Carne

Agrigga, xerme da primeira Organización de Produtores de vacún de carne

Constitúese en Melide unha cooperativa de explotacións gandeiras de carne co obxectivo de planificar produción, concentrar oferta e negociar en conxunto. A sociedade promotora traballa tamén no sector lácteo

Loading ad.
Ad could not be loaded.
G.B. 13/05/2016 8:42 a.m.

Arredor dun cento de explotacións de vacún de carne de toda Galicia constituiron unha cooperativa, denominada Agrigga Carne SCG, co obxectivo de concentrar oferta e de negociar a comercialización do gando en conxunto. Agrigga Carne SCG é o xerme dunha futura Organización de Produtores (OP), se ben a creación da OP terá que agardar a que se traspoña a España o correspondente regulamento comunitario, un trámite que se agarda para este ano.

A creación da OP terá que agardar pola publicación da correspondente normativa española ó respecto

Agrigga Carne SCG, que se oficializou onte nunha asemblea no edificio multiusos de Melide, é unha iniciativa da Asociación de Agricultores y Ganaderos de Galicia (Agrigga), un colectivo que se define como unha iniciativa profesional dirixida só por agricultores e gandeiros e que xurde pola “desunión, politización e sindicalización” que hai no agro galego, segundo indican nunha nota de prensa.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Desde Agrigga consideran que a mellor vía para coordinar o traballo de agricultores e gandeiros pasa pola creación de estruturas estables, como as organizacións de produtores (OPs), uns instrumentos impulsados pola Comisión Europea para permitir que as explotacións planifiquen producións, concentren oferta e negocien en conxunto.

OP de vacún de carne

Agrigga emprenderá esa liña coa constitución dunha OP de carne, para a que, segundo a normativa europea, precísanse un mínimo de 10 explotacións e 2.000 vacas nodrizas no caso das Indicacións Xeográficas Protexidas, e 50 explotacións e 20.000 vacas nodrizas no resto. A idea de Agrigga é traballar no marco da IXP Ternera Gallega.

"Hai que diversificar partos ó longo do ano e facer unha planificación da produción que nos permita ser competitivos" (Alberto Lema, Agrigga)

Os obxectivos iniciais de Agrigga Carne SCG céntranse en orientar as producións de cara ó mercado, impulsando unha maior profesionalización das explotacións. “Hai que diversificar partos ó longo do ano e facer unha planificación da produción que nos permita ser máis competitivos”, valora o secretario xeral de Agrigga, Alberto Lema.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O plan de actuación de Agrigga Carne SCG prevé nun principio facer unha valoración da oferta que aglutina para a continuación negociar en conxunto con matadoiros e cadeas de distribución, na idea de establecer contratos anuais con prezos de referencia.

Contexto

En Galicia, xa están funcionando diversos proxectos de venda en conxunto de vacún de carne, coma o xestionado pola Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga) ou o da cooperativa de segundo grao Artesáns Gandeiros, que aglutina a 10 cooperativas e a arredor de 4.000 explotacións.

A novidade que introduce o proxecto de Agrigga Carne SCG sitúase na súa vocación de convertirse na primeira OP de carne de Galicia, se ben é previsible que nos próximos meses xurdan máis proxectos de Organizacións de Produtores de Carne na comunidade.

Organización de Produtores de Leite
Agrigga estivo tamén a traballar na creación dunha Organización de Produtores de vacún de leite, aínda que os requerimentos normativos dificultaron a plasmación dunha nova OP de leite.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Para crear unha OP de leite, hai que aglutinar 1.000 produtores e 200.000 toneladas de produción. Desde Agrigga sinalan que conseguiran superar as 200.000 toneladas, pero que chegar ás 1.000 explotacións resultou complicado, dificultades que atribúen á “politización e desunión” no agro.

Na comunidade están constituidas dúas organizacións de produtores de leite, Ulega, impulsada por Unións Agrarias, e Aprolact, de base cooperativa, se ben ningunha das dúas está a funcionar na práctica, pois non lograron que as industrias se senten a negociar con elas. Meses atrás, Ulega criticou con dureza o intento de crear unha terceira OP de leite en Galicia, que calificou como “orquestada pola Xunta”.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada