Desenvolvemento rural

A agricultura ecolóxica supera xa as 15.000 hectáreas

A superficie inscrita no CRAEGA pasou de 13,35 hectáreas en 1997 ás máis de 15.600 de 2013 e o número de operadores pasou neste período de 11 a 656.

18/02/2015 6:25 p.m.

A produción ecolóxica medrou en Galicia pasando de 13,35 hectáreas en 1997 ás máis de 15.600 de 2013. Ao tempo, o número de operadores (produtores e elaboradores) pasou neste período de 11 a 656.

Así o destacou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na súa visita á Casa Grande Xanceda, no concello coruñés de Mesía, onde puxo en valor esta importancia da produción agrogandeira ecolóxica en Galicia, tanto polo seu valor intrínseco como polo “efecto demostración” que ten para o conxunto do medio rural.

A conselleira lembrou os beneficios tanto ambientais como económicos e sociais desta produción e indicou que a agricultura ecolóxica supón un valor engadido para as producións da terra de Galicia, abrindo o camiño a novas oportunidades de negocio, e ten cada vez máis aceptación nos mercados estranxeiros.

Exemplo da Casa Grande de Xanceda

A Casa Grande de Xanceda é unha iniciativa pioneira en Galicia no eido ecolóxico. Conta cun censo de 379 animais e dedícase á comercialización de produtos lácteos ecolóxicos (sobre todo iogures). Na súa gama de produtos salientan o queixo do peregrino curado en cebada e os iogures de diferentes sabores.

Tamén comercializa leite ecolóxico e organiza ecovisitas para grupos e familias, coa idea de dar a coñecer a explotación e a súa filosofía á poboación en xeral. A explotación está inscrita no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

A Consellería do Medio Rural e do Mar veu apoiando estas actividades con diferentes axudas e subvencións. Así, Casa Grande de Xanceda beneficiouse dende o ano 2009 de axudas xestionadas por este departamento da Xunta por un importe total de 651.783,61 euros.

Etiquetado
Ir a la portada