Desenvolvemento rural

“A Administración ten que favorecer o traballo no agro, non obstaculizalo”

Arredor de 3.000 persoas e 600 tractores participan nas protestas do agro en 10 puntos de Galicia, segundo os datos das organizacións agrarias. Asturias e Cantabria desenvolven tamén mobilizacións simultáneas.

Campo Galego 20/02/2024 4:03 p.m.

As mobilizacións convocadas hoxe en toda a Cornixa Cantábrica polas organizacións agrarias contaron con dez concentracións en Galicia, nas que se xuntaron arredor de 3.000 produtores e uns 600 tractores, segundo os datos das organizacións agrarias.

As principais mobilizacións desenvolverónse en Santiago e nas capitais provinciais de Lugo, A Coruña e Ourense, xunto a protestas máis locais na Gudiña (Ourense), Pedrafita e Ribadeo (Lugo), Ortigueira e Vimianzo (A Coruña), e Lalín (Pontevedra).

As protestas, que seguen a liña das que se están desenvolvendo a nivel estatal, poñen o foco na burocracia e nas esixencias que xeneran as novas normativas.

[caption id="attachment_223579" align="aligncenter" width="1200"] Tractores na concentración da Coruña.[/caption]

“Son obrigas que nos impoñen burocracia e aumento dos custos de produción, pero que non xeneran ningún beneficio nin para os animais nin para os alimentos que producimos. É seguir ofrecendo o mesmo produto, co mesmo benestar animal, pero con máis gastos e máis papeleo”, resume José Manuel Liste, un gandeiro de Trazo que atendeu ós medios de comunicación na concentración de Santiago.

"As novas esixencias non introducen melloras nin a nivel de benestar animal nin da calidade dos alimentos que producimos. É facer o mesmo con máis gastos e máis papeleo" (José Manuel Liste, gandeiro)

En Santiago, concentráronse arredor da Xunta medio cento de tractores chegados da comarca compostelana e Ordes. As organizacións agrarias convocantes, Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaga (Asaja), aproveitaron para entregar un escrito coa taboa reivindicativa na Xunta, igual que se fixo nas subdelegacións do Goberno en Ourense e Lugo e na Delegación do Goberno na Coruña.

[caption id="attachment_223570" align="aligncenter" width="1200"] Mobilización dos produtores en Compostela, ante a Consellería do Medio Rural.[/caption]

O decálogo de demandas do sector resúmense en catro puntos principais:

Valoracións das organizacións agrarias
O sentir común do sector é que existe unha burocratización que está creando problemas onde non existían. “A Administración ten que favorecer o traballo no agro, non obstaculizalo”, resumía Félix Porto, de Unións Agrarias.

Por parte do Sindicato Labrego, Xulio Fernández tachou de “moi agresiva” a nova normativa e sinalou que os trámites administrativos están aumentando os custos.

Como elemento principal, tanto Félix Porto como Xulio Fernández apelaron á creación de índices autonómicos de custos de produción, de xeito que eses índices permitan fixar un solo dos prezos agrarios. “É certo que o Ministerio e Europa teñen a maior responsabilidade nas novas normativas, pero a Xunta ten transferidas as competencias en agricultura e ten capacidade de facer máis”, valora Félix Porto.

"En Galicia hai que permitir o abonado de xurros con prato, a actual normativa non ten sentido"

Por parte de Asaga, integrada en Asaja a nivel estatal, Francisco Bello insistiu en reclamar tamén prezos e políticas xustas: “Pero o máis importante é defender a dignidade de vivir no rural e producir alimentos. É moi fácil lexislar desde os despachos, pero a cidadanía debe coñecer a verdadeira situación na que estamos. O futuro da agricultura e da alimentación está en grave risco en Europa e a UE ten que replantexarse as súas políticas. Esta non é a PAC que necesita Galicia, que está asfixiando a miles de explotacións”, concluíu.

[caption id="attachment_223585" align="aligncenter" width="1200"] En Lugo, o sector percorreu a pé o treito da Delegación da Xunta á subdelegación do Goberno.[/caption]

Reunión europea o 26 de febreiro
Ás protestas de hoxe, espérase que lle sigan novas convocatorias en próximos días. O 26 de febreiro celébrase unha cita trascendente a nivel europeo, onde os ministros de Agricultura de tódolos países debatirán sobre a situación e posibles medidas. En función do que suceda ese día, o sector tomará decisións.

[box style="0"]

José González. Conselleiro do Medio Rural

“A UE ten que facer unha reflexión a nivel estratéxico”

O conselleiro de Medio Rural, José González, pronunciouse hoxe en apoio ás demandas dos produtores, en especial por “todas as normativas que veñen derivadas de Europa e que o Ministerio aplicou, como a do veterinario de explotación ou o decreto de nutrición sostible de solos”, sinala González.

“Desde a Xunta estamos ó carón das reivindicacións dos agricultores e gandeiros e levamos tempo manifestándolle ó Ministerio que estas lexislacións son inasumibles. Onte mesmo emprazamos ó ministro a que pida unha moratoria de toda esta lexislación a nivel europeo, pois é preciso facer unha reflexión a nivel estratéxico que teña en conta a soberanía alimentaria da UE e o papel de agricultores e gandeiros na xestión do territorio”, conclúe González.

[/box]

[caption id="attachment_223576" align="aligncenter" width="1200"] Tractores ante a Delegación do Goberno, na Coruña.[/caption]

https://www.campogalego.gal/lalin-sae-rua-para-defender-ao-sector-agrogandeiro/

Etiquetado
Ir a la portada