formalizar a convocatoria dunha manifestación en defensa do sector lácteo que se desenvolverá o martes 6 de setembro en Lugo. A mobilización, que marchará a pé pola Ronda da Muralla, iniciarase ás 12 horas e rematará ante o edificio da Xunta de Galicia, onde se lerá un manifesto.
O obxectivo da manifestación é denunciar a situación “catastrófica” na que está sumido o sector gandeiro, ó entender de Agromuralla. “Se fai un ano as granxas estaban sendo levadas á ruína, hoxe, un ano despois de asinar o acordo lácteo en Madrid e oito meses despois de que as empresas distribuidoras se comprometeran a subir 2 céntimos o prezo do leite nos liñais de venta, a fin de que se lle repercutise ó produtor, centos de granxas, de gandeiros compañeiros nosos, xa non están no mercado, tiveron que pechar”, cuestiona Agromuralla en nota de prensa.
"O acordo lácteo e os compromisos de industrias e cadeas de distribución foron un engano máis para os gandeiros" (Agromuralla)
Loading ad.Ad could not be loaded.
A asociación considera que o acordo lácteo e os compromisos das cadeas de distribución e da industria resultaron ser “un engano máis para os gandeiros”. “Se a isto sumamos a inactividade da Administración para frear os abusos que os produtores sufrimos e a falta de goberno central dende fai case un ano, atopámonos cun panorama cada vez mais desolador, o rural despobóase”, advirte.
Agromuralla fai un chamamento ó conxunto da sociedade para lograr unha participación masiva na protesta e pide que acudan todos aqueles que, directa ou indirectamente, viven do sector primario, así coma os consumidores, “pois o noso futuro marca o futuro de todos, e máis en Galiza”.