Desenvolvemento rural

A Xunta inicia a parcelaria de 2.000 hectáreas en Outeiro de Rei

08/04/2021 12:33 p.m.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declaran de utilidade pública dúas novas reestruturacións parcelarias no concello lugués de Outeiro de Rei. Unha delas comprende as parroquias de Arcos, Sobrada de Aguiar e San Lourenzo de Aguiar, mentres que a segunda afecta á parroquia de San Fiz de Paz.

Coa publicación destes decretos dáse inicio á fase de bases, que comprende a investigación da propiedade e a clasificación dos terreos. Entre ámbalas dúas concentracións, a Xunta reorganizará unha superficie de máis de 2000 hectáreas que beneficiarán uns 833 propietarios.

Neste senso, cabe sinalar que ambos procesos foron apoiados polo Concello e polos titulares das explotacións da zona. Trátase de dúas áreas nas que están rexistradas 125 granxas, a maior parte delas de vacún. De aí a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona. Deste xeito, as granxas verán ampliada a súa base territorial, o que redundará nunha diminución dos custos de produción.

Así, trátase dos dous primeiros decretos de reestruturación parcelaria que se decretan trala entrada en vigor en 2015 da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción.

Enlace aos decretos no DOG:

Arcos-Sobrada de Aguiar-San Lourenzo de Aguiar:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210408/AnuncioG0426-300321-0003_gl.html

San Fiz de Paz:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210408/AnuncioG0426-300321-0002_gl.html

Etiquetado
Ir a la portada