Apicultura

AGA avisa de mortandade das colmeas por fame

08/05/2020 4:41 p.m.

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) avisa de que “se están producindo moitas mortes de colmeas nestes días debido á fame”. “Os síntomas que atopamos son a presenza de larvas de obreira e de zángano na piqueira, colmeas sen reservas e que non pesan. Ademais, moitas abellas adultas mortas no chan diante da colmea e tamén no interior, no fondo da colmea. Tamén podemos observar os panais baleiros de mel e obreiras metidas nas celas coa cabeza para dentro”, informan dende a asociación.

Dende AGA explican que “esta mortandade que estamos vendo é debida a que as colmeas aumentaron moito de poboación e de cría nas semanas anteriores de bo tempo, ás veces por unha alimentación líquida excesiva e sen tino por parte do apicultor”. “Agora, ao vir mal tempo, a colmea esgota as poucas reservas que tiña e morre de fame”, alertan.

Neste sentido, consideran que a causa da mortandade “pódese atribuir a un mal manexo da colmea dende o punto de vista nutricional, polo que advertimos de que debemos observar que ocorre nestes días, sen descoidarnos do estado de reservas das nosas colmeas: mirando o seu peso, abrindo algunha sospeitosa, polos restos na piqueira, etc, e se é necesario proceder a colocar inmediatamente en principio alimento sólido, para evitar as mortes por fame”.

Os consellos de AGA son revisar as colmeas, alimentalas se o precisan e recordan que “a alimentación mal feita pode ter consecuencias negativas no teu apiario”.

Etiquetado
Ir a la portada