Forestal

Ábrese o prazo das axudas para tratamentos silvícolas

Os apoios, cos que Medio Rural prevé chegar a 500 beneficiarios e 7.000 hectáreas, oriéntanse á execución de podas e rareos en piñeirais, así como á rexeneración e mellora de masas de frondosas caducifolias

Campo Galego 04/02/2019 4:21 p.m.

A Consellería do Medio Rural vén de convocar as axudas para tratamentos silvícolas, para o que destina un orzamento de 13 millóns de euros. As subvencións oriéntanse á creación de descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal, o que contribúe ó desenvolvemento das masas forestais e tamén á prevención de lumes.

Os apoios divídense en dúas liñas, unha orientada a piñeirais e outra a frondosas caducifolias. En piñeirais, fináncianse rareos, rozas e podas. Os rareos poderanse executar naquelas masas de menos de 15 centímetros de diámetro e con alomenos 2.000 pés por hectárea. Respecto das podas, deberán acadar como mínimo 2 metros de alto e un máximo de 4 metros, non podendo haber máis de 1.200 pés por hectárea tras o remate do traballo.

Frondosas, soutos e sobreirais
No apartado das frondosas caducifolias, que tamén atinxe a sobreirais e aciñeirais, poderán executarse podas, formación de guías ou rareos en masas que teñan menos de 20 centímetros de diámetro medio.

Nos soutos de castiñeiros, que deberán ter un mínimo de 100 pés por hectárea, tamén se subvencionarán tratamentos fitosanitarios e a rexeneración do souto coa plantación de novos pés resistentes á tinta.

Os destinatarios das axudas son, entre outras entidades, montes veciñais, Sociedades de fomento forestal (Sofor), montes de varas e propietarios particulares. Para montes veciñais, pídese un mínimo de 3 hectáreas en couto redondo, en tanto que para propietarios particulares o mínimo será dunha hectárea en couto redondo.

A Xunta prevé chegar a uns 500 beneficiarios e actuar en 7.000 hectáreas. O prazo de solicitude remata o 4 de marzo.

Etiquetado
Ir a la portada