Desenvolvemento rural

Advirten da desaparición do programa “O Agro” da Televisión de Galicia

19/04/2017 10:06 p.m.

O espazo O Agro, que se emite de luns a venres pola mañá dentro do programa A Revista, podería desaparecer a partir do vindeiro luns da programación da Televisión de Galicia. Este programa, un dos máis antigos da Tvg, ofrece información e reportaxes sobre o mundo agrario así como as últimas cotizacións dos mercados galegos de gando.

Así o confirmou a Campo Galego Raquel Lema, a representante da Cut no Comité de Empresa da Compañía de Radio Televisión de Galicia (Crtvg). “Hoxe o Comité de Empresa tivo unha reunión coa directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, e confirmounos que a partir do vindeiro luns desaparece da programación”, asegura.

O motivo aducido pola televisión pública galega é, segundo a representante do sindicato maioritario da Crtvg, que “a Consellería do Medio Rural reduciu nun 75% a subvención á Tvg. Ata agora con este convenio emitíanse os programas O Agro e A Labranza e a dirección da Televisión de Galicia decidiu manter só A Labranza”.

“Non se entende que a televisión pública galega deixe de prestar este servizo informativo para un sector tan importante para Galicia”

Aínda que mañá xoves está prevista unha reunión entre responsables do departamento comercial da Crtvg con representantes da Consellería do Medio Rural, dende o Comité de Empresa aseguran que “hai poucas esperanzas de que se rectifique”. De confirmarse esta supresión, só se emitiría os venres un espazo de información agraria dentro de A Revista para anunciar os contidos de A Labranza, o espazo de referencia da información agraria en Galicia, que se emite as fins de semana dende hai 25 anos e cunha audiencia que chega a roldar o 20%.

“Se se confirma a supresión de O Agro dende o Comité de Empresa denunciarémolo ante a opinión pública e os grupos parlamentares porque non é de recibo que unha televisión pública como a galega deixe de prestar este servizo informativo para un sector produtivo tan importante para Galicia como é a agricultura e a gandería”, advirte Raquel Lema.

Campo Galego intentou recabar a valoración da Consellería do Medio Rural sen obter de momento resposta.

Ir a la portada