Leite

Agro Leite de Canha, economía circular para 1.200 vacas

Pechar o ciclo produtivo e aproveitar os refugallos do proceso como recurso é a filosofía desta explotación portuguesa que conta con queixaría propia e que aumentou o rendemento leiteiro grazas aos cruzamentos de Frisoa con Montbeliarde e Roja Sueca (viking red) do programa PROCROSS

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Camilo Friol 24/12/2017 5:28 p.m.

Trinta gandeiros e técnicos de cooperativas de Galicia, Asturias, Castela e León e Andalucía realizaron a finais do pasado mes de novembro unha visita a Portugal para coñecer de primeira man os resultados obtidos por granxas do país veciño que están seguindo o programa PROCROSS para aumentar a súa rendibilidade.

Unha destas explotacións é Agro Leite de Canha, situada en Montijo, na rexión de Setúbal. O seu propietario, Helder Duarte, posúe tamén unha queixaría, Montiqueijo, creada en 1963 e que hoxe é unha das principais marcas portuguesas produtoras de queixo fresco, requeixo e queixo curado de vaca.

Toda a produción da explotación, que conta neste momento con 1.234 animais, dos que 610 son vacas en muxido, destínase á queixaría, que se subministra ademais con leite doutras granxas da zona. O incremento de volume da queixaría está a levar aparellado o medre da explotación ante a necesidade de maior cantidade de materia prima para transformar.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Isto fai que Agro Leite de Canha sexa neste momento unha granxa en pleno proceso de crecemento e modernización, coa construción de novas instalacións, a implantación de novos proxectos produtivos e cambios tanto no manexo como no tipo de vacas da explotación. Así, decidiu apostar por animais híbridos que aproveiten a capacidade produtiva das vacas Hosltein coa saúde e a mellora de calidades que aportan razas como a Montbeliarde ou a Roxa sueca.

 “O obxectivo é que o 100% do rabaño sexa froito de cruzamentos nun período curto de tempo”

“Queremos máis produción porque a queixaría é capaz de asumila, pero ao mesmo tempo queremos un leite enfocado cara a elaboración de queixo”, explica José Afonso Guerreiro, encargado desta granxa á que chegou hai só 5 meses procedente doutra explotación máis pequena pero na que a metade dos seus animais eran procross.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

En Agro Leite da Canha o 28% das 610 vacas en muxido son xa vacas híbridas, pero o obxectivo é que o 100% do rabaño sexa froito de cruzamentos nun período curto de tempo, para o que se están a inseminar todas as vacas que son Frisoas puras con touros Montbeliarde, unha raza francesa que da que aseguran aporta maiores calidades ao leite e unha mellora na fertilidade e a condición corporal dos animais resultantes. “Estes, á súa vez son inseminados despois con touros de raza Roja sueca, interesantes pola facilidade de parto e pola redución notable das enfermidades”, explica José Afonso. Unha vez pechado o ciclo dos tres cruzamentos, repítese o proceso, comezando de novo a inseminar con Holstein.

A revolución tranquila

Segundo os propietarios desta explotación, esta técnica logra vacas máis sás e resistentes, cunha maior lonxevidade e, polo tanto, maior produción vitalicia, ao tempo que facilita o manexo e reduce a taxa de reemprazo provocando un incremento natural no número de animais en produción, sen ter que facer cambios significativos na maneira de traballar. De feito, os animais procross comparten espazo e alimentación cos frisóns puros en Agro Leite da Canha.

Nos poucos meses que José Afonso leva nesta explotación está a revolucionar o seu funcionamento con cambios paulatinos que buscan o crecemento produtivo e un maior rendemento queixeiro do leite. “Teño moitas ideas, pero non é doado levalas á práctica, sobre todo con este tamaño”, admite. A media de produción está neste momento nesta explotación en 34 litros para os animais 100% Holstein e 33 para os cruzados con Montbeliarde e Roxa sueca, pero estas vacas híbridas producen leite cun 4,4% de graxa e un 3,5% de proteína, dúas décimas máis que as vacas frisoas puras deste establo. Ademais, segundo o encargado desta granxa, estes cruces aguantan mellor o leite durante toda a lactación, polo que a produción anual por vaca é equiparable nos dous casos.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Nesta gandería as vacas de cruce producen leite cun 4,4% de graxa e un 3,5% de proteína

Ao tempo que se renova o rabaño, nesta explotación está tamén a renovar e modernizar as súas instalacións. Hai medio ano inauguraron dúas naves novas para a recría, unha para as preñadas e outra para as que aínda están sen inseminar, divididas en varios grupos de idade, en previsión do excedente de xovencas que van lograr coa introdución dos cruzamentos. Isto vai permitir a esta explotación medrar sen ter que recorrer a mercar animais fóra da explotación. O custo de recría é duns 1.400 euros por xovenca posta a parto.

Malia que só poñen seme sexado ás xovencas na primeira inseminación, aos 12-13 meses, logran que case o 50% dos nacementos totais das vacas en produción sexan femias, de xeito que só en 2017 naceron máis de 350 xatas para recría. Por iso, no proxecto está tamén a construción dunhas novas instalacións para ter as tenreiras recén nacidas até o momento do destete, que se produce aos 2 meses de vida. José Afonso agarda poder reducir deste xeito a mortaldade nos neonatos, que se atopa na actualidade desta granxa no 4% e que quere baixar até o 2%. As xatas reciben costro durante os primeiros dous días de vida e logo son alimentadas con leite en poo (5 litros diarios cunha concentración de 150 gramos por litro) mediante amamantadora. Os machos toman leite das vacas paridas ou a tratamento e son vendidos aos 10 días.

Menos problemas no parto e postparto

Un dos efectos beneficiosos que José Afonso está a percibir coa introdución do sistema de acoplamentos Procross é a mingua considerable dos problemas de parto e postparto. “Nos 5 meses que levo non tivemos ningún parto conflitivo e o postparto é tamén máis doado, porque as vacas limpan antes e poden pasar antes ao lote de produción”, explica.

Agro Leite de Canha combina 2 e 3 muxidos nos 4 lotes nos que ten divididos os animais en produción, aplicando só dúas muxiduras ao comezo e ao final da lactación, de modo que dous dos grupos, no que están as vacas que saen do postparto e no que se atopan os animais previo ao secado, móxense só dúas veces ao día, mentres que os dous grupos restantes sométense a tres muxidos: ás 4 da madrugada, ás 10 e media da mañá e ás 3 e media da tarde.

“Fan 2 e 3 muxidos nos 4 lotes nos que ten divididos os animais”

José Afonso considera que entre as cousas que hai que mudar está facer máis cambios cara a un manexo diferenciado dos distintos lotes e na busca dun seguimento máis individualizado de todos os animais, algo para o que van introducir podómetros intelixentes, que lles vai axudar a separar as vacas e vai facilitar a aplicación de tratamentos, á detección de celos e a inseminación.

O encargado desta explotación tamén considera que a introdución do programa de cruzamento Procross está a reducir a incidencia de cetose, mamite, desprazamento de abomaso e outras enfermidades comúns, así como os accidentes por caídas ou problemas de cascos ou coxeiras, dada a maior rusticidade e resistencia dos animais híbridos resultantes. Do mesmo xeito, José Afonso destaca que se reduce a media de días que pasan as vacas desde o momento do parto até estar de novo preñadas grazas á mellora nos índices de fertilidade.

[Best_Wordpress_Gallery id="200" gal_title="Procross gandería Portugal"]

420 hectáreas de cultivo

Agro Leite de Canha conta cunha área agrícola total de 420 hectáreas, das que 120 están a carón da nave da explotación e outras 250 ha noutra finca alugada a uns 8 quilómetros. Unha parte desta superficie está sementada con raigrass mesturado con trevo para aumentar a proteína do silo de herba e onde fan tres cortas anuais. Outra parte destínase a produción de millo forraxeiro co que fan unhas 12.000 toneladas de silo de millo e este ano botaron tamén 12 hectáreas de alfalfa, onde obteñen 6 cortas mediante rego cunha calidade que alcanza o 60% de materia seca e o 23% de proteína.

Un dos cambios que está a introducir esta explotación nos últimos meses ten que ver coa alimentación. No caso das vacas secas, por exemplo, introduciuse progresivamente o silo de millo en substitución do de herba e compleméntase con 3 quilos de concentrado e herba seca.

“A granxa e a queixería dan emprego a 80 persoas”

A ración das vacas en produción consiste en 21 quilos de silo de millo, 12 quilos de silo de herba e 11,8 quilos de penso, dos que 3,8 son soia e o resto concentrado a base de grao de millo e de trigo moído. O custo da ración posta no comedeiro é de 4,06 euros por vaca, grazas a un amplo parque de maquinaria que practicamente lles permite facer todas as labores agrícolas, así como as tarefas de almacenaxe e fabricación da ración.

A explotación conta con 20 traballadores tanto para o traballo na granxa como para as tarefas agrícolas, entre eles hai dous enxeñeiros (un deles José Afonso) e un veterinario permanente e outro que fai a reprodución unha vez por semana. Na queixaría traballan outras 60 persoas.

[box style="0"]

Aproveitamento dos refugallos

Unha das cousas que chama a atención desta explotación é o aproveitamento que fai de distintos elementos residuais, converténdoos de novo en recursos para a granxa, algo coñecido como economía circular. Por exemplo, os corredores e os patios onde están as vacas de produción límpanse con auga procedente de dous pozos cos que contan as instalacións e que saen a presión por unhas bocas de rego instaladas no chan. Esa auga que se usa para limpar vai parar a unhas balsas e reutilízase despois para regar o millo e a alfalfa.

Do mesmo xeito, o soro resultante do proceso de elaboración do queixo emprégase como alimento para as xovencas. “Un camión cisterna leva todos os días o leite da granxa á queixaría e trae de volta o soro, que beben as xovencas xunto con auga, co que evitamos ter que pagar por destruír ese soro e ao mesmo tempo sérvenos como elemento nutritivo para as xatas”, explica José Afonso.

Reutilizan o soro do queixo como alimento para as xatas

O seguinte paso nese camiño da reciclaxe é un proxecto dirixido á reutilización da area que se usa nos cubículos das vacas en produción. “Todas as semanas ven un ou dous camións de area, que acaba nas balsas de purín. O que queremos é decantar esa area para poder reutilizala”, avanza o encargado da granxa.

Para as camas quentes da recría están a empregar palla de millo porque é máis barata que a palla convencional, a un prezo prohibitivo este ano tamén en Portugal pola escaseza debido á seca. As vacas de produción contan con todos os elementos necesarios para o seu benestar, como por exemplo un sistema de refrixeración automático que acende os ventiladores canto a temperatura sobe por enriba dos 25 grados e complementa isto coa nebulización progresiva de auga por enriba dos animais cando o termómetro chega aos 27 grados, un sistema que tenta paliar o descenso de produción por estrés térmico das vacas nos meses de verán nunha zona coma esta, moi calorosa.

[/box]

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada