Desenvolvemento rural

A Xunta exclúe á Asociación de Asesores Rurais de Galicia no Comité de Seguimento do PEPAC

A Asociación trasladará a demanda á propia Comisión Europea e considera que é “unha oportunidade perdida” para implicar a todos os axentes que desenvolven a súa actividade no rural galego

Campo Galego 07/12/2023 2:14 p.m.

A Asociación de Asesores Rurais de Galicia anuncia que a Consellería de Medio Rural rexeitou a súa solicitude de inclusión no Comité de Seguimento do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC). Alegaron a través do propio presidente do Comité de Seguimento Rexional e Autoridade de Xestión do PEPAC en Galicia, Joaquín Macho Canales, que a Asociación carece dun vínculo directo cos obxectivos do PEPAC e que non é representativa de ningún sector ligado directa ou transversalmente.

A xunta directiva da Asociación manifesta a súa frustración pola decisión e valora trasladar a súa demanda á propia Comisión Europea para que lle ofreza amparo. A CE está na actualidade traballando en proxectos de desenvolvemento dos modelos AKIS tanto a nivel nacional do territorio español como da propia Unión Europea, polo que este rexeitamento “supón unha oportunidade perdida para implicar a todos os axentes que desenvolven a súa actividade ao redor do rural galego”.

Formación durante 2023

O colectivo desenvolveu durante a presente anualidade 2023 unha formación sobre a “Elaboración dun plan de abonado”. que se impartiu os días 6 e 10 de novembro e o dia 1 de decembro. 

Para as vindeiras semanas ten previsto realizar un curso sobre a pegada de carbono no sector agrogandeiro, os días 11 e 18 de decembro. Asemade, a asociación impartirá un formación sobre SIEX -XEAGA o día 15 deste mes e noutra data por determinar. 

[caption id="attachment_215545" align="aligncenter" width="1200"] Asistentes ao curso sobre elaboración dun plan de abonado[/caption]

Esta actividade está encadrada no traballo fundamental que desenvolven entidades como esta para o desenvolvemento das potencialidades do sector primario en provincias como a de Lugo, "na que a gandería ten un importante peso territorial e económico e representa tamén un referente académico".

Retos para 2024

Dende a Asociación resaltan en Galicia o asesor rural ten unha grande importancia, xa que a “meirande parte dos nosos agricultores e gandeiros están vencellados a un modelo familiar no que a relación de confianza nas persoas que os asesoran é fundamental no ámbito do propio asesoramento rural”.

Dende o colectivo indican que o ano 2024 vai a ser moi importante en canto a responsabilidade, carga de traballo e cambios tanto para os técnicos da Administración coma para os Asesores que están no campo. Este traballo verase marcado pola implantación do caderno dixital na maior parte das explotacións; o novo período de axudas de plans de mellora, incorporacións e axudas as pequenas explotacións; a PAC 2024 ou a obrigación do veterinario de explotación e o SIGE con entrada en vigor en xaneiro, entre outras medidas.

“As persoas cualificadas que traballamos nestes campos somos moi poucas e está resultando moi complicado poder aumentar o persoal”, indican. A falta de persoal cualificado vai facer que en un período moi curto de tempo se vexan reducidos considerablemente os Fondos Europeos que chegan a Galicia. “Estamos convencidos que entre todas as partes implicadas, si hai vontade, podemos buscar solucións, sendo moi importante que podamos planificar o ano 2024, e dese xeito poder evitar solapes de tramitacións e cargas de traballo imposibles de afrontar”, conclúen dende a Asociación.

Etiquetado
Ir a la portada