Ata 190 solicitudes recibiu a Consellería do Medio Rural para a orde de axudas de transformación e comercialización de produtos agrarios na súa última convocatoria. En total, o investimento que representan estas iniciativas supera os 128 millóns de euros. A Consellería do Medio Rural avanza que “a convocatoria resolverase nas próximas semanas e os proxectos seleccionados terán os tres próximos anos para desenvolver as súas actuacións, xa que se trata de axudas de carácter plurianual”.
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, fixo balance este luns destas subvencións durante unha reunión de traballo con todos os delegados territoriais co fin de coordinar as accións a desenvolver no territorio galego. Para este 2017 Medio Rural achega 27,4 millóns de euros a estas axudas, un 9,6% máis que o ano anterior. De feito, a convocatoria de 2016 contou cun orzamento de 25 millóns de euros cos que se desenvolverán ata 59 proxectos que poderán levar a cabo ata o ano 2018. Os beneficiarios recibirán entre 14.000 euros e 4,8 millóns de euros en función do seu volume. O investimento total para o campo, neste caso, será de preto de 66 millóns de euros.
O 35% destas axudas serán para o sector lácteo
Así pois, Medio Rural achegará en total 52 millóns de euros a través destas subvencións en dous anos, que contribúen ao mantemento da industria agroalimentaria, favorece a pervivencia das explotacións agrarias e do tecido económico que as rodea nas zonas rurais, ademais de incrementar o valor dos produtos primarios. En torno ao 35% do investimento da orde deste ano teñen que ver co sector lácteo.
Organización do territorio
No encontro desta mañá, no que tamén estiveron os directores xerais da Consellería e os xefes territoriais das delegacións, coordinouse o traballo que se leva a cabo dende os diferentes departamentos co obxectivo de ter cuberta toda a xeografía galega. De feito, fíxose balance do persoal distribuído nas 67 oficinas agrarias comarcais. Máis de 500 profesionais traballan nestes departamentos dependentes da Consellería e que son os que están máis preto dos agricultores e gandeiros. Por iso, a maioría do cadro de persoal está composto por veterinarios (222) e enxeñeiros agrícolas ou agrónomos (123), mentres que o resto é persoal de oficina.
No que se refire ao ámbito forestal, o territorio divídese en 19 distritos, cada un deles cun xefe, técnicos e axentes forestais e medioambientais. En total, unhas 2.390 persoas xestionan o terreo forestal galego. A este persoal habería que sumar os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que se encargan de dinamizar o rural galego dende os propios territorios nos que se asentan.