Viña

Aberta a preinscrición nos cursos en xestión de enfermidades da vide do proxecto Erasmus+Pathogen no Campus Terra da USC

Loading ad.
Ad could not be loaded.
13/07/2018 2:31 p.m.

O Campus Terra da USC mantén aberto durante todo o mes de xullo o período de preinscrición para os cursos de formación continua básico e de perfeccionamento sobre xestión de enfermidades inducidas por virus e enfermidades afíns da vide, impulsados polo proxecto Erasmus+Pathogen, xurdidos ao abeiro dun consorcio integrado por España, Francia e Italia, e que integra un programa formativo para a mellora do coñecemento e a xestión dos virus da vide combinando métodos innovadores de e-learning e sesións de formación en campo.

O obxectivo do curso Pathogen de nivel básico é que o alumno adquira os coñecementos imprescindibles sobre os patóxenos sistémicos que poden infectar o material vexetal vitícola en viveiro ou en viñedos establecidos, a súa sintomatoloxía, as posibles confusións con outros factores adversos, as técnicas básicas de diagnóstico, a transmisión destas enfermidades e as medidas de control contra os patóxenos causantes e os seus vectores. Pola súa parte, o curso de perfeccionamento Pathogen de nivel avanzado pretende que o alumno adquira ou actualice todo o coñecemento sobre os patóxenos sistémicos e afonde nas técnicas máis avanzadas de diagnóstico e transmisión destas enfermidades.

Sesións piloto

Loading ad.
Ad could not be loaded.

No marco do proxecto Erasmus+Pathogen, veñen realizándose sesións de campo piloto, como a celebrada en Lugo o pasado 22 de xuño, coa asistencia de quince alumnos procedentes de España e Portugal, coa intención de validar os traballos realizados dende 2015 polos investigadores e investigadoras no deseño dos cursos. Nesta sesión tomaron parte estudantes, viveiristas, viticultores, técnicos asesores, investigadores e docentes.

Tras unha breve sesión teórica na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, visitouse o viñedo experimental de Portomarín e despois os viñedos e coleccións da EPSE. En ambas as dúas localizacións os alumnos, xunto as monitoras, Ana Pesqueira e Cristina Cabaleiro, aprenderon a identificar síntomas claros e dubidosos, confusións típicas nestas datas e, sobre todo, quedou clara a necesidade de confirmar as sospeitas mediante analíticas cando as plantas van ser utilizadas para propagación. A xornada finalizou no laboratorio para observar vectores de virus do enrolamento e mostras de vide procedentes de distintas localizacións.

A colaboración de Estudio e-Terra e do seu técnico David Vázquez Fraga permitiu recoller material audiovisual da sesión que serviu de documentación adicional para os formadores.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Pode obterse máis información sobre estes cursos no enderezo electrónico cristina.cabaleiro@usc.es.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada