A plataforma Queremos Parcelarias levará ó Parlamento Europeo unha queixa formal polo estancamento dos procesos de concentración parcelaria proxectados na zona norte do concello de Agolada. Esta reordenación da terra afecta a 8 parroquias, agrupadas en dous bloques, e conta co apoio de 800 propietarios.
Logo dos últimos intentos frustrados da plataforma no Parlamento Galego para activar os procedementos, antes de que parte dos trámites realizados caduquen, o colectivo opta por elevar a petición ó Parlamento Europeo, posto que parte dos estudos realizados foron financiados con fondos europeos. Aínda que os procesos de concentración están aínda sen decretar, xa se levaron a cabo traballos previos, como o estudo de impacto ambiental, cunha inversión de 830.000 euros, dos cales 600.000 euros proceden de fondos europeos. “Europa non pode permitir que a ineficacia de ningún goberno rexional enterre 600.000 euros que proveñen dos impostos pagados por tódolos europeos e que deben ser destinados a mellorar o nivel de vida das rexións máis desfavorecidas”, reclaman dende o colectivo.
A pouco máis dun mes para que estes trámites queden desaproveitados, o colectivo traballa para achegar un informe completo e detallado da situación do concello, do despoboamento así como da afección que o aprazamento da concentración suporía para a zona. Remitirán un estudo das repercusións económicas provocadas pola perda de oportunidades e o estrangulamento económico que din que suporá para todo o municipio.
Apelar á mediación da Casa Real
Dende o colectivo tamén solicitaron a mediación da Casa Real para que instara á Xunta a valorar as peticións. A semana pasada recibían contestación na que informaban de que solicitaran á Consellería de Medio Rural que contactase coa asociación. Porén, continúan agardando por unha reunión pedida a finais do mes de xullo co conselleiro e o director xeral.