Agroalimentación

A Xunta asegura que “en próximas datas” presentará o Decreto de Artesanía Alimentaria

A Consellería do Medio Rural anuncia que “nas próximas semanas” presentarán o borrador para iniciar a súa tramitación lexislativa. A normativa que regula a produción artesá en Galicia leva agardando dende o ano 2008 pola súa aprobación.

15/06/2016 1:40 a.m.

A Consellería do Medio Rural presentará “en próximas datas” o Decreto de Artesanía de Galicia para amparar os alimentos artesáns e caseiros producidos en Galicia. Así o anunciou este martes a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo, na súa comparecencia na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia.

Docampo respondía a unha pregunta do deputado do PsdeG-PSOE, Pablo García quen lamentaba que “Galicia sexa unha das poucas Comunidades nas que non están regulados legalmente os produtos alimentarios artesáns, o que sitúa aos nosos produtores en desvantaxe fronte aos doutras autonomías”, ao non poder utilizar a palabra artesán na etiquetaxe dos seus produtos. García lembrou que no 2008 o entón conselleiro Alfredo Suárez Canal anunciou un borrador de Decreto de Artesanía Alimentaria de Galicia que finalmente non chegou a ser aprobado.

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias xustificou a demora destes anos en regular os alimentos artesanais na necesidade de agardar a que a Comisión Europea e o Parlamento Europeo aprobasen cambios lexislativos relativos á etiquetaxe e aos réximes de calidade dos produtos alimentarios.

“Esperamos a que se aprobaran os cambios lexislativos a nivel europeo”

“Agora que está aclarada e pechada a normativa europea relativo a isto, a Consellería estivo traballando nos últimos meses nun borrador de decreto que contempla os últimos cambios da normativa europea”, explicou Belén do Campo. Deste xeito, e unha vez que o texto xa obtivo o visto bó da Mesa de Coordinación da Calidade Alimentaria -na que están presentes outras consellerías con competencias na materia como a de Sanidade ou a de Industria- Belén do Campo avanzou que “nas próximas semanas imos presentar e comezar a tramitación do Decreto de Artesanía Alimentaria de Galicia”.

A representante da Consellería do Medio Rural asegurou que a nova normativa contemplará, entre outras, unha nova etiquetaxe para os produtos caseiros e de proximidade; a creación dun Rexistro de Artesanía Alimentaria no que deberán inscribirse os produtores; a emisión dunha Carta de Artesán Alimentario, así como “a esixencia de garantir un mínimo de profesionalización ou que sexan explotacións consideradas prioritarias”.

Ir a la portada